DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2011 Páx. 1.411

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2011 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba a modificación das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao abeiro de determinadas liñas ICO 2010, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 20 de abril de 2010, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao abeiro de determinadas liñas ICO 2010, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras. As ditas bases publicáronse no Diario Oficial de Galicia nº 230, do 30 de novembro de 2010.

As citadas bases regulan o contido e procedemento de tramitación das axudas consistentes nunha liña de subsidiación ao financiamento obtido, mediante a modalidade de préstamos, polas pequenas e medianas empresas que, cumprindo os requisitos destas bases, promovan investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia ou no estranxeiro, mediante algunha das liñas ICO 2010 do Instituto de Crédito Oficial (ICO), seguintes:

-Liña Ico-Economía Sustentable.

-Liña Ico-Investimento.

-Liña Ico-Internacional.

-Liña Ico-Emprendedores.

Tradicionalmente as bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ao abeiro das liñas de mediación do ICO sempre se articularon para todas as operacións acollidas a estas liñas con independencia de que se tratase de operacións de préstamo ou de leasing. Neste ano, o ICO manifestou inicialmente a imposibilidade de asinar o convenio para as operacións de leasing para rectificar con posterioridade e comunicar que o convenio de colaboración se pode facer extensible as ditas operacións.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 30 de decembro de 2010, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO), e facultou o director xeral para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a seguinte modificación das bases reguladoras das axudas do Igape para o apoio financeiro aos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiados con fondos do Instituto de Crédito Oficial (ICO):

-Nos artigos 1º, 2º.1, 4º.3, 8º.1, 8º.1.2, 8º.2, 8º.3, 12º, 15º.1, 15º.3, 15º.4, 15º.5 e 17º.2 das bases reguladoras, as referencias que se fan ás operacións de préstamo deben entenderse para as operacións de préstamo ou contratos de arrendamento financeiro-leasing.

-O punto quinto do artigo 4º pasa a ter a seguinte redacción:

«4.5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de financiamento destes mediante contratos de arrendamento financeiro (leasing), a empresa deberá comprometerse ante o Igape a exercer a opción de compra ao finalizar o arrendamento».

Segundo.-Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2011.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica