DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2011 Páx. 2.302

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2011 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 22º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

O Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no artigo 16º.2.2 da sección 3ª que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia realizará, entre outras funcións, a vixilancia da saúde dos empregados públicos, que en todo caso terá que contar co seu consentimento, e respectará o dereito á intimidade e dignidade.

O Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de Prevención de Riscos Laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia, reitera entre as funcións do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia a vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo, e a Orde do 25 de marzo de 2009 publica o procedemento de vixilancia da saúde.

Con base no antedito, publícase esta convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2011, de acordo coas seguintes premisas:

Primeira.-Obxecto.

Prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo segundo o disposto no artigo 22º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Segunda.-Ámbito de aplicación.

É aplicable a todos os traballadores da Administración xeral da Xunta de Galicia agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e persoal de entes públicos e fundacións.

Terceira.-Inscrición.

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Servizo de Prevención de Riscos Laborais): webriscos.xunta.es

A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.

Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición rematará transcorrido un mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación, persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

As/os responsables dos distintos centros de traballo facilitarán os medios necesarios para a inscrición.

Cuarta.-Citacións.

A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

Quinta.-Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde.

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo facultativo competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase a cada traballador/a.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2011.

Beatriz Cuiña Barja

Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza