DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 08 de febreiro de 2011 Páx. 2.133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2011 pola que se convocan as bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2011, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria das bases do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11º.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

-Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

-Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

-Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.

Destinatarios/as.

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11º.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no que se inclúe unha práctica cuadrimestral para o persoal dos concellos interesados.

Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remitir o anexo que se xunta á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 25 de febreiro de 2011.

As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp número 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán estar autorizadas no anexo correspondente pola Alcaldía, concellaría ou xefe de persoal, segundo proceda.

A Academia Galega de Seguridade Pública, rematado o prazo de presentación de solicitudes, establecerá unha quenda ou programa cuadrimestral para que cada concello escolla a data e a hora que mellor se acomode á disposición do servizo do seu corpo de policía local.

Ademais, todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer a súa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Calendario anual.

1º cuadrimestre: mes de marzo (do 14 ao 24 de marzo).

2º cuadrimestre: mes de xuño.

3º cuadrimestre: mes de outubro.

Determinación da data das prácticas.

Configurado o plan anual segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante en cada práctica, sinalando o día e a hora desta.

Control e cartilla de tiro.

O persoal de policía non poderá desenvolver máis dunha práctica por cuadrimestre.

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de febreiro de 2011.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "02600D006P013.PDF"