DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 02 de febreiro de 2011 Páx. 1.778

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xaneiro de 2011 sobre os horarios e calendario laboral das oficinas da Administración de xustiza en Galicia para 2011.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, na redacción dada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, establece no seu artigo 500º, punto 4, que a distribución da xornada e a fixación dos horarios se determinará a través do calendario laboral que, con carácter anual, aprobará o órgano competente do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas con competencias asumidas, nos seus respectivos ámbitos, tras informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial e negociación coas organizacións sindicais. O calendario laboral determinarase en función do número de horas anuais de traballo efectivo.

En virtude do establecido no artigo 20º.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, os funcionarios dos corpos de médicos forenses e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen organicamente da comunidade autónoma.

Logo de se publicar o Decreto 101/2010, do 17 de xuño, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2011 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de xuño), procede aprobar o calendario laboral e mais a distribución de xornada e horario das oficinas xudiciais para o próximo 2011.

A Resolución do 8 de abril de 2009, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regula o réxime e o procedemento da concesión de vacacións, permisos e licenzas do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (DOG do 23 de abril), dedica o seu capítulo V ás reducións de xornada por determinadas circunstancias persoais, familiares ou profesionais. Por iso, esta orde, a diferenza da anterior, omite toda referencia ás ditas cuestións.

En aplicación da normativa mencionada, tras negociación coas organizacións sindicais máis representativas no sector e co informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial, aprobado o 22 de decembro de 2010,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta orde será de aplicación aos médicos forenses e ao persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizos nos órganos xudiciais e fiscais, rexistros civís, oficinas xudiciais, Instituto de Medicina Legal, xulgados de paz e outras oficinas e servizos da Administración de xustiza de Galicia.

2. O calendario laboral e os horarios fixos, flexibles e de atención ao público establecidos nesta orde seranlles de aplicación aos secretarios xudiciais destinados en órganos, servizos e oficinas da Administración de xustiza en Galicia, así como ao persoal laboral con posto de traballo en edificios xudiciais, cando a Administración da cal dependen organicamente así o estableza.

Artigo 2º.-Xornada e horario de traballo na Administración de xustiza.

1. A duración da xornada xeral de traballo na Administración de xustiza será a que se determine, en cómputo anual, por resolución do órgano competente do Ministerio de Xustiza.

2. Os horarios de traballo das oficinas xudiciais, sen prexuízo de respectar sempre o horario de audiencia pública, serán os que se determinan nesta orde. Non obstante, a prestación do servizo de garda farase efectiva nos réximes de presenza e dispoñibilidade e nos horarios previstos na súa normativa específica.

Artigo 3º.-Horario de atención directa ao cidadán.

1. Fixado o horario de audiencia pública na forma establecida polo artigo 188º da Lei orgánica do poder xudicial, o horario de atención ao público e aos profesionais nas oficinas xudiciais e nos demais servizos da Administración de xustiza será, con carácter xeral, das 9.00 ás 14.00 horas, respectando en todo caso o horario fixado de audiencia pública, e darase a coñecer de forma ostensible na parte exterior das distintas oficinas xudiciais.

2. No caso das oficinas de rexistro e repartición, decanatos e oficinas dos xulgados e tribunais que conserven a función de recepción e rexistro de escritos, o horario ampliarase ata as 15.00 horas de luns a venres para a recepción e rexistro de demandas, recursos, escritos iniciais, escritos de trámite e calquera escrito sometido a prazo.

3. No caso das oficinas de Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, o horario de apertura destas unidades será ininterrompido das 9.00 ás 18.00 horas de luns a venres, e das 10.00 ás 13.00 horas os sábados. A atención directa ao cidadán durante esta faixa horaria organizarase a través de quendas voluntarias e incentivadas conforme o previsto no artigo 6º desta orde.

Artigo 4º.-Xornada e horario xerais.

1. Con carácter xeral, nas oficinas e servizos da Administración de xustiza en Galicia a xeira de traballo prestarase en xornada continua, cunha duración máxima de trinta e sete horas e media semanais en cómputo mensual.

2. Polas mañás, de luns a venres, realizarase a parte fixa do horario, que consistirá en 5,30 horas diarias e continuadas de obrigada presenza. Para o comezo da parte fixa do horario establécese unha faixa flexible entre as 8.30 e as 9.00 horas, e en función da hora de inicio a finalización da parte fixa producirase na faixa que vai das 14.00 ás 14.30 horas.

3. Para respectar o disposto no artigo 135º.1 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, respecto á presentación de escritos, nas unidades previstas no artigo 3º.2 desta orde organizaranse quendas que garantirán a permanencia ata as 15 horas dos funcionarios precisos para realizar as funcións de recepción e rexistro de escritos.

4. A parte flexible do horario distribuirase, á elección do empregado público, ata alcanzar o tempo de traballo mensual previsto no anexo I desta orde, e poderase cumprir, de luns a venres, entre as 7.30 e as 9.00 horas e entre as 14.00 e as 20.00 horas.

Artigo 5º.-Xornadas e horario de verán.

1. Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos inclusive, establécese una xornada intensiva de 30 horas semanais, con tempo fixo continuado de obrigada presenza, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas; e o resto, ata cumprir o total do tempo de traballo mensual que figura no anexo I desta orde, en horario flexible que se poderá realizar, de luns a venres, entre as 8.00 e as 9.00 horas e entre as 14.00 e as 16.30 horas.

2. Durante o dito período será de aplicación o previsto no artigo 4º.3 desta orde para garantir, ata as 15.00 horas, a presentación de escritos.

Artigo 6º.-Horario especial das oficinas de Rexistro Civil das cidades.

1. O persoal que preste servizos nas unidades previstas no artigo 3º.3 desta orde poderá optar voluntariamente por unha xornada de mañá e tarde incentivada economicamente.

2. Esta xornada cumprirase mediante a presenza obrigada do persoal entre as 9.00 e as 14.30 horas de luns a venres, e realizando, ademais, sete horas e media semanais que se prestarán, en quendas, de luns a venres das 14.30 ás 18.00 horas, e os sábados das 10.00 ás 13.00 horas.

3. Os funcionarios que, en función da distribución da quenda, realicen unha xornada das 9.00 ás 18.00 horas interromperán obrigatoriamente o seu traballo durante unha hora, entre as 14.30 e as 16.30 horas, para a comida. Este descanso, que non se computará como tempo de traballo, organizarase tamén en quendas, de xeito que se garanta a apertura ininterrompida da oficina das 9.00 ás 18.00 horas.

4. As relacións de postos de traballo recollerán os postos de traballo en que resulte aplicable este réxime horario.

Artigo 7º.-Horario incentivado de mañá e tarde.

1. Nos servizos comúns procesuais, nas unidades técnico-administrativas e mais nas unidades de apoio aos presidentes de tribunais e xuíces decanos poderán existir postos con xornada de mañá e tarde, voluntaria e incentivada economicamente. As relacións de postos de traballo recollerán os postos de traballo en que resulte aplicable este réxime horario.

2. Esta xornada determinará a presenza obrigada do persoal entre as 9.00 e as 14.30 horas, de luns a venres, e a realización, ademais, de sete horas e media semanais de traballo en xornada vespertina, que se prestarán nas faixas horarias que se determinarán para cada posto de traballo.

Artigo 8º.-Xornadas reducidas de ámbito autonómico e local.

1. Os 5 días de xornada reducida (semana grande) por festas locais determinaranse logo da negociación coas organizacións sindicais. Durante estes días realizarase un horario das 9.00 ás 14.00 horas.

2. Durante o luns, martes e mércores de Semana Santa, así como o Luns de Pascua, gozarase dunha xornada reducida das 9.00 ás 14.00 horas. Nas localidades onde sexa festivo o Luns de Pascua a xornada reducida comprenderá o día seguinte.

3. Será aplicable durante os días de xornada reducida o previsto no artigo 4º.3 desta orde, e o persoal que no seu cumprimento non poida gozar dun ou varios días de xornada reducida por mor de estar integrado na quenda que debe garantir a apertura da oficina ata as 15.00 horas poderá gozar da xornada reducida das 9.00 ás 14.00 horas os días que correspondan durante a semana seguinte.

Artigo 9º.-Pausa diaria.

Durante a xornada de mañá gozarase dunha única pausa por un período de 30 minutos, que computará como traballo efectivo. Esta interrupción non poderá afectar a prestación dos servizos.

Artigo 10º.-Días 24 e 31 de decembro.

Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas xudiciais, con excepción dos servizos de garda. Cando os citados días cadren en festivo, sábado ou día non laborable, compensarase cada día cun día adicional de permiso por asuntos particulares.

Artigo 11º.-Dilixencias de carácter urxente e asistencia en sábados.

1. No caso de que haxa que atender dilixencias de carácter urxente e inaprazable, os fiscais xefes, os directores e subdirectores do Instituto de Medicina Legal ou os secretarios xudiciais, segundo o caso, impartirán as ordes e instrucións que estimen pertinentes, por escrito e motivadamente para cada caso concreto, co fin de garantir que estas sexan realizadas polos funcionarios, con cargo ao horario flexible e coas compensacións que se establezan por resolución do órgano competente do Ministerio de Xustiza.

2. As ordes e instrucións previstas no punto anterior seranlle comunicadas á xefatura do departamento territorial competente en materia de xustiza para os efectos da incorporación das compensacións horarias correspondentes no sistema de control horario. Con carácter mensual o departamento territorial remitiralle á Xunta de Persoal unha relación das dilixencias urxentes atendidas.

3. O previsto nos dous puntos anteriores non será de aplicación ao persoal en servizo de garda que, segundo o indicado no artigo 2º.2 desta orde, se rexerá pola normativa reguladora do dito servizo.

Artigo 12º.-Xustificación de ausencias.

1. As ausencias e faltas de puntualidade e de permanencia do persoal para as cales se aleguen causas de enfermidade, de incapacidade temporal ou outras de forza maior requirirán o aviso inmediato ao responsable da oficinal xudicial, da oficina fiscal ou do servizo da Administración de xustiza onde se presten servizos. As xefaturas dos departamentos territoriais competentes en materia de xustiza poderán solicitar que se achegue o xustificante médico que acredite que o funcionario non puido asistir ao seu posto de traballo por razón de enfermidade.

En todo caso, a partir do cuarto día consecutivo a aquel en que se produciu a ausencia do posto de traballo será obrigatoria a presentación do parte de baixa e dos sucesivos de confirmación, coa periodicidade que regulamentariamente proceda segundo se trate de persoal incluído no Muxexu ou no réxime da Seguridade Social.

2. As ausencias e faltas de puntualidade e de permanencia que non queden debidamente xustificadas, unha vez que se lle requira ao afectado que as compense no mes seguinte e este non o faga, darán lugar á dedución proporcional de haberes, de acordo co disposto no artigo 500º.6 da Lei orgánica do poder xudicial e calculado na forma establecida no artigo 36º da Lei 31/1991, do 30 de decembro, modificada polo artigo 102º.2 da Lei 13/1996, do 30 de decembro, despois da correspondente notificación ao dito afectado.

3. As ausencias ou faltas de puntualidade no traballo motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da violencia de xénero consideraranse xustificadas cando así o determinen os servizos sociais de atención ou os servizos de saúde, segundo proceda, sen prexuízo de que as devanditas ausencias sexan comunicadas pola funcionaria aos órganos de control establecidos no artigo seguinte.

4. Para os efectos do disposto nos puntos anteriores non se considerará ausencia a falta de ata un máximo de trinta minutos diarios sobre a totalidade da xornada en cómputo semanal, sempre que o dito período de tempo non afecte o horario de obrigada presenza. Esta previsión non será aplicable durante a xornada de verán.

5. O exceso de horas traballadas voluntariamente no horario flexible durante un mes, e ata un máximo do 10% do dito horario flexible, compensarase, a pedimento do interesado, no horario flexible do mes seguinte.

Artigo 13º.-Control do cumprimento.

A Dirección Xeral de Xustiza e os departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza velarán, no seu ámbito de competencia, polo cumprimento por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza das xornadas e horarios de traballo establecidos nesta orde, mediante o sistema de control que se estableza tras negociación coas organizacións sindicais.

Artigo 14º.-Tempos para a formación.

1. A asistencia aos cursos de carácter obrigatorio como consecuencia da implantación de novas aplicacións informáticas ou doutros medios tecnolóxicos, así como por mor da entrada en vigor de reformas legais, organizarase durante a parte fixa do horario, en xornada de mañá.

2. O tempo de asistencia aos cursos de formación continua para o persoal ao servizo da Administración de xustiza, así como aos organizados polos sindicatos máis representativos neste ámbito, sempre que fosen previamente homologados, considerarase tempo de traballo para todos os efectos. Tamén se considerará tempo de traballo para todos os efectos o dos funcionarios que participen como profesores nos devanditos cursos.

Artigo 15º.-Cómputo dos días de permiso, licenza e vacacións.

Para o cálculo do cumprimento do horario mensual, os días de gozo de permisos, licenzas ou vacacións computaranse a razón de 7 horas e 30 minutos cada día cando resulten aplicables a xornada e horario xerais, de 6 horas cando resulte aplicable a xornada de verán e de 8 horas para os funcionarios con xornada incentivada de mañá e tarde. Estes cómputos aplicaranse tamén durante as semanas previstas no artigo 8º desta orde.

Artigo 16º.-Publicidade do horario de apertura e mais de traballo.

A Dirección Xeral de Xustiza e os departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza daranlles a publicidade necesaria aos horarios de apertura das oficinas xudiciais e aos horarios de traballo, de tal forma que se asegure o seu coñecemento tanto por parte dos empregados públicos coma por parte dos cidadáns.

Disposición transitoria

Única.-Réxime provisional do horario especial das oficinas de Rexistro Civil das cidades.

Mentres non se aproben as respectivas relacións de postos de traballo continuará en vigor a Resolución do 7 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regula o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas de Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra (DOG do 17 de abril).

Disposición derradeira

Vixencia.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e conservará a súa vixencia namentres non sexa aprobado o calendario laboral anual do exercicio seguinte.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Calendario laboral para 2011

(*) Xaneiro.

Días festivos (estatais e autonómicos): 1 e 6 de xaneiro.

Días laborables: 20.

Xornada ordinaria: 150 horas.

Parte correspondente ao horario fixo: 110 horas.

Parte correspondente ao horario flexible: 40 horas.

(*) Febreiro.

Días laborables: 20.

Xornada ordinaria: 150 horas.

Parte correspondente ao horario fixo: 110 horas.

Parte correspondente ao horario flexible: 40 horas.

(*) Marzo.

Días festivos (estatais e autonómicos): 19 de marzo.

Días laborables: 23.

Xornada ordinaria: 172 horas e media.

Parte correspondente ao horario fixo: 126 horas e media.

Parte correspondente ao horario flexible: 46 horas.

(*) Abril.

Días festivos (estatais e autonómicos): 21 e 22 de abril.

Días laborables: 19.

Días con xornada reducida (5 horas): 4.

Xornada ordinaria: 132 horas e media.

Parte correspondente ao horario fixo: 102 horas e media.

Parte correspondente ao horario flexible: 30 horas.

(*) Maio.

Días festivos (estatais e autonómicos): 17 de maio.

Días laborables: 21.

Xornada ordinaria: 157 horas e media.

Parte correspondente ao horario fixo: 115 horas e media.

Parte correspondente ao horario flexible: 42 horas.

(*) Xuño.

Días laborables: 22.

Días con xornada de verán (6 horas): 11.

Xornada ordinaria: 148 horas e media.

Parte correspondente ao horario fixo: 115 horas e media.

Parte correspondente ao horario flexible: 33 horas.

(*) Xullo.

Días festivos (estatais e autonómicos): 25 de xullo.

Días laborables: 20.

Días con xornada de verán (6 horas): 20.

Xornada ordinaria: 120 horas.

Parte correspondente ao horario fixo: 100 horas.

Parte correspondente ao horario flexible: 20 horas.

(*) Agosto.

Días festivos (estatais e autonómicos): 15 de agosto.

Días laborables: 22.

Días con xornada de verán (6 horas): 22.

Xornada ordinaria: 132 horas.

Parte correspondente ao horario fixo: 110 horas.

Parte correspondente ao horario flexible: 22 horas.

(*) Setembro.

Días laborables: 22.

Días con xornada de verán (6 horas): 11.

Xornada ordinaria: 148 horas e media.

Parte correspondente ao horario fixo: 115 horas e media.

Parte correspondente ao horario flexible: 33 horas.

(*) Outubro.

Días festivos (estatais e autonómicos): 12 de outubro.

Días laborables: 20.

Xornada ordinaria: 150 horas.

Parte correspondente ao horario fixo: 110 horas.

Parte correspondente ao horario flexible: 40 horas.

(*) Novembro.

Días festivos (estatais e autonómicos): 1 de novembro.

Días laborables: 21.

Xornada ordinaria: 157 horas e media.

Parte correspondente ao horario fixo: 115 horas e media.

Parte correspondente ao horario flexible: 42 horas.

(*) Decembro.

Días festivos (estatais e autonómicos): 6 e 8 de decembro.

Días laborables: 20.

Xornada ordinaria: 150 horas.

Parte correspondente ao horario fixo: 110 horas.

Parte correspondente ao horario flexible: 40 horas.

(*) Cada día de xornada reducida por festas locais determina un desconto de dúas horas e media cando coincida no período durante o cal se aplica a xornada e horario xerais, e dunha hora cando coincida no período de xornada e horario de verán. Por exemplo, para os cinco días que forman a semana grande (véxase artigo 8º) este desconto suma unha redución total de 12,5 horas ao mes se coincide en período de xornada e horario xerais.

Para o cálculo preciso do tempo de traballo en cada unha das localidades detraeranse do cómputo do mes correspondente 7 horas e 30 minutos por cada día de festividade local cando esta coincida no período de aplicación da xornada e horario xerais, e 6 horas cando coincida durante o período de xornada e horario de verán.

Para o cálculo do horario exixible será aplicable o artigo 12º.4 desta orde.

Ver referencia pdf "02200D001P006.PDF"