DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2011 Páx. 1.666

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 6/2011, do 13 de xaneiro, polo que se acepta a cesión dunha parcela, a título gratuíto, feita polo Concello de Paradela á Comunidade Autónoma de Galicia, para a construción dun centro residencial e de día para persoas maiores.

O Pleno do Concello de Paradela, en sesión plenaria do día 24 de novembro de 2010, acordou ceder, a título gratuíto, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, unha parcela para a construción dun centro residencial e de día para persoas maiores, dependente da Consellería de Traballo e Benestar que ten conferida a competencia en materia de maiores.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16º, 17º e 23º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33º, 34º e 38º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da devandita lei.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos establecidos polo Concello de Paradela a cesión, a título gratuíto, do inmoble seguinte:

Urbano, sito na rúa Cabaleiros de Santiago de Paradela, concello de Paradela, cunha superficie de tres mil oitocentos vinte e nove metros con oitenta e nove decímetros cadrados. Estrema: ao norte, estrada de Aldosende; ao sur, Celia González López e rúa asfaltada; ao leste, Celia González López e Aurora Arias López; e ao oeste, rúa asfaltada e Celia González López.

O inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Sarria no tomo 480, libro 36, folio 187, predio 4.225. Ten o número de referencia catastral urbana: 7359027PH1375N0001JP e rústica: 7359027PH1375N0000HO.

Artigo 2º

O destino do inmoble será a construción dun centro residencial e de día para maiores.

Artigo 3º

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda