DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 09 de febreiro de 2011 Páx. 2.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2011, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo sobre criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio 2010.

Visto o texto do acordo sobre criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio 2010 que asinaron, o 23 de decembro de 2010, os representantes da Administración da Xunta de Galicia e os representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO. e CSIF, e de conformidade co disposto no artigo 90º, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de outubro).

Segundo.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2011.

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Acordo sobre criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio 2010

En Santiago de Compostela o 23 de decembro de 2010, os representantes da Administración autonómica e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e CSIF adoptan os seguintes acordos:

Criterios de repartición do fondo de acción social para o ano 2010:

I. Normas xerais:

1. Ámbito persoal:

1.1. Poderá solicitar as axudas do fondo de acción social o persoal:

-Funcionario de carreira.

-Interino que ocupe postos incluídos nas relacións de postos de traballo.

-Laboral fixo.

-Laboral temporal que ocupe postos incluídos nas relacións de postos de traballo e laboral declarado indefinido non fixo.

Que prestara servizos na Administración da Xunta de Galicia no ano 2010 e que no prazo de presentación de solicitudes se atope en situación de servizo activo ou en suspensión de funcións de carácter provisorio prevista no artigo 60º.3 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

1.2. Queda excluído do ámbito de aplicación deste acordo o persoal ao servizo de órganos estatutarios e sociedades públicas, o persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza e o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como o persoal procedente do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial de Santiago, Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, Hospital Provincial Santa María Madre de Ourense, Hospital Municipal Nicolás Peña de Vigo, Hospital Xeral Provincial de Pontevedra, Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón de Pontevedra e Hospital Militar da Coruña.

1.3. No suposto de que dous/dúas empregados/as tivesen a condición de beneficiarios/as en relación ao/á mesmo/a causante, só un/unha deles/as terá dereito á axuda.

2. Baremo:

2.1. Para a determinación do importe das axudas establécese unha escala en función da renda per cápita da unidade familiar.

O/A solicitante que desexe acollerse ao baremo deberá sinalalo expresamente na solicitude.

O/A solicitante que non se acolla á modalidade de baremo ou, acolléndose a ela non acredite a renda per cápita da unidade familiar, percibirá o importe mínimo da táboa do baremo.

Exceptúase da aplicación do baremo a axuda por xubilación e por gastos sanitarios.

2.2. Cálculo da renda per cápita:

A renda per cápita (RPC) é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites da axuda, a partir das táboas de baremación que se especifican en cada caso. O seu importe é o cociente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao exercicio 2009 por todos os membros da unidade familiar.

Para estes efectos unicamente serán considerados membros da unidade familiar:

-O cónxuxe ou parella de feito.

-Os/As fillos/as.

-Os/As copropietarios/as, na axuda por adquisición de vivenda.

No caso de divorcio ou separación legal non se considerará membro computable o que non conviva co/a causante. Terá, non obstante, a consideración de membro computable o/a novo/a cónxuxe ou parella de feito do/da solicitante da axuda.

2.3. Documentación para acreditar a renda per cápita:

a) Copia de todas as follas do libro de familia onde figure a edición, serie e número, cónxuxe e todos os fillos.

b) No suposto de separación ou divorcio do solicitante deberá presentarse a sentenza xudicial correspondente para acreditar que o ex-cónxuxe non pertence á unidade familiar.

c) Declaración do IRPF do exercicio 2009 de todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos (incluídos os/as fillos/as maiores de 16 anos membros da unidade familiar). Se non estaban obrigados a facer a declaración da renda presentarán, segundo o caso:

-Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) da dita circunstancia onde constarán os ingresos íntegros do dito ano.

-Certificado de pensións, positivo ou negativo, expedido polo Instituto Nacional de Seguridade Social.

-Vida laboral negativa expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos membros da unidade familiar maiores de 16 anos que non obtiveron ingresos durante o ano 2009.

Os solicitantes e demais membros da unidade familiar cuxos ingresos son computables poderán prestar autorización á Administración para que esta solicite os datos de carácter tributario ou económicos que fosen legalmente pertinentes á AEAT, excepto o causante da axuda de discapacitados e maiores a cargo. A autorización asinarase na folla que, para tal efecto, se xera ao mesmo tempo que a solicitude. Na medida en que, a través deste sistema, a Consellería de Facenda poida dispoñer das ditas informacións, non lles exixirá aos interesados achega individual de certificacións expedidas pola AEAT, nin a presentación, en orixinal, copia ou certificación, das súas declaracións tributarias.

3. Incompatibilidades:

As modalidades de axuda obxecto destes criterios son incompatibles coa percepción doutras de natureza similar concedidas pola Xunta de Galicia ou por outro organismo oficial ou empresa privada.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior:

-As axudas á xubilación de contía inferior á prevista na norma específica 1). Neste caso terase dereito a percibir a diferenza.

-As axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia recollidas na norma específica 6).

4. Solicitudes e documentación.

4.1. Os que, atopándose incluídos no ámbito persoal da axuda, desexen optar a ela deberán completar en liña a solicitude e anexos que, como formulario electrónico, estará na páxina web: http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm. Posteriormente, presentarán esa mesma solicitude impresa debidamente asinada perante as correspondentes unidades de persoal.

4.2. Os/As solicitantes deben xuntar á petición, ademais dos documentos acreditativos da renda per cápita, aqueles que se exixen en cada unha das axudas e xustificar mediante certificación os feitos que se aleguen.

Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscadas.

Todas as fotocopias que presenten os/as solicitantes, como documentación requirida das distintas axudas, deben ser lexibles e estar debidamente cotexadas.

O Servizo de Relacións Laborais poderá solicitar calquera outra documentación complementaria que considere necesaria.

4.3. O prazo para cubrir na web as solicitudes e para presentalas ante as unidades de persoal unha vez impresas comezará o día da publicación e rematará o 28 de febreiro de 2011.

4.4. As unidades de persoal deberán completar en liña os datos que figuran no espazo reservado para a certificación da unidade de persoal en todas as solicitudes.

Cando a axuda solicitada sexa por fillos menores, estudos por fillos, estudos do traballador, gastos sanitarios e maiores a cargo deberán, ademais, comprobar á vista da documentación achegada, a veracidade dos datos que figuran nas solicitudes e, de ser o caso, validalas.

Unha vez cumprido todo o anterior imprimirán a solicitude conformada, asinarana e selarana.

Será causa de denegación toda solicitude que non veña certificada polas unidades seguintes de acordo co destino de cada traballador:

-Servizos centrais: secretario/a xeral, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal das consellerías respectivas.

Se o solicitante é persoal funcionario ou laboral do Servizo Galego de Saúde: subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo da Dirección de Recursos Humanos que teña atribuídas funcións en materia de persoal.

-Servizos periféricos: secretarios/as territoriais, xefes/as territoriais, delegados/as comarcais ou funcionarios/as que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal das consellerías respectivas.

Se o solicitante é persoal con destino en centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: directores/as e secretarios/as de centros.

Se o solicitante é persoal funcionario ou laboral do Servizo Galego de Saúde que preste os seus servizos nas direccións provinciais do organismo ou nos distintos hospitais ou centros de atención primaria: o/a secretario/a da dirección provincial do organismo ou o/a secretario/a da delegación da Consellería de Sanidade, dependendo do ámbito de dependencia funcional do interesado.

4.5. As solicitudes conformadas, unidas ao resto da documentación, entregaranas as unidades de persoal aos/ás respectivos/as peticionarios/as ata o 25 de marzo de 2011.

Nas axudas cuxa validación corresponde ás unidades certificadoras (fillos menores, estudos de fillos, estudos do traballador, gastos sanitarios e maiores a cargo), a documentación orixinal comprobada polo validador non precisará ser cotexada; será suficiente remitir copia simple.

Nas axudas por discapacitados e para adquisición de vivenda, os certificadores verificarán unicamente os datos persoais e profesionais e imprimirán a solicitude para remitir á Dirección Xeral da Función Pública. Nestas dúas axudas o/a solicitante si deberá presentar no rexistro a documentación xustificativa debidamente cotexada.

4.6. Os/As interesados/as presentarán as solicitudes conformadas polas unidades de persoal xunto con toda a documentación requirida en calquera dos lugares establecidos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro) modificado pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro). As solicitudes irán dirixidas ao director xeral da Función Pública, edificio administrativo de San Caetano nº 1, 15771 Santiago de Compostela.

O prazo para presentar as solicitudes conformadas polas unidades de persoal rematará o 20 de abril de 2011.

5. Falsidades nas solicitudes.

As solicitudes presentadas ao abeiro desta resolución terán o carácter de declaración responsable segundo o disposto no artigo 71º bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co dito precepto, a ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades a que houbese lugar.

Así mesmo, poderá dar lugar, logo da proposta favorable da comisión de seguimento deste acordo, a imposibilidade de solicitar as axudas do fondo de acción social durante un prazo de 5 anos.

6. Distribución dos créditos.

6.1. En aplicación do orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2010, destínase na partida orzamentaria 23 04 124A 162.04 a cantidade de 9.136.392 euros para as axudas do fondo de acción social que recolle este acordo segundo a seguinte repartición:

1. Xubilación: 700.000 euros.

2. Discapacitados: 2.000.000 euros.

3. Fillos/as menores: 1.510.000 euros.

4. Est. fillos/as: 2.959.537 euros.

5. Est. traballador: 200.000 euros.

6. Vivenda: 966.855 euros.

7. Maiores a cargo: 350.000 euros.

8. Gastos sanitarios: 450.000 euros.

Total: 9. 136.392 euros.

6.2. Garantirase a percepción das seguintes contías mínimas:

-Axuda á xubilación: 3.500 euros.

-Axuda para atención aos discapacitados: 1.300 euros.

-Axuda por fillos menores: 150 euros.

-Axuda para estudos por fillos: 90 euros.

-Axuda para estudos do traballador: 200 euros.

-Axuda por adquisición de vivenda: 1.532 euros.

-Axuda de maiores a cargo: 200 euros.

-Axuda por gastos sanitarios: 60 euros para tratamentos e próteses e 60 euros para adquisición de produtos de alimentación.

6.3. Salvagardados os importes anteriores, as contías asignadas a cada axuda reducirase na mesma porcentaxe se, polo elevado número de solicitudes presentadas, non se puidesen respectar. Nas axudas que teñen a modalidade de baremo os importes establecidos para cada tramo reduciranse nas mesma proporción.

6.4. Se houbese remanentes despois de aplicar as normas específicas de cada unha das axudas, en primeiro lugar incrementarán, pola orde de numeración en que se encontran, os baremos das axudas que non teñen orzamento suficiente ata respectar o 100% dos citados baremos e, en segundo lugar, de seguir habendo remanentes, estes incrementarán o orzamento da axuda de fillos menores un 50%, a axuda de estudos por fillos un 25% e axuda de maiores a cargo un 25%.

7. Procedemento e resolución.

7.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, procederase ao seu estudo e cualificación.

7.2. Mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública, publicarase o anuncio da exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia, con indicación neste último caso da/s causa/s de exclusión.

Os/As interesados/as poderán formular as reclamacións que consideren pertinentes e emendar os defectos causantes da exclusión provisional no prazo de dez días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación.

7.3. A estimación ou desestimación definitiva da solicitude producirase coa publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de exposición das listaxes definitivas de admitidos e excluídos con indicación, de ser o caso, da contía total da axuda.

7.4. A Dirección Xeral da Función Pública poderá acordar o pagamento de mínimos garantidos no punto 6.2 antes da publicación da resolución definitiva.

Calquera interpretación, aclaración ou dúbida que xurda sobre estas bases será resolta pola comisión de seguimento deste acordo.

A comisión estará composta por un membro de cada organización sindical e un número igual de representantes da Administración. Actuará como presidente o titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais e como secretario un representante dos empregados públicos.

7.5. O prazo máximo para resolver as solicitudes especificadas nesta orde será de cinco meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para reclamar contra as listaxes provisionais. O dito prazo poderá prorrogarse no caso de que o elevado número de solicitudes así o requira. Se no prazo establecido non se resolvese o expediente entenderase desestimada a solicitude.

8. Renuncia ás axudas.

A renuncia polos/as interesados/as ás axudas solicitadas ao abeiro desta resolución só poderá efectuarse ata o remate do prazo de reclamación contra as listaxes provisionais.

9. Datos bancarios.

A axuda pagarase na conta consignada para o ingreso da nómina.

10. Axudas de anos anteriores.

As axudas denegadas en anos anteriores que, como consecuencia de resolución xudicial ou administrativa sexan estimadas pagaranse co cargo a este fondo de acción social.

II. Normas específicas.

1) Axudas á xubilación.

1.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Xunta de Galicia xubilado ou declarado en situación de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez desde o 1-1-2010 ata o 31-12-2010.

A Secretaría Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirá certificación do persoal docente xubilado no ano 2010, así como dos importes percibidos ao abeiro da disposición transitoria segunda da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e a Orde autonómica do 26 de xaneiro de 2007, xa que son incompatibles con este fondo de acción social.

A Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde remitirá certificación do persoal funcionario e laboral xubilado no ano 2010, agás o persoal recollido na norma xeral 1.1.2 do ámbito persoal que lles afecta e que non ten dereito ao fondo de acción social.

O persoal xubilado por incapacidade permanente para o servizo ou forzosa por idade, que teña a condición de mutualista sometido ao campo de aplicación de Muface, deberá solicitar á dita mutualidade o subsidio de xubilación.

O persoal xubilado no ano 2010 que, tendo a condición de mutualista de Muface, figurase nas listaxes de excluídos coa clave: «falta importe percibido por Muface ou calquera outra mutualidade ou organismo público», quedará excluído do fondo de acción social, elevándose a correspondente proposta de aprobación da axuda, se é o caso, cando o/a xubilado/a presente certificación do importe percibido, e aboarase, de existir diferenza, con cargo ao orzamento do fondo de acción social do ano 2011, se non fose posible facelo con cargo ao de 2010 por estar xa executado.

1.2. Contido:

A contía desta axuda fíxase en 3.500 euros.

1.3. Documentación:

A concesión faraa de oficio a Administración, polo que non precisa presentación de solicitudes.

2) Axudas para a atención de discapacitados.

2.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Xunta de Galicia recollido na norma xeral 1.1. que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas cónxuxe, parella de feito, fillos ou ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme que sexan discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais recoñecidos como tales polo organismo competente antes do 1-1-2011.

Para causar dereito á axuda, os ingresos íntegros do discapacitado en concepto de rendementos de traballo ou prestación de supervivencia non poderán superar os 8.736 euros. Non se terán en conta os ingresos do discapacitado cando a súa discapacidade sexa igual ou superior ao 85%.

Para este fondo de acción social, o persoal cuxo cónxuxe teña dereito ás axudas previstas no artigo 35 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia deberá presentar certificado expedido polo habilitado da consellería de destino daquel, en que conste que no ano 2010 non percibiu ningunha das axudas do devandito artigo. Nos seguintes fondos de acción social será excluído da axuda o persoal funcionario cuxo cónxuxe sexa persoal laboral.

2.2. Contido:

Repartición da contía en cómputo anual, sinalada para esta axuda no punto 6 deste acordo, cos seguintes topes dependendo da renda familiar per cápita e do grao de discapacidade:

Ver referencia pdf "02700D006P010.PDF"

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes que sinala a anterior táboa de baremo, estes importes serán minguados nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta axuda, respectando, en todo caso, o importe mínimo de 1.300 euros establecido na dita táboa.

No caso de que a cualificación da discapacidade fose posterior ao 1-1-2010, ratearase a contía da dita axuda.

Ao persoal laboral solicitante desta axuda aboaráselle unicamente a diferenza do que tivese dereito a percibir consonte o artigo 35º do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que o grao da minusvalidez do causante fose igual ou superior ao 33%. A dedución realizarase aínda que o/a traballador/a non solicitase a axuda prevista no convenio ao órgano competente para a súa concesión.

2.3. Solicitude:

Normalizada e única para todos os causantes discapacitados polos que se solicita esta axuda.

2.4. Documentación:

Toda a que se detalla na norma xeral 2 do ámbito persoal se se opta á axuda na modalidade de baremo e, en todo caso:

-Para os fillos causantes:

a) Copia da cualificación oficial da discapacidade, expedida polo órgano competente. En caso de renovación ou alteración da porcentaxe de discapacidade no ano 2010, as dúas cualificacións.

b) Copia de todas as follas do libro de familia onde figuren edición, serie e número, cónxuxes e todos os fillos.

c) Se o discapacitado é maior de 16 anos deberá presentar certificado de vida laboral desde o 1-1-2009 da Tesouraría Territorial da Seguridade Social e, se é o caso, certificación de Facenda dos ingresos íntegros no ano 2009.

d) O persoal laboral descontinuo presentará certificado do habilitado da súa consellería relativo ao período do tempo traballado que tiña asignado o posto no ano 2010.

-Para os ascendentes, cónxuxes ou tutelados por sentenza xudicial firme:

a) Copia da cualificación oficial da discapacidade, expedida polo órgano competente. No caso de renovación ou alteración da porcentaxe da discapacidade no ano 2010, achegaranse as dúas cualificacións.

b) Copia do DNI do discapacitado.

c) Fe de vida do discapacitado.

d) Xustificación do parentesco do discapacitado co solicitante.

e) Certificado de convivencia/empadroamento conxunto do concello en que figure o discapacitado co solicitante.

f) Vida laboral do discapacitado da Tesouraría Territorial da Seguridade Social desde o 1 de xaneiro de 2009 e, se é o caso, certificación de Facenda dos ingresos íntegros no ano 2009. Non se precisa a vida laboral se o discapacitado percibe pensión de xubilación ou por incapacidade absoluta.

g) Certificado negativo ou positivo de pensións do Instituto Nacional da Seguridade Social do discapacitado correspondente ao ano 2009.

h) O persoal laboral descontinuo presentará certificado do habilitado da súa consellería relativo ao período do tempo de traballo que tiña asignado o posto no ano 2010.

3) Axudas por fillos menores.

3.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Xunta de Galicia, recollido na norma xeral 1.1, que teña fillos ao seu cargo que non alcancen a idade obrigatoria para os estudos de primaria no curso 2010/2011, isto é, os fillos nados entre o 1-1-2005 e o 31-12-2010.

3.2. Contido:

Repartición da contía sinalada para esta axuda na norma xeral 6 deste acordo, unha vez aplicada a renda per cápita da unidade familiar do ano 2009, tal e como se indica a seguir:

Ver referencia pdf "02700D006P010.PDF"

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes que sinala a anterior táboa de baremo, estes importes serán minguados nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta axuda, respectando sempre o mínimo de 150 euros.

3.3. Solicitude:

Normalizada e única para todos os fillos menores causantes.

3.4. Documentación:

Toda a que se detalla na norma xeral 2 se se opta á axuda na modalidade de baremo e, en caso contrario, só o libro de familia onde figuren edición, serie e número, cónxuxe e fillos.

Non obstante, o solicitante que non opte á modalidade de baremo non terá que achegar o libro de familia se xa foi beneficiario desta axuda no exercicio 2009.

4) Axuda para estudos por fillos.

4.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Xunta de Galicia, recollido na norma xeral 1.1, que teña fillos ao seu cargo nados antes do 1-1-2005 e que cursen estudos de primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos, universitarios e outros de carácter oficial segundo o Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, que dean lugar á obtención de títulos académicos oficiais expedidos pola Administración pública, todos eles durante o curso académico 2010/2011.

No ámbito universitario, queda excluído desta axuda o persoal que teña a matrícula do fillo subvencionada.

4.2. Contido:

Repartición da contía sinalada para esta axuda no punto 6 deste acordo, unha vez aplicada a renda per cápita da unidade familiar do ano 2009, tal e como se indica a seguir:

Ver referencia pdf "02700D006P010.PDF"

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes que sinala a anterior táboa de baremo, estes importes serán minguados nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta axuda respectando, en todo caso, o importe mínimo de 90 euros.

Se ao finalizar o prazo de presentación de solicitudes ou o prazo de reclamacións o solicitante non puidese, por non estar aberto o prazo de inscrición, presentar o documento de ter aboada a matrícula do curso 2010/2011 poderá ser beneficiario da axuda e aboaráselle con cargo ao fondo social do ano 2011.

4.3. Solicitude:

Normalizada e única para todos os fillos polos que solicita esta axuda.

4.4. Documentación:

Toda a que se detalla na norma xeral 2 do ámbito persoal se se opta á axuda na modalidade de baremo e, en todo caso:

a) Xustificante da matrícula no caso de fillos que superen a idade de estudos obrigatorios (16 anos).

b) No caso de estudos universitarios copia da matrícula referente ao curso 2010/2011, e deberá figurar o importe pagado, debidamente xustificado pola entidade bancaria correspondente.

c) Se é o caso, documentación acreditativa de ter aboada a matrícula do curso 2010/2011, despois do día seguinte ao prazo de reclamacións, antes do 30-9-2011 co fin de poder elevar a correspondente proposta de aprobación da axuda con cargo ao fondo de acción social do ano 2011.

d) Copia da totalidade das follas do libro de familia onde figuren as anotacións de edición, serie e número, cónxuxes e fillos, agás os causantes aprobados no ano 2009, sempre que non se acollan á modalidade de baremo.

5) Axuda para estudos do traballador.

5.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia recollido na norma xeral 1.1, que curse estudos durante o curso académico 2010/2011 de primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos, universitarios e outros de carácter oficial, segundo o Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, que dean lugar á obtención de títulos académicos, expedidos pola Administración pública, así como estudos de nivel intermedio ou avanzado en escolas oficiais de idiomas.

No ámbito universitario e escolas oficiais de idiomas, queda excluído desta axuda o persoal que teña a matrícula subvencionada.

5.2. Contido:

Repartición da contía sinalada para esta axuda no punto 6 entre todos os solicitantes beneficiarios segundo os seguintes criterios:

Ver referencia pdf "02700D006P010.PDF"

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes que sinala a anterior táboa de baremo, estes importes serán minguados nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta axuda, respectando, en todo caso, o importe mínimo de 200 euros.

Se ao finalizar o prazo de presentación de solicitudes ou o prazo de reclamacións o solicitante non puidese, por non estar aberto o prazo de inscrición, presentar o documento de ter pagada a matrícula do curso 2010/2011 poderá ser beneficiario da axuda e aboaráselle con cargo ao fondo social do ano 2011.

5.3. Solicitude:

Normalizada.

5.4. Documentación:

Toda a que se detalla na norma xeral 2 do ámbito persoal se se opta á axuda na modalidade de baremo e, en todo caso:

a) Copia cotexada da matrícula referente ao curso 2010/2011 en que debe figurar o curso en que se atopa matriculado e o importe pagado, debidamente xustificado pola entidade bancaria correspondente no caso de estudos universitarios.

No caso de estudos nas escolas oficiais de idiomas, copia cotexada da matrícula en que conste o nivel do curso e o importe pagado.

b) Se é o caso, documentación acreditativa de ter aboada a matrícula do curso 2010/2011, despois do día seguinte ao prazo de reclamacións, antes do 30-9-2011 co fin de poder elevar a correspondente proposta de aprobación da axuda con cargo ao fondo de acción social do ano 2011.

6) Axuda por adquisición de vivenda.

6.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia recollido na norma xeral 1.1, que adquira individualmente ou en copropiedade a súa única vivenda no ano 2010 para a unidade familiar e por única vez.

Quedan excluídos desta axuda os solicitantes que pertenzan ou pertencesen a unha unidade familiar, agás fillos emancipados, en que algún dos seus membros percibise esta axuda do fondo de acción social en anos anteriores.

Igualmente, quedan excluídos os membros de unidades familiares que teñan, individualmente ou en copropiedade, outra/s vivenda/s ademais da vivenda da solicitude.

A copropiedade dunha vivenda da cal, por decisión xudicial ou por existencia dun usufruto vitalicio, non pode facerse uso ou desfrute, é equiparable á carencia de vivenda.

Non terán dereito a esta axuda:

-O persoal interino docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-O persoal interino posterior ao 31-5-1990.

-O persoal laboral non fixo.

Para efectos da axuda de vivenda, a unidade familiar está constituída polos cónxuxes non separados legalmente, ou parella de feito, convivente, copropietario, solteiro/a, viúvo/a, divorciado/a, separado/a legalmente, irmáns ou persoas que convivan co solicitante.

6.2. Contido:

Contía máxima da axuda: 2.500,00 euros.

Repartición da contía sinalada para esta axuda na norma xeral 6 deste acordo, unha vez aplicada a renda per cápita do ano 2009 tal e como se indica a continuación:

Ver referencia pdf "02700D006P010.PDF"

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes que sinala a anterior táboa de baremo, estes importes serán minguados, agás o importe mínimo de 1.532 euros, nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta axuda.

6.3. Solicitude:

Normalizada para a unidade familiar.

6.4. Documentación:

Toda a que se detalla na norma xeral 2 se se opta á axuda na modalidade de baremo e, en todo caso:

a) Documento acreditativo da adquisición de vivenda segundo a forma de adquisición:

-Compra de vivenda: escritura notarial realizada no ano 2010.

-Autopromoción: certificado do final de obra, expedido por facultativo competente, visado polo Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e polo Colexio de Arquitectos durante o ano 2010.

b) Copia do DNI do solicitante e persoa que integre con el a unidade familiar.

c) Copia do documento de afiliación á Seguridade Social, Muface, Muxexu, Isfas, etc. do solicitante e persoa que integre con el a unidade familiar.

d) Informe de propiedades a nivel nacional emitido polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España por petición do solicitante no Rexistro da Propiedade correspondente e, se é o caso, do cónxuxe, parella de feito ou copropietario.

e) Se figuran propiedades no informe de propiedades a nivel nacional emitido polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, deberán solicitar nos rexistros que sinale o dito informe: certificación ou nota simple informativa de dominio, sen especificación de cargas, soamente das vivendas que teñan neses rexistros.

Na certificación ou nota simple informativa expedida e selada polos rexistros da propiedade debe constar a expresión: «…é a única vivenda que ten/teñen o/os titulares neste Rexistro da Propiedade».

f) Declaración do solicitante, baixo a súa responsabilidade, de non ser beneficiario nin el nin o seu cónxuxe ou parella de feito ou copropietario, de axuda de igual natureza por parte de ningún organismo público ou empresa privada.

g) Certificación expedida por Muface, Muxexu, Isfas ou mutualidade correspondente, en que conste expresamente que o/a solicitante, cónxuxe ou copropietario/a non recibiu axuda para vivenda con cargo a estas entidades na convocatoria de 2010. No suposto de que estes certificados indiquen a exclusión da axuda, o dito certificado deberá recoller expresamente a causa desta.

Son compatibles coas previstas no Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012 (DOG do 5 de novembro de 2009).

7) Axuda de maiores a cargo.

7.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia previsto na norma xeral 1.1 que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas o cónxuxe, familiares de 1º ou 2º grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme que teñan 65 ou máis anos e cuxos ingresos íntegros por rendementos de traballo ou prestacións de supervivencia non superen os 8.736 euros.

Esta axuda é incompatible coa axuda, deste fondo de acción social, de discapacitados.

7.2. Contido:

Repartición da contía en cómputo anual, sinalada para esta axuda na norma xeral 6 deste acordo, cos seguintes topes dependendo da renda familiar per cápita e dos anos que teña o maior causante:

Ver referencia pdf "02700D006P010.PDF"

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes que sinala a anterior táboa de baremo, estes importes serán minguados nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta axuda, respectando, en todo caso, o importe mínimo de 200 euros.

7.3. Solicitude:

Normalizada e única para todos os causantes maiores da unidade familiar polos que solicita esta axuda.

7.4. Documentación:

Toda a que se detalla na norma xeral 2 do ámbito persoal se se opta á axuda na modalidade de baremo e, en todo caso:

a) Documento nacional de identidade do maior causante.

b) Xustificación do parentesco do causante co solicitante.

c) Certificado de convivencia/empadroamento conxunto expedido polo concello, de todas as persoas que conviven no domicilio do solicitante.

d) Fe de vida do maior. No suposto de falecemento do causante no ano 2010 deberá presentarse certificado de defunción e a axuda ratearase ata a data de pasamento.

e) Certificación de pensións (negativo ou positivo) do Instituto Nacional de Seguridade Social do maior causante correspondente ao ano 2009.

f) Copia da declaración da renda do ano 2009 de Facenda do causante. Se non tivo que facer a declaración da renda, presentará certificación de Facenda da dita circunstancia onde constarán os ingresos íntegros no devandito ano. Non será preciso presentar declaración ou certificación se o causante percibe pensión de xubilación ou por incapacidade permanente absoluta.

8) Axuda por gastos sanitarios.

8.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia recollido na norma xeral 1.1.

8.2. Modalidades e contido:

8.2.1. Axudas por tratamentos e próteses bucodentais, audiovisuais e/ou ortopédicas do traballador, sempre que o seu importe, individual ou en conxunto, sexa igual ou superior a 135 euros.

O importe máximo que se percibirá neste punto será de 105 euros.

8.2.2. Axudas para a adquisición de produtos específicos para a alimentación de enfermos celíacos e trastornos similares de intolerancia a alimentos de carácter xenérico, destinados ao solicitante, cónxuxe, parella de feito ou fillos.

O importe máximo que se percibirá neste punto será de 105 euros.

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para respectar os importes sinalados anteriormente, estes serán minguados ata que os importes globais das solicitudes aprobadas non superen o orzamento establecido para esta axuda, respectando, en todo caso, o importe mínimo de 60 euros por tratamentos e próteses e de 60 euros por adquisición de produtos de alimentación.

8.3. Solicitude:

Normalizada e única para tratamentos, próteses e produtos específicos de alimentación.

8.4. Documentación:

Para a adquisición de próteses:

Fotocopias compulsadas da/s factura/s orixinal/ais en que deberá constar:

-Persoa que recibe o tratamento ou adquire a prótese.

-Custo do tratamento e/ou próteses e datas en que se recibiu e/ou adquiriu.

-Nome ou razón social, NIF ou CIF, domicilio e localidade de quen as estenda.

Para gastos alimentarios:

a) Informe dun/dunha facultativo/a da sanidade pública e/ou centros sanitarios concertados en que figure a intolerancia padecida polo causante.

b) Cando o causante da axuda sexa persoa distinta do solicitante, copia da totalidade das follas do libro de familia, onde figuren edición, serie, número, cónxuxe e fillos, agás os causantes aprobados no ano 2009.

c) Se o causante da axuda é parella de feito, certificado conxunto de convivencia ou empadroamento expedido polo concello.