DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2011 Páx. 2.234

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 28 de xaneiro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma galega.

De conformidade co Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e está adscrito á Consellería de Sanidade. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde regúlase actualmente no Decreto 311/2009, do 28 de maio, de conformidade coa disposición transitoria do Decreto 83/2009, do 21 de abril, e os seus fins e funcións regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección de Asistencia Sanitaria, ocúpase da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas, a facilitar a prestación de servizos asistenciais e a promover a incorporación social de drogodependentes.

Así mesmo, esta Dirección de Asistencia Sanitaria é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións que, respecto da materia obxecto da Lei 2/1996, de Galicia sobre drogas, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre outros, a Dirección de Asistencia Sanitaria ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas nas distintas vertentes da problemática das drogodependencias e de desenvolver, xestionar e coordinar os programas asistenciais e de incorporación social do consumo de drogas en Galicia.

Así mesmo, a dita Dirección de Asistencia Sanitaria, a través da Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, segundo o artigo 13º do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, asumirá as funcións asistenciais que lle asignan ao Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, así como a colaborar na implantación e seguimento de programas de reinserción de pacientes drogodependentes que se leven a cabo na comunidade autónoma.

A actual rede de asistencia e incorporación social de drogodependentes que forma parte da Dirección de Asistencia Sanitaria colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social de drogodependencias. As entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas deberán estar inscritas no rexistro creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

Polo exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34º.6 e 38º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

Por esta orde establécense as bases reguladoras e convócanse axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de actividades e programas de incorporación social en vivendas de apoio para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais de tratamento a drogodependencias da Comunidade Autónoma galega.

A súa finalidade é apoiar persoas en tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a incorporación social e promover unha vida autónoma.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Para ser beneficiario das axudas publicadas nesta orde deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidades sen ánimo de lucro titular ou responsable da xestión da vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados nas unidades asistenciais de drogodependencias, que estea inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, e modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

b) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, así como estar autorizado polo servizo correspondente da Consellería de Traballo e Benestar segundo o Decreto 143/2007, do 12 de xullo.

c) A entidade deberá desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, e a vivenda onde se leve a cabo o programa de incorporación social deberá estar próxima a unha poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario as entidades en quen concorra algunha das circunstancias reguladas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir os requisitos do artigo 11º da mesma lei que lle sexan exixibles.

3. Todos estes requisitos deberan cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución da actividade subvencionada.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social.

b) Para o mantemento e xestión da vivenda onde se desenvolva o programa.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as axudas.

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 360.000 €, con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, co código de proxecto 201100048, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, quedando as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

2. Estas axudas están destinadas a sufragar soamente os gastos correntes e de persoal necesarios para a realización dos programas de incorporación social subvencionados. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro de 2010 ata o 30 de novembro de 2011.

3. As axudas que se concedan ao abeiro desta orde serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

4. A axuda máxima que se financiará por cada programa é de 45.000 €. No caso de que a entidade percibira axudas da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde polo mesmo concepto, soamente terá dereito a complementar a dita axuda ata o máximo referido. Non obstante, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que vai desenvolver o beneficiario.

5. Programa subvencionable:

a) Programas de apoio a procesos de rehabilitación de distintas adiccións que instrumenten accións cuxa finalidade sexa conseguir a normalización na vida cotiá da comunidade de persoas facilmente vulnerables desde o punto de vista social.

b) O programa e actividades deberán ter un carácter integral e de proceso, iniciándose cun diagnóstico global e establecendo un proceso de incorporación social. A orientación corresponderá inicialmente ao ámbito sanitario, que deberá avaliar a situación global da persoa co fin de propoñer as alternativas máis axeitadas.

c) Só poderán ter dereito á subvención dun programa por vivenda.

d) Cada entidade poderá acadar a subvención para un máximo de 3 programas ou vivendas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. A solicitude de subvención realizarase segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, subscrita pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante e dirixida á presidenta do Servizo Galego de Saúde, edificio administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, á que se achegará a seguinte documentación:

1.1. Documentación común obrigatoria, que deberá achegarse coa solicitude: (anexo I).

a) Presentar documentación que acredite a representación da entidade.

b) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

c) Copia compulsada ou lexitimada dos estatutos da entidade.

d) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico 2010.

e) Memoria da entidade correspondente ao ano 2010 segundo modelo que se publica como anexo II.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados (indicando o número de boletín da publicación); así como de non acharse incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario que establece o artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

g) Certificación de estar inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas.

h) Certificación de axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumplir os centros de inclusión e emerxencia social.

i) Certificado de estar autorizado polo servizo correspondente da Consellería de Traballo e Benestar segundo o Decreto 143/2007, do 12 de xullo.

1.2. Documentación obrigatoria que hai que achegar en relación con cada programa solicitado. O programa deberá constar dun máximo de cinco páxinas, avaliado, supervisado e asinado polo coordinador ou responsable do programa, o cal terá titulación universitaria, no que conste os seguintes puntos, para poder ser avaliado:

a) Documentación orixinal ou copia cotexada da titulación universitaria do responsable ou coordinador do programa.

b) Denominación do programa.

c) Obxectivos que se pretenden acadar e indicadores de seguimento e avaliación.

d) Poboación a que vai dirixido e criterios de inclusión e exclusión, que, en todo caso, haberá de ser consecuente cos criterios establecidos no anexo II.

e) Número de usuarios de cada vivenda.

f) Datas de realización.

g) Recursos humanos e materiais con que conta a entidade para levar a cabo o programa.

h) Titulación académica do persoal que vai levar a cabo o programa, indicando o nome, apelidos e posto de traballo.

i) Valoración económica do programa.

j) Desagregación dos gastos previstos para a súa realización.

2. As solicitudes de subvención presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6º.-Instrución e comisión de valoración.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor, a Dirección de Asistencia Sanitaria, examinará a documentación presentada, reclamándolles por escrito aos interesados os datos, documentos e aclaracións que se considere necesarios para completar o expediente, con indicación de que, se así non o fixeren nun prazo de dez días, considerarase que desistiron da súa petición, de acordo co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os proxectos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados.

Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, que actuará como presidenta.

-O xefe do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

-Dous técnicos/as do devandito servizo, asumindo un deles a secretaría.

A comisión de valoración poderá solicitar a presenza dun representante da Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais, da Consellería de Traballo e Benestar con rango mínimo de xefe/a de servizo, para os efectos de asesoramento e coordinación naqueles aspectos que se refiran ao desenvolvemento e integración social levados a cabo polas entidades solicitantes.

3. A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, unha vez avaliadas as solicitudes e emitido informe da comisión de valoración, realizará a proposta de resolución.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade na valoración das solicitudes.

1. Primeira fase de valoración. Teranse en conta os criterios seguintes para a valoración da calidade dos programas:

A) Grao de adecuación do programa que se presenta ao punto 5 do artigo 4º sobre actividades subvencionables desta orde. O mínimo exixido para este criterio será de 3 puntos.

Para cuantificar a calidade do programa presentado valoraranse preferentemente os seguintes aspectos:

-Concreción e regulamentación do procedemento de acceso á vivenda. Máximo 1 punto.

-Precisión dos proxectos de incorporación social. Máximo 1 punto.

-Inclusión de alternativas ocupacionais e/ou formativas específicas. Máximo 1 punto.

-Dedicación e cualificación dos profesionais implicados na atención directa en relación aos obxectivos propios destes programas. Máximo 1 punto.

-Desenvolvemento das actividades realizadas no programa para o fomento de adquisición de habilidades sociais e da utilización dos recursos normalizados e externos á entidade. Máximo 2 puntos.

-Dinamismo dos programas, primándose que se alcancen os obxectivos propostos nun tempo inferior a 6 meses. Máximo 1 punto.

B) Traxectoria da entidade solicitante en materia de incorporación social de persoas en situación de risco de exclusión relacionadas con condutas adictivas, en programas distintos ao obxecto desta orde:

-Un punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de entidades públicas da comunidade autónoma galega, nacionais ou europeas, en materia de actuación en drogodependencias e que a dita axuda for debidamente xustificada pola entidade perceptora, até un máximo de 6 puntos. O mínimo exixido para este criterio será de 4 puntos.

Pasarán á segunda fase os que cumpran o mínimo establecido para cada un dos criterios, o que suporá obter un mínimo de puntuación nesta primeira fase de 5 puntos. A puntuación obtida acumularase á que se obteña na segunda fase.

2. Segunda fase da valoración. Criterios para ter en conta:

a) Grao da consolidación na prestación do servizo: 3 puntos por cada ano en que a entidade obtivese axuda específica de entidades públicas da comunidade autónoma galega, nacionais ou europeas, para o desenvolvemento de programas de incorporación social destas persoas en vivendas específicas. Un máximo de 15 puntos, sempre que xustificase as actividades realizadas e a consecución do programa.

b) Polo número de prazas da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais de drogodependencias:

-Menos de 7 usuarios: 3 puntos.

-7 ou máis usuarios: 1 punto.

c) Participación de institucións non públicas, no financiamento (igual ou superior a 1.000 €), das ditas vivendas, ata un máximo de 6 puntos. 1 punto por cada institución.

d) A contribución da actividade á discriminación positiva da muller: 1 punto.

e) Utilización da lingua galega na realización das actividades propias do programa: 1 punto.

3. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada das solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas para adquirir a condición de beneficiario, con indicación da puntuación outorgada en cada unha das fases.

4. Co obxecto de que se leven a cabo na súa totalidade os programas subvencionados, e así asegurar a súa calidade, adxudicarase a aqueles 8 primeiros que tivesen unha puntuación superior a 20 puntos recibisen a contía máxima da axuda establecida, tal como se refire no punto 4 do artigo 4º e sempre que houbese credito suficiente. O resto dos programas que superando a primeira fase non acadasen esa puntuación percibirán a contía proporcional aos puntos acadados tras a valoración dos criterios.

5. No caso de non chegar a axuda para os 8 primeiros, adxudicarase aos 3 primeiros e repartirase o restante crédito aos seguintes da lista e proporcionalmente aos puntos acadados.

6. A Dirección de Asistencia Sanitaria poderá realizar os axustes que considere adecuados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

7. Se, de conformidade co artigo 8º.1, a entidade beneficiaria renunciase á axuda destinada a algún dos programas e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 4º.1, quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na prelación resultante deste artigo 7º.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

2. Correspóndelle á conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

3. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas aos interesados no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución deberá serlle notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 58º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. De conformidade co artigo 15º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

6. Igualmente, de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe e finalidade das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 9º.-Recursos.

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a presidenta do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto no artigo 116º da Lei 30/1992, do 26 de novembro; ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte á data de notificación, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

A contía indicada na cláusula cuarta farase efectiva do seguinte xeito:

1. Poderanse realizar pagamentos á conta ata un máximo do 80% do importe total da subvención a conta da liquidación definitiva e segundo se desenvolvan as actividades do programa, achegando orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gasto ocasionados polo desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada deste.

A porcentaxe restante da subvención non se fará efectiva ata que estean integramente xustificados a totalidade dos gastos correspondentes á actividade subvencionada incluíndo, se é o caso, o importe do/s pagamento/s á conta.

2. De acordo co artigo 65º.4 do regulamento da Lei de subvencións, os pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía.

3. A xustificación final realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28º, 29º e 30º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 41º e 42º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, achegando a seguinte documentación:

-Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes.

-Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade.

-Certificación da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento de actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, das distintas administracións públicas e non públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectada por el.

4. Consideraranse gastos subvencionables os que cumpren os requisitos fixados polo artigo 29º da Lei de subvencións de Galicia e realizados no desenvolvemento do obxecto deste convenio. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de decembro de 2010 ata o 30 de novembro de 2011.

5. Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada se son indispensables para a axeitada preparación ou execución desta, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

6. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente.

7. A documentación xustificativa dos gastos dirixirase á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, que emitirá informe favorable de ser conforme.

8. Serán causas de reintegro do importe total ou parcial do convenio as previstas no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 74º e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

9. Establécese como data límite para presentar os xustificantes o 30 de novembro de 2011.

10. Así mesmo, as entidades subvencionadas deberán presentar unha memoria das actividades realizadas e postas en marcha no 3º e no 6º mes a partir da asignación da subvención, e con anterioridade ao día 31 de xaneiro do exercicio seguinte, unha memoria dos programas realizados e financiados coa presente subvención ao longo do ano 2011.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. Así mesmo, deberanlle comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

3. As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

4. Así mesmo, sen prexuízo do disposto no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a coordinarse cos profesionais das unidades de atención ás drogodependencias correspondentes para o mellor desenvolvemento dos programas subvencionados.

Artigo 12º.-Revogación e reintegro.

No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, de ser o caso, da subvención percibida e do xuro de demora correspondente.

Artigo 13º.-Réxime sancionador.

En canto ao réxime sancionador será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o seu regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Segunda.-A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde ditara as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2011.

María del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "02800D002P010.PDF"