DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2011 Páx. 1.459

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 11 de xaneiro de 2011 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Outes (A Coruña).

O Concello de Outes remite o Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Antecedentes.

1. O Concello de Outes dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 5-8-1977, que foron obxecto de cinco modificacións puntuais.

2. Con data do 21-9-2005 emitíase informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85º.1 da LOUG.

3. O Concello de Outes aprobou inicialmente o PXOM o día 14-12-2007; e someteuno a información pública mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego do día 2-2-2008, así como no DOG do 1-2-2008. Simultaneamente deuse audiencia aos concellos de Negreira, Muros, Noia, Mazaricos e Brión; e solicitáronse informes da Demarcación de Costas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Consellería de Sanidade, Delegación do Goberno en Galicia, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo Provincial de Estradas da Coruña, Delegación de Economía e Facenda, Augas de Galicia, Portos de Galicia, Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, Servizo de Protección do Litoral da CPTOPT e Deputación Provincial da Coruña.

4. Segundo consta no expediente, emitíronse os seguintes informes:

-Da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais da Consellería do Medio Rural de data 24-1-2008.

-De Portos de Galicia, após a emisión dun informe desfavorable do 18-2-2008, consta a emisión dun segundo informe o 12-3-2009.

-Da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa y o Mar do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural e Mariño, informes de datas 29-4-2008 e 27-3-2009, emitidos ao abeiro do artigo 117º.1 e 117º.2 da Lei de costas, respectivamente.

-En materia de estradas autonómicas, informe favorable da Dirección Xeral de Obras Públicas da CPTOPT de data 12-5-2008, cunha serie de condicións.

-Informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, do 20-6-2008.

-En materia de estradas provinciais, informe da Deputación Provincial da Coruña do 9-10-2008, favorable cunha serie de condicións.

-Informe en materia de costas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, en virtude dos artigos 112º e 117º.1 da Lei de costas, do 20-3-2009.

5. O Pleno do Concello de Outes aprobou provisionalmente o 11-12-2008 o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, tras o informe subscrito polo secretario da corporación e mais o arquitecto técnico municipal de decembro do 2008.

6. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental elaborou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM do Concello de Outes o 15-4-2009 (DOG nº 153, do 6 de agosto).

7. O expediente municipal foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, tendo entrada no rexistro desta en data 29-10-2009.

8. En virtude do previsto no artigo 85º.5 da LOUG, en data 18-11-2009 requiriuse ao Concello de Outes para que corrixise unha serie de deficiencias observadas na documentación e tramitación do plan.

9. Coa finalidade de dar cumprimento ao devandito requirimento e incorporar ao PXOM aprobado provisionalmente as consideracións contidas na memoria ambiental, o Pleno do Concello de Outes someteu de novo a aprobación provisional o 29-12-2009 o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, tras o informe subscrito polo secretario da corporación e mais o arquitecto técnico municipal de decembro 2009.

10. O Concello de Outes, por escrito do 21-1-2010, achega a documentación requirida, en que constan, entre outros, o exemplar do PXOM aprobado provisionalmente o 29-12-2009, o expediente debidamente dilixenciado e a certificación da Secretaría municipal acreditativa da non recepción en prazo dos seguintes informes:

-Informe en materia de telecomunicacións que prevé o artigo 26º.2 da Lei 32/2003, do 3 de novembro, xeral de telecomunicacións.

-Informe en materia de patrimonio cultural conforme o artigo 32º da Lei 8/1995, de patrimonio cultural de Galicia.

-Informe en materia de augas que prevé o artigo 25º da Lei de augas (Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo).

11. En data 21-4-2010, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu orde de non aprobación do PXOM de Outes, ao abeiro do establecido no artigo 85º.7.b) da LOUG; sinalando unha serie de deficiencias que se deberán corrixir.

12. O Concello Pleno de Outes aprobou provisionalmente o PXOM modificado en sesión do 6-8-2010.

13. O expediente municipal foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, tendo entrada no rexistro desta con data do 18-8-2010; e achega unha separata para os efectos da solicitude do preceptivo informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, previsto no artigo 32º.2.e) da LOUG para reducir a franxa de protección de costas.

14. A solicitude de redución de 200 a 100 m do largo da franxa a clasificalle como solo rústico de protección de costas referíase ao solo urbanizable UND-05 e ás áreas de expansión dos núcleos de Mosteiro, Vilariño, Piñeiro, Braño, Cerzón, Rates, Brión de Abaixo, A Xurisdición, Vista Alegre, Coiradas, Riba de Mar, A Toxeira e A Corga.

15. Esa proposta foi elevada ante a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 32º.2 e) da LOUG; que na súa sesión do 2-12-2010 informou favorablemente parte do ámbito do UND-05 así como as áreas de expansión dos núcleos de Cerzón, Brión de Abaixo, A Xurisdición, Vista Alegre, Riba de Mar e A Corga. Os restantes ámbitos foron informados desfavorablemente, nos termos contidos na acta da propia Comisión.

16. O Pleno do Concello aprobou de novo provisionalmente o PXOM en sesión de data 30-12-2010, unha vez introducidas as modificacións indicadas anteriormente, tendo entrada nesta consellería o 31-12-2010.

Análise do plan. Consideracións e fundamentación.

Vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, analizado o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Outes aprobado polo pleno o 30-12-2010, e examinado o seu propio contido e as modificacións e xustificacións introducidas respecto do que foi obxecto de resolución pola anterior orde da CMATI de data 21-4-2010, así como do informado pola Comisión Superior de Urbanismo na súa sesión do 2-12-2010, púidose comprobar:

Con respecto á redución da franxa de protección de costas o PXOM incorpora os criterios emanados do ditame da Comisión Superior de Urbanismo do 2-12-2010.

O novo documento agora remitido cumpre as observacións formuladas na Orde do 21-4-2010.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89º e 93º.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

Visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Outes (A Coruña) de acordo co punto 7.a) do artigo 85º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo.-De conformidade co disposto polos artigos 92º da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Terceiro.-Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas