DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2011 Páx. 2.247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 3 de febreiro de 2011 pola que se modifica a Orde do 13 de xaneiro pola que se convocan para o ano 2011, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a investimentos a bordo dos buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, tramitada como anticipado de gasto.

Mediante a Orde do 13 de xaneiro de 2010 (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 2011) publicouse a convocatoria de axudas a investimentos a bordo de buques pesqueiros para o ano 2011, en aplicación das bases reguladoras para a súa concesión (Orde do 31 de maio de 2010; DOG nº 105, do 4 de xuño). Cómpre agora modificar a convocatoria introducindo unha disposición transitoria de feito que se poidan acoller a ela aqueles interesados aos cales non se lles puido atender a súa solicitude no ano 2010 ou aqueloutros que non puideron presentala por estar pechado o prazo de presentación de solicitudes.

Por todo o anterior e de acordo co disposto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

Dispoño:

Artigo único.

Modifícase a Orde do 13 de xaneiro de 2011 pola que se convocan para o ano 2011, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a investimentos a bordo dos buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, tramitada como anticipado de gasto, de xeito que, sen que isto dea lugar a un novo prazo de presentación de solicitudes, se introduce a disposición transitoria seguinte:

Disposición transitoria

Única.-Só para a convocatoria do ano 2011 terán validez as actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2010 cuxas solicitudes non se puidesen presentar por estar pechado o prazo ou existir a imposibilidade de que fosen atendidas no dito exercicio económico de 2010, salvo que o solicitante renunciase á axuda.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2011.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar