DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2011 Páx. 2.368

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 11 de febreiro de 2011 pola que se modifica a Orde do 5 de xuño de 2008, pola que se regula a captura e desembarque de determinadas especies peláxicas.

O Regulamento (CE) nº 2371/2002, do Consello, do 20 de decembro de 2002, sobre a conservación e explotación sustentable dos recursos pesqueiros, en virtude da política pesqueira común, establece entre os seus obxectivos garantir que a explotación dos recursos acuáticos vivos facilite unhas condicións económicas ambientais e sociais sustentables.

A situación do stock da xarda (Scomber scombrus) aconsella adoptar medidas encamiñadas a garantir a sustentabilidade da especie nas augas do caladoiro Cantábrico-Noroeste, regulando aqueles aspectos que poidan contribuír a unha explotación racional e adecuada da pesqueira. Ademais, no exercicio das competencias que en materia de comercialización ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia, por medio desta orde tamén se pretende evitar achegas masivas ao mercado en momentos puntuais, axudando así a manter un nivel adecuado dos prezos e, en consecuencia, dos ingresos dos pescadores.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro establece no seu artigo 7º que lle corresponde á consellería competente en materia de pesca, logo da audiencia do sector, a adopción das seguintes medidas: «d) Regulación directa do esforzo de pesca e marisqueo coa limitación da capacidade de pesca ou do tempo de actividade» e «f) A regulación indirecta do esforzo de pesca e marisqueo coa limitación do volume de capturas».

A Orde do 5 de xuño de 2008, pola que se regula a captura e desembarque de determinadas especies peláxicas, foi modificada pola Orde do 16 de xuño de 2010, co obxectivo de manter os mesmos criterios de volume de capturas de xarda tanto para augas exteriores como interiores.

A Orde ARM/271/2010, do 10 de febreiro, que establece os criterios para a repartición e a xestión da cota de xarda, e regula a súa captura e desembarque, foi modificada pola Orde ARM/3315/2010, do 21 de decembro, co fin de adaptala ao Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común, en que, ademais do que respecta ao control de desembarques, establece un control adicional co obxecto de evitar que se exceda a cota asignada a España. Esta mesma orde establece que da cota da xarda que con carácter anual sexa asignada a España para os buques de cada modalidade, un 7% se destinará á captura desta especie durante o segundo semestre de cada ano.

Debido a que os topes de xarda establecidos para as frotas de cerco e artes menores na Orde ARM/271/2010, do 10 de febreiro, modificada pola Orde ARM/3315/2010, do 21 de decembro, non coincide cos establecidos na Orde do 5 de xuño de 2008, modificada pola Orde do 16 de xuño de 2010, cómpre adaptar esta co obxecto de unificar os topes de captura e desembarques establecidos para a xarda, e así establecer o mesmo volume de capturas e desembarques en augas exteriores e interiores, (a suma total das capturas e desembarques entre as dúas áreas referidas non poderán exceder o límite establecido nesta orde), considerándose axeitado tamén engadir os topes para o arrastre de fondo que na Orde do 5 de xuño de 2008 non se establecen.

Por todo o anterior, logo da consulta co sector afectado, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 5 de xuño de 2008 pola que se regula a captura e o desembarque de determinadas especies peláxicas.

A Orde do 5 de xuño de 2008 pola que se regula a captura e o desembarque de determinadas especies peláxicas queda redactada como segue:

Un. O artigo 1º substitúese polo seguinte:

«Artigo 1º-Obxecto e ámbito.

Esta orde ten por obxecto regular as capturas e desembarques de determinadas especies de pequenos peláxicos de buques autorizados a exercer a pesca de cerco e artes menores, así como os desembarques da frota do arrastre de fondo e outras artes distintas ás anteriores, que desembarquen as súas capturas nos portos do ámbito territorial desta comunidade autónoma».

Dous. Engádese un novo artigo 1º bis.

«Artigo 1º bis.-Época autorizada.

A data de inicio da campaña de pesca de xarda no caladoiro nacional do Cantábrico e Noroeste será o día 15 de febreiro de cada ano».

Tres. Modifícase o título do artigo 2º, que queda así redactado:

«Volume de capturas e desembarques diarios para o cerco».

Catro. Modifícase o punto referente ao volume de capturas e desembarques diario da xarda do artigo 2º, que queda redactado como segue:

«Xarda (Scomber scombrus): 8.000 kg/embarcación/día».

Cinco. O artigo 3º substitúese polo seguinte, modificando tamén o título:

«Artigo 3º.-Volume de capturas e desembarques diarios para artes distintas ao arrastre de fondo e cerco.

Os buques axustaranse no volume de capturas e desembarques ao seguinte tope máximo diario, e respectarán, en todo caso, os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas establecidas:

Xarda (Scomber scombrus): 2.300 kg/embarcación/día.

O límite diario establecido no parágrafo anterior debe considerarse referido ás capturas obtidas en xornadas de pesca contadas por días naturais».

Seis. Engádese un novo artigo 3º bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 3º bis.-Volume de desembarques diarios para o arrastre de fondo.

Os buques ateranse no volume de desembarques ao seguinte tope máximo diario, e respectarán, en todo caso, os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas establecidas:

Xarda (Scomber scombrus): 8.000 kg/embarcación/día.

O límite diario establecido no parágrafo anterior debe considerarse referido ás capturas obtidas en xornadas de pesca contadas por días naturais».

Sete. Engádese un artigo 3º ter, coa seguinte redacción:

«Artigo 3º ter.-Marxe de tolerancia.

Establécese unha tolerancia do 5% en peso, respecto dos topes máximos diarios de capturas e desembarques establecidos para a xarda (Scomber scombrus)».

Oito. No artigo 4º, substitúese o segundo parágrafo polo seguinte:

«Quedan prohibidas as cesións de xarda (Scomber scombrus) entre embarcacións».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Marítimos para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2011.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

b) NOMEAMENTOS CONSELLO XERAL DO PODER XUDICIAL