DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 08 de febreiro de 2011 Páx. 2.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 13/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de remate das obras de acondicionamento e ensanche da E.P. 0507 Portela-Valiñas-Portas da Deputación Provincial de Pontevedra.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día vinte e catro de setembro de dous mil dez, aprobou o proxecto de remate das obras de acondicionamento e ensanche da E.P. 0507 Portela-Valiñas-Portas e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3º da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, esta obra vén xustificada pola necesidade de evitar os accidentes e o perigo que supón o estado actual da estrada como consecuencia do aumento da velocidade na circulación de vehículos naqueles tramos da estrada xa acometidos e cuxos conductores atopan, neste tramo intermedio, unha calzada de trazado deficiente e cuns largos primitivos que precisan melloras, o que implica un risco tanto para a súa integridade física como para a dos peóns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27º.2 e 28º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de remate das obras de acondicionamento e ensanche da E.P. 0507 Portela-Valiñas-Portas da Deputación Provincial de Pontevedra. De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza