DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2011 Páx. 1.625

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 12 de xaneiro de 2011 pola que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor de Habitabilidade.

O artigo 6º do Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia, mantén a existencia do Comité Asesor de Habitabilidade creado polo Decreto 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego, e desenvolvido pola Orde do 7 de abril de 2008, modificada polas ordes do 27 de xuño e do 5 de novembro de 2008.

A finalidade esencial do Comité Asesor de Habitabilidade é emitir informes e ditames de asesoramento e interpretación da citada normativa, e informes sobre a procedencia de exceptuar o cumprimento nas actuacións de innovación tipolóxica e construtiva.

Segundo o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, este órgano consultivo pasou a estar adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas como competente en materia de vivenda e, así mesmo, as funcións levadas a cabo pola anterior Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda pasaron a ser asumidas pola Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS).

De acordo con todo o anterior, faise preciso modificar a composición do Comité Asesor de Habitabilidade, para adecuala á nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do IGVS.

En canto ao seu funcionamento, modifícase o órgano a quen lle corresponde o nomeamento dos vogais, que pasará a ser a Dirección Xeral do IGVS, e anúlase a periodicidade mensual das sesións deste comité, establecéndose sesións en función da necesidade destas para exercer as funcións de interpretación ou calquera outro pronunciamento en materias de habitabilidade. Así mesmo, adáptanse as súas funcións á nova normativa de habitabilidade.

Tendo en conta o anterior e en virtude das atribucións outorgadas pola disposición derradeira primeira do Decreto 29/2010, do 4 de marzo, e polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

1. O Comité Asesor de Habitabilidade (en diante Coah), é un órgano consultivo para os asuntos referentes á habitabilidade das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A consulta a este comité será preceptiva para emitir informe sobre a procedencia de exceptuar o cumprimento da normativa de habitabilidade nas actuacións de innovación tipolóxica e construtiva, e facultativa nos demais casos. Os seus acordos non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

3. As resolucións e demais actos da Dirección Xeral do IGVS sobre asuntos en que teña intervido o Coah expresarán se son tomadas consonte o informe deste comité ou se apartan del. Neste último caso, deberán motivarse suficientemente.

Artigo 2º.-Adscrición.

1. O Coah estará adscrito á consellería con competencias en materia de vivenda, que o dotará dos medios persoais e materiais necesarios para o seu funcionamento, e dependerá funcionalmente da Dirección Xeral do IGVS.

2. Este comité actuará con autonomía no exercicio das súas funcións, de acordo coas normas establecidas nesta orde e no capítulo II, título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Funcións.

1. O Coah, de acordo co artigo 6º do Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia, exercerá as seguintes funcións con carácter xeral:

a) Emitir informes, ditames e calquera outro tipo de pronunciamento, por requirimento da consellería con competencias en materia de vivenda, nas materias de habitabilidade.

b) Emitir informes sobre os criterios de interpretación das normas de habitabilidade, cando sexa solicitado polo IGVS.

c) Emitir informes sobre a procedencia de exceptuar o cumprimento da normativa de habitabilidade nas actuacións de innovación tipolóxica e construtiva.

2. A Dirección Xeral do IGVS poderá someter a consideración deste comité calquera outro asunto relacionado coa mellora na aplicación e desenvolvemento das normas de habitabilidade.

Artigo 4º.-Composición.

O Coah está integrado polos seguintes membros, con voz e voto:

a) Presidente/a.

b) Vicepresidente/a.

c) Vogais: con voz pero sen voto.

d) Secretario/a.

Artigo 5º.-Presidencia.

1. A Presidencia do Coah será exercida pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. Corresponde á Presidencia deste comité, ademais das funcións enumeradas no número 1 do artigo 23º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a de dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

2. En caso de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o presidente ou a presidenta deste comité será substituído/a polo vicepresidente ou pola vicepresidenta.

Artigo 6º.-Vicepresidencia.

1. A Vicepresidencia do Coah será exercida pola persoa titular da Dirección Técnica de Construcións e Calidade do IGVS.

2. Corresponde ao vicepresidente ou á vicepresidenta, auxiliar o presidente ou a presidenta no exercicio das súas funcións realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquel.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o vicepresidente ou vicepresidenta será substituído/a pola persoa titular da Oficina Técnica de Construcións do IGVS.

Artigo 7º.-Vogais.

1. O Coah contará cos seguintes vogais:

a) A persoa titular da Dirección Técnica de Réxime Xurídico e Inspección do IGVS.

b) A persoa titular da Oficina Técnica de Construcións do IGVS.

c) A persoa titular do Servizo de Calidade do IGVS.

d) Un/unha representante do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Coag).

e) Un/unha representante do Consello Galego dos Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Galicia (Cgaat).

f) Un/unha representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

g) Un/unha representante da Federación Galega da Construción.

h) Un/unha representante da Federación de Promotores de Galicia (Feproga).

i) Un/unha representante do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

j) Dous/dúas arquitectos/as de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de habitabilidade, designados pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O nomeamento e cesamento dos vogais, membros do Coah, relacionados nas alíneas d) e seguintes do parágrafo anterior corresponden á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS por proposta das entidades e órganos citados, que deberán propoñer o/a representante e a persoa suplente no caso de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal.

3. Con excepción dos vogais a que fai referencia o punto 1 deste artigo nas alíneas a), b) e c), o cargo de vogal terá unha duración de dous anos computados desde a data da súa designación. Transcorrido o dito prazo, os nomeamentos renovaranse automaticamente, salvo resolución expresa en contrario.

4. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá cesar os membros deste comité polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

c) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

d) Por petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

e) Incumprimento grave dos seus deberes.

5. No caso de que se produzan vacantes entre os vogais deste comité por causa de defunción, incapacidade ou cesamento, a entidade ou organismo que representen propoñerá unha nova designación polo período que reste, dentro do prazo dun mes desde que se produza o feito causante.

6. Os vogais deste comité non se poderán atribuír as funcións de representación del, salvo que se lles outorgasen expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, polo propio Coah.

7. Serán motivos de abstención e recusación dos membros deste comité os previstos con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Os membros deste comité terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-A Secretaría.

1. A Secretaría do Coah será exercida pola persoa titular do Servizo de Calidade do IGVS, que actuará con voz pero sen voto.

2. Corresponden á Secretaría deste comité as funcións establecidas no artigo 25º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o/a secretario/a será suplido temporalmente por un funcionario ou unha funcionaria do IGVS designado pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 9º.-Normas de funcionamento.

1. Ás sesións do Coah asistirán o presidente ou presidenta, o vicepresidente ou a vicepresidenta, os/as vogais e o secretario ou secretaria, ou as persoas que os substitúan.

2. Así mesmo, poderán ser convocadas ás sesións, con voz pero sen voto, as persoas que polas súas actividades, coñecementos ou experiencia, se consideren convenientes para a resolución dos asuntos que se van tratar.

3. Os asuntos sometidos a ditame deste comité irán acompañados dos informes técnicos necesarios para a súa correcta resolución. Estes informes serán elaborados con carácter ordinario por persoal técnico ao servizo do IGVS, que poderán asistir ás sesións en calidade de relatores, con voz e sen voto.

4. Así mesmo, este comité poderá encargar a realización dos ditos informes a persoas especializadas, coa finalidade de garantir unha maior eficacia.

5. O Coah poderá solicitar, a través da Dirección Xeral do IGVS, o asesoramento legal da Asesoría Xurídica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, co propósito de asegurar a correcta aplicación da normativa vixente.

Artigo 10º.-Desenvolvemento das sesións.

1. O Coah reunirase en sesións en primeira ou segunda convocatoria. As sesións serán convocadas pola Presidencia deste comité, por propia iniciativa ou por solicitude da metade dos seus membros, xustificando a necesidade ou a procedencia destas.

2. A válida constitución deste comité requirirá, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros e, en segunda convocatoria, a presenza de polo menos a metade deles. En calquera caso, sempre deberá contar coa presenza do/da presidente/a e do/da secretario/a do comité, ou das persoas que os substitúan. Entenderase producida con carácter automático a segunda convocatoria transcorrida media hora da primeira.

3. Para a válida adopción dos acordos requirirase a maioría simple dos votos dos asistentes ás sesións con dereito a voto.

4. As convocatorias das sesións cursaranse por escrito, cunha anticipación mínima de corenta e oito horas, e irán acompañadas da orde do día correspondente e da acta da sesión anterior para os efectos da súa aprobación, de ser esta procedente.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes os dous terzos dos membros do comité e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

Para admitir un expediente para os efectos do seu exame, informe ou ditame polo Coah, será necesaria a presentación da documentación prevista no Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia e, no seu caso, segundo o previsto no disposto nas resolucións da Dirección Xeral do IGVS que se diten en razón da materia.

Artigo 12º.-Prazo para a toma de decisións.

Os informes do Coah deberán ditarse no prazo máximo de tres meses desde a presentación da solicitude destes, ou desde que o/a interesado/a presente a documentación que lle fose solicitada mediante requirimento de corrección ou mellora.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Coah constituirase no prazo de quince días contados desde a entrada en vigor desta orde.

Segunda.-As entidades e organismos a quen corresponda propoñer a designación de representantes neste comité deberán comunicar a súa proposta á Dirección Xeral do IGVS no prazo de dez días desde o día de entrada en vigor desta orde.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 7 de abril de 2008 pola que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor de Habitabilidade, así como as ordes do 27 de xuño e do 5 novembro de 2008, polas que se modificou a antedita Orde do 7 de abril de 2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar cantas medidas sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Respecto do non previsto nesta orde observarase o establecido pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas