DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 02 de febreiro de 2011 Páx. 1.787

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 24 de xaneiro de 2011 sobre aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Meis (Pontevedra) relativa ao cambio de redacción de varias ordenanzas.

O Concello de Meis remite o proxecto de modificación puntual referido para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Meis dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 23 de maio de 2003.

2. A documentación remitida está integrada polo expediente municipal que inclúe informes de Secretaría do 18 de maio e 17 de setembro de 2010; informes do arquitecto técnico municipal con datas do 18 de maio e 16 de setembro de 2010 e proxecto de MP redactado por Era Projects Managers con data de maio de 2010.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decide o 21 de abril de 2010 que non é necesario someter a modificación puntual nº 3 do PXOM de Meis ao procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica.

4. O Concello de Meis non solicitou informe previo á aprobación inicial, xa que ao abeiro do artigo 93º.4 da LOUG era innecesario.

5. A modificación puntual nº 3 foi aprobada inicialmente polo Pleno o 25 de maio de 2010. Sometida á información pública durante dous meses mediante a publicación no DOG do 1 de xullo de 2010 e nos xornais Diario de Pontevedra do 3 de xullo e Faro de Vigo do 7 de xullo. Non se presentaron alegacións.

6. A modificación puntual nº 3 foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno en sesión do 28 de setembro de 2010.

II. Obxecto e análise da modificación proxectada.

Unha vez analizada a documentación do expediente e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, observouse:

1. A modificación ten por obxecto corrixir varias contradicións existentes entre distintos artigos da normativa do PXOM, polas dificultades atopadas na aplicación dalgún deles, pola existencia de discrepancias ou pola aprobación de normas de rango superior en materia de urbanismo e vivenda que afectan algún contido do plan.

Os artigos e as epígrafes para modificar, así como o seu alcance, son os seguintes:

*Artigo 41º.-Condicións xerais de volume e hixiénicas.

Modifícase a regulamentación de construcións por riba da altura máxima permitida, diferenciando as do solo urbano das do solo rústico e de núcleo rural; patios de luces e abertos a fachada; portais e dimensións das prazas de aparcamentos.

*Artigo 45º.-Regulación do uso da vivenda.

Inclúe nova definición de vivenda exterior, vinculada ao espazo libre exterior de calidade.

*Artigo 47º.-Regulación do uso comercial.

Exímense de cumprir a altura mínima de 3,20 m aos locais existentes con anterioridade á entrada en vigor do PXOM, reducíndoa a 2,70 m, para que non queden sometidos ao réxime de fóra de ordenación; agás para actividades sometidas ao Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas.

*Artigo 50º.-Condicións do garaxe-aparcamento e servizos do automóbil.

Remitindo ao cumprimento das condicións das NHG para o espazo de acceso e ao documento básico CTE.

*Artigo 65º.-Solo rústico apto para urbanizar de carácter industrial con tolerancia residencial.

Engádese como uso principal o industrial, categoría 3ª, e introdúcese unha determinación para delimitar sectores de uso residencial separado dos cuarteiróns industriais categoría 3ª.

*Artigo 67º.-Ordenanza nº 6 de solo de núcleo rural.

-Usos permitidos: estende o turismo rural a edificacións destinadas ao turismo.

-Actuacións prohibidas: engade novas instalacións destinadas á produción gandeira, excepto as pequenas construcións destinadas a usos gandeiros para autoconsumo.

-Condicións de edificación: engádese parámetro de fronte mínimo de 8 m, agás para as existentes con anterioridade á MP, recuamentos de peches a 4 m do eixe da vía, e para as novas construcións 7 m con respecto ao eixe da vía, agás aliñacións consolidadas.

2. Púidose observar que coa modificación puntual se proxecta basicamente a adaptación de parte do articulado da normativa do PXOM de Meis á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada polo texto consolidado vixente; así como ás normas de habitabilidade de vivendas de Galicia, aprobadas por Decreto 29/2010, do 4 de marzo.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planificación xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89º e 93º.4 da LOUG e no artigo 1º do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgarlle a aprobación definitiva á modificación puntual nº 3 do PXOM do Concello de Meis, relativa ao cambio de redacción de varias ordenanzas.

Segundo.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas