DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2011 Páx. 1.665

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 228/2010, do 30 de decembro, polo que se desafectan do dominio público dous inmobles, antigas casetas de legoeiros, situados nos concellos de Boiro e Dodro, respectivamente.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular das antigas casetas de legoeiros en virtude do Real decreto 2708/1983, do 21 de setembro, sobre transferencia de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas, que concretamente no seu anexo, parágrafo F) c), establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia os bens inmobles afectos ás estradas transferidas, descritos na relación 2.3, especificando parcelas, viveiros, almacéns, casas de legoeiros, etc., anexas ás estradas transferidas.

O artigo 10º.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a seguir:

1. Soar de 840 m2 de superficie, situado no punto quilométrico 23,550 da actual AC-305, Padrón-Ribeira, antiga C-550, hoxe rúa Cimadevila, s/n, do municipio e vila de Boiro (A Coruña). Estrema: ao norte, Inmobiliaria Paxonal, S.A.; ao sur, Manuel Comojo Lojo; ao leste, estrada AC-305, hoxe rúa Cimadevila e ao oeste, camiño, José Ramón Otero Martínez, descoñecido e Juan García Torrado.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Noia, no tomo 1.334, libro 263 e folio 159, predio nº 24.276.

Referencia catastral: 0024309NH1202S0001MP.

2. Soar cunha superficie total de 362 m2, sobre o que se asenta un edificio coñecido como antiga caseta de legoeiros de Dodro, de planta baixa de 107 m2, no punto quilométrico 3,090 da estrada C-550, actual AC-305 Padrón-Ribeira, hoxe lugar da Igrexa, 28, Cruceiro, concello de Dodro (A Coruña). Estrema: ao norte, Rosa Vigo Pérez; ao sur, estrada AC-305 Padrón-Ribeira; ao leste, Rosa Vigo Pérez e ao oeste, Rosa Vigo Pérez, Carlos Calvo Susavila e Manuel Vigo Pérez.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Padrón, no tomo 824, libro 74, folio 203, predio nº 10.191.

Referencia catastral: 15033A004007630000JP de rústica e 000102300NH22H0001ZQ de urbana.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda