DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 02 de febreiro de 2011 Páx. 1.807

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 e os puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27º.23, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3º e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e, no artigo 3º i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 15º b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar no título I, ámbito competencial e organización xeral da consellería, artigo 1º, recolle, entre outras, como competencias da Consellería de Traballo e Benestar os servizos sociais, incluíndo as políticas de familia e menores.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora das escolas infantís 0-3 anos como recurso educativo e de prestación de servizos ás familias galegas, que contribúa tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e das nenas, como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. A construción dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 anos, como proxecto artellado e de calidade, en cooperación cos concellos, é peza fundamental para o logro deste obxectivo.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario no que se vaia materializar a contraprestación, e supeditada á aprobación e publicación da Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.312B.460.2, recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 19 de outubro de 2010, e o importe destinado a elas ascenderá a 2.547.177 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Normas xerais

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular as bases que rexerán o procedemento de concesión, así como a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 e os puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais de Galicia, para o ano 2011.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán solicitar estas axudas as corporacións locais galegas que, ademais dos requisitos xerais e específicos establecidos nesta orde, reúnan as seguintes condicións:

a) Que teñan en funcionamento ou ben unha/s escola/s infantil/ís 0-3 ou ben un/s punto/s de atención á infancia (PAI) da súa titularidade.

b) Que a corporación local non pertenza ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou, no caso de pertenza ao consorcio, que, tendo subscrita a súa adhesión, non iniciase o proceso de transferencia da xestión do/s centro/s da súa titularidade no momento de remate do prazo establecido para a presentación de solicitudes, circunstancia esta última que se acreditará mediante a correspondente certificación da xerencia do consorcio.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Artigo 3º.-Requisitos xerais.

As entidades locais que soliciten as axudas reguladas nesta orde, ademais dos requisitos específicos establecidos para cada tipo de centro, deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

1. Que o centro cumpra os requisitos establecidos no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais (DOG do 31 de xullo de 2007), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto de 2005), así como a normativa de desenvolvemento, se é o caso.

2. Que os centros presten servizos cinco días á semana durante todo o ano, co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar das/os nais/pais ou representantes legais dos usuarios, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e salvo causa xustificada, logo de autorización da Consellería de Traballo e Benestar.

3. Ter xustificado, nos prazos previstos e, en todo caso, no momento de presentar a solicitude de axuda, os gastos correspondentes ás axudas recibidas en anos anteriores con esta mesma finalidade.

Artigo 4º.-Tipo de axuda.

Nesta orde convócanse axudas para o mantemento dos centros que teñen como finalidade compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 5º.-Criterios de valoración e concesión.

No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración, e o cálculo da axuda de acordo cos módulos dos artigos 17º ou 21º, segundo corresponda:

a) Centros pertencentes a corporacións locais que en anos anteriores recibiron axudas ou subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto e obtiveron unha valoración satisfactoria: 3 puntos.

b) Segundo o tempo de funcionamento do centro dende a data do permiso de inicio de actividades:

-Inferior a 3 anos: 1 punto.

-Entre 3 e 5 anos: 2 puntos.

-Superior a 5 anos: 3 puntos.

Artigo 6º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán participar no financiamento ao menos cun 30% do orzamento total do centro.

Artigo 7º.-Límite das axudas.

O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos do centro (anexo II).

b) Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ao mantemento do centro.

c) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida, agás no caso de corporacións locais beneficiarias das mesmas axudas no ano 2010 e que indiquen unha conta xa certificada.

d) Memoria do centro do curso escolar 2009/2010.

e) Declaración de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas (anexo IV).

f) Normativa municipal de prezos do centro ou no seu defecto certificación sobre a tarifa de prezos.

g) No caso de escolas infantís 0-3, declaración conforme contan con proxecto educativo adaptado á estrutura que figura como anexo VII desta orde, así como, coa proposta pedagóxica de acordo co currículo de educación infantil de Galicia, que deberán estar a disposición da Secretaría Xeral de Familia e Benestar para calquera comprobación que sexa precisa.

2. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

3. De conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a entidade solicitante indica que certa documentación exixida neste procedemento xa estivese en poder de calquera órgano da Administración actuante e desexa acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35º da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, deberá facer constar a data e o órgano ou a dependencia no que foi presentada ou, se é o caso, emitida, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

4. As corporacións locais que soliciten por primeira vez as axudas desta orde, no caso de resultar beneficiarias, deberán enviar a normativa municipal de prezos adaptada ao disposto no artigo 19º desta orde no prazo de tres meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo, todas as corporacións locais beneficiarias das axudas deberán informar das modificacións de prezos que se produzan durante o ano 2011.

Artigo 9º.-Publicidade.

1. Segundo o establecido no artigo 15º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, se é o caso, a entidade beneficiaria autoriza á Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións impostas.

Artigo 10º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas á Consellería de Traballo e Benestar (Secretaría Xeral de Familia e Benestar-San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), e mais a documentación requirida presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38º.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, realizará os seguintes trámites:

a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase á entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42º da mesma lei.

b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais sobre as condicións actuais dos centros solicitantes para efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

c) Remitir os expedientes unha vez revisados e completados, se é o caso, á comisión de valoración.

2. Conforme o establecido no artigo 21º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración para estes efectos.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta: a persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores.

Vogais: tres funcionarios/as designados pola Secretaría Xeral de Familia e Benestar por proposta da/o subdirectora/r xeral de Familia e Menores, actuando un deles como secretario/a.

Á dita comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, unha/un representante da intervención competente.

3. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios e contías establecidos nos artigos 5º, 17º e 21º desta orde, a Comisión de Valoración emitirá informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

A persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar elevará o informe xunto coas propostas de resolución ao órgano competente para a súa resolución, propoñendo a concesión ou denegación das axudas.

Cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas ás aducidas pola entidade interesada, formularase unha proposta de resolución provisional que se lle notificará á entidade interesada para que no prazo de dez días presente as alegacións que crea pertinentes, de acordo co disposto no artigo 21º de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Prescindirase deste trámite cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta feitos nin outras alegacións que as aducidas pola entidade interesada, tendo, neste caso, a proposta de resolución carácter de definitiva.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, que terá lugar no prazo de quince días desde a elevación da proposta pola Secretaría Xeral de Familia e Benestar, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle á conselleira de Traballo e Benestar.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses contados a partir da data de publicación desta orde, transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes desde o día seguinte da notificación, de conformidade cos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Alternativamente ou sucesivamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. Notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da axuda, que será necesariamente antes do 3 de decembro de 2011 e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas (anexo IV), tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a seguir:

A) Para aquelas que non superen o importe de 18.000 euros poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

B) Para aquelas que superen os 18.000 euros, ademais da cantidade indicada no punto anterior, poderá anticiparse un 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, a cantidade restante librarase unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

A corporación local receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III, no caso de centros con xestión indirecta xuntarase así mesmo unha conta de resultados formalizada pola empresa segundo o modelo anexo III bis.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 14º.-Reintegro.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11º e 12º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido no artigo 107º do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. No suposto previsto no punto 3 do artigo 17º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As corporacións locais beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:

1. Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar respecto dos centros subvencionados.

2. Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actividade obxecto de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

5. Informar a Secretaría Xeral de Familia e Benestar sobre a obtención doutras axudas ou sobre a modificación das circunstancias que incidan na concesión da subvención.

Capítulo II

Normas específicas

Sección primeira

Parte específica de axudas a escolas infantís 0-3.

Artigo 16º.-Requisitos específicos.

As entidades locais que soliciten as axudas para o mantemento de escolas infantís 0-3, e sen prexuízo da autonomía municipal, deberán cumprir os seguintes requisitos específicos:

1. Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VI.

2. A adaptación do proxecto educativo á estrutura establecida no anexo VII desta orde.

Artigo 17º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Os módulos de referencia para o cálculo da axuda anual para gastos de mantemento están en función do tipo de xestión, do número de unidades da escola infantil 0-3 e da prestación ou non do servizo de comedor. As contías anuais serán as seguintes:

Ver referencia pdf "02200D008P035.PDF"

Para estes efectos enténdese por servizo de comedor cando sexa prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de cátering), incluídos os alimentos. En todo caso, este servizo incluirá o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea. Así mesmo, deberá existir á disposición dos/as pais/nais unha relación semanal dos menús previstos, os cales deberán proporcionar unha dieta equilibrada e axeitada á idades dos/as nenos/as.

2. Aqueles centros en que logo de autorización da Consellería de Traballo e Benestar, non se preste servizo os doce meses anuais, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar na proporción correspondente ao tempo en que non estea o centro en funcionamento.

3. A contía a subvencionar non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2011 segundo os datos económicos consignados no anexo II (datos do centro).

4. A contía total da axuda terá como límite máximo o 50% do orzamento do centro.

5. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.

Artigo 18º.-Renda per cápita mensual.

1. Para os efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ao 33%. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita á que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para os efectos desta orde, teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral mais base impoñible do aforro do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles á que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Para os efectos desta orde e para os efectos do cálculo da renda per cápita mensual teranse en conta os ingresos correspondentes ao ano 2009.

4. Para os efectos desta orde considérase familia monoparental a constituída por un só proxenitor co que convive a/o filla/o e que constitúe o sustentador único da familia (acreditada mediante fotocopia compulsada do libro de familia, certificado de convivencia, sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución xudicial sobre as medidas paterno-filiais).

Artigo 19º.-Prezos.

1. Sen prexuízo da autonomía municipal, as corporacións locais que sexan beneficiarias destas axudas deben asumir a obriga de establecer como prezos máximos a aboar polos/as usuarios/as das escolas infantís 0-3 as contías máximas reguladas no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro (DOG do 13 de marzo), polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, ou norma que o substitúa.

2. Os prezos sinalados nos puntos anteriores refírense aos servizos básicos prestados pola escola infantil 0-3 ás unidades familiares. Para estes efectos, enténdese por servizos básicos, a asistencia ao centro, o comedor e o transporte.

3. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto aos especificados no punto anterior, o prezo deste servizo será establecido libremente pola corporación local titular do centro e, en todo caso, a súa utilización será voluntaria pola unidade familiar.

Artigo 20º.-Obrigas específicas para as escolas infantís 0-3.

1. En relación coas solicitudes de novo ingreso na escola infantil 0-3:

A) Adaptar os modelos de solicitude de praza que conterán, como mínimo, a información do modelo que figura como anexo V desta orde. A/o solicitante de praza deberá achegar xunto coa solicitude a documentación que corresponda en cada caso.

B) Puntuar as solicitudes de novo ingreso de acordo co baremo que figura como anexo VI a esta orde.

C) Enviar aos departamentos territoriais competentes en materia de familia e benestar a relación de solicitantes que figuran en lista de espera para o curso 2011/2012 e que, pola súa vez, opten por unha praza do Programa Cheque Infantil. Esta relación deberá indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos do/a neno/a.

b) Nome e apelidos do/a solicitante.

c) Idade do/a neno/a.

d) Puntuación que corresponde en aplicación do baremo a que se fai referencia nesta epígrafe.

e) Renda per cápita da unidade familiar.

Xunto a esta relación enviarase copia das solicitudes en lista de espera e a documentación que se tivera en conta para puntualas.

2. Cumprimento do proxecto educativo establecido segundo a estrutura que figura no anexo VII desta orde.

3. Adxudicar praza na escola infantil 0-3, con carácter urxente, aos/ás fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero.

4. As corporacións locais que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultar beneficiarias, deberán adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 19º, no prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Sección segunda

Parte específica de axudas a puntos de atención á infancia (PAI)

Artigo 21º.-Módulo de referencia para o cálculo da axuda.

1. O módulo de referencia para o cálculo da axuda para mantemento será de 14.000 euros anuais por centro.

2. Naqueles centros en que, logo de autorización da Consellería de Traballo e Benestar, non se preste servizo os doce meses do ano, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar na proporción correspondente ao tempo en que non estea o centro en funcionamento.

3. A contía que se vai subvencionar non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2011, segundo os datos económicos consignados no anexo II (datos do centro).

4. A contía total da axuda terá como límite máximo o 70% do orzamento do centro.

5. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as corporacións locais que resulten beneficiarias.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico 2011.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto no título noveno da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, as corporacións locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Consellería de Traballo e Benestar, así como ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Terceira.-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Segunda.-Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "02200D008P035.PDF"

ANEXO VI

Baremo

As prazas adxudicaranse segundo os seguintes criterios preferentes:

a) Solicitudes de renovación de praza das/os nenas/os matriculadas/os no curso 2010/2011.

b) Solicitantes cunha/cun irmá/n con praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso para o curso 2011/2012).

c) O resto de solicitudes adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do seguinte baremo:

1º Situación socio-familiar.

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

1.2. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea ao seu cargo: 1 punto.

1.3. No caso de que o/a neno/a para o/a que se solicita a praza nacera nun parto múltiple: 1 punto.

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade física, psíquica ou sensorial, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

1.6. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

1.7. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

1.8. Calquera grave circunstancia familiar debidamente acreditada: ata 3 puntos.

2º Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación:

-Nai: 3 puntos.

-Pai: 3 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

-Nai: 2 puntos.

-Pai: 2 puntos.

(1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

No caso de familias monoparentais adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computandoa por dous.

3º Situación económica.

R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

-Inferior ao 25% do IPREM: +4 puntos.

-Entre o 25% e o 50% do IPREM: +3 puntos.

-Superior ao 50% e inferior ao 75% do IPREM: +2 puntos.

-Entre o 75% e o 100% do IPREM: +1 punto.

-Superior ao 100% e inferior ao 125% do IPREM: -1 punto.

-Entre o 125% e o 150% do IPREM: -2 puntos.

-Superior ao 150% e inferior ao 200% do IPREM: -3 puntos.

-Igual ou superior ao 200% do IPREM: -4 puntos.

*En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

*Para os efectos desta orde están a cargo da unidade familiar as persoas que convivindo no mesmo domicilio, teñan ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

*No caso de ausencia do fogar familiar de ámbolos dous membros parentais adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes 2º e 3º do baremo.

ANEXO VII

Proxecto educativo

O proxecto educativo da escola infantil 0-3 adaptarase a seguinte estrutura:

a) Análise do contexto.

a.1) Características do centro:

-Titularidade e financiamento.

-Niveis educativos que escolariza: número de unidades.

-Situación xeográfica.

-Descrición breve das instalacións.

-Servizos que ofrece.

-Proxección social do centro na zona.

-Relación coas familias.

-Descrición breve dos recursos e materiais.

-Horario do centro.

a.2) Características do alumnado:

-Número de alumnas e alumnos, idades e agrupamentos.

-Características das familias.

-Tipo de relacións entre o alumnado.

-Nenas e nenos con necesidades educativas especiais: como se integran, apoios cos que se conta.

-Procedementos de información ás familias.

a.3) Características do persoal que traballa no centro:

-Número e funcións.

-Formación.

-Forma de traballar (en equipo ou individualmente).

-Distribución das tarefas.

-Mecanismos de información entre o persoal.

-Criterios que se seguen para a distribución do alumnado.

a.4) Características do contorno:

-Localización.

-Características socioculturais e económicas.

-Lingua empregada.

-Servizos que nos ofrecen para as nenas e os nenos.

-Relacións que mantén a escola cos recursos do contorno.

-Relación con outros centros.

-Como se traballa coas nenas e nenos o coñecemento do contorno social e natural.

b) Sinais de identidade.

Definición da escola:

-Confesionalidade da escola segundo a lexislación vixente.

-Lingua de aprendizaxe segundo a lexislación vixente.

-Liña metodolóxica.

-Coeducación: a educación para a igualdade.

-Colaboración coas nais e pais.

c) Obxectivos.

Obxectivos do centro a nivel:

-Pedagóxico (incluíndo a adecuación dos obxectivos xerais de etapa/ciclo).

-Administrativo.

-Organizativo.

-Institucional.

-Normalización lingüística.

d) Estrutura organizativa.

Organización do centro para o logro dos obxectivos:

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Asignación de educadoras/es aos grupos.

-Número de educadoras/es por grupo.

-A dimensión do grupo.

-A composición do grupo.

-A titoría na escola infantil.

-A utilización dos espazos escolares.

-O equipamento e os recursos didácticos.