DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2011 Páx. 2.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 26 de xaneiro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións para sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O artigo 19º da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo establece que as asociacións de traballadores autónomos son as titulares dos dereitos de carácter colectivo, entre outros, exercer a defensa e tutela colectiva dos intereses profesionais das persoas traballadoras autónomas.

O traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Neste contexto, esta orde establece en réxime de concorrencia competitiva, axudas para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas de traballadores autónomos para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Segundo o disposto no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta a xestión do rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecemento de programas de apoio ás entidades asociativas de traballadores autónomos.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, ámbito e principios de xestión

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2011 dun programa de axudas destinado a sufragar os gastos de organización e funcionamento das entidades asociativas de traballadores autónomos, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a conseguir o cumprimento dos fins que lle son propios.

2. A xestión destas subvencións realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011; e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e nesta orde.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de traballadores autónomos de carácter intersectorial e cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexan de ámbito superior ao da comunidade autónoma.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por entidade asociativa de traballadores autónomos de carácter intersectorial aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos, entre os da agricultura, industria, construción e servizos.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades nas que concorran algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos das entidades beneficiarias.

1. As entidades solicitantes, para ser beneficiarias, deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica propia e independente e estar legalmente constituídas.

b) Estar inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Desenvolver a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia

d) Ter sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñer dunha oficina pemanente nela.

2. Non poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unión de asociacións que igualmente presentasen a solicitude.

Artigo 5º.-Gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables os gastos que de maneira indubitada respondan á natureza da actividade subvencionada realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de outubro de 2011. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

2. Poderán concederse subvencións para o financiamento dos seguintes gastos xerais das entidades asociativas de traballadores autónomos relacionados coa natureza da súa actividade e a consecución dos fins que lle son propios:

a) Gastos de persoal. Só se terá en conta o salario base e as cotizacións sociais.

b) Arrendamentos de locais.

c) Servizos profesionais independentes.

d) Primas de seguros.

e) Publicidade e propaganda.

f) Material de oficina, fotocopias e imprenta.

g) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e de auga.

h) Cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades.

i) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios ou xornadas, incluídos gastos de desprazamento e manutención.

j) Gastos ocasionados pola realización de actividades de formación, elaboración de estudos e publicacións ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción do emprego autónomo, incluídos, neste suposto, os gastos de desprazamento e manutención.

Os gastos derivados das actividades recollidas nos letras i) e j) deberán corresponderse con algunhas das partidas que figuren recollidas no orzamento de gastos que se achegue coa solicitude.

A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención non poderá superar a cantidade de 90 euros por persoa e día.

3. En ningún caso serán subvencionables os seguintes gastos:

1º Os gastos de persoal e os gastos por servizos profesionais que puidesen derivarse da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

2º Os gastos que, en concepto da prestación de servizos, aboe a entidade solicitante a outras entidades asociativas que integre ou nas que se atope integrada.

3º Os tributos son gasto subvencionable cando a beneficiaria da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

1. Poderá subvencionarse ata o 80% dos gastos subvencionables establecidos no artigo 5º, sendo, en todo caso, o 20% restante por conta da entidade beneficiaria.

2. A contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 40.000 euros.

3. Para a determinación das contías individualizadas das subvencións, unha vez ordenadas as solicitudes de maior a menor puntuación, iranse adxudicando ata esgotar o crédito dispoñible, de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) Á solicitude que obtivese a maior puntuación adxudicaráselle a contía máxima da subvención.

b) Para o resto de solicitudes, adxudicarase unha contía en proporción á súa puntuación e á da solicitude que obtivese a maior puntuación.

Na asignación dos criterios anteriores, teranse en conta as seguintes consideracións:

1º As entidades que obteñan a mesma puntuación consideraranse incluídas nun mesmo grupo para os efectos de aplicación da proporcionalidade referida. Se no proceso de asignación das subvencións se chegase a un grupo de solicitudes que obtivesen a mesma puntuación e non se dispuxese de crédito suficiente para asignar a todas elas a contía que lles correspondería pola puntuación obtida, a contía que hai que asignar será a que esgote o crédito dispoñible.

2º Se, ao aplicar estes criterios de gradación, resultase crédito sobrante, adxudicarase ata que se esgote, entre as primeiras solicitudes que non acadasen o importe máximo da subvención.

4. Notificada a resolución de concesión da subvención polo órgano concedente, se algunha das entidades beneficiarias, no prazo dun mes, renunciase de forma expresa ao seu dereito de percepción da subvención, poderá adxudicarse o crédito liberado, segundo o procedemento establecido no artigo 12º desta orde, entre as solicitudes que, acadando a puntuación mínima exixible, non obtivesen a condición de subvencionables polo esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 7º.-Subcontratación das actividades subvencionadas.

Autorízase a subcontratación con terceiros ata unha porcentaxe máxima do 80% do custo total para as actividades contempladas nas letras i) e j) do artigo 5º, coas condicións establecidas no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta as circunstancias sinaladas no artigo 43º do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No suposto de que a subcontratación se realice con persoas ou entidades vinculadas coa beneficiaria da subvención, será necesario que á solicitude de subvención se acompañe unha petición de autorización ao órgano concedente para que se poida efectuar a dita subcontratación.

A petición de autorización deberá presentarse acompañada dunha memoria na que se describa a parte da actividade que vai ser obxecto de subcontratación, as persoas ou entidades vinculadas coas que se vai subcontratar indicando o tipo de vinculación existente, así como o importe da subcontratación prevista, desagregando as cantidades que se van percibir por cada unha das persoas ou entidades coas que se realice a subcontratación.

Así mesmo, deberán indicarse as razóns sobre a necesidade de realizar a subcontratación coas persoas ou entidades vinculadas.

En ningún caso o importe da actividade subcontratada con persoas ou entidades vinculadas poderá superar o 50% do importe da actividade subvencionada e sen que o importe por persoa ou entidade vinculada poida ser superior ao 15% do custo total da actividade subvencionada.

Capítulo II

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 8º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 9º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse, segundo o modelo normalizado que se insire como anexo I desta orde, nos rexistros da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares e das formas previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As solicitudes e os anexos están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http//traballo.xunta.es

Artigo 10º.-Autorizacións.

1. A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, conforme o previsto no artigo 11º h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as certificacións previstas no parágrafo anterior poderán ser substituídas pola declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención, a persoa interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia. En caso de non prestar a autorización, deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa interesada.

4. Coa presentación da solicitude de subvención a entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa, o crédito orzamentario ao que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

Artigo 11º.-Documentación.

1. As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas, do orixinal ou copia compulsada, da documentación que se relaciona:

a) DNI ou NIE da persoa representante e escritura de poder suficiente para actuar en nome da entidade perante a Administración pública, agás que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.

b) Acta de constitución e estatutos da entidade.

c) Tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

d) Memoria das actividades realizadas pola entidade e dos servizos prestados aos seus asociados no exercicio 2010, así como unha memoria das actividades previstas para o exercicio 2011 que inclúa unha breve historia da entidade e a descrición da súa implantación territorial e do seu carácter intersectorial.

e) Orzamento aprobado de ingresos e gastos do exercizo 2010.

f) Certificación da persoa representante legal da entidade na que figure unha relación das entidades asociadas e o número de persoas asociadas, acompañada dun anexo no que se desagregue esta información a nivel provincial e por sectores económicos, distinguindo as persoas asociadas directas das que o son a través de entidades asociadas, segundo o modelo do anexo III.

g) Relación individualizada dos gastos que se van ter en conta para o cálculo da contía da subvención, segundo o modelo do anexo IV.

h) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

i) Declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e autorizacións, segundo o modelo do anexo VI.

j) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que quen solicita é titular da conta, segundo o modelo do anexo VII.

k) Para o suposto de subcontratación con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, achegarase unha petición de autorización para que se poida efectuar a subcontratación así como a memoria co contido sinalado no parágrafo terceiro do artigo 7º.

2. Ademais, para acreditar os criterios de valoración establecidos no artigo 13º.1, as entidades solicitantes deberán presentar a documentación específica que se relaciona no número 4 do citado artigo e que servirá de base para a concesión da subvención.

3. As solicitudes acompañarán os documentos sinalados nos números anteriores, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 12º.-Instrución, tramitación e procedemento de concesión.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirá á entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da antedita lei.

2. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será o Servizo dos Autónomos e Inserción Laboral da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. Unha vez efectuados o exame e avaliación das solicitudes, someteranse a informe da comisión de avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidente: a persoa titular da Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo.

Vogais: a persoa titular do Servizo dos Autónomos e Inserción Laboral e unha persoa técnica da Dirección Xeral de Promoción do Emprego designada polo seu titular, que actuará como secretaria.

5. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, formulará a correspondente proposta de resolución.

Artigo 13º.-Criterios de valoración.

1. A valoración das solicitudes presentadas efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Número total de persoas asociadas e asociacións integradas na entidade solicitante. Ata 40 puntos.

b) Número de sedes. Ata 20 puntos.

c) Orzamento aprobado de ingresos e gastos do exercicio 2010. Ata 20 puntos.

d) Media do cadro de persoal da entidade no exercicio 2010. Ata 15 puntos.

e) Postos de traballo de carácter fixo con que conta a entidade á data de presentación da solicitude. Ata 10 puntos.

f) Acordos de interese profesional concertados. Ata 10 puntos.

g) Convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia. Ata 10 puntos.

h) Antigüidade. Ata 10 puntos.

i) Emprego e promoción da lingua galega na documentación. Ata 5 puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 140 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no parágrafo anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior puntuación. As entidades solicitantes terán que obter como mínimo 70 puntos para acceder ás subvencións reguladas nesta orde.

3. Non obstante, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, para o caso de que o crédito consignado nesta convocatoria fose suficiente, atendendo ao número de solicitudes unha vez finalizado o prazo de presentación, conforme o previsto no artigo 55º do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Para acreditar os criterios de valoración do punto 1 deste artigo, as entidades solicitantes deberán presentar, en orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) Libro de rexistro das persoas asociadas á entidade e das que o son a través de entidades asociadas.

b) Declaración do representante legal da entidade do número de sedes, acompañada dos títulos de propiedade, contratos de arrendamento ou contratos de cesión de uso.

c) Contratos de traballo das persoas traballadoras que prestan os seus servizos na entidade e documentos de cotización á Seguridade Social TC-2 correspondentes ao exercizo 2010.

d) Acordos de interese profesional concertados ao abeiro do artigo 13º da Lei 20/2007, do 11 de xullo, e declaración do representante legal da entidade na que conste o número de traballadores economicamente dependentes afectados.

e) Convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1º e 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse con carácter potestativo recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade cos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redación dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da anterior.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión da documentación, en orixinal ou copia compulsada, que se exixa de forma expresa nela, xustificativa da realización da actividade, entre a que deberá figurar:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Certificación expedida pola persoa representante da entidade que inclúa unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación da persoa acredora e do documento, o importe, a data de emisión e, de ser o caso, a data de pagamento, acompañada das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e da documentación acreditativa do seu pagamento.

c) Declaración complementaria do establecido no artigo 11º.1 h) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

2. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto da subvención deberá acreditarse mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

3. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión, ou, se é o caso, ata o 15 de novembro de 2011. Excepcionalmente, este prazo poderá ser prorrogado en 15 días de forma extraordinaria e por causas debidamente xustificadas.

4. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria quedase xustificada unha contía inferior da subvención inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

5. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 16º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As subvencións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

2. Non obstante o anterior, en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 17º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar perante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 19º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde

o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 20º.-Devolución voluntaria da subvención.

Segundo o establecido no artigo 64º do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os beneficiarios poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novacaixagalicia 2091 0300 47 3110063172.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar perante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 21º.-Seguimento e control.

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento das subvencións.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias das que traen causa, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Terceira.-A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Cuarta.-No exercicio económico 2011 as subvencións recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.04. 322C 481.4, código de proxecto 2011 00 662, que conta cun crédito de 200.000 € e aparece recollida na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "02900D007P013.PDF"