DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 09 de febreiro de 2011 Páx. 2.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2011 pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito para subvencións para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos establecido na Resolución do 1 de xullo de 2010.

Feitos:

Primeiro.-O Decreto 157/2006, do 7 de setembro, establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural como nos conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese, ademais, que as subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de convocatoria.

Segundo.-O 1 de xullo de 2010, por resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo, convocáronse subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia para 2010.

Terceiro.-No artigo 5º estableceuse como prazo de presentación de solicitudes un mes contado desde o día seguinte ao da publicación.

Cuarto.-No artigo 12º.1 estableceuse que o importe máximo de subvencións para vivenda unifamiliar en ámbito rural será de 2.580.000 euros, na aplicación 07.90.451A 780.0 do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2010.

Quinto.-No artigo 12º.2 estableceuse que o importe máximo de subvencións en conxuntos históricos para familias e institucións sen fin de lucro é de 2.300.000 euros, na aplicación 07.90.451A.780.2 do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2010.

Sexto.-Unha vez concedidas as subvencións nos correspondentes departamentos territoriais, redistribuíronse os remanentes resultantes por resolución do director xeral do IGVS de data 29 de novembro de 2010, de acordo co establecido no artigo 8º da Orde do 27 de maio de 2008, na redacción dada pola Orde do 10 de maio de 2010.

Sétimo.-Unha vez realizadas as últimas concesións, en data 30 de decembro de 2010 constátase o esgotamento do orzamento autorizado para 2010 para seguir atendendo as solicitudes de subvencións para vivenda unifamiliar no ámbito rural e as solicitudes de subvencións a familias e institucións sen fin de lucro no ámbito de conxuntos históricos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 3º.b).3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixou a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribiu o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS), á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Segundo.-O artigo 3º da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece que lle corresponde a este organismo autónomo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e axeitada.

Terceiro.-A competencia do director xeral do IGVS para ditar esta resolución resulta do artigo 5º do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, e de acordo co establecido no artigo 31º.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia

RESOLVO:

Artigo único.-Dáse a coñecer o esgotamento, en data 30 de decembro de 2010, do crédito autorizado no exercicio 2010 para seguir atendendo as solicitudes de subvencións para vivenda unifamiliar no ámbito rural na aplicación 07.90.451A.780.0, e para as solicitudes de subvencións a familias e institucións sen fin de lucro no ámbito de conxuntos históricos, na aplicación 07.90.451A.780.2.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2011.

Antonio José Boné Pina

Director xeral do Instituto Galego

da Vivenda e Solo