DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 03 de febreiro de 2011 Páx. 1.954

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O 31 de decembro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na cal se establece unha nova regulación dos distintos tipos de órganos que integran a Administración xeral da comunidade autónoma. Así, o capítulo II do seu título I determina a súa organización en consellerías e regula os órganos centrais e periféricos, así como os órganos superiores e de dirección.

A lei reserva a denominación de secretarías xerais para aqueles órganos directamente responsables da execución da acción de goberno nun sector de actividade específica dunha consellería baixo a dirección da persoa titular desta, mentres que clasifica como órganos de dirección as secretarías xerais técnicas, as direccións xerais e equivalentes.

Por outra banda, polo que respecta aos órganos territoriais, substitúe a denominación de departamentos territoriais, contida no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, pola de xefaturas territoriais.

Xa que logo, cómpre adaptar a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia á nova regulación establecida pola Lei 16/2010, e todo isto sen que supoña ningún incremento de gasto, conforme os principios de austeridade, eficacia e eficiencia. Deste xeito, establécense disposicións relativas á conservación de actos administrativos, así como das existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto, que se seguirán utilizando ata que se esgoten.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

a) A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Xustiza.

3. Dirección Xeral de Administración Local.

4. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

5. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

6. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

7. Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

b) Quedan adscritas organicamente a esta consellería as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As delegacións territoriais, configuradas como órganos de dirección, terán nivel orgánico de dirección xeral.

c) Así mesmo, quedan adscritas a esta consellería as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

d) Igualmente, quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

2. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

3. O ente público Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 2º

a) A Consellería de Facenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Tributos.

5. Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

6. Dirección Xeral de Planificación e Fondos.

7. Dirección Xeral da Función Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O organismo autónomo Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

3. O ente público Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable.

4. O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

Artigo 3º

a) A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

b) A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Infraestruturas.

3. Dirección Xeral de Mobilidade.

4. Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

2. O organismo autónomo Augas de Galicia.

3. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

4. O ente público Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

5. O Xurado de Expropiación de Galicia, con nivel orgánico de dirección xeral.

Artigo 4º

a) A Consellería de Economía e Industria estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

3. Dirección Xeral de Comercio.

4. Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Consumo.

2. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

3. O ente público Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 5º

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral de Universidades.

2. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

b) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

c) Queda adscrito a esta consellería o ente público Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

Artigo 6º

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

b) Queda adscrito a esta consellería o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde

Artigo 7º

a) A Consellería de Cultura e Turismo estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral para o Turismo.

b) A Consellería de Cultura e Turismo estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica

2. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

3. Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

c) Queda adscrita a esta consellería a axencia pública Axencia Galega das Industrias Culturais.

Artigo 8º

a) A Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral de Familia e Benestar.

b) A Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

3. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

4. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

5. Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

6. Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

2. O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

Artigo 9º

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

3. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

4. Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

5. Dirección Xeral de Montes.

6. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O ente público Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

Artigo 10º

a) A Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica.

3. Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

4. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-As referencias ás secretarías xerais nos decretos polos cales se desenvolven as estruturas orgánicas das diferentes consellerías, así como en normas de igual ou inferior categoría, que mediante este decreto se pasan a denominar secretarías xerais técnicas, entenderanse realizadas no sucesivo ás referidas secretarías xerais técnicas.

Así mesmo, as referencias nos nomeamentos e nas dilixencias de tomas de posesión das persoas titulares dos ditos postos entenderanse realizadas como secretarios/as xerais técnicos/as.

Segunda.-As referencias aos departamentos territoriais contidas nos decretos polos cales se desenvolven as estruturas orgánicas das diferentes consellerías, así como en normas de igual ou inferior categoría, entenderanse realizadas no sucesivo ás xefaturas territoriais.

Terceira.-Os órganos superiores e os órganos de dirección previstos nesta norma asumirán as funcións e competencias establecidas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, sen prexuízo das competencias xerais determinadas nos artigos 23 a 26 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cuarta.-As referencias aos correspondentes conselleiros, conselleiras e consellerías, contidas na normativa reguladora dos diferentes organismos autónomos e entes públicos, deberán entenderse referidas respectivamente a aqueles aos cales están adscritos en virtude do disposto neste decreto.

Disposición transitoria

Única.

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto seguirán utilizándose ata que se esgoten.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material, aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza