DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2011 Páx. 1.664

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 227/2010, do 30 de decembro, polo que se acepta a cesión do Pazo de Rivera Atienza, a título gratuíto, feita polo Concello de Vigo á Comunidade Autónoma de Galicia.

O Pleno do Concello de Vigo, con data do 23 de marzo de 1988, acordou ceder, a título gratuíto, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, o Pazo de Rivera Atienza, para a súa rehabilitación e equipamento como centro sociocultural. A cesión non puido ser aceptada no seu momento, dado que o inmoble non se atopaba debidamente inscrito no Rexistro da Propiedade. Recentemente comprobouse a súa regularización, mediante unha nova certificación rexistral literal do ben.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16º, 17º e 23º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33º, 34º e 38º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da devandita lei.

Ao tempo desas xestións, avanzouse na adecuación do inmoble para acadar o destino da cesión como centro sociocultural.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos establecidos polo Concello de Vigo, a cesión, a título gratuíto, do inmoble seguinte:

Urbano. Parcela B. Pazo de Rivera Atienza, sito no barrio denominado lugar da Igrexa, parroquia de Lavadores, concello de Vigo, cunha superficie de 756 m2. Linda: ao norte, sur, leste e oeste con parcela municipal. Inscrita no Rexistro da Propiedade número dous de Vigo, no tomo 1.653, libro 751, folio 23, predio nº 48.424.

Artigo 2º

O destino do inmoble será o establecemento dun centro sociocultural.

Artigo 3º

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda