DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2011 Páx. 2.302

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 8 de febreiro de 2011 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos traballadores de empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda, que comezará o vindeiro día 14 de febreiro de 2011 e se estenderá desde a dita data con carácter indefinido.

O artigo 28º.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionada ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2º do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da comunidade autónoma. O artigo 3º deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

A Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, dispón, no seu artigo 10º, que corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente (no sucesivo, Sogama) a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no Plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, engade no seu parágrafo segundo que toda a xestión de Sogama se realizará de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos na dita lei, para o que deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos, polo que respecta a Sogama e a este conflito, iníciase coa recepción dos residuos de máis de 270 concellos, atendendo a unha poboación superior a 2 millóns de persoas, o que supón unha media diaria de arredor de 2.500 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama por medio de camións e/ou trens, neste último caso, procedentes de Ourense e Vigo.

Non se debe descoñecer que o anuncio dos paros convocados polos traballadores das denominadas empresas auxiliares de Sogama afecta precisamente os traballadores das empresas subcontratistas de Sogama, empresas que realizan os procesos concretos de xestión dos residuos e que supoñen un cadro de persoal duns 400 traballadores afectados.

Polo tanto, os paros van dirixidos precisamente ás empresas que, como subcontratistas de Sogama, operan nas instalacións de transformación e xestión de residuos no municipio de Cerceda (complexo ambiental de Cerceda, CMC, e vertedoiro de Areosa), imposibilitando directamente a prestación do servizo público referido nesta orde, e que está expresamente previsto nas leis 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, onde se cualifica a xestión de residuos como servizo ineludible á comunidade (no mesmo sentido a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 9 de outubro de 2002).

O proceso de tratamento dos residuos sólidos urbanos que se realiza nas instalacións de Sogama debe desenvolverse en ciclo continuo e, polo tanto, a súa interrupción é grave en calquera das súas fases. Non obstante, a dita interrupción resulta vital na fase final que se desenvolve na planta termoeléctrica que constitúe unha planta de xeración de electricidade por valorización dos residuos urbanos, unha vez tratados nas fases previas, e as paradas intermitentes desta instalación supoñen un serio risco para a seguridade dos traballadores do complexo e para a integridade desta.

No tocante ao enfoque de folga, é importante facer mención ao seu carácter progresivo e á xustaposición dos períodos de paro nas quendas que rematan e se inician ao mediodía, o que, unido á decalaxe dunha hora no comezo e o remate das quendas dalgunhas empresas, provocará paros que, na primeira semana, serán de 3 horas no cambio de quenda de mediodía. Na segunda semana os paros serán de 5 horas ao mediodía e na terceira semana os paros serán de 7 horas ao mediodía.

Esta forma de programar os paros fai imposible que no resto da xornada, se faltasen os servizos mínimos, se poida desenvolver o ciclo de xestión de residuos dado o tempo necesario para rematar e iniciar os diversos ciclos de forma segura.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles. Non se podería garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalacións, mediante o sinalamento de servizos esenciais para a comunidade, que se fixan e xustifican nesta orde, oído o comité de folga. Débese sinalar que os servizos mínimos son proporcionados, ao seren inferiores ao 30% do cadro de persoal afectado pola folga, tendo ademais en conta que o groso dos servizos se presta a 3 ou 2 quendas e que ten que manterse aínda co mínimo imprescindible de persoal, en atención ao enfoque de folga realizado.

Con base no anterior e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da comunidade autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta os traballadores das empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda, que se iniciará o vindeiro día 14 de febreiro e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación:

-Planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Pulpista: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Axente de circulación: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Axudante axente de circulación: 1 en quenda de mañana e 1 en quenda de tarde.

Triadores: 4 en quenda de mañá e 4 en quenda de tarde.

Roldista: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Xefe de quenda: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operadores de planta: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operador de pa: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Condutor de camión: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operario de secadoiro: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operario trituradoras: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Se os paros se prolongan máis dunha semana incluirá persoal de mantemento mecánico e eléctrico: 1 oficial mecánico e 1 oficial eléctrico en quenda de mañá e 1 oficial mecánico e 1 oficial eléctrico en quenda de tarde.

Operador de pa PRTE II: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operador PRTE II: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Peón PRTE II: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

-Planta de coxeración, planta termoeléctrica.

Xefe de quenda: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operador: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Roldista: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Ensacado de cinzas: 1 xefe de quenda de mañá e 1 xefe de quenda de tarde.

Ensacado de cinzas: 1 ensacador en quenda de mañá e 1 ensacador en quenda de tarde.

Ensacado de cinzas: 1 axudante en quenda de mañá e 1 axudante en quenda de tarde.

Condutor de cinzas: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Condutor de escouras: 1 en quenda de mañana e 1 en quenda de tarde.

-Depuradoras.

CMC: 1 traballador en quenda de mañá e 1 traballador en quenda de tarde .

Vertedoiro Areosa: 1 traballador en quenda de mañá e 1 traballador en quenda de tarde.

-Pesaxe CMC.

Pesaje: 1 oficial en quenda de mañá e 1 oficial en quenda de tarde.

-Vertedoiro de Areosa.

Báscula: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Operador de pa: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Xefe de quenda: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

-Limpeza de local de descanso e vestiarios.

Limpiadora: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos realizará a dirección das empresas auxiliares do complexo ambiental de Cerceda.

Artigo 3º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas