DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2011 Páx. 2.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 7 de febreiro de 2011 pola que se divide en sectores independentes a zona de concentración parcelaria de Catoira (Catoira-Pontevedra).

A concentración parcelaria de Catoira (Catoira-Pontevedra) foi declarada de utilidade pública, interese social e urxente execución polo Decreto 186/2000, do 29 de xuño (DOG nº 137, do 14 de xullo).

O perímetro da zona de concentración parcelaria de Catoira (Catoira-Pontevedra) comprende as parroquias de: San Pedro de Dimo, Santa Baia de Oeste, San Mamede de Abalo e a de San Miguel de Catoira, que fan a totalidade do concello de Catoira.

Os límites da zona son:

Norte: concello de Valga.

Sur: concellos de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

Leste: concellos de Valga e Caldas de Reis.

Oeste: río Ulla e ría de Arousa.

A zona de concentración parcelaria comprende unha superficie total de 2.900 ha.

A zona comprende a totalidade do solo rústico do concello de Catoira, polo que foron excluídos os núcleos rurais de poboación.

A zona é unha gran superficie de 2.738 ha e complexidade, dada a estrutura da propiedade: 22.653 parcelas e os 2.433 propietarios.

En fase de bases definitivas, comunicados aos titulares dos predios ás súas achegas, presentáronse numerosos escritos, ben de cambios de titularidade ou de falta de cabida.

Como consecuencia dos traballos de investigación da propiedade constatouse a gran fragmentación da zona (22.653 parcelas) -máis acusada do previsto nos estudos previstos- e o elevado número de propietarios (2.433), o que provoca que os traballos de concentración -xa en por si complexos- resulten excesivamente complicados, o que ademais de redundar en prexuízo da súa calidade e desenvolvemento, ralentiza de xeito considerable e innecesario a marcha do proceso concentrador. Isto é máis acusado nas parroquias de San Pedro de Dimo e Santa Baia de Oeste.

Na actualidade o proceso vese ralentizado polos numerosos escritos xerados. De se tratar de dous procesos independentes, permitirían maior fluidez nas diversas actuacións e fases do proceso concentrador.

Así resulta do informe emitido polo Servizo de Infraestruturas da Xefatura Territorial desta consellería en Pontevedra, que se incorporou ao expediente.

Consciente desta problemática, e co fin de que o citado proceso se desenvolva de xeito áxil -o que redunda en beneficio de todos os afectados- e conforme o disposto no artigo 52º bis da Lei de concentración parcelaria para Galicia, oída a Xunta local da zona, o Servizo de Infraestruturas propuxo a segregación da zona de Catoira (Catoira-Pontevedra) nos sectores e coas características seguintes, tendo en conta que:

A zona está cruzada por un límite perfectamente definido como é a estrada EP-8001 (Caldas de Reis-Catoira), que divide ou limita as parroquias de San Pedro de Dimo (terreo particular) e a de Santa Baia de Oeste, das outras dúas (San Mamede de Abalo e San Miguel de Catoira).

Se consideramos a estrada EP-8001 como liña de separación ou división da zona, quedaríannos dúas subzonas perfectamente definidas e cunhas condicións tanto agronómicas como físicas perfectamente diferenciadas, dado que cada unha delas ten as súas características, problemática e condicionantes propios.

Esta consellería é competente para ditar esta orde, de acordo co establecido no artigo 52º bis da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia.

Concorren as excepcionais circunstancias a que se refire o artigo 52º bis da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, na redacción que lle deu a Lei 12/2001, do 10 de setembro:

«Mediante orde do conselleiro competente en materia de agricultura, oída a Xunta local da zona, e por sobreviren circunstancias excepcionais debidamente xustificadas polo servizo territorial correspondente, poderase dividir unha zona de concentración en sectores independentes. Neste caso, a execución e a publicación dos distintos trámites do proceso poderán realizarse en cada sector con independencia dos restantes».

Por todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro.-Dividir a zona de concentración parcelaria de Catoira (Catoira-Pontevedra) nos dous sectores independentes que se indican a continuación:

-Catoira norte:

O perímetro da zona sería o formado por:

Parroquia de San Pedro de Dimo, que comprende os lugares da Menda, O Busto, Coaxe, Gondar, Portocelo, Portocanles e Tarrío e a parroquia de Santa Baia de Oeste, que comprende os lugares: As Penas, As Rañas, A Baiuca, Borreiros, A Fabeira e Viladesuso.

Esta zona comprende os seguintes polígonos:

1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 32, 33, 34, 49, 50, 51, 52, 53, 54, 55, 56, 57, 58, 59 e parte dos polígonos 9, 14, 15, 24 e 31.

Os límites desta zona son:

Norte: concello de Valga.

Sur: estrada EP-8001.

Leste: concellos de Valga e Caldas de Reis.

Oeste: río Ulla e estrada EP-8001.

Superficie total: 1.221 ha.

Superficie excluída: 288 ha.

Superficie que se concentra: 933 ha.

-Catoira sur:

O perímetro da zona Catoira sur sería o formado por:

Parroquia de San Mamede de Abalo, que comprende os lugares do Busto, O Condado, Cores, Freixeiro e O Souto da Vila e a parroquia de San Miguel de Catoira, que comprende os lugares de Catoira, A Corredoira, Barral, Casal de Mogos, Aragunde e O Outeiriño, así como o lugar de San Salvador, da parroquia de San Pedro de Dimo.

Esta zona comprende os seguintes polígonos:

10, 11, 12, 13, 25, 26, 27, 28, 29, 30, 35, 36, 37, 38, 39, 40, 41, 42, 43, 44, 45, 46, 47, 48, 60, 61, 62, 63, 64, 65, 66, 67, 68, 69, 70, 71, 72, 73, 74, 75, 76, 77, 78, 79, 80 e parte dos polígonos 9, 14, 15, 24 e 31.

Os límites desta zona son:

Norte: estrada EP-8001.

Sur: concellos de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

Leste: concellos de Caldas de Reis e estrada EP-8001.

Oeste: ría de Arousa.

Superficie total: 1.679 ha.

Superficie excluída: 403 ha.

Superficie que se concentra: 1.276 ha.

Segundo.-A execución e publicación dos distintos trámites do proceso poderán realizarse en cada sector con independencia do outro.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante a Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro; ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural