DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2011 Páx. 1.397

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 18 de xaneiro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2011.

O Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros se poidan beneficiar das vantaxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas producións como consecuencia da actuación de axentes alleos, como o clima, enfermidades e outros.

Tendo en conta a evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, as recomendacións da Comisión Europea en canto a contías máximas de subvención por tipos de seguros e coberturas, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, é necesario regular mediante esta orde determinados aspectos das axudas para fomentar a contratación de seguros agrarios durante o ano 2011.

Conforme o previsto no artigo cinco do título II da Lei 87/1978, do 28 de decembro, e o regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 2329/1979, do 14 de setembro, a Entidade Estatal de Seguros Agrarios elaborou o Plan de Seguros Agrarios Combinados para o exercicio 2011, cuxo contido se axusta ao acordo de bases para a elaboración dos plans de seguros agrarios combinados para o trienio 2010-2012, aprobado pola Comisión delegada do Goberno para Asuntos Económicos na reunión do 30 de xullo de 2009, para cuxa elaboración a Consellería do Medio Rural presentou varios traballos.

No plan determínanse as distintas porcentaxes de subvención que lle corresponden á Administración do Estado, que achegará Enesa, nos diferentes grupos de liñas de seguro e os criterios para a súa asignación; os estudos de viabilidade e condicións de cobertura; as novas liñas de seguro ou garantías adicionais que se poden incorporar como novidades; a elaboración e revisión das normas de peritación; as datas de subscrición e prazos de elaboración de cada seguro e demais cuestións relacionadas co plan.

O Plan anual de Seguros Agrarios foi aprobado para o ano 2011 polo acordo do Consello de Ministros do 23 de decembro de 2010.

Mediante esta orde, e en desenvolvemento do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia participará nas subvencións que financien as pólizas de seguro que se prevexan no plan anual estatal, co fin de fomentar a contratación de seguros agrarios.

As liñas mestras deste plan estarán destinadas ao logro dos seguintes obxectivos:

-Completar o proceso de incorporación do sector gandeiro e do sector forestal ao sistema de seguros agrarios, acadando o obxectivo de universalizar a protección das ditas producións ante os principais riscos que os afectan.

-Avanzar nas garantías previstas no sistema para as producións agrícolas, de tal forma que as producións herbáceas disporán de protección ante calquera adversidade natural non controlable, e nas producións leñosas a dita protección establecerase a partir do froito visto.

-Implantar os procedementos precisos para a aplicación dun novo sistema de xestión e contratación do seguro.

-Comezar o desenvolvemento das coberturas, previstas na Lei 87/1978, relativas a danos sobre instalacións e elementos produtivos nas parcelas.

-Avanzar no deseño de modelos de xestión de crises agrarias, no marco do seguro agrario.

Atendendo os anteriores obxectivos, o programa de seguros en 2011 comporase dun conxunto de actuacións que, nos seus aspectos máis destacados, se recollen nos puntos seguintes:

1. Extensión da protección nas producións agrarias, coa inclusión de novos riscos e producións:

Durante o exercicio desenvolveranse os traballos de viabilidade que resulten precisos para a realización das seguintes actuacións:

1.1. Producións agrícolas:

Na medida que se vaia implantando a modalidade de seguro con coberturas crecentes, iranse incorporando ao sistema de seguros as seguintes garantías:

-Nos seguros correspondentes ás producións herbáceas ampliaranse, para os módulos 1, 2, ou 3, as actuais coberturas, establecendo naqueles cultivos que non dispoñan dela unha garantía que ampare, desde o momento do transplante ou nacemento, os danos producidos por calquera evento concreto consecuencia dunha adversidade climatolóxica non controlable que afecte de forma xeneralizada unha zona de cultivo e que ocasione un dano de carácter excepcional con consecuencias, efectos e sintomatoloxía avaliables no campo.

-No caso dos cultivos leñosos, a garantía ante estas adversidades será de aplicación, nos cultivos que non dispoñan dela, a partir do estado de froito visto, unha vez estabilizada a produción.

-Nas producións leñosas establecerase unha cobertura destinada a compensar danos excepcionais, producidos sobre a madeira por algún risco asegurable, que afecten a produción da seguinte campaña e requiran gastos extraordinarios para a recuperación da capacidade produtiva.

-Procederase a estender a cobertura do sistema ante riscos de carácter fitosanitario que se encontren incluídos en programas oficiais de ámbito nacional de loita e erradicación. Esta incorporación levarase a cabo na medida en que se vaian completando os estudos de viabilidade correspondentes.

-Incluirase a cobertura dos danos, causados por riscos amparados no sistema de seguros agrarios, sobre instalacións e elementos produtivos existentes na parcela, comezando polos invernadoiros e microtúneles, os cortaventos artificiais, as mallas antisarabia e os titores ou sistemas de condución das plantacións.

Naquelas liñas de seguro correspondentes a producións para as cales a adaptación á modalidade de seguro de coberturas crecentes se realizará no 2012, introduciranse en 2011 as seguintes modificacións:

-Ampliaranse as coberturas actualmente establecidas para a produción de kiwi, incluíndo os danos que afecten o callado do froito.

-No seguro de planta ornamental incluiranse os danos ocasionados pola neve.

Actualización e revisión dos rendementos máximos asegurables:

-No seguro de rendementos de explotacións vitícolas, revisaranse os rendementos máximos asegurables actualmente establecidos.

2. Producións gandeiras.

-Completarase a incorporación das producións gandeiras ao sistema de seguros mediante a posta en marcha dunha nova liña de aseguramento, baixo a denominación de tarifa xeral gandeira, que dará cobertura ás explotacións cunícolas e a outras especies actualmente non asegurables.

-Introducirase a cobertura por danos por scrapie no seguro de explotacións de gando ovino e cabrún.

-Completaranse as actuais coberturas establecidas para os pastos, incluíndo no sistema garantías por danos directos de incendio, inundación e chuvia torrencial.

-Implantarase, con carácter experimental, no seguro de explotacións apícolas, unha cobertura de rendementos sobre a produción de mel. A implantación deste seguro estará condicionada á finalización, nos prazos previstos, dos estudos de viabilidade correspondentes.

3. Producións forestais:

-Estenderase a actual cobertura do seguro para plantacións forestais á superficie ocupada polas masas arborizadas, de frondosas ou de mestura de frondosas e coníferas, actualmente non asegurables.

Entre a relación de traballos que se van desenvolver atenderanse as seguintes cuestións:

-Completarase a protección das distintas especies gandeiras ante os danos debidos a outras epizootias ou enfermidades de importancia gandeira actualmente non asegurables, estendendo a aplicación desta cobertura a aquelas especies e sistemas de explotacións actualmente non amparados.

-Desenvolveranse os estudos correspondentes á cobertura dos danos causados polo déficit hídrico nas plantacións de cultivos leñosos en regadío.

-Continuaranse os traballos que se veñen desenvolvendo en relación coa viabilidade dunha cobertura de rede de seguridade sobre os ingresos das explotacións.

-Completaranse as análises relativas á cobertura de danos en calidade nas producións de arroz e cereais de inverno.

Realizaranse os traballos precisos para determinar as posibilidades e condicións de danos como:

Os derivados de riscos acaecidos con anterioridade ao callado do froito naquelas producións leñosas que, como no caso dos cítricos, actualmente non dispoñen desta garantía.

-Establecemento dunha cobertura destinada ás producións leñosas que permita compensar as perdas debidas a fenómenos climáticos acaecidos nos momentos do ciclo produtivo actualmente non amparados.

-Compensación das perdas que poidan ocasionarse sobre os produtos de orixe animal como resultado da incidencia de fenómenos naturais non controlables polo gandeiro.

-Traballarase nos estudos precisos para completar o desenvolvemento das coberturas previstas na Lei 87/1978, relativas a danos sobre instalacións e elementos produtivos nas parcelas.

No marco do Observatorio da Calidade do Seguro Agrario, serán obxecto de especial atención as seguintes cuestións:

-Traballar e participar no deseño e desenvolvemento do novo modelo de contratación que, baixo un esquema de aseguramento con coberturas crecentes, se implantará no exercicio 2011.

-Favorecer a extensión da modalidade de aseguramento renovable que contribúa á simplificación do proceso de contratación e fidelización dos produtores.

-Planificar os traballos que permitan completar, no trienio, a elaboración ou revisión das normas de peritación co fin de mellorar a cobertura dos danos sobre a calidade das colleitas.

-Intensificar os labores de divulgación e formación entre os asegurados, así como aquelas actuacións destinadas á formación de técnicos de organizacións profesionais agrarias e cooperativas que interveñen en apoio dos asegurados, nas distintas fases de aplicación do seguro.

No ano 2011, por parte da Consellería do Medio Rural recibirán subvención as liñas de seguros indicadas no anexo así como outras liñas e melloras de garantías que se poidan incorporar ao longo do ano unha vez realizados os estudos necesarios para a súa viabilidade e as condicións de cobertura correspondentes sempre que se incorporen as ordes dos seguros correspondentes.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30º.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7º e 14º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios e convocalas para o ano 2011, para os seguros incluídos no Plan de Seguros Agrarios Combinados para o exercicio 2011, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

2. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en réxime de concorrencia e poderán ser beneficiarios das ditas axudas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan 2011 e liñas gandeiras dos plans 2010 e 2011, formalizadas en 2011, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de piscifactorías de troitas.

3. Segundo o establecido no punto 2 do artigo 19º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas exceptuanse do requisito de fixar unha orde de prelación das solicitudes. En consecuencia, procederase ao seu pagamento ata o esgotamento do orzamento consignado.

4. As subvencións establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por asegurados que, de acordo co artigo 2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, teñan a consideración de administracións públicas.

Artigo 2º.-Entidades aseguradoras autorizadas.

1. A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa de desenvolvemento.

2. A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.

Artigo 3º.-Liñas de seguros subvencionables e contía das axudas.

1. Para o ano 2011 a subvención da Consellería do Medio Rural queda establecida, para as liñas de contratación dos grupos establecidos no anexo que se xunta a esta orde, do seguinte xeito:

A. Para todas as liñas, incluídas as do seguro crecente, agás as do grupo VII, unha porcentaxe sobre a axuda á contratación que lles conceda Enesa, que será variable segundo as liñas, na contía que se especifica no anexo.

B. Para as liñas do grupo VII correspondente aos seguros de cobertura de gastos derivados da destrución de animais bovinos mortos nas explotacións e gastos derivados da destrución de animais non bovinos mortos nas explotacións, incluídas as modalidades de renovables, unha porcentaxe sobre o custo neto do seguro especificado no anexo.

2. A concorrencia das axudas das administracións públicas non superarán as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais e acontecementos de carácter natural ou por fenómenos climáticos adversos asimilables a desastres naturais. Para asegurar o cumprimento desta normativa, as subvencións terán os seguintes límites:

A. A subvención conxunta de Enesa e da Consellería do Medio Rural non poderá superar un límite xenérico do 80% do custo do seguro.

B. Existirán uns límites específicos sobre o custo do seguro das seguintes contías:

a) Seguros de explotación de gando do grupo IV: 65%.

b) Seguro de explotación de uva de viño: 67%.

c) Seguro combinado e de danos excepcionais de uva de viño: 65%.

d) Seguro de kiwi e cereixa e froiteiras:74%.

3. Para o cálculo do importe definitivo de subvención, ás cantidades que resulten de aplicar as porcentaxes do punto 1 e os límites impostos no punto 2 deste artigo restaráselles a cantidade de 12 euros. Non se concederá ningunha subvención a aqueles solicitudes nas que este cálculo resulte igual ou inferior a esta cantidade.

Artigo 4º.-Procedemento e prazos de execución.

1. A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre e cando se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na epígrafe de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «Subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».

2. A contratación da póliza do seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10º e 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que non foron obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.

3. No caso daquelas pólizas de seguro correspondentes á modalidade renovable, terán a consideración de solicitude de subvención a póliza de seguro inicialmente subscrita mediante a formalización da declaración do seguro, conxuntamente co recibo de pagamento da correspondente anualidade. Neste eido, presumirase que o pagamento do recibo da póliza constitúe a manifestación da aceptación das condicións do seguro e de reunir os requisitos para a percepción das subvencións correspondentes.

4. As datas de inicio e o prazo da subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no plan anual para o ano 2011, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas do seguro de que se trate.

5. O importe da axuda que lle corresponda á Consellería do Medio Rural deducirase do importe da prima que deberá aboar o tomador ou o asegurado no momento da subscrición da póliza. As cantidades así descontadas pagarallas a consellería a Agroseguro contra certificacións de liquidacións, sempre de acordo co procedemento establecido no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a consellería e Agroseguro.

6. No dito convenio establécense os prazos e a documentación que Agroseguro lle deberá xuntar a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectuar as comprobacións oportunas para a resolución por parte da Consellería do Medio Rural, antes de realizar os correspondentes pagamentos da axuda a Agroseguro.

7. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

8. Dentro das dispoñibilidades orzamentarias e de acordo coa orde de presentación de solicitudes, o conselleiro do Medio Rural, logo da proposta do director xeral de Produción Agropecuaria, ditará a correspondente resolución de concesión ou denegación da axuda, no prazo máximo de seis meses contados desde a presentación da solicitude. Poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes se no dito prazo non se ditase a correspondente resolución.

9. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e, contra elas, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107º, 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios e tomadores dos seguros.

1. Os tomadores dos seguros e, de ser o caso, os asegurados beneficiarios achegarán unha lista resumo das pólizas subscritas así como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, sempre que así lles fose exixida expresamente pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Así mesmo, aqueles terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

2. Na formalización do seguro, os beneficiarios das axudas farán constar as axudas solicitadas ou concedidas, das distintas administracións públicas competentes, para a mesma finalidade.

3. O incumprimento das obrigas sinaladas nos dous puntos anteriores poderá supoñer a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorrer os beneficiarios ou perceptores.

4. Os asegurados, polo feito de contrataren a póliza do seguro agrario, autorizan a Consellería do Medio Rural para que, en caso necesario, e co obxecto de verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde, poida solicitar a cesión de información a outras administracións, por medios informáticos ou telemáticos, sobre a circunstancia de estar ou non ao día das súas obrigas tributarias, así como calquera outra información que permita certificar o cumprimento dos requisitos exixidos para a obtención das subvencións reguladas nesta orde.

5. A formalización da póliza constitúe unha autorización para poder obter de Agroseguro a información sobre os sinistros acaecidos nas explotacións aseguradas e outros datos relevantes sobre a xestión da póliza segundo se fai constar no documento de aseguramento que se asina para a súa formalización.

6. Nos seguros de gando, no caso de cesar a actividade para a cal se subscribise o seguro, antes de rematar o prazo de garantías, é obrigatorio comunicar á compañía aseguradora a fin da actividade, co fin de que, se é o caso, a Consellería do Medio Rural poida recuperar a parte de subvención non empregada.

Artigo 6º.-Modificación da resolución de concesión e infraccións administrativas.

1. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 7º.-Control das axudas.

1. A Consellería do Medio Rural establecerá os controis administrativos e de campo precisos para asegurar que se cumpren os requisitos establecidos nesta orde.

2. Para os efectos do control das subvencións reguladas nesta orde, o tomador do seguro, no caso de pólizas de contratación colectiva, ou o asegurado, no caso de pólizas individuais, serán responsables das infraccións administrativas en materia de subvencións e estarán suxeitos ás sancións reguladas ao respecto, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Co obxecto de mellorar o sistema de control dos subvencións, a Consellería do Medio Rural poderá establecer un convenio de colaboración con Enesa para o intercambio de información relativa ás pólizas contratadas, en particular aquelas cuxo importe se calcula como unha porcentaxe das que outorga esta entidade.

Artigo 8º.-Reintegro das axudas.

No caso de pagamentos indebidos, os beneficiarios ou perceptores das axudas quedarán obrigados ao reembolso do importe indebidamente percibido, xunto cos xuros de demora producidos desde o pagamento, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan segundo os artigos 37º, 38º, 39º e 40º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, por un importe total de 6.250.000,00 euros, que se poderá ver incrementado, con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, na aplicación 2011.13.02.712B.7720.

Disposición adicional

Primeira.-Para o non previsto nesta orde observarase o disposto preferentemente na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o regulamento da dita lei.

Segunda.-Sen prexuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos na citada páxina web.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "01500D010P085.PDF"

(1) Nas comunidades autónomas en que xa están implantados estes seguros, a contratación iniciarase na data indicada. A posible incorporación de novas comunidades irase realizando a medida que estas vaian cumprindo os requisitos necesarios para a aplicación do seguro e estean finalizados os correspondentes estudos de viabilidade, nos prazos previstos.

(2) As subvencións que se aplicarán ás pólizas de seguros contratadas nos módulos P, S, e OP corresponderanse, como máximo, coas mesmas porcentaxes aplicadas actualmente ás liñas de seguro equivalentes.

(3) As subvencións que se aplicarán ás pólizas de seguros contratadas nos módulos 1, 2 e, de ser o caso, 3 serán as mesmas para todas as liñas de aseguramento. Para o módulo 1 a subvención máxima será superior en 5 puntos á subvención establecida para o grupo V; a subvención do módulo 2 equipararase á aplicada en 2010 ao grupo V, e para o módulo 3, nos casos en que se estableza, axustarase á subvención do grupo IV.

Os seguros complementarios e de extensións de garantías, de aplicación aos módulos 1, 2 ou 3, que dispoñan deles, beneficiaranse da mesma porcentaxe de subvención que se aplique á póliza principal, incluíndo tamén as subvencións adicionais que lle aplicasen.