DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 27 de xaneiro de 2011 Páx. 1.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 27 de decembro de 2010 pola que se crean determinados ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Sanidade e no Servizo Galego de Saúde.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20º da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e establécense no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro e pola Lei 12/2007, do 27 de xullo.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde crean os ficheiros de carácter persoal que se especifican no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, para as disposicións de creación dos ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde creados por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelle á Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

No anexo detállase a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O nivel dos ficheiros creados por esta orde atópanse clasificados atendendo o disposto no artigo 80º do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 17, do 19 de xaneiro de 2008). No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados baixo esta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2010.

Mª del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "01800D004P006.PDF"