DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2011 Páx. 1.517

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 3/2011, do 13 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo.

O Decreto 337/2009, do 11 de xuño, estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo.

Pola súa parte, o Decreto 369/2009, do 23 de xullo, declarou o ano 2010 como Ano do Libro e da Lectura de Galicia, recoñecendo o carácter estratéxico do libro nun sentido económico, identitario e social así como a súa función como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia.

Os novos retos tecnolóxicos e a propia evolución da sociedade sitúan o sector do libro nun escenario que precisa habilitar mecanismos administrativos eficientes e eficaces, por isto parece aconsellable que a propia estrutura administrativa da consellería recoñeza a trascendencia estratéxica deste sector e se adecue a estes retos futuros que se lle presentan.

O Decreto 206/2010, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, substitúe, na Consellería de Cultura e Turismo, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura pola Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

A modificación que agora se propón na estrutura orgánica da consellería consiste fundamentalmente en incorporar á Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos a totalidade de liñas de actuación relacionadas cos centros bibliográficos e documentais de Galicia, potenciando e desenvolvendo os sistemas de bibliotecas e arquivos dos que serán cabeceiras e centros de referencia a Biblioteca e o Arquivo de Galicia, ademais das políticas de promoción das letras galegas, do libro e da lectura.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34º.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo.

Modifícase o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, nos seguintes termos:

Un. Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 2º, que queda redactado como segue:

«1. A Consellería de Cultura e Turismo, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, contará coa seguinte estrutura:

I. Órganos superiores:

a) A/o conselleira/o.

b) A Secretaría Xeral para o Turismo.

II. Órganos de dirección:

a) A Secretaría Xeral Técnica.

b) A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

c) A Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

d) As subdireccións xerais.

e) As xefaturas territoriais.

III. Outros órganos:

a) Consello de Dirección.

b) Órganos colexiados».

Dous. Dáse nova redacción ao artigo 4º. Un, que queda redactado como segue:

«Un. Á Secretaría Xeral Técnica correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As sinaladas no artigo 29º.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) O establecemento das bases e directrices da xestión económica e orzamentaria da consellería, así como levar a cabo as actuacións de control e avaliación desta nas distintas unidades e servizos dela dependentes.

c) A realización de estudos e definición de alternativas dirixidas a mellorar a eficacia e o control do gasto.

d) As de coordinación sobre planificación, estratexia, deseño, adquisición, implantación, normalización, mantemento e calidade dos sistemas e das tecnoloxías de información da consellería, sen prexuízo das competencias que lle poidan corresponder á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

e) A coordinación das relacións coa Axencia Galega das Industrias Culturais.

f) Formular as correspondentes propostas na tramitación contable dos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos asignados ao seu centro directivo.

g) As que lle sexan encomendadas por delegación do titular do departamento».

Tres. Dáse nova redacción ao punto un do artigo 6º, que queda redactado como segue:

«Un. Correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de patrimonio histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, artístico, arquitectónico e etnolóxico en todas as súas manifestacións, así como en materia de museos, e especialmente, as seguintes funcións:

a) A protección, a conservación, o acrecentamento, a difusión e o fomento do patrimonio cultural de Galicia, así como a súa investigación e transmisión ás xeracións futuras.

b) A protección, conservación e recuperación dos camiños de Santiago, así como a elaboración da normativa xurídica que lle afecte.

c) A elaboración e xestión dos asuntos relacionados co réxime xurídico de protección do patrimonio cultural.

d) A tramitación e xestión dos procedementos para a declaración de ben de interese cultural e a inclusión no catálogo e no inventario do patrimonio cultural.

e) A promoción e xestión das actuacións arqueolóxicas relacionadas coas competencias da dirección xeral.

f) O informe e a resolución, se é o caso, dos procedementos que afecten, conforme a normativa vixente, o patrimonio cultural.

g) A realización de informes e estudos que lle sexan requiridos polas autoridades competentes e, en particular, o informe e asesoramento ás autoridades administrativas, cando sexa solicitado, en materia de protección e conservación do patrimonio cultural e na adopción de medidas cautelares, correctivas e sancionadoras que se xulguen convenientes.

h) A promoción, dirección e xestión das obras de conservación e restauración no patrimonio cultural promovidas pola consellería.

i) As actuacións necesarias para o exercicio da potestade expropiatoria e do dereito de adquisición preferente en asuntos relacionados co patrimonio cultural.

j) A preparación e xestión de convenios e protocolos relacionados coas competencias da dirección xeral.

k) A dirección de todas as actuacións dirixidas a velar pola conservación, coidado, promoción e difusión do patrimonio moble de Galicia, especialmente a través dos museos.

l) A elaboración e edición de publicacións de carácter científico, cultural, educativo e divulgativo relacionadas co patrimonio cultural.

m) La organización de exposicións, coloquios, seminarios e cursos relacionados co patrimonio cultural e dirixidos á formación, a xestión e a difusión dos temas vinculados a este.

n) A coordinación e supervisión das actuacións do Centro Galego de Arte Contemporánea.

o) Formular as correspondentes propostas na tramitación contable dos expedientes tramitados con cargo aos orzamentos asignados ao seu centro directivo.

p) As competencias que lle sexan encomendadas por delegación do titular do departamento».

Catro. Dáse nova redacción ao parágrafo primeiro do punto Dous.1 do artigo 6º, que queda redactado como segue:

«Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estrutúrase da seguinte forma:

1. Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

Correspóndelle a esta subdirección a elaboración de normas e a programación, dirección, coordinación e execución das medidas e actuacións encamiñadas á protección do patrimonio cultural galego, a coordinación e dirección técnica do sistema galego de museos, a xestión dos museos de titularidade autonómica adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia, así como a relación con outras administracións públicas e organismos en orde ao cumprimento dese obxectivo».

Cinco. Engádese o punto 1.4 no artigo 6º.Dous.1, que queda redactado como segue:

«1.4. Servizo de Museos.

Son funcións deste servizo:

a) A coordinación e dirección técnica do sistema galego de museos e das distintas redes que o integran, así como a inspección dos museos galegos e o seu patrimonio cultural.

b) A xestión dos museos de titularidade autonómica, adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A tramitación e informe dos procedementos para a creación, autorización e cualificación de museos e coleccións visitables segundo a normativa vixente.

d) A actualización e control do Rexistro e o Censo de Museos de Galicia.

e) O inventario do patrimonio moble custodiado nos museos galegos, así como o control dos movementos, restauracións e reproducións do patrimonio moble custodiado neles.

f) O apoio e asesoramento técnico nas materias de patrimonio moble e de museos de interese para Galicia.

g) A programación, coordinación e xestión das actuacións en materia de incremento, conservación, documentación, investigación e difusión do patrimonio custodiado nos museos galegos.

h) A taxación de bens culturais de carácter museístico con fins administrativos.

i) En xeral, aquelas que lle sexan encomendadas por razón da súa competencia».

Seis. O punto Dous.3 do artigo 6º queda redactado como segue:

«3. Dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea.

A dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea dependerá funcionalmente do padroado do centro e, na execución das funcións que lle son atribuídas, estará suxeito aos criterios e instrucións emanadas da presidencia do padroado, do propio padroado do centro ou da súa comisión permanente.

Á dirección, que se poderá prover por persoal funcionario con rango de subdirector xeral ou en réxime de contratación temporal, e sen prexuízo da súa renovación, de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, correspóndelle a dirección, coordinación e planificación da actividade dos departamentos do centro.

A xerencia do Centro Galego de Arte Contemporánea dependerá organicamente da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e funcionalmente do padroado do centro.

A/o xerente será nomeado polo/a conselleiro/a de Cultura e Turismo e exercerá o cargo de secretaria/o do padroado, ademais das funcións sinaladas no Decreto 326/1996, do 26 de xullo, de regulamentación do Centro Galego de Arte Contemporánea ou doutras que se lle encomenden».

Sete. Dáse nova redacción ao artigo 7º, que queda redactado como segue:

«Artigo 7º.-A Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

Un. Correspóndelle á Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción do libro e a lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos e entre elas as seguintes:

a) O apoio á produción editorial e elaboración de plans respecto da política do libro, de acordo coas necesidades culturais de Galicia.

b) O estímulo da creación literaria.

c) As autorizacións para a realización de feiras e exposicións do libro e do material bibliográfico.

d) A dirección da Biblioteca de Galicia (Centro Superior Bibliográfico de Galicia) e do Arquivo de Galicia.

e) A tramitación dos procedementos de creación de novas bibliotecas ou servizos bibliotecarios, dos seus regulamentos e concertos e a organización de cursos de formación nesta materia.

f) A orientación do servizo público da lectura para difundir a cultura por medio do libro e dos soportes virtuais relacionados coas novas tecnoloxías da información.

g) A execución da lexislación sobre propiedade intelectual e a xestión das competencias da comunidade autónoma en materia de depósito legal.

h) A dirección de todas as actuacións dirixidas a velar pola conservación, coidado, promoción e difusión do patrimonio documental de Galicia, especialmente a través dos arquivos.

i) A organización e colaboración nas exposicións, congresos, coloquios e cursos de formación, así como a convocatoria de bolsas e axudas, e a preparación de convenios sobre as materias que sexan competencia da dirección xeral.

j) A preparación de convenios relacionados coas materias da súa competencia.

k) Formular as correspondentes propostas na tramitación contable dos procedementos tramitados con cargo aos orzamentos asignados ao seu centro directivo.

l) As competencias que lle sexan encomendadas por delegación do titular do departamento.

Dous. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos estrutúrase da seguinte forma:

1. Subdirección Xeral de Bibliotecas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de normas, a programación e execución das funcións da dirección xeral para a promoción do libro e o fomento da lectura.

b) A execución das funcións da dirección xeral respecto ao Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia e á realización de estudos e publicacións, así como á xestión administrativa dos expedientes relacionados con estas materias.

c) A Dirección Técnica da Biblioteca de Galicia (Centro Superior Bibliográfico de Galicia).

d) Promover a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

e) Recoller, conservar e difundir as publicacións oficiais das institucións públicas galegas e as publicacións de interese pola súa relación con Galicia.

f) Velar pola conservación e preservación das obras que constitúen o patrimonio bibliográfico de Galicia, prestando servizos de apoio, promoción e coordinación das tarefas de control bibliográfico, restauración e dixitalización.

g) Constituír e manter unha biblioteca virtual que asegure a presenza da produción bibliográfica galega e da relacionada co ámbito lingüístico e temático galego en internet.

h) Xestionar as obras duplicadas e procedentes de expurgo.

i) Adaptar o Sistema Bibliotecario de Galicia ás normas bibliográficas e catalográficas internacionais e elaborar as que teñan que rexer a súa catalogación.

j) Coordinar e supervisar o cumprimento da lexislación de depósito legal.

k) Executar as actuacións en materia de bibliotecas da Xunta de Galicia, nos termos previstos na normativa vixente.

l) O apoio administrativo ao Consello de Bibliotecas da Comunidade Autónoma.

Para a realización destas funcións contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo do Libro e Publicacións.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A xestión das actividades de promoción relacionadas co libro e coas formas de comunicación textual en soportes virtuais.

b) O apoio á produción editorial e á promoción da participación en feiras do libro e realización de actividades de animación á lectura.

c) A organización da actividade editorial da Xunta de Galicia que lle corresponde ao Servizo Central de Publicacións e a xestión da librería institucional.

d) A edición das obras que sexan de interese xeral para a comunidade autónoma.

e) A coordinación da distribución comercial de todas as publicacións producidas pola Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes, e do intercambio de materiais desta natureza coas institucións que determine a Comisión Permanente de Publicacións.

f) O desenvolvemento das actuacións relacionadas coa adxudicación dos números do ISBN para as publicacións da Xunta de Galicia de acordo coa Axencia Española do ISBN e coas resolucións da Comisión Permanente de Publicacións.

g) A realización de programas, estudos, análises e elaboración de informes e propostas en relación coas publicacións da Consellería de Cultura e Turismo.

h) A coordinación e revisión das publicacións que, directa o indirectamente, leva a cabo a Consellería de Cultura e Turismo, no ámbito da súa competencia.

i) O estudo e análise dos proxectos relacionados coas publicacións programadas polas diversas unidades desta consellería.

k) Todas aquelas outras que poidan serlle atribuídas.

1.2. Servizo da Biblioteca de Galicia.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A recollida, conservación e difusión das publicacións oficiais das institucións públicas galegas e as publicacións de interese pola súa relación con Galicia.

b) A conservación e preservación das obras que constitúen o patrimonio bibliográfico de Galicia, prestando servizos de apoio, promoción e coordinación das tarefas de control bibliográfico, restauración e dixitalización.

c) A xestión administrativa da Biblioteca de Galicia (Centro Superior Bibliográfico de Galicia).

d) A elaboración, mantemento e difusión de catálogos colectivos de patrimonio bibliográfico e de bibliotecas da rede, así como de bibliografías, especialmente a Bibliografía de Galicia, e a elaboración e coordinación das normativas de descrición que hai que seguir e os sistemas de almacenamento e busca.

e) A xestión das competencias da comunidade autónoma en materia de depósito legal.

f) A taxación de bens culturais de carácter bibliográfico con fins administrativos.

g) Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

1.3. Servizo do Sistema de Bibliotecas.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A proposta e definición das condicións técnicas das instalacións e servizos utilizadas nas bibliotecas de uso público, así como dos proxectos de creación de novas bibliotecas na comunidade autónoma.

b) A xestión do Rexistro de Bibliotecas, dos procedementos de integración na rede e de creación de novos centros e dos de declaración de bibliotecas de especial interese para Galicia.

c) O apoio á implantación das novas tecnoloxías da información e da comunicación nas bibliotecas públicas de Galicia.

d) A elaboración e publicación dos instrumentos de análise e avaliación da Rede de Bibliotecas de Galicia: censo de bibliotecas e mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

e) A xestión administrativa e organización de axudas, bolsas de formación e cursos para a mellora da cualificación do persoal que desempeñe as súas funcións nas bibliotecas da comunidade autónoma.

f) A xestión das bibliotecas nodais.

g) Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

1.4. Servizo do Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia.

Correspóndelle a este servizo realizar as funcións do Rexistro Territorial integrado no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual. Entre outras, realizará as seguintes funcións:

a) Tramitación e resolución dos procedementos de inscrición e anotación.

b) Práctica das inscricións que procedan.

c) Certificación e publicidade dos dereitos, actos e contratos inscritos.

d) Emisión de informes técnicos nos casos en que proceda.

e) Calquera outra que lle corresponda de acordo coa lexislación en materia de propiedade intelectual.

2. Subdirección Xeral de Arquivos.

Correspóndelle executar as seguintes funcións:

a) A elaboración de normas, a programación e execución das funcións da dirección xeral en relación co patrimonio documental e os arquivos.

b) A dirección técnica do Arquivo de Galicia.

c) A coordinación e dirección técnica do sistema galego de arquivos, a xestión dos arquivos de titularidade autonómica, adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia e, en xeral, acrecentar, conservar, difundir e poñer en valor o patrimonio documental.

Para o desenvolvemento destas funcións contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo do Arquivo de Galicia.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de:

a) Xestión administrativa do Arquivo de Galicia.

b) Impulso da xestión documental en calquera soporte en todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia e os procesos de valoración, selección, transferencia e dixitalización documental nos arquivos do subsistema da Xunta de Galicia.

c) Recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes dos arquivos intermedios do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia e do resto de entidades públicas instrumentais cun ámbito territorial superior ao dunha provincia.

d) Recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes de organismos, institucións e entidades de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade.

e) Localización, recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e difusión dos fondos e documentos públicos ou privados que polo seu valor testemuñal e referencial concirnan a Galicia e sexan de especial importancia.

f) Levar a cabo a conservación preventiva e a dixitalización dos fondos documentais que custodie e a restauración daqueles documentos que o precisen.

g) Facilitar o acceso aos documentos e á información neles contida á Administración e aos cidadáns e difundir os fondos documentais de que dispón.

h) En xeral, aquelas que lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

2.2. Servizo do Sistema de Arquivos.

Son funcións deste servizo:

a) A coordinación e dirección técnica do sistema galego de arquivos e dos subsistemas e redes que o integran, así como a inspección dos arquivos e o seu patrimonio documental.

b) A xestión dos arquivos de titularidade autonómica, adscritos a esta consellería e os de titularidade estatal de xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A actualización e control do Censo-Guía de Arquivos.

d) O inventario do patrimonio documental custodiado nos arquivos galegos, así como o control dos movementos, restauracións e reproducións do patrimonio documental custodiado neles.

e) O apoio e asesoramento técnico nas materias de patrimonio documental e de arquivos.

f) A programación, coordinación e xestión das actuacións en materia de incremento, conservación, organización, descrición e difusión do patrimonio custodiado nos arquivos galegos.

g) A taxación de bens culturais de carácter documental con fins administrativos.

h) En xeral, aquelas que lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

3. Dependendo directamente do director xeral contarase co Servizo de Coordinación e Xestión.

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración dos expedientes de contratación e de xestión económica e orzamentaria con cargo aos orzamentos asignados ao seu centro directivo, sen prexuízo das competencias do Servizo de Contratación da Secretaría Xeral Técnica da consellería.

b) A tramitación dos procedementos correspondentes á política de fomento da dirección xeral mediante convenios, axudas e subvencións ou estímulos a entidades, corporacións e sector privado, sen prexuízo das competencias doutros órganos.

c) En xeral, aquelas outras que lle sexan encomendadas por razón da súa competencia».

Oito. Dáse nova redacción ás letras b) e e) do punto Un do artigo 8º que quedan redactados como segue:

«b) A/o secretaria/o xeral técnica/o, que será o seu vicepresidente e coordinador.

e) A/o director/a xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos».

Nove. Dáse nova redacción ao punto Tres do artigo 9º que queda redactado como segue:

«Tres. Cada xefatura territorial contará cos seguintes servizos:

1. Servizo de Patrimonio Cultural.

2. Servizo de Turismo.

Os servizos das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente dos órganos superiores ou de dirección da Consellería de Cultura e Turismo dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada un de eles, sen prexuízo da coordinación xeral que exerzan as/os xefas/es territoriais, dos que dependerán organicamente, correspondéndolles o desenvolvemento, no seu ámbito territorial respectivo, das actuacións correspondentes, que lles sexan encomendadas».

Disposición adicional

As referencias á Secretaría Xeral e aos departamentos territoriais contidas no Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, así como en normas de igual ou inferior rango entenderanse realizadas no sucesivo á Secretaría Xeral Técnica e ás xefaturas territoriais respectivamente.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia dos cambios da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase o conselleiro de Cultura e Turismo, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Segunda.-As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, mediante resolución do conselleiro por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Terceira.-En tanto non sexa aprobada a relación de postos de traballo da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que recolle a súa adscrición, o persoal que realiza funcións que coa entrada en vigor deste decreto pasen a ser desenvolvidas por Agadic e non sexa integrado dentro das unidades correspondentes da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, manterá a súa vinculación coa Consellería de Cultura e Turismo dependendo organicamente da Secretaría Xeral Técnica sen prexuízo de poder levar a cabo o desempeño dos seus labores dentro da citada axencia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo