DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2011 Páx. 1.358

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para o mantemento e a promoción de actividades e programas na área de servizos sociais comunitarios e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27º.23, asigna á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude dese título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245, do 18 de decembro), que recolle no seu artigo 8º.1.a), relativo á estrutura básica dos servizos sociais, como un dos niveis de actuación no que se estrutura o sistema galego de servizos sociais, o dos servizos sociais comunitarios, que comprenden, pola súa vez, dúas modalidades: servizos sociais comunitarios básicos e servizos sociais comunitarios específicos. Ademais, o artigo 31º.1 sinala que o cumprimento dos fins de entidades de iniciativa social promoverase mediante o outorgamento de subvencións, que se concederán atendendo ao interese social dos distintos servizos e proxectos, á súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais, á calidade e ao carácter innovador das prestacións e servizos ofertados, á eficiencia no emprego dos fondos públicos e á súa adecuación aos obxectivos fixados pola planificación autonómica en materia de servizos sociais.

A Consellería de Traballo e Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño (DOG nº 123, do 25 de xuño) é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponde levar a cabo, entre outras, as competencias e funcións en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de benestar social, inclusión social e servizos comunitarios. Así mesmo, como un dos órganos nos que se estrutura, á Secretaría Xeral de Familia e Benestar correspóndelle a realización de funcións de estudo das necesidades e problemáticas sociais e a coordinación, o control e a xestión das prestacións sociais e económicas.

No exercicio destas competencias, considérase axeitado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a prestacións de servizos sociais no ámbito dos servizos sociais comunitarios, sempre que se axusten á tipoloxía e requisitos legalmente establecidos e se adecuen á planificación da Consellería de Traballo e Benestar.

Resulta ademais necesario asegurar a adaptación dos centros que optan a prestar servizos sociais aos requisitos xerais expresados no Decreto 143/2007, do 12 de xullo (DOG nº 147, do 31 de xullo), polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, e aos recollidos na Orde do 25 de xaneiro de 2008, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social.

Doutra banda, a solicitude, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, do 17 de novembro (BOE nº 276, do 18 de novembro) e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve; así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Hai que sinalar que esta orde tramítase ao abeiro do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, xa que existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, quedando a concesión das subvencións supeditada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia (DOG número 23, do 21 de marzo), e polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 75, do 20 de abril) e polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia levan a cabo programas e prestan servizos sociais na área de actuación dos servizos sociais comunitarios. Este nivel de atención comprende os programas de orientación, asesoramento e información; de axuda no fogar; de inserción social; de animación, prevención e fomento da cooperación social; de convivencia alternativa ou calquera outro que dea cumprimento ao obxecto deste nivel de atención, segundo se recolle nos artigos 9º a 13º da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e no Decreto 240/1995, do 28 de xullo (DOG nº 157, do 17 de agosto). Para os efectos desta orde, consideraranse centros propios deste nivel de atención os centros sociais, centros de día (exceptuando os de atención á dependencia), centros de inclusión e emerxencia social recollidos na Orde do 25 de xaneiro de 2008, pola que se regulan os requisitos

específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, e outros nos que se desenvolvan os programas antes citados.

Non obstante, non serán obxecto de subvención as actividades e programas que teñan principalmente os seguintes contidos:

a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou outras problemáticas de índole sanitaria, salvo aquelas que consistan na prevención das discapacidades, principalmente as dirixidas ás persoas celíacas e fenilcetonúricas, que deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na súa actuación coas persoas e familias beneficiarias.

b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de ocio ou recreo.

Ademais, non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde aquelas actividades ou programas susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social referidas no artigo 31º.1 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que desenvolvan programas e presten os servizos na área de actuación establecida no artigo anterior, sempre que se atopen debidamente inscritas con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro (DOG nº 218, do 14 de novembro), e pola Orde do 5 de febreiro de 1996 (DOG nº 35, do 19 de febreiro), que desenvolve o anterior, e cumpran os requisitos establecidos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Será requisito previo ao outorgamento das subvencións a entidades para o mantemento de centros nos que se presten servizos sociais comunitarios a obtención da autorización para o inicio de actividades, prevista no Decreto 143/2007, do 12 de maio (DOG nº 147, do 31 de xullo), polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

Para solicitar a subvención bastará coa presentación, antes do remate do prazo de presentación das instancias desta orde, da copia da solicitude do permiso de inicio de actividades na que conste o rexistro de entrada e coa que se acredite que se ten iniciado o procedemento. A solicitude do permiso de inicio de actividades presentarase en modelo normalizado e irá acompañada da documentación prevista no artigo 20º do devandito decreto e irá dirixida á unidade administrativa competente para tramitala.

En todo caso, a comisión de valoración verificará que a entidade solicitante ten concedido o mencionado permiso con anterioridade á notificación da resolución da subvención que corresponda.

3. No suposto de entidades que, no exercicio anterior recibisen subvención para mantemento de centros ou promoción de actividades ou asinasen convenios de colaboración coa Xunta de Galicia que tivesen un obxecto semellante ao considerado nesta orde, será requisito previo para a concesión da subvención a presentación do balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, ao que se refire o artigo 17º (anexo VI) e, no caso das subvencións para promoción de actividades, da correspondente memoria. Ademais, as entidades que percibiran no anterior exercicio unha subvención para mantemento de centros de servizos sociais condicionada ao outorgamento do permiso de inicio de actividade, deberán acreditar que o obtiveron ou que se manteñen as condicións que determinaron ese outorgamento pola Consellería de Traballo e Benestar.

4. As entidades que accedan a esta convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1º.

5. As subvencións para mantemento de centros e promoción de actividades reguladas nesta orde non son compatibles coa reserva de prazas efectuada mediante calquera das modalidades de contratación administrativa entre a entidade solicitante e a Xunta de Galicia nin co mantemento de centros efectuado a través de convenios de colaboración especificamente asinados para tal efecto.

Artigo 3º.-Tipos de subvencións.

Os tipos de subvencións que se poderán solicitar son os seguintes:

A. De mantemento en centros, equipamentos e servizos sociais comunitarios.

Inclúense neste tipo aqueles centros, equipamentos e servizos que complementen os ámbitos de intervención social do sistema galego de servizos sociais neste nivel de atención. Os contidos dos centros e servizos elixibles para seren subvencionados con cargo a esta orde axustaranse ao tipificado nos artigos 2º, 3º e 8º do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regula este nivel de atención do sistema de servizos sociais.

B. De promoción de actividades e programas básicos, innovadores e complementarios dos servizos sociais comunitarios.

Inclúense neste tipo o desenvolvemento de actividades e programas que complementen, amplíen ou innoven os programas básicos de actuación dos servizos sociais comunitarios referidos no artigo 9º do Decreto 240/1995, incluída a organización de xornadas, seminarios e outros eventos relacionados coa formación, debate e a sensibilización.

O número de programas de actividades para os que se poderá solicitar subvención será, como máximo, de tres, e indicarase a orde de prioridade entre eles.

Artigo 4º.-Normas de carácter xeral.

a) Tanto nas subvencións de mantemento como nas de promoción de actividades, a subvención poderá significar o financiamento total ou parcial do gasto, sen que, en ningún caso, implique duplicidade de financiamento.

b) En calquera caso, a suma dos fondos obtidos de calquera Administración pública e das subvencións concedidas por todo tipo de organismos privados, percibidas coa mesma finalidade, non poderá superar o importe total do gasto efectuado. Así mesmo, a subvención reducirase proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do gasto orzamentado na solicitude.

c) Os servizos da Consellería de Traballo e Benestar poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei de servizos sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública concertada de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e programas das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

d) As entidades sen ánimo de lucro con personalidade xurídica independente que desenvolvan actuacións nun mesmo ámbito territorial, provincial ou supraprovincial, estarán facultadas para solicitar subvencións dirixidas á realización conxunta de actividades con idéntica finalidade, o que se fará constar na correspondente solicitude. As instancias cursaranse individualmente e cada entidade solicitará unha parte proporcional da axuda, de xeito que a suma resultante das subvencións solicitadas por todas elas non poderá superar o custo total da actividade. En todo caso, a presentación dunha solicitude conxunta impedirá a presentación de solicitudes individuais para outra finalidade.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das subvencións, e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de maiores dispoñibilidades orzamentarias, que se tramitarán como modificacións desta, de acordo co previsto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, por un importe máximo de 1.550.000 euros, na aplicación 2011.12.02.312A.481.3.

2. En calquera caso, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe do total dos créditos previstos no punto 1 que será obxecto de desconcentración aos departamentos territoriais, segundo criterios obxectivos relacionados coa poboación, volume e entidade das solicitudes presentadas no ano anterior en función do número de usuarios e das necesidades atendidas polas entidades pertencentes a cada un destes ámbitos territoriais, será o seguinte:

Ver referencia pdf "01500D008P046.PDF"

Sen prexuízo do anterior, poderán facerse reaxustamentos nesta distribución territorial dos créditos, no suposto de producirse discrepancias entre as previsións e as necesidades reais de asignación de fondos, en función do número e dimensión dos proxectos presentados en cada unha das provincias, sen que isto implique modificación do texto da orde. De xeito semellante, procederase no caso de producirse unha ampliación dos créditos previstos inicialmente.

4. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación requirida.

As solicitudes presentaranse nos modelos publicados como anexos desta orde. Ademais dos modelos comúns a todo tipo de subvención, xunto á solicitude, deberanse achegar os documentos específicos para cada tipo de subvención, consonte co seguinte:

A. Documentación común a todo tipo de subvención:

a) Solicitude (anexo I).

b) Memoria da entidade que se axustará ao modelo do (anexo II), contendo os datos básicos de identificación e unha presentación da entidade que recolla, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) Datos financeiros da entidade solicitante (anexo III), que inclúe a ficha bancaria e a declaración relativa á non percepción doutras axudas.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria sobre a titularidade da conta corrente na que se ingresará a subvención.

e) Acreditación da representación do solicitante. En canto á acreditación da personalidade deberá achegarse fotocopia do documento nacional de identidade ou documento equivalente no caso de que o interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Ficha de entidades, de centros ou de fundacións e establecementos, segundo corresponda (anexos VII, VIII ou IX).

As entidades que solicitaran subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presentar a documentación prevista nas letras d), e) e f), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación simple expedida polo representante da entidade.

B. Documentos específicos para as subvencións de mantemento de centros, equipamentos e servizos: (subvencións do tipo A das relacionadas no artigo 3º desta orde).

Unha ficha de identificación do centro (anexo IV) para o que se solicita a subvención, que deberá informar dos seguintes extremos:

-Identificación do centro e do seu responsable.

-Capacidade e réxime económico aplicado ás persoas usuarias.

-Cadro de persoal voluntario e profesional.

-Servizos prestados e actividades ofertadas con carácter regular.

-Descrición das características técnicas do centro.

-Relación de persoas usuarias.

-Orzamento de funcionamento do servizo.

-Declaración responsable de non ter asinado convenio ou contrato administrativo para a reserva de prazas con ningunha Administración pública.

No caso das solicitudes de subvención para o mantemento de entidades, só será preciso cubrir no anexo IV nos recadros relativos a:

-Cadro de persoal voluntario e profesional.

-Descrición dos servizos que presta.

-Descrición das características do local.

-Orzamento de funcionamento da entidade.

-Declaración responsable de non ter asinado convenio ou contrato administrativo para a reserva de prazas con ningunha Administración pública.

Esta información mínima requirida no (anexo IV) poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

Cando se trate de actividades de carácter puntual e aberto nos que non sexa posible achegar unha relación concreta das persoas participantes, considerarase suficiente para estes efectos unha certificación do director do centro ou programa, co visto e prace do presidente da institución, na que se indique o número de persoas usuarias ou a frecuencia dos servizos que se prestan, segundo proceda. O anterior será igualmente de aplicación no suposto de programas en que, pola natureza da atención prestada, sexa conveniente asegurar a confidencialidade e privacidade das persoas usuarias.

C. Documentos específicos para as subvencións de promoción de actividades e programas (subvencións do tipo B das relacionadas no artigo 3º desta orde).

Unha ficha (anexo V) por cada programa con custo diferenciado para o que se solicita subvención. Esta ficha, coa información mínima requirida, deberá expresar o seguinte:

-Identificación da entidade.

-Identificación do programa, área de actuación e custo.

-Cooperación con outras entidades, se procede.

-Resumo do contido.

-Obxectivos e descrición xeral do programa.

-Actuacións e calendario previstos.

-Metodoloxía.

-Sistemas de avaliación e seguimento.

-Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos para o desenvolvemento do programa, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento.

-Declaración responsable de non ter asinado convenio ou contrato administrativo para a reserva de prazas con ningunha Administración pública.

-No caso de que a actividade subvencionada supoña unha prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, cando o importe do gasto polo que se solicita a subvención supere a contía de 12.000 euros, presentaranse como mínimo tres ofertas de diferentes empresas provedoras emitidas con carácter previo á contratación, agás cando non existan suficientes empresas subministradoras ou cando o gasto se realice con anterioridade á solicitude de subvención.

-Compromiso expreso de comunicación á Xunta de Galicia dos resultados obtidos, cando da natureza da actividade subvencionada, como é o caso de congresos, reunións científicas, estudos, publicacións ou outras análogas, se desprenda algún producto final de carácter intelectual.

A información mínima requirida no (anexo V) poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

Artigo 7º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Entenderase como último día do prazo o correspondente, no mes seguinte ao da publicación desta orde, ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e a documentación requirida, que irá dirixida á conselleira de Traballo e Benestar ou ao/á xefe/a territorial dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar en cada unha das delegacións territoriais da Xunta de Galicia, presentarase no rexistro único nos servizos centrais ou nos servizos periféricos da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o disposto nos artigos seguintes desta orde, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), e o disposto na Orde do 16 de outubro de 2008 pola que entra en funcionamento a oficina de rexistro único e información no Complexo Administrativo de San Caetano.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a publicación da relación de entidades beneficiarias e do importe das axudas concedidas na páxina web oficial da Xunta de Galicia. Así mesmo, a solicitude inclúe a autorización para facer públicos nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Por último, tamén contén a autorización para acceder á información sobre obrigas tributarias, co Estado e coa comunidade autónoma, e aos datos de identidade e residencia das persoas físicas que actúen en nome da entidade, de conformidade co establecido na Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación

para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.

Artigo 9º.-Normas xerais da tramitación dos expedientes.

1. Os expedientes serán tramitados polas correspondentes unidades administrativas dos servizos centrais da Consellería de Traballo e Benestar ou dos seus departamentos territoriais existentes nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia, de acordo cos criterios establecidos no artigo 10º.

2. Os servizos encargados da xestión de cada subvención comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirán os interesados para que, no prazo de dez días, emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixesen, se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración correspondente de conformidade co disposto no artigo 11º, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos para cada tipo de subvención. A comisión de valoración que corresponda poderá solicitar informe á unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que, para o efecto, designe o/a presidente/a da respectiva comisión e, sempre que for posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servizo a que pertenza o/a substituído/a.

Artigo 10º.-Responsables da tramitación.

Serán responsables da tramitación dos expedientes:

-Nos servizos centrais: a Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas corporacións locais.

-Nos departamentos territoriais das delegacións territoriales: os servizos de prestacións e inclusión.

Artigo 11º.-Comisións de valoración.

A composición das comisións de valoración será a seguinte:

A. Nos servizos centrais:

-Presidenta: a secretaria xeral de Familia e Benestar ou persoa designada para substituila.

-Vogais: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas corporacións locais e a xefa do Servizo de Prestacións. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario/a por proposta da secretaria xeral de Familia e Benestar.

B. Nos departamentos territoriais:

-Presidente/a: o/a xefe de Servizo de Prestacións e Inclusión nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou persoa designada para substituílo/a.

-Vogais: dous funcionarios/as do Servizo de Prestacións e Inclusión. Actuará como secretario/a un dos/das vogais. Poderase convocar, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 12º.-Valoración das solicitudes de subvención.

1. Criterios de valoración.

As solicitudes serán baremadas ata un máximo de 100 puntos, dos que 40 poderán corresponder á valoración obtida pola aplicación dos criterios de carácter xeral e os 60 puntos restantes á valoración obtida pola aplicación dos criterios de carácter específico para cada tipo de subvención.

A. Criterios xerais: (ata un máximo de 40 puntos).

A.1 Dimensión e eficacia social da entidade, que poderá avaliarse, segundo os casos, con consideración a: número e problemática social dos usuarios dos servizos, impacto social das actividades desenvolvidas, vinculación dos programas aos obxectivos normativamente establecidos para os servizos sociais comunitarios e, se é o caso, número de socios ou afiliados se os tiver, e demais datos relevantes que poidan desprenderse da documentación achegada xunto coa solicitude ou, de ser o caso, da memoria presentada no ano anterior. (Ata un máximo de 15 puntos).

A.2 Solvencia técnica (ata un máximo de 8 puntos), que se determinará en función de:

-A experiencia previa acreditada na prestación de servizos sociais e na xestión e xustificación dos programas subvencionados en exercicios anteriores.

-Os medios técnicos e materiais de que dispón a entidade.

-Os recursos humanos contratados para o desenvolvemento do servizo ou actividade para a cal se solicita a subvención.

A.3 A complementariedade coas actuacións do sistema público de servizos sociais. Na aplicación deste criterio a correspondente comisión de valoración priorizará aqueles centros, programas ou actividades para os cales se solicita a subvención que, pola súa natureza, non sexan susceptibles de ser beneficiarios de liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros departamentos da Administración autonómica. (ata un máximo de 12 puntos).

A.4 A diversificación de fontes de financiamento: primarase a obtención de fondos de fontes distintas á subvencións públicas (ata un máximo de 5 puntos).

B. Criterios específicos para cada tipo de subvención: (ata un máximo de 60 puntos).

B.1 Subvencións de mantemento de centros e equipamentos de servizos sociais comunitarios:

-A insuficiencia de servizos que presten atencións de características semellantes na zona de influencia (ata un máximo de 20 puntos).

-A calidade, regularidade, eficacia e eficiencia dos servizos para os que se solicita a subvención (ata un máximo de 30 puntos).

-A integración operativa nos servizos prestados de accións positivas a prol da igualdade de xénero (ata un máximo de 10 puntos).

B.2 Subvencións de promoción de actividades e programas básicos, innovadores e complementarios dos servizos sociais comunitarios:

-A complementariedade coas accións desenvolvidas polos servizos sociais comunitarios e os plans de inclusión social das diversas administracións, especialmente por medio do desenvolvemento dos programas descritos nas epígrafes 3 (programa de inserción social) e 4 (programa de animación, prevención e cooperación social) do artigo 9º do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais neste nivel de atención. (Ata un máximo de 25 puntos).

-O carácter innovador das metodoloxías e estratexias de intervención propostas (ata un máximo de 20 puntos).

-A integración operativa no programa de accións positivas a prol da igualdade de xénero (ata un máximo de 10 puntos).

-O emprego da lingua galega na realización das actividades ou actuacións para as que se solicita a subvención (ata un máximo de 5 puntos).

2. Asignación do crédito.

O crédito repartirase proporcionalmente en función da puntuación acadada, onde as solicitudes que obteñan unha maior puntuación obterán unha porcentaxe maior de subvención sobre a parte subvencionable do solicitado, a cal excluirá aqueles gastos que non cumpran os requisitos establecidos pola normativa en vigor e os que supoñan duplicidade de recursos. Así mesmo, aplicaranse criterios de eficiencia e racionalidade do gasto orzamentado.

Artigo 13º.-Resolución.

1. Serán resoltas pola conselleira de Traballo e Benestar as solicitudes de subvención que sexan presentadas por asociacións ou entidades de ámbito autonómico.

2. Nos demais casos, delégase a competencia para resolver a concesión das subvencións solicitadas ao abeiro desta orde nos xefes ou xefas territoriais á fronte dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar existentes nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia, segundo o seu respectivo ámbito territorial, e de acordo coas correspondentes desconcentracións que se fagan dos créditos da orde unha vez fiscalizadas polas intervencións competentes.

3. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos criterios de prioridade establecidos nesta orde.

4. A comisión de valoración, unha vez estudadas todas as propostas e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, formulará unha proposta de concesión. Cando o importe da proposta de subvención asignado a unha entidade sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a comisión de valoración correspondente poderá instar do/da solicitante a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto e o contido xeral expresado na solicitude inicial.

5. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse ás entidades interesadas para a execución da axuda outorgada no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Se vencese o prazo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

6. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte do que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE nº 167, do 14 de xullo), no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto

presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

7. En todo caso unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a aceptación da subvención. Transcorrido o anterior prazo, sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación do contido da resolución de concesión da subvención, por instancia do beneficiario, de acordo co previsto no artigo 35º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias, por existir fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou cando se produza unha ampliación do financiamento pola achega de novos fondos dispoñibles, tal e como se establece no artigo 5º. Nestes supostos, só poderán atenderse as solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 7º desta orde.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións haberá que aterse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño de 2007), e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os/as beneficiarios destas subvencións, ademais de reunir os requisitos mencionados no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño de 2007), deberán cumprir as seguintes obrigas mencionadas no artigo 11º da devandita lei:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Traballo e Benestar, as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, excepto nos supostos nos que tal información pode ser obtida pola propia Administración.

f) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007.

Artigo 17º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención procederase ao pagamento e xustificación segundo o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, da forma establecida nos puntos seguintes.

2. En aplicación do establecido no artigo 29º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado, e segundo o previsto no artigo 42º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse efectivamente pagados os gastos cando se xustifique o seu pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificadas, selados e asinados pola persoa beneficiaria.

De conformidade co previsto no artigo 42º.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, poderase aceptar o pagamento mediante o recibín da empresa ou persoa provedora para gastos de escasa contía e por importes inferiores a 1.000 euros. En todo caso, non se admitirá como gasto xustificado mediante este sistema de pagamento aqueles que se refiran a: gastos de persoal, axudas de custo, alugueres, gastos por impartición de cursos, xornadas ou conferencias.

3. Conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto.

Para o pagamento total da subvención concedida é necesario que a entidade beneficiaria xustifique a totalidade do gasto orzamentado na súa solicitude, ou aquel que resultase da reformulación da súa solicitude aceptada pola comisión de valoración. No caso de que o gasto realizado fose menor, a subvención concedida minorarase na mesma porcentaxe que resulte entre o gasto orzamentado e o efectivamente realizado.

A documentación xustificativa que debe achegar a entidade para a comprobación da aplicación da subvención será a seguinte:

1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2. Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades ou dos gastos realizados, composta pola seguinte documentación:

a) Certificación do/a representante da entidade acreditativa da totalidade do gasto realizado.

b) Relación clasificada dos gastos, en que se especificará de forma individualizada o tipo de gasto, a persoa ou empresa beneficiaria, o número de factura, a data, importe e forma de pagamento.

c) Documentación orixinal e copia (nóminas de persoal, gastos Seguridade Social, IRPF, facturas,...) dos gastos que se imputen á subvención concedida, para a súa comprobación e selaxe. No caso daqueles gastos dos que se imputen só unha porcentaxe indicarase na relación clasificada de gastos a porcentaxe imputada.

d) Balance en que se reflicta a totalidade dos ingresos e gastos correspondentes á actividade subvencionada no caso de promoción de actividades ou dos ingresos e gastos totais cando se trate de subvencións para mantemento.

e) Documentos orixinais e copia que acredite o pagamento dos gastos imputados á subvención concedida (extractos ou certificacións bancarias).

4. Pagamentos anticipados.

En aplicación do previsto no artigo 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o importe de cada unha das subvencións individuais non supere os 18.000 euros poderá concederse un pagamento anticipado de ata un 80% da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Se o importe de cada subvención individualizada supera os 18.000 euros, o pagamento anticipado indicado anteriormente incrementarase nun 10% adicional sobre o importe que exceda desta cantidade, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Para tramitar este pagamento anticipado a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación provisional de xustificación:

a) Solicitude do pagamento anticipado.

b) Para as subvencións de mantemento unha certificación do/a director/a ou da persoa responsable da entidade en que indique os gastos xa realizados en 2011 e as cantidades pendentes de pagamento.

c) Para as subvencións de promoción de actividades unha certificación do/a director/a ou da persoa responsable da entidade que indique o inicio das actividade subvencionadas.

O importe restante da subvención librarase no momento da completa xustificación, pola entidade beneficiaria, do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida.

5. Pagamentos a conta.

Poderán acordarse pagamentos a conta consistentes en ata tres pagamentos fraccionados, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada mediante certificación do director ou responsable da entidade que indicará expresamente o gasto total realizado xunto cos xustificantes do gasto e de pagamento que se imputen directamente á subvención concedida ao abeiro desta orde. O importe conxunto dos pagamentos a conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O 20% restante da subvención librarase no momento da completa xustificación, pola entidade beneficiaria, do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida.

6. Normas para a xustificación derradeira.

6.1. A xustificación derradeira das subvencións de mantemento e promoción de actividades poderá presentarse ata o 9 de decembro do ano 2011, e a entidade deberá achegar, ademais, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte ao devandito ano ante a Consellería de Traballo e Benestar ou nos seus respectivos departamentos territoriais un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural segundo o anexo VI, así como unha memoria no caso de promoción de actividades que, como mínimo, deberá incluír todas as actividades realizadas e o gasto desagregado realizado.

6.2. As entidades beneficiarias, por tratarse de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, quedan exoneradas de presentar garantías, de conformidade co disposto no artigo 65º.4 h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6.3. As facturas cumprirán o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación e se modifica o regulamento do imposto sobre o valor engadido.

6.4. Para os efectos do previsto neste artigo ten a consideración de gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. Non obstante, os gastos de persoal e outros aos que se lle practique retención en concepto de imposto sobre a renda das persoas físicas entenderanse efectivamente pagados coa satisfacción dos haberes líquidos e xustificados co ingreso nos organismos acredores da Seguridade Social e da Facenda pública.

6.5. Considéranse dentro dos gastos subvencionables os financeiros, incluídos os gastos e xuros derivados de créditos bancarios formalizados coa finalidade de dispoñer de efectivo para a realización do obxecto da subvención concedida mentres non sexa aboada pola Administración, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado, así como os de Administración específicos, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

6.6. De acordo co previsto no artigo 27º da Lei 9/2007, 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá contratar parcialmente a actividade que constitúa o obxecto da subvención, quedando fóra deste concepto a contratación daqueles gastos nos que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada. En ningún caso, poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

6.7. No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións desta orde.

6.8. De acordo co previsto no artigo 51º do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con carácter excepcional e cando o elevado número de beneficiarios desaconselle a práctica da xustificación mediante a presentación da conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto e de pagamento, para aquelas subvencións concedidas por importe inferior a 30.000 euros, poderá ter carácter de documento con validez xurídica, a conta xustificativa simplificada que conterá a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como, de ser o caso, a acreditación da solicitude de como mínimo tres ofertas de diferentes provedores.

b) Unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

c) Un detalle doutros ingresos e subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

O órgano concedente comprobará, mediante a aplicación de técnicas de mostraxe, un número de expedientes significativo, coa finalidade de obter a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, para o que poderá requirirlle a entidade beneficiara a remisión da totalidade dos documentos xustificativos e, en todo caso, procederá a requirirlle a totalidade dos devanditos documentos cando, das comprobacións realizadas, non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención.

Artigo 18º.-Reintegro das subvencións concedidas.

1. De acordo co establecido no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial da contía da subvención percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención mediante o falseamento das condicións requiridas para iso ou o ocultamento das que impedisen obtela.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15º da Lei 9/2007.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11º e 12º Lei 9/2007, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ou cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades beneficiarias, así como dos compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou que se refiran ao modo no que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87º a 89º do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da que derive unha necesidade de reintegramento.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, concedidas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade que se vai desenvolver. Así mesmo, cando exista unha resolución administrativa firme pola que se impón á entidade unha sanción en materia de servizos sociais, en relación co centro ou programa específico que se quere subvencionar.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro realizarase de conformidade ao procedemento establecido no artigo 37º e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nos artigos 77º e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e seralle de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19º ao 23º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional

Coas excepcións previstas no punto primeiro do artigo 13º, apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar nos xefes/as territoriais á fronte dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar existentes nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia, no seu respectivo ámbito territorial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73º a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral de Familia e Benestar para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "01500D008P046.PDF"