DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2011 Páx. 2.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de febreiro de 2011 pola que se autoriza a posta en funcionamento da Escola de Negocios Caixanova, centro adscrito á Universidade de Vigo.

O Decreto 445/2009, do 23 de decembro, aproba a adscrición da Escola de Negocios Caixanova á Universidade de Vigo e autoriza a implantación das ensinanzas conducentes ao título de grao en administración e dirección de empresas (ADE). Na súa disposición adicional segunda establece que, unha vez aceptada a proposta de modificación do plan de estudos da dita titulación, o reitor da universidade solicitará, do departamento competente en materia de universidades, a autorización para o inicio das actividades destas ensinanzas ao abeiro da normativa vixente.

Notificado polo Consello de Universidades informe favorable da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación (ANECA) á ampliación da verificación do título de grao en ADE pola Universidade de Vigo para a súa impartición no centro adscrito Escola de Negocios Caixanova ao abeiro do disposto no artigo 28º do Real decreto 1393/2007, autorizada polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro, a implantación no centro dos estudos conducentes ao título de grao en administración e dirección de empresas e o de máster universitario en dirección e administración de empresas-MBA.

O Real decreto 557/1991, do 12 de abril, sobre creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios, dispón que a posta en funcionamento dos centros será efectuada pola administración educativa competente.

A Universidade de Vigo solicita á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o inicio de actividades no centro adscrito.

Efectuada a súa inspección pola Administración educativa, comprobouse que se respectan os índices legais de calidade establecidos no Real decreto 557/1991, do 12 de abril, polo que, de acordo co disposto na normativa vixente, esta consellería facendo uso das atribucións que lle están conferidas na disposición derradeira primeira do Decreto 445/2009, do 23 de decembro, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo único.

Autorizar, con efectos do curso académico 2010-2011, a posta en funcionamento da Escola de Negocios Caixanova, centro adscrito á Universidade de Vigo, nos termos establecidos no Decreto 445/2009, do 23 de decembro, polo que se aprobou a súa adscrición.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria