DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2011 Páx. 1.406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2011 pola que se convoca o III Curso superior de formación do enxeñeiro de camiños, canais e portos na Administración local.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2011 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, o III Curso superior de formación do enxeñeiro de camiños, canais e portos na Administración local, conforme as seguintes bases:

Primera.-Obxectivos.

Son obxectivos deste curso os seguintes:

-Complementar a formación dos enxeñeiros de camiños, canais e portos en relación cos traballos que poden desenvolver na Administración municipal.

-Actualizar os conceptos urbanísticos de planificación e xestión, e a súa adaptación á práctica do urbanismo municipal en Galicia.

-Actualizar a formación do enxeñeiro de camiños, canais e portos nos proxectos de urbanización e nas obras de competencia municipal ou supramunicipal.

-Formar o enxeñeiro de camiños, canais e portos municipal no papel de interlocutor municipal no diálogo con outras administracións (central, autonómica, deputacións, organismos autónomos, etc.).

-Mellorar a competencia profesional dos enxeñeiros de camiños, canais e portos que desenvolvan a súa actividade no exercicio libre ou en entidades privadas que deban relacionarse coa Administración local.

Segunda.-Contido.

O contido do curso comprenderá os seguintes temas:

-Estrutura organizativa do Estado e o papel das entidades locais (municipios e deputacións).

-A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local: competencias e obrigas das entidades locais.

-Competencias dos enxeñeiros de camiños, canais e portos, funcións e responsabilidades do enxeñeiro municipal.

-A Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

-Lexislacións sectoriais con incidencia nas Entidades Locais (ordenación do territorio, estradas, augas, costas, portos, patrimonio, ambiente e espazos protexidos, etc.).

-Lexislación sobre prevención de riscos laborais: responsabilidades do enxeñeiro de camiños municipal.

-A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: procedementos, redacción de informes, participación dos cidadáns, etc.

-Novas tecnoloxías ao servizo do enxeñeiro municipal: SIG, cartografía dixital, fotografía aérea, información de satélites, etc.

-O marco legal da ordenación do territorio e do urbanismo en Galicia.

-O plan xeral municipal.

-Os plans de desenvolvemento urbanístico.

-Informes urbanísticos do plan xeral municipal e dos plans de desenvolvemento.

-Os proxectos de urbanización.

-Os sistemas de xestión urbanística.

-Os convenios urbanísticos.

-A disciplina urbanística.

-A avaliación ambiental dos plans.

-A sustentatibilidade e a protección do ambiente no ámbito das entidades locais.

-Coordinación da planificación de infraestruturas e servizos con administracións supramunicipais e entidades privadas.

-O proxecto das infraestruturas de transporte: estradas urbanas, rúas, ferrocarrís urbanos e metropolitanos, estacións de ferrocarril e autobuses, aparcadoiros, intercambiadores, etc.

-Aspectos prácticos da construción das infraestruturas de transporte.

-O proxecto dos servizos urbanos municipais: abastecemento, saneamento, iluminación pública, control de tráfico, enerxía eléctrica, telecomunicacións, distribución de gas, xestión de residuos sólidos, etc.

-Aspectos prácticos da construción dos servizos urbanos municipais.

-Infraestruturas das áreas industriais e das áreas empresariais.

-Os equipamentos e as dotacións públicas.

-O proxecto dos espazos libres (prazas, bordos fluviais, litoral, parques, etc.).

-Lexislación sobre accesibilidade e incidencia na xestión municipal.

-A xestión dos servizos municipais e a relación cos concesionarios.

-A xestión do patrimonio e os bens municipais: adquisición, inventario, cesión, alleamento, etc.

-Aspectos particulares dos proxectos de expropiación, asignación do valor do solo e mutuos acordos.

Terceira.-Prazas, duración, datas e lugar de realización.

Prazas: 40.

Duración: o curso terá unha duración de 120 horas lectivas, das cales, 100 horas serán teóricas e 20 horas prácticas.

Datas: 18, 19, 25 e 26 de febreiro; 4, 5, 11, 12, 25 e 26 de marzo; 1, 2, 8, 9, 15, 16, 29 e 30 de abril; 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de maio e 3, 4, 10 e 11 de xuño de 2011, en horario de 16.30 horas a 20.30 horas os venres e de 10.00 horas a 14.00 horas os sábados.

Lugar de realización: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela.

Cuarta.-Destinatarios.

Será requisito necesario para a realización do curso ser, na data da convocatoria, enxeñeiro de camiños, canais e portos colexiado no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, alumno da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña precolexiado no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos ou enxeñeiro civil pertencente á Ordem dos Engenheiros de Portugal.

As prazas distribuiranse en grupos do seguinte xeito:

a) 10 prazas terán como destinatarios os empregados/ás públicos/ás das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, e das universidades do Sistema Universitario de Galicia que cumpran os seguintes requisitos: pertencer ao grupo A (subgrupo A1) do persoal funcionario, ou ao grupo I do persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Os enxeñeiros de camiños, canais e portos que traballen para os concellos contratados a tempo completo encadraranse neste grupo.

b) 10 prazas terán como destinatarios/as os/as alumnos da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

c) 5 prazas terán como destinatarios enxeñeiros civís pertencentes á Ordem dos Engenheiros de Portugal.

d) 15 prazas terán como destinatarios/as os enxeñeiros de camiños, canais e portos que non pertenzan a ningún dos grupos anteriores.

En caso de non se cubrir na súa totalidade a cota de prazas reservadas nas letras anteriores, estas poderán cubrirse co resto de solicitantes, na orde de preferencia seguinte: empregados públicos, enxeñeiros de camiños, canais e portos non empregados públicos, enxeñeiros civís portugueses e alumnos da Universidade da Coruña.

Este curso valorarase con 1 punto a aqueles alumnos/as aprobados/as que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994 e tamén do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionario/as con habilitación de carácter estatal (DOG n º 52, do 16 de marzo de 2009).

Quinta.-Pagamento da matrícula.

O importe da matrícula é de setecentos euros (700 €) con carácter xeral.

Para todos aqueles solicitantes incluídos no punto 4.a) o importe da matrícula será de trescentos cincuenta euros (350 €).

O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos concederá unha bolsa de trescentos cincuenta euros (350 €) para enxeñeiros de camiños, canais e portos en situación de desemprego laboral durante o 50% ou máis da duración do curso e para os alumnos da Universidade da Coruña.

O importe anterior poderá facerse efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 50% do total pagarase ao matricularse e o 50% restante farase efectivo entre o 1 e o 10 de xuño de 2011.

A matriculación e o primeiro pagamento do custo do curso deberá efectuarse dentro dos cinco (5) días seguintes á comunicación por parte da EGAP da aceptación dos alumnos no curso. Para iso, a EGAP comunicaralle ao alumnado admitido no curso o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá en ningún caso á devolución das cantidades aboadas.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro dos prazos marcados para cada caso perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

Sexta.-Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente, designada para o efecto, cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con independencia e discrecionalidade técnica con respecto aos órganos directivos da EGAP.

a) Solicitantes incluídos no punto 4.a): a puntuación máxima será de 10 puntos e aplicarase o seguinte baremo:

-Por experiencia nun posto de enxeñeiros de camiños, canais e portos na Administración ou entidades adscritas: 1 punto por ano traballado ata un máximo de 5.

As fraccións de ano traballado en distintas administracións poderán acumularse. As datas de referencia, para os efectos do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma de posesión e cesamento ou no certificado de vida laboral.

-Por experiencia nun posto de traballo relacionado directamente coa Administración: 0,5 puntos por ano traballado ata un máximo de 2.

Esta experiencia poderá acreditarse mediante a presentación dun certificado de vida laboral e/ou unha relación dos traballos realizados en colaboración coa Administración ou entidades adscritas, expedido polo órgano competente.

-Pola realización de cursos específicos relacionados co exercicio da profesión dentro da Administración pública: ata un máximo de 3 puntos.

*) Por cursos de 20 a 80 horas: 0,10 puntos.

*) Por cursos de 80 a 150 horas: 0,30 puntos.

*) Por cursos de máis de 150 horas: 0,60 puntos.

b) Solicitantes incluídos no punto 4.b): a puntuación máxima será de 10 puntos e aplicarase o seguinte baremo:

-Por ter superadas todas as materia correspondentes aos cursos 1º, 2º, 3º e 4º da carreira de enxeñeiro de camiños, canais e portos, 5 puntos.

-A nota media simple do expediente académico do alumno da Universidade da Coruña, valorarase linealmente entre 0 e 2 puntos, correspondendo 2 puntos á nota media simple máis alta dos solicitantes e 0 puntos á nota media simple máis baixa.

-Pola realización de cursos específicos relacionados co exercicio da profesión dentro da Administración pública: ata un máximo de 3 puntos.

*) Por cursos de 20 a 80 horas: 0,10 puntos.

*) Por cursos de 80 a 150 horas: 0,30 puntos.

*) Por cursos de máis de 150 horas: 0,60 puntos.

c) Solicitantes incluídos no punto 4.c): a puntuación máxima será de 10 puntos e aplicarase o seguinte baremo:

-Por experiencia nun posto de enxeñeiro civil na Administración ou entidades adscritas: 1 punto por ano traballado ata un máximo de 5.

As fraccións de ano traballado en distintas administracións poderán acumularse. As datas de referencia, para os efectos do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma de posesión e cesamento ou no certificado de vida laboral.

-Por experiencia nun posto de traballo relacionado directamente coa Administración: 0,5 puntos por ano traballado ata un máximo de 2.

Esta experiencia poderá acreditarse mediante a presentación dun certificado de vida laboral e/ou unha relación dos traballos realizados en colaboración coa Administración ou entidades adscritas, expedido polo órgano competente.

-Pola realización de cursos específicos relacionados co exercicio da profesión dentro da Administración pública: ata un máximo de 3 puntos.

*) Por cursos de 20 a 80 horas: 0,10 puntos.

*) Por cursos de 80 a 150 horas: 0,30 puntos.

*) Por cursos de máis de 150 horas: 0,60 puntos.

d) Solicitantes incluídos no punto 4.d): a puntuación máxima será de 10 puntos e aplicarase o seguinte baremo:

-Por experiencia nun posto de enxeñeiro de camiños, canais e portos na Administración ou entidades adscritas: 1 punto por ano traballado ata un máximo de 3.

As fraccións de ano traballado en distintas administracións poderán acumularse. As datas de referencia, para os efectos do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma de posesión e cesamento ou no certificado de vida laboral.

-Por experiencia nun posto de traballo relacionado directamente coa Administración: 0,5 puntos por ano traballado ata un máximo de 4.

Esta experiencia poderá acreditarse mediante a presentación dun certificado de vida laboral e/ou unha relación dos traballos realizados en colaboración coa Administración ou entidades adscritas, expedido polo órgano competente.

- Pola realización de cursos específicos relacionados co exercicio da profesión dentro da Administración pública: ata un máximo de 3 puntos.

* a) Por cursos de 20 a 80 horas: 0,10 puntos.

* b) Por cursos de 80 a 150 horas: 0,30 puntos.

* c) Por cursos de máis de 150 horas: 0,60 puntos.

A comisión resolverá as alegacións e reclamacións que se puidesen suscitar.

Sétima.-Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para a inscrición finalizará o día 3 de febreiro de 2011.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para este efecto figurará na páxina web da EGAP co seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoECCP

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

a) Se os peticionarios son empregados/as públicos/as:

-Certificado expedido polo responsable de persoal do organismo de que dependa o solicitante, no cal se indique a situación administrativa no correspondente corpo ou escala.

-Certificado de colexiación, emitido polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos específico para a realización deste curso.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

b) Se o peticionario é alumno da Universidade da Coruña:

-Certificado expedido polo secretario da ETS de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña en que se indique que está matriculado no curso 2010-2011.

-Certificado de precolexiación, emitido polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos específico para a realización deste curso.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

c) Se o peticionario é enxeñeiro civil portugués:

-Certificado de colexiación, emitido pola Ordem dos Engeneiros de Portugal, específico para a realización deste curso.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

d) Para o resto dos peticionarios:

-Certificado de colexiación, emitido polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos específico para a realización deste curso.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada, e poderá facerse na EGAP ou nas oficinas do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

Poderá pedirse a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente documentados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

Oitava.-Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas deste. As persoas que non figuren na devandita lista de espera ou ben se encontran nun posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria.

Novena.-Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo iso de acordo co disposto no artigo 59º.6 b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décima.-Desenvolvemento do curso.

Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os alumnos que participen no curso terán que asinar a súa asistencia a cada unha das sesións académicas, tanto teóricas como prácticas. As ausencias ocasionais do curso constarán como incidencia dentro de cada sesión para os efectos do cómputo correspondente. Poderán realizarse tamén controis de asistencia extraordinarios en calquera momento do desenvolvemento do curso.

A superación deste curso queda supeditada a que os alumnos acudan con regularidade ao curso, cunha porcentaxe de asistencia que deberá ser polo menos do 85% das horas programadas, e tamén a que o seu traballo alcance unha calidade mínima. Os participantes que non cumpran os requisitos, sexa a que sexa a causa, quedarán eliminados, e como consecuencia perderán todos os dereitos.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar esta o 15% das horas lectivas. Neste caso acreditarase documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou ante a persoa responsable do curso, nun prazo máximo de dez (10) días despois de que esta ausencia se produza.

Undécima.-Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do mencionado certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar os traballos en grupo, que se elaborarán baixo a dirección dos profesores durante o período docente, e un traballo final de curso, sobre unha materia relacionada coa actividade convocada, cuxa proposta deberá ser aprobada previamente polos directores académicos. Os traballos serán obxecto de exposición pública e o final será avaliado por un tribunal designado para o efecto.

O prazo de entrega do traballo fixarase durante a realización do curso e seralles comunicado aos alumnos. Se, tras a exposición pública do traballo, o tribunal considera que non alcanza unha calidade mínima, o alumno deberá presentar de novo o traballo na data que a dirección do curso lle indique (só se terán dúas oportunidades para a presentación do traballo ante o tribunal).

Ao finalizar o curso os alumnos obterán unha cualificación que será de non apto, apto ou apto con mención. Nestes dous últimos casos, isto reflectirase nun certificado de superación do curso, que emitirá a EGAP. Non se expedirán certificados de asistencia sen superar o curso.

Duodécima.-Modificacións e incidencias.

A EGAP resérvase a facultade de modificar o programa e a de interpretación para resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

A dirección do curso resolverá as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega

de Administración Pública