DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 04 de febreiro de 2011 Páx. 1.994

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

DECRETO 9/2011, do 20 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

En virtude do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, apróbase a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

De conformidade coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e baixo o principio de transversalidade no exercicio das competencias autonómicas sobre emprego e relacións laborais creouse a Unidade Administrativa de Igualdade no departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo. Actualmente a dita unidade desenvolve as funcións na Vicesecretaría Xeral da consellería.

Con data do 27 de outubro de 2010 publícase a Lei 7/2010, do 15 de outubro, pola que se suprime o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e modifícanse determinados artigos da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, entre os artigos modificados figura o artigo 7º sobre a Unidade Administrativa de Igualdade. Así, de conformidade coa modificación da lei e para o efectivo cumprimento do principio de transversalidade que inspira o seu funcionamento, cómpre a modificación do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, coa revisión da súa denominación e dependencia directa.

Por outra banda, o volume de procedementos sancionadores na orde social e os contenciosos xerados determinan a necesidade de crear unha unidade administrativa específica na Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Por último, faise necesaria a revisión da orde da suplencia para os titulares dos órganos da consellería establecida na disposición adicional primeira. Así mesmo, tense en conta a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34º.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, queda redactado como segue:

Un. Modifícase o punto primeiro do artigo 6º. Estrutura, do capítulo I.

«Artigo 6º.-Estrutura.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

-Vicesecretaría Xeral.

-Subdirección Xeral de Persoal.

-Subdirección Xeral de Contratación e Control.

-Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

-Subdirección Xeral de Tecnoloxías da Información.

-Unidade Administrativa de Igualdade».

Dous. Modifícanse os puntos segundo e terceiro do artigo 7º. Vicesecretaría Xeral, do captítulo I.

«2. É a unidade encargada da coordinación dos servizos de carácter xeral; da organización do rexistro xeral e do arquivo; de velar polo sistema de xestión dos procedementos administrativos, o mantemento de instalacións e vehículos adscritos ao departamento; da coordinación das publicacións e estatísticas.

Correspóndelle a coordinación en materia de contratación administrativa e o impulso da elaboración do anteproxecto de orzamento da consellería; a elaboración do da Secretaría Xeral Técnica e a coordinación, seguimento e control da súa execución e a planificación e seguimento dos investimentos da consellería.

Así mesmo, correspóndelle a xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de contratación e xestión do gasto que lle asigne o/a secretario/a xeral técnico/a para unha óptima racionalización dos recursos de que a dita secretaría dispón.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións contará con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

a) Servizo de Xestión do Gasto e Control Orzamentario.

Correspóndelle a este servizo o desenvolvemento das seguintes funcións:

-A coordinación e impulso da elaboración do anteproxecto de orzamento da consellería, elaboración do da Secretaría Xeral Técnica, coordinación, seguimento e control da súa execución, así como a proposta e xestión das súas modificacións.

-A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

-A planificación e habilitación orzamentaria para gastos de mantemento das distintas unidades administrativas e oficinas de emprego, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos para xustificar.

-O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

b) Servizo de Investimentos e Xestión Contractual.

Correspóndelle a este servizo:

-A coordinación e elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación.

-A tramitación dos expedientes de contratación non atribuídos expresamente a outros órganos da consellería, así como calquera outra xestión vinculada a estes expedientes.

-O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o seu uso xeral e compartido por todos os órganos da consellería.

-O apoio á Vicesecretaría Xeral na planificación, impulso e control das necesidades en materia de contratación dos distintos centros dependentes da consellería e departamentos territoriais.

-O seguimento, impulso e control dos investimentos dos servizos xerais da consellería».

Tres. Engádese un novo artigo 11º bis no capítulo I.

«Artigo 11º.bis.-Unidade Administrativa de Igualdade.

A Unidade Administrativa de Igualdade, con dependencia directa do/a secretario/a xeral técnico/a e categoría de servizo, integrará a dimensión de xénero no ámbito das competencias atribuídas á Consellería de Traballo e Benestar e estará coordinada co departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Desenvolverá as funcións recollidas no artigo 8º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia».

Catro. Modifícase o punto segundo do artigo 18º. Subdirección Xeral de Traballo, do capítulo III. Da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

«2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades:

a) Servizo de Relacións Laborais.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes de regulación de emprego e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

-A xestión e tramitación das axudas competencia da subdirección.

-O depósito, rexistro e publicación de convenios colectivos, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

-Depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

-Execución e coordinación das funcións que lle corresponden á autoridade laboral en materia de eleccións sindicais.

-A recepción, o seguimento e a coordinación das declaracións de folgas e peches patronais, así como a xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

-A tramitación das autorizacións administrativas e o rexistro das empresas de traballo temporal.

-A preparación de ditames, normativa, estatísticas e demais informes na área de traballo e relacións laborais.

-Desenvolvemento de actuacións en materia de responsabilidade social empresarial.

-Todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

b) Servizo de Informes, Sancións e Recursos.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguines funcións:

-A tramitación dos expedientes sancionadores por infraccións na orde social da competencia da dirección xeral, tanto en primeira instancia como en fase de recurso.

-Seguimento das sancións impostas ata o seu pagamento efectivo.

-Coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes sancionadores e a unificación de criterios.

-Coordinación cos gabinetes xurídicos para a mellora do procedemento sancionador.

-Coordinación coa xurisdición competente respecto dos procedementos sancionadores.

-Coordinación cos departamentos territoriais na tramitación dos expedientes sancionadores e na unificación de criterios.

-Coordinación coa Administración da Seguridade Social nos procedementos con recargo de prestacións.

-Mantemento do Rexistro de Sancións.

-Elaboración de disposicións, informes e recursos en materia de relacións laborais

-Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

Cinco. Modifícase a disposición adicional primeira que queda redactada como segue:

«Primeira.-En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos titulares das secretarias xerais e direccións xerais das áreas da Consellería de Traballo e Benestar, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, como a continuación se indica:

a) Na área de traballo, pola persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais. No seu defecto, pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego e, no seu defecto, pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

b) Na área de benestar, pola persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar. No seu defecto, pola persoa titular da Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal e, no seu defecto, pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado».

Disposición adicional

Única.-As referencias á Secretaría Xeral e aos departamentos territoriais contidas no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, así como en normas de igual ou inferior rango, entenderanse realizadas no sucesivo á Secretaría Xeral Técnica e ás xefaturas territoriais respectivamente, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar