DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 09 de febreiro de 2011 Páx. 2.189

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2011, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se aproba a relación de prazas que se ofrecen e se citan para o acto de elección de destino os aspirantes seleccionados no proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

A base oitava da resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 (DOG nº 40, do 26 de febreiro), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, dispón que, comprobada a documentación de aspirantes que superaron o concurso-oposición nas categorías correspondentes, se procederá á publicación no Diario Oficial de Galicia dunha resolución que concrete a relación definitiva de aspirantes seleccionados/as, aprobe a relación de prazas que se lles oferten e o procedemento e o prazo para que estes manifesten a súa opción polos destinos ofertados.

En consecuencia, esta Dirección de Recursos Humanos

ACORDA:

Primeiro.-Aprobar a relación de prazas vacantes que se lles ofertarán aos/as aspirantes seleccionados no concurso-oposición de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde nas categorías de albanel, calefactor/a e cociñeiro/a, e indícase a localidade e institución sanitaria onde se localizan as prazas ofertadas.

As prazas que se ofertan corresponden sempre a prazas básicas da correspondente categoría, de acordo co establecido no artigo 17º do Decreto 206/2005, do 22 de xullo.

Segundo.-Convócanse todos/as os/as aspirantes seleccionados/as, ratificando a relación definitiva publicada no seu día no correspondente Diario Oficial de Galicia, para que nun único chamamento e acto elixan obrigatoriamente destino definitivo pola orde de puntuación alcanzada no concurso-oposición con preferencia a favor dos aspirantes que accederon pola quenda de promoción interna e, de ser o caso, alteración da orde de prelación para persoas con discapacidade.

Terceiro.-O acto de elección de destinos terá lugar no edificio administrativo do Servizo Galego de Saúde, sito en San Lázaro, s/n, de Santiago de Compostela, o día 10 de febreiro de 2010, ás 17.30 horas.

Cuarto.-O dito acto de elección someterase ás seguintes regras:

a) A solicitude que formulen será vinculante e irrenunciable.

b) Deberán comparecer provistos do documento nacional de identidade ou outro documento que concrete de modo fidedigno a súa personalidade.

c) Os/as aspirantes que non comparezan persoalmente poderán ser representados/as por terceiras persoas provistas de poder suficiente.

d) O/a aspirante seleccionado/a que non opte por un destino, no prazo e de acordo ao procedemento establecido, non poderá ser nomeado/a e quedarán sen efecto todas as súas actuacións. En todo caso, non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non elección de destino.

e) Pola capacidade do recinto e con motivo de facilitar a axilidade na elección, poderíase limitar a presenza de persoas que acompañen o/á aspirante no propio acto da elección.

Quinto.-Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos na base décima da convocatoria.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2011.

Esperanza Fernández Lago

Directora de Recursos Humanos

Ver referencia pdf "02700D016P026.PDF"