DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2011 Páx. 1.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 21 de xaneiro de 2011 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 27 de xaneiro de 2011.

O artigo 28º.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2º do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3º do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG presentou convocatoria dunha folga que se desenvolverá desde as 00.00 ás 24.00 horas do día 27 de xaneiro de 2011. A dita folga afectará, no que resulta de interese para o obxecto nesta orde, todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Outorgada audiencia aos comités de folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga que se desenvolverá desde as 00.00 ás 24.00 horas do día 27 de xaneiro de 2011, e que afectará todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria. Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención á poboación que, baixo ningún concepto, pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

E por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente e o trasporte sanitario que non poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servizos esenciais, establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o seu mantemento nos centros de traballo, nas institucións afectadas:

-Persoal mínimo necesario para a cobertura da atención urxente e permanente e as emerxencias do 061.

-No Centro de Transfusións de Galicia os servizos necesarios para o mantemento do abastecemento sanguíneo en toda a comunidade autónoma.

-Nos centros e institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde e centros e institucións sanitarias privadas:

a) Persoal facultativo dependente de atención especializada:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

-Servizos de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

-Paritorios.

2. Cobertura do 100% da actividade nas seguintes áreas:

-Unidades de reanimación.

-Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, se é o caso.

-Área de diálise.

-Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica nos doentes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial, procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, e as que se refiren aos doentes hospitalizados que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e de produtos sanitarios, que, ao criterio do facultativo, sexan necesarias.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

b) Persoal facultativo dependente de atención primaria: (médicos pediatras e odontólogos).

1. Cobertura do 100% da actividade urxente.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán a asistencia urxente ou inaprazable desa unidade calquera que sexa a modalidade da prestación:

-En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

-En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

-En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

-En centros con máis de 13 profesionais: 4 efectivos.

C) Persoal sanitario non facultativo de atención especializada:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no ingreso.

-Atención aos paritorios.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos doentes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

-Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

-Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos doentes hospitalizados que, por criterio dos facultativos, sexan necesarios e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

d) Persoal sanitario non facultativo de atención primaria:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán asistencia urxente e inaprazable desa unidade calquera que sexa a modalidade da prestación:

-En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

-En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

-En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

-En centros con máis de trece profesionais: 4 efectivos.

e) Persoal de xestión e servizos de atención especializada:

1. Urxencias: o 100% do persoal.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao de domingos ou festivos.

3. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

4. Atención ao doente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo do 1 por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente aos domingos e festivos ou ata o 50% dos efectivos da quenda.

7. Limpeza: ata o 50% dos efectivos da quenda.

8. Hostalaría: un número mínimo igual aos domingos ou festivos, ou ben un 60% dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos doentes que non requiran dieta médica especial.

9. Condutores: o mesmo número de efectivos cos domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

10. Servizos administrativos:

-Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos pacientes.

-Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e como máximo ata o 40% dos efectivos da quenda.

-Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 25% dos efectivos da quenda.

-Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25% dos efectivos da quenda.

-Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25% dos efectivos da quenda.

f) Persoal de xestión e servizos de atención primaria:

1. Urxencias: o 100% do persoal.

2. En centros con catro ou menos facultativos: 1 efectivo.

-En centros con cinco ou máis facultativos: 1 efectivo por centro e, en caso de teren varios andares, un máis por andar.

g) Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente aos domingos ou festivos.

h) Persoal de empresas privadas que realizan tarefas de servizos contratados co Servizo Galego de Saúde: aplicaranse os criterios establecidos nos puntos anteriores para a correspondente área de actividade. No caso de que algunha empresa actúe nunha área de traballo que non se corresponda coas dos puntos anteriores, estableceranse un número de efectivos equivalente ao dos domingos e festivos.

-Transporte sanitario.

Establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais:

-Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través das ambulancias asistenciais do 061.

-No ámbito do transporte hospitalario, o 100% do transporte secundario urxente.

-O 100% dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos ambulatorios continuados de oncoloxía e diálise. Para o resto de pacientes, os vehículos necesarios para os casos nos que necesiten padiola ou o seu estado xeral así o aconselle, a xuízo do facultativo prescritor. O número de vehículos non será inferior ao 50% dos que fan a cobertura habitual.

Artigo 2º

A determinación dos profesionais necesarios con base nos criterios anteriores será feita pola dirección, debendo estar a súa fixación adecuadamente motivada, mediante a designación nominal e individual.

As/os profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación ao comezo da folga.

A/o profesional designado como servizo mínimo, que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outra/o profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos da institución, exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Con tales premisas, no anexo desta resolución, recóllense o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16º.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Artigo 6º

As empresas privadas que prestan servizos no ámbito da sanidade de Galicia deberán fixar o persoal necesario para garantir a prestación de recoñecida e inaprazable necesidade, de acordo cos criterios e demais disposicións determinados nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2011.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "01600D007P044.PDF"

Ver referencia pdf "01600D008P054.PDF"