DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 08 de febreiro de 2011 Páx. 2.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 13 de xaneiro de 2011 pola que se regulan as bases para a concesión de axudas dirixidas a compensar os danos causados polo temporal acaecido en Galicia os días 8 e 9 de novembro de 2010, que afectasen embarcacións con porto base en Galicia e artes e aparellos calados ou depositados en portos da comunidade autónoma.

Os días 8 e 9 de novembro Galicia foi afectada por un temporal coñecido como Becky. Malia térense activado todas as alertas e adoptado as medidas de protección e autoprotección pertinentes, a virulencia extraordinaria do temporal, en particular pola forza do vento de 120 km/h nalgúns puntos e a forte vaga de mar que chegou a alcanzar a altura de vinte metros, e provocou a perda de vidas humanas, desbordamento de ríos, cortes de estradas, o amarre da frota pesqueira e considerables danos materiais en vías publicas, paseos marítimos, portos e establecementos mercantís e vivendas en zonas costeiras.

Máis concretamente, o día 7 de novembro a Axencia Estatal de Metereoloxía emitiu alertas de nivel vermello por ventos e fenómenos costeiros de grande intensidade nas costas de Lugo e a A Coruña para o día 8. Este aviso foi estendido ao resto da costa cantábrica para o día 9 de novembro, situación que se mantivo durante toda a xornada.

Igualmente o día 7 de novembro declaráronse alertas de nivel laranxa para o día seguinte nas áreas costeiras de Pontevedra, Asturias, Cantabria, País Vasco, Cádiz, Granada, Almería, Ceuta, Melilla e Illas Baleares. Esta alerta estendeuse a outras zonas interiores do país, manténdose o nivel de aviso, segundo zonas, mesmo ata o día 10.

Segundo o informe emitido por Meteogalicia, no cal se analiza a rede de boias de Portos do Estado; a de Langosteira (noroeste de Galicia), boia de Vilán -Sisargas (oeste de Galicia) e boia de Silleiro (sur da comunidade), este temporal foi un dos tres máis severos dos últimos cinco anos xunto co paso do Klaus (en xaneiro de 2009, que foi declarado desastre natural pola Comisión Europea) e o temporal de marzo de 2008, que bateu todos os records de altura de ondas. Este informe sinala que a boia de Langosteira acadou alturas de onda da mesma orde que as acadadas o 9 de novembro de 2010, se ben que agora os valores foron un pouco máis altos.

Entre as consecuencias máis graves destes fenómenos cabe destacar tres falecementos en Galicia.

Así mesmo, na cidade de A Coruña o forte temporal provocou a caída da balaustrada do paseo marítimo, e afectou outros elementos do mobiliario urbano e a toma de auga, o que causou inundacións dunha parte da calzada. Ademais, o mar desprazou pedras de grandes dimensións e provocou desperfectos no mobiliario doutras partes da cidade. En Lugo, a forza do mar destruíu parte do peirao de San Cibrao e causou danos nas casetas de pescadores en Cervo. Na provincia de Pontevedra a intensidade do vento provocou varios accidentes de trafico e cortes na estrada A-55.

Esta ondaxe excepcional afectou en grande medida os portos da comunidade autónoma e o sector pesqueiro provocando diversos danos materiais nas embarcacións e nas artes e aparellos calados e depositados nos portos. Todos estes prexuízos producíronse a pesar dos esforzos que as distintas administracións con competencias nesta materia levaron a cabo neste tempo, tanto en labores de prevención como en actuacións desenvolvidas durante a emerxencia.

A natureza extraordinaria do acontecido, a magnitude das ondas e as súas consecuencias obrigan á adopción de medidas de axuda para reparar e paliar, na medida do posible, os danos e perdas sufridos, que se financiaran co cargo aos orzamentos da Consellería do Mar.

Consecuentemente co exposto, esta orde ten como obxectivo determinar as axudas que a Consellería do Mar, dentro do ámbito das súas competencias, poñerá en marcha para paliar os danos derivados do temporal que sufriu Galicia no 8 e 9 de novembro de 2010.

Xa que logo, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As axudas previstas nesta orde aplicaranse á reparación de danos causados polo temporal acaecido en Galicia os días 8 e 9 de novembro de 2010, que afectasen embarcacións con porto base en Galicia e artes e aparellos calados ou depositados en portos da comunidade autónoma, nos termos que se conteñen nesta orde e polas contías que nela se establecen.

Artigo 2º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario e complementario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

Para a concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento, ambos nos seus preceptos básicos.

d) Normativa comunitaria de aplicación ás axudas.

Artigo 4º.-Procedemento de concesión.

1. Estas axudas outorgaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva, consonte o disposto no artigo 19º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos xa que polo obxecto e a finalidade da subvención, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

2. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento abreviado establecido no artigo 22º de Lei 9/2007, polo que non intervirá o órgano avaliador a que se refire a citada norma legal.

Artigo 5º.-Beneficiarios e finalidade das axudas.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de embarcacións con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia que sufrisen danos en embarcacións da terceira lista inscritas no Censo de frota pesqueira operativa e con permiso de explotación conforme a legalidade vixente.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de artes e aparellos calados ou depositados en portos da comunidade autónoma que sufrisen danos ou a perda total delas e sexan titulares de permiso de explotación conforme a legalidade vixente.

2. En todo caso, debe quedar suficientemente acreditada a relación de causalidade entre os danos producidos e o temporal acaecido.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. As axudas públicas reguladas nesta orde financiaranse cos orzamentos da Consellería do Mar con cargo aos créditos que se establezan na orde de convocatoria.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente. En caso de que o número de solicitudes supere o crédito dispoñible, procederase ao rateo do importe global máximo previsto entre os beneficiarios da subvención segundo o disposto no artigo 19º.3 da Lei 9/2007.

Artigo 7º.-Solicitudes. Forma, lugar e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse mediante os modelos normalizados que se aproben na orde de convocatoria. Ás solicitudes deberán xuntarse os documentos que se determinan no número 3 deste artigo.

2. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros da Xunta de Galicia regulados e determinados no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto cos formularios normalizados de solicitude, os solicitantes deberán presentar un exemplar, en orixinal ou copia compulsada polos servizos administrativos da Xunta de Galicia ou autenticada notarialmente, da seguinte documentación:

a) DNI, no caso de persoas físicas (só no suposto de non autorización para a comprobación dos datos de carácter persoal, consonte o artigo 9º.1 desta orde) e NIF, no caso de persoas xurídicas. Nos supostos de representación, documentos acreditativos desta.

b) Escrituras de constitución e modificación e estatutos, no caso de persoas xurídicas.

c) Permiso de explotación conforme a legalidade vixente.

d) Certificado de inscrición no Censo da frota operativa (só para danos producidos en embarcacións).

e) Memoria descritiva dos danos causados e do correspondente investimento para a súa reparación, con detalle do orzamento ou facturas pro forma desagregados por partidas e do calendario de execución, acompañada polo proxecto técnico no caso de ser exixido para o tipo de obra ou investimento que se vaia realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

f) Informe pericial subscrito por perito colexiado ou taxación de danos realizada por entidade aseguradora ou, se for o caso, polo Consorcio de Compensación de Seguros.

g) Declaración xurada de que os danos son consecuencia do temporal acaecido.

h) Póliza de aseguramento e/ou declaración xurada de que os bens danados para os cales solicita as axudas non están asegurados, están asegurados na súa totalidade ou están asegurados parcialmente (consonte o anexo que aprobe a orde de convocatoria).

i) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución (consonte o anexo que aprobe a orde de convocatoria).

j) Acreditación de titularidade de conta bancaria para os efectos de aboamento da axuda, mediante certificación de entidade bancaria.

k) Declaración xurada de que a persoa solicitante non está incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiario do artigo 10º.2 da Lei de subvencións de Galicia, coa excepción da prevista na letra e), relativa ao cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e ao pagamento de débedas pendentes coa Administración publica da comunidade autónoma, xa que, consonte o disposto no artigo 48º.1 ñ) da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, se exime de achegar os xustificantes correspondentes á inexistencia destas obrigas nos supostos de axudas de carácter compensatorio ou indemnizatorio, como é o caso das reguladas nesta orde (consonte o anexo que aprobe a orde de convocatoria).

4. As solicitudes presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Contía das axudas.

1. A Consellería do Mar poderá conceder unha subvención por importe do custo da reparación ou reposición dos danos ocasionados nas embarcacións ata un límite de 8.000 € por embarcación e 1.500 euros por arte ou aparello, en función das dispoñibilidades orzamentarias e do número de solicitudes, tendo en conta, en todo caso, o disposto no artigo 2º desta orde.

2. A Consellería do Mar levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias para garantir unha óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas, podendo a este respecto solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información dos solicitantes.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria e, de conformidade co artigo 20º.3 da Lei de subvencións de Galicia, comportará, salvo denegación expresa, a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

Consonte o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, do xeito que sinala a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo), que desenvolve o anterior decreto.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

2. De conformidade co artigo 20º.3 da Lei de subvencións de Galicia, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está en poder da Administración actuante, poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, para non ter que presentala. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificar o formulario de solicitude e o procedemento administrativo para a cal foi presentada.

Artigo 10º.-Órganos competentes.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse á conselleira do Mar, correspondendo a súa tramitación e instrución á secretaria xeral, de conformidade coa distribución competencial establecida no Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

2. O órgano competente para a resolución das solicitudes será a conselleira do Mar, que delega esta competencia no secretario xeral da Consellería do Mar.

Artigo 11º.-Instrución.

1. De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular as alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13º.-Resolución.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, logo de informe da Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica correspondente sobre a documentación presentada, formularase proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á conselleira do Mar para que dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove (9) meses contados a partir da publicación da orde de convocatoria. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo negativo.

3. Segundo dispoñen os artigos 15º e 24º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as resolucións serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e notificadas de acordo co establecido no artigo 58º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán tamén publicadas na paxina web da Consellería do Mar tal e como dispón o artigo 9º.1, parágrafo cuarto desta orde.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. A reposición dos danos deberá ter lugar no prazo máximo de tres meses desde a notificación da resolución de concesión de axuda.

2. O perceptor da axuda queda obrigado a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo a memoria e o proxecto básico presentados, de xeito que se manteña a situación existente antes de producirse o temporal. Para tal efecto, achegará no prazo dos quince días seguintes ao da finalización do recollido no punto primeiro, a seguinte documentación xustificativa:

-Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

-Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

a) Facturas xustificativas de materialización da reparación ou reposición dos danos indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento dos gastos realizados.

b) E calquera outro documento que xustifique o emprego da axuda na reparación ou reposición dos danos.

3. O pagamento das axudas terá lugar unha vez xustificada a reposición ou reparación dos danos producidos. A Consellería do Mar reserva para si a facultade de comprobación in situ dos traballos realizados para verificar a súa conformidade coa memoria e o proxecto.

Artigo 16º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto por silencio administrativo negativo, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto por silencio administrativo negativo.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 17º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios quedan sometidos ao réxime de obrigas previsto no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as cales se atopa a de someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puideren corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 18º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-No non previsto nestas bases aplicarase a normativa prevista á que alude o artigo 3º desta orde, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-O pagamento destas axudas estará condicionado á decisión positiva da Comisión Europea sobre a compatibilidade destas co mercado común, de acordo co establecido no artigo 108º.3 do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2011.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar