DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2011 Páx. 2.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 1 de febreiro de 2011 pola que se inscribe no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a extinción da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca Terra de Soneira.

Examinado o expediente de extinción e liquidación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca Terra de Soneira presentado ante este protectorado de fundacións, cómpre facer as seguintes consideracións baseadas nos seguintes feitos:

1. Con data do 12 de xaneiro de 2011 tivo entrada nesta consellería escrito da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca Terra de Soneira en que solicita a ratificación do acordo de extinción e a solicitude das respectivas inscricións no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para o Desenvolvemento da Comarca Terra de Soneira foi constituída en escritura pública outorgada pola notaria de Vimianzo o día 21 de outubro de 2002 co número de protocolo setecentos corenta e dous, para pór en marcha accións xenéricas enunciadas no Plan de desenvolvemento comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación aos organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais a que vai dirixido, así como acometer actuacións, programas e accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca.

3. Foi clasificada como mixta pola Orde do 13 de novembro de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 25 de novembro) e declarada de interese galego pola Orde do 27 de novembro de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 240, do 13 de decembro).

4. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 27 de xuño de 2008, acordou a extinción da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca Terra de Soneira e, con data do 30 de xuño de 2009, ratificou por unanimidade o acordo de disolución.

5. En cumprimento do disposto no artigo 59º.1 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, o acordo de extinción aprobado polo padroado da fundación foi autorizado con data do 22 de outubro de 2009 polo Consello da Xunta.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-Esta consellería é competente para coñecer este expediente en uso das facultades que lle confire o artigo 44º.3 da Lei 12/2006, do 1 decembro, de interese galego, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Segundo.-Ao abeiro do disposto no artigo 44º.1 c) da Lei 12/2006, a extinción das fundacións procederá cando sexa imposible realizar o fin fundacional, sen prexuízo do disposto nos artigos 41º e 42º da devandita lei.

De conformidade co artigo 44º.6 da citada Lei 12/2006, o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro.-Segundo o disposto no artigo 46º.1 da Lei 12/2006, a extinción da fundación determinará a apertura do procedemento de liquidación, que deberá ser controlado e asesorado polo protectorado de fundacións.

Cuarto.-Con data do 12 de xaneiro de 2010, a fundación achega escritura pública formalizada o 23 de novembro de 2010 diante o notario de Santiago de Compostela José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 2137, na cal se recolle o contido da acta da sesión do padroado en que se aproba a liquidación, documentación acreditativa da adxudicación do haber resultante, así como documentos contables referidos ao peche da contabilidade.

Quinto.-De conformidade co artigo 46º.4 da Lei 12/2006, aprobadas as actuacións de liquidación da fundación e adxudicado o haber resultante, estas actuacións serán comunicadas ao protectorado, que verificará as cancelacións e promoverá as inscricións que procedan, entre elas a extinción da fundación, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Sexto.-No expediente tramitado para tal efecto resulta acreditado que a fundación, desde a súa constitución, nunca tivo sede propia na comarca, nin persoal, nin actividade ningunha, feito que evidencia a imposibilidade para a realización do fin fundacional, sendo esta unha das causas previstas no artigo 44º.1 c) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, como de extinción das fundacións.

Vista a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, o Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Inscribir no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a extinción da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca Terra de Soneira, así como efectuar todas as inscricións e cancelacións derivadas dela, e que terá efectos logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2011.

P.D. (Orde 24-4-2009)

Jorge Atán Castro

Secretario xeral da Consellería do Medio Rural