DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 09 de febreiro de 2011 Páx. 2.206

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente a ampliación da subestación Meirama 220 kV; nova posición 9: L/ADIF 1; nova posición 10: L/ADIF 2, no termo municipal de Cerceda (A Coruña). (Expediente IN407A 09/520).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U., con enderezo para os efectos de notificación no Paseo Conde de los Gaitanes, 177, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 26 de novembro de 2009, a citada empresa solicita a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da citada instalación, e presenta a preceptiva documentación á que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo.-As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Ampliación do parque de 220 kV da subestación de Meirama, en esquema de dobre barra existente, coa instalación de dúas novas posicións de saída de liña, destinadas a dar subministración ás instalacións do tren do eixe atlántico de alta velocidade.

Concello: Cerceda (A Coruña).

Terceiro.-Por Acordo do 21 de abril de 2010 do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa das instalacións eléctricas do dito proxecto de execución, e publicouse no Diario Oficial de Galicia do 21 de maio e no BOP da Coruña do 18 de maio.

Cuarto.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto.-Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, de ser o caso, establecesen as condicións procedentes.

Sexto.-Con data 1 de marzo de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite informe relativo á tramitación ambiental que se seguirá en proxectos de ampliación de subestacións eléctricas existentes a 220 kV, consistentes na instalación de novas posicións dentro do recinto existente da propia subestación, como é o caso do proxecto obxecto desta resolución, e informáse que este tipo de proxectos non están incluídos entre os recollidos na lexislación sobre avaliación de impacto ambiental.

Sétimo.-Con data 21 de maio de 2010, e cumprindo co recollido no artigo 114º do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e emite informe favorable sobre a autorización do dito proxecto.

Oitavo.-Con data 1 de outubro de 2010, os servizos técnicos do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emiten informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, en relación coa concesión da autorización administrativa, e queda pendente o informe sobre a aprobación do proxecto de execución, á espera da súa emenda por parte da empresa promotora, en resposta aos requirimentos efectuados polo dito departamento territorial.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Decreto 79/2009, do 19 de abril e Decreto 83/2009, do 21 de abril, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta (Diario Oficial de Galicia nº 75 e 77, do 20 e 22 de abril, respectivamente), Decreto 324/2009, do 11 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 117 do 17 de xuño) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a ampliación da subestación Meirama 220 kV; nova posición 9: L/ADIF 1; nova posición 10: L/ADIF 2, no termo municipal de Cerceda (A Coruña).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Dentro do prazo de seis meses, contados a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa promotora deberá presentar ante o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, o proxecto de execución corrixido, de acordo cos requirimentos de emenda realizados por ese departamento territorial, e solicitar a súa aprobación. Producirase a caducidade desta autorización administrativa se, transcorrido o dito prazo, o proxecto corrixido non fose presentado, e poderá solicitar o peticionario, por razóns xustificadas, prórroga do prazo establecido, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Segunda.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Terceira.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas