DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2011 Páx. 2.307

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2011 pola que se incorpora un novo anteproxecto á relación de anteproxectos de centrais de biomasa admitidos a trámite segundo a Resolución do 30 de abril de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa seleccionados consonte a Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-A Resolución do 30 de abril de 2010, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba a relación de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa seleccionados consonte a Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa incluíu dentro da relación de anteproxectos seleccionados a solicitude presentada polo Grupo Empresarial Ence, S.A., para a instalación dunha planta de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria de 10 MW situada no complexo industrial de Ence en Pontevedra, dentro da Área de Xestión da Biomasa 6 O Condado-A Paradanta.

Segundo.-A Consellería de Economía e Industria, mediante Resolución do 12 de agosto de 2010, estimou o recurso potestativo de reposición interposto o 28 de xuño de 2010 por Telmo Martín González, concelleiro do Partido Popular no Concello de Pontevedra, contra a Resolución do 30 de abril de 2010, que modificaba parcialmente a dita resolución no sentido de excluír a solicitude para a instalación dunha planta de biomasa titularidade do Grupo Empresarial Ence, S.A., no complexo industrial de Ence en Pontevedra, fundamentándose na incompatibilidade urbanística dos terreos previstos para a instalación da planta coa normativa territorial e urbanística.

Terceiro.-O 8 de setembro de 2010 remitiuse unha solicitude de proposta de prelación das solicitudes de autorización de centrais de biomasa que foron recollidas como suplentes na Resolución do 30 de abril á Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, co fin de adxudicar a potencia de 10 MW inicialmente asignada á solicitude presentada polo Grupo Empresarial Ence, S.A., para a instalación dunha planta de biomasa no complexo industrial de Ence, S.A., en Pontevedra.

Cuarto.-A Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural emitiu o 29 de setembro de 2010 unha proposta de prelación de solicitudes para a instalación dunha planta de produción de enerxía a partir de biomasa forestal primaria.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Economía e Industria é a competente para a tramitación deste procedemento consonte o Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. O Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia establece a competencia da Consellería de Economía e Industria para a resolución do procedemento.

Segundo.-Tal como establece o artigo 10º.3 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a Resolución do 30 de abril de 2010 incluíu unha lista de anteproxectos suplentes en que se incorporaron as solicitudes non admitidas a trámite. Nos fundamentos de dereito da devandita resolución exponse, no caso de producirse unha exclusión, a necesidade de efectuar una reformulación da lista de anteproxectos suplentes ao non ser posible realizala a priori, debido ás importantes variacións que esta experimentaría en función dos anteproxectos excluídos.

Terceiro.-A proposta emitida pola Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural de prelación de solicitudes entre as que figuran como suplentes na Resolución do 30 de abril de 2010 baseouse en dous factores, expresados nos antecedentes de feito da devandita resolución «por unha banda a valoración obtida por cada anteproxecto seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 11º do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, e, por outra banda, a compatibilidade entre anteproxectos tendo en conta a súa situación xeográfica, sempre na zona de influencia dalgunha das sete áreas forestais de produción de biomasa forestal primaria a que se adscribisen».

Cuarto.-As solicitudes máis adecuadas para obter a potencia do anteproxecto da planta de biomasa forestal excluída no complexo industrial de Ence, Pontevedra, segundo a proposta da Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural son as seguintes:

Ver referencia pdf "02900D004P011.PDF"

Quinto.-A pesar de que a solicitude realizada por Norvento Biomasa, S.L. situada en Ponte Caldelas obtivo a máxima puntuación, o estudo de compatibilidade de concorrencia entre as solicitudes relacionadas na táboa anterior e as solicitudes xa concedidas indica que a solicitude do Grupo Montelimpo, S.A., situada en Barro-Meis é a que garda máis distancia respecto á solicitude, xa concedida segundo a Resolución do 30 de abril, de Enerxías Renovables de Galicia, S.A., situada en Forcarei.

Así mesmo, a proposta da Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural sinala que o anteproxecto para a instalación dunha planta de biomasa en Barro-Meis, titularidade de Montelimpo, S.A., conta cunha potencia de 10 MW, coincidente coa potencia do anteproxecto para a instalación dunha planta de biomasa no complexo industrial de Ence en Pontevedra, xa excluído, mentres que o anteproxecto denominado O Condado-A Paradanta, titularidade de Norvento Biomasa, S.L., alcanza unha potencia unicamente de 5 MW.

Conclúe a mencionada proposta «tendo en conta os datos expostos considera que debe prevalecer o criterio compatibilidade-concorrencia fronte ao de máxima puntuación, por considerar que o abastecemento continuado de materia prima constitúe un fito crítico na viabilidade das solicitudes presentadas para a instalación dunha central de biomasa, deste xeito proponse:

Id: 21.

Nome: Barro-Meis.

Promotora: Montelimpo, S.A.

Potencia MW: 10.

Como solicitude para substituír a que decaeu para todos os efectos».

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Incorporar á relación de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa seleccionados segundo a Resolución do 30 de abril de 2010 da Consellería de Economía e Industrial:

Solicitante: Montelimpo, S.A.

Mome da planta: Barro-Meis.

Localización: Barro-Meis.

Potencia en MW: 10.

AXB: 6.

Segundo.-Conceder ao promotor Montelimpo, S.A., un prazo de seis meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución para efectuar a solicitude de autorización da instalación da central de biomasa denominada Barro-Meis, e presentar xunto con esta a documentación recollida no artigo 12º do Decreto 149/2008, do 26 de xuño.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer, recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, desde o día seguinte ao da súa publicación de acordo co establecido no artigo 116º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ao abeiro do disposto no artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2011.

P.D. (Orde 30-4- 2009, DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería

de Economía e Industria