DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 09 de febreiro de 2011 Páx. 2.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2011 pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito para as axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro de 2009.

Feitos:

Primeiro.-O Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polo citado fenómeno metereolóxico.

Segundo.-O artigo 6º do citado Decreto 13/2009 establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas. O artigo 12º establece que as citadas axudas se financien con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

Terceiro.-O 2 de febreiro de 2009, por orde da Consellería de Vivenda e Solo, convocáronse axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro de 2009. O importe destinado ao financiamento destas axudas era de 500.000 €.

Cuarto.-O 12 de novembro de 2009 publicouse a resolución do IGVS complementaria da do 30 de outubro de 2009 pola que se amplía a dotación orzamentaria inicialmente prevista en 1.726.344,52 €.

Quinto.-O crédito ampliado pola citada resolución non se esgotara na súa totalidade ao remate do exercicio 2009, quedando un remanente de 800.182 € sen conceder. En data 5 de agosto de 2010 publicouse a Resolución do 19 de xullo de 2010, pola que se asignaron aos orzamentos de 2010 os citados remanentes de 2009.

Sexto.-Unha vez publicada a citada resolución continuáronse concedendo as subvencións que cumprían os requisitos, ata o esgotamento do crédito en data 7 de decembro de 2010.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 3º.b).3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixou a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribiu o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS), á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Segundo.-O artigo 3º da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece que lle corresponde a este organismo autónomo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e axeitada.

Terceiro.-A competencia do director xeral do IGVS para ditar esta resolución resulta do artigo 7º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 5º do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, e de acordo co establecido no artigo 31º.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Dáse a coñecer o esgotamento, en data 7 de decembro de 2010, do crédito autorizado no exercicio 2010 para sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2011.

Antonio José Boné Pina

Director xeral do Instituto Galego

da Vivenda e Solo