DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 08 de febreiro de 2011 Páx. 2.153

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2011 pola que se procede á publicación dos requirimentos de emenda da documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 21 de xullo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética correspondentes ao exercicio 2010 (Diario Oficial de Galicia número 143, do 28 de xullo).

O órgano instrutor do procedemento administrativo previsto no artigo 10 da Resolución do 21 de xullo de 2010 (en diante, bases) procedeu á revisión da documentación das solicitudes referidas ás seguintes actuacións: auditorías enerxéticas a industrias (AEI); proxectos de aforro e eficiencia enerxética en industrias (PEI); estudos integrais de mobilidade urbana sustentable (EPM); estudos de viabilidade de actuacións de mobilidade urbana sustentable (VPM); plans de transporte para empresas (EPT); xestión de frotas de transporte por estrada (XFT); rehabilitación da envolvente térmica dos edificios existentes (ENV); mellora da eficiencia enerxética de instalacións térmicas nos edificios existentes (TER); construción de novos edificios con alta cualificación enerxética (CNE); auditorías enerxéticas en coxeracións (AEC); estudos de viabilidade para coxeracións (EVC); proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector pesqueiro (PES) e auditorías enerxéticas e proxectos de mellora de

eficiencia enerxética no sector agrario (AGR).

Na comprobación levada a cabo identificáronse tanto as solicitudes que dispoñen de toda a documentación necesaria, como aqueloutras que non reúnen algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria e que deberán ser obxecto de emenda.

O artigo 11º.2 das bases dispón: «Tales requirimentos de corrección serán notificados de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común». Agora ben, e por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, o mesmo artigo das bases sinala a seguir: «Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e a través do taboleiro electrónico habilitado para estes efectos na páxina web do Inega, onde se establecerá o contido pormenorizado do requirimento que se fai. Tamén se poderá facer indicación de que os seguintes actos administrativos do procedemento serán notificados a través do citado taboleiro».

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro.-Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non reúnen todos os requisitos necesarios para a súa valoración, por estaren suxeitas a emenda de documentación segundo o disposto nas bases reguladoras desta convocatoria. Esta relación xúntase como «Anexo-Solicitudes suxeitas a emenda de documentación».

Segundo.-Facer indicación expresa aos solicitantes recollidos en tal anexo de que son requiridos para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se indique no taboleiro electrónico. De non o facer, teranse por desistidos na súa petición de subvención e procederase ao arquivo do expediente, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, pola que se regula o réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceiro.-Sinalar o taboleiro electrónico como o único medio onde se remite aos interesados para que obteñan a información particularizada sobre os motivos do requirimento. Os seguintes actos integrantes do procedemento serán igualmente notificados a través do citado taboleiro. Para acceder ao seu contido establécense dúas posibilidades:

1ª Acceso pola páxina web do Instituto Enerxético de Galicia www.inega.es na parte dereita da portada, na opción Taboleiro electrónico, onde, unha vez que acceda, deberá teclear o código electrónico que aparece na esquina inferior dereita da solicitude.

2ª Acceso a través do correo electrónico remitido a cada solicitante, sen necesidade de teclear o código electrónico, pois enlaza directamente co taboleiro de modo que o usuario xa ten á vista os documentos que figuran no arquivo.

Cuarto.-En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o período de emenda poderán dirixirse a esta entidade pública a través dos teléfonos 981 54 15 36 / 881 99 98 02/981 54 15 37, do número de fax 981 54 15 15 ou do enderezo de correo electrónico info@inega.es

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2011.

Eliseo Diéguez García

Director do Instituto Enerxético de Galicia

Ver referencia pdf "02600D030P033.PDF"