DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2011 Páx. 2.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 1 de febreiro de 2011 pola que se convoca para o ano 2011 a concesión de subvencións para os promotores de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4º.2 establece que: «as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19º.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia».

Á vista do anterior, para dar cumprimento ao disposto no artigo 4º.3 do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e en virtude do disposto no artigo 4º do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria correspondente ás bases reguladoras aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro) para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a favorecer a construción de aloxamentos protexidos.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán solicitar as ditas subvencións aquelas persoas físicas ou xurídicas promotoras de aloxamentos protexidos que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 35º e seguintes do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro, e en todo caso, a promoción terá que contar con cualificación definitiva emitida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011.

2. As circunstancias que serán tidas en conta para resolver sobre estas subvencións serán as acreditadas no expediente de cualificación así como as acreditadas pola documentación indicada no artigo 5º.3 desta orde.

3. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, terase en conta o establecido no artigo 2º do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de mínimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

1. No caso de aloxamentos protexidos destinados a colectivos vulnerables, a contía será de 500 euros por cada metro cadrado de superficie útil do aloxamento e de superficie útil destinada a servizos comúns, a cal non poderá exceder do 30% do total da superficie útil dos aloxamentos.

2. No caso de aloxamentos protexidos destinados a outros colectivos específicos, a contía será de 320 euros por cada metro cadrado de superficie útil do aloxamento e de superficie útil destinada a servizos comúns, a cal non poderá exceder do 30% do total da superficie útil dos aloxamentos.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario e contía total máxima da convocatoria.

As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo ao crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 07.90.451B.770.0 proxecto 2006 00604 do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2011, a cal está dotada adecuada e suficientemente e na cal se reserva o importe total de 1.627.675 € para atender as concesións que procedan.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que corresponda pola situación da promoción, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante xunto cos seguintes documentos:

a) Autorización para consultar os datos de identidade do solicitante ou, de non outorgala, fotocopia compulsada do seu DNI.

b) No caso de non tela presentado con anterioridade, dilixencia de toma de razón no Rexistro da Propiedade da cualificación definitiva dos aloxamentos protexidos por nota á marxe da inscrición da obra nova, con expresión das súas circunstancias esenciais, en particular o prazo de duración do réxime de protección.

c) Certificación da entidade de crédito de ter ao seu nome unha conta na cal se desexe que se realice o pagamento.

d) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, deberá xuntar unha declaración de que a axuda global de mínimis que recibiu non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais de acordo co establecido no artigo 3º.2 c) do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis; así como unha declaración de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1º do citado regulamento.

2. As solicitudes presentaranse en calquera rexistro do IGVS, sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A presentación da solicitude implicará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se poidan obter de oficio, requirirase ao interesado a súa presentación.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e nese caso deberá presentar as certificacións indicadas.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7º.-Procedemento de tramitación das subvencións.

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde, debidamente cuberta e xunto coa documentación que nela se indica consonte co artigo 5º.1 desta orde.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou presente os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do anterior, o IGVS poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o/a xefe/a da área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente ao/á director/a xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 4º desta orde, resolverá o que conforme e dereito proceda.

3. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro da área provincial do IGVS competente para a súa tramitación.

Artigo 8º.-Resolución das subvencións.

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7º do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude tal e como se establece na disposición adicional primeira do Decreto 402/2009.

2. Contra a resolución de concesión ou denegación da subvención, que será ditada pola Dirección Xeral do IGVS, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7º do Decreto 402/2009.

Artigo 9º.-Pagamento das subvencións.

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as subvencións aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 10º.-Compatibilidade e incompatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos que correspondan, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.

Artigo 11º.-Reintegro da subvención.

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, levará consigo, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34º da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do estado estableza outro diferente.

2. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33º da Lei de subvencións de Galicia.

3. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38º da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O/A director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

3. Contra a resolución de modificación da Dirección Xeral do IGVS, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7º do Decreto 402/2009.

Artigo 13º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o IGVS publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun rexistro informático de carácter permanente, á disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 14º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Disposición adicional

Delégase no director xeral do IGVS a facultade para que, mediante resolución que se publique no Diario Oficial de Galicia, incremente ou reaxuste os orzamentos nestas ou noutras aplicacións orzamentarias, tal e como permiten os artigos 30º e 31º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas