DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2011 Páx. 1.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 3 de xaneiro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o equipamento e a mellora dos seus locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, co cofinanciamento de Fondos Feder.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27º.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32º, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións e outras entidades, de carácter público ou privado, que desenvolvan unha labor dentro do seu ámbito competencial.

No eido concreto das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, a Consellería de Cultura e Turismo, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera que a mellora das condicións dos locais destas entidades, abrirá as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura, sen abandonar as súas ofertas culturais tradicionais.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora dos locais e do equipamento das asociacións, fundacións e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño. de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á mellora dos locais das asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o ano 2011, no que atinxe ao equipamento e mellora dos seus locais, conforme o procedemento que a continuación se establece.

Inclúese nesta orde os investimentos realizados en mellors e equipamento desde o 1 de xaneiro de 2011 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actuacións que se encadren nas seguintes modalidades:

a) Fundacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.

b) Asociacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.

c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: poderán acollerse unicamente ás axudas de investimento en equipamento e mobiliario.

Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro aqueles das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan, como sede destas entidades, ao fomento da cultura en Galicia.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde, aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

d) Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, o Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Regulamento 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009 e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

e) Decreto 44/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do censo de asociacións e entidades culturais.

E supletoriamente:

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

g) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.432B.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, por un importe de 300.000 € (trescentos mil euros), cofinanciados con fondos Feder no 70%.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co disposto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Esta orde tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gastos, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

O importe de 300.000 € distribuirase do seguinte xeito:

a) Fundacións con local en propiedade: 120.000 €.

b) Asociacións con local en propiedade: 120.000 €.

c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: 60.000 €.

Segundo o volume de solicitudes e en función das modalidades presentadas o órgano instrutor poderá modificar a repartación das axudas establecida neste punto.

Estas subvencións están cofinanciadas con fondos Feder, por medio do Programa operativo Feder (2007-2013), regulados pola normativa recollida no punto 4 letra d) do artigo 1º desta orde e as actuacións obxecto das subvencións están comprendidas dentro do eixe 5, tema prioritario 59 e actuación 3.

4. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

5. A dotación das axudas será:

-Mobiliario, equipamento e material inventariable: máximo por beneficiario 10.000 €.

-Acondicionamento e mellora de locais: máximo por beneficiario 20.000 €.

Unha mesma entidade poderá optar as dúas modalidades sempre que cumpra os requisitos necesarios e non exceda do máximo que se fixa na orde de convocatoria.

6. A axuda máxima será de 30.000 euros por beneficiario que, en ningún caso, poderá exceder do 75% do orzamento total do proxecto subvencionable.

7. O importe máximo destas subvencións non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privadas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro, que radiquen ou teñan sede en Galicia, para o seu equipamento e mellora, sempre e cando realicen actividades culturais de promoción da cultura galega e desenvolvan as súas actividades habitualmente en Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Xunta de Galicia se non cumpren coa obriga de presentar as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38º.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. As entidades que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante unha instancia dirixida ao conselleiro de Cultura e Turismo, consonte o modelo que figura como anexo I, e poderán presentala na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, nos rexistros das súas delegacións territoriais ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Solicitude cuberta consonte o modelo que figura no anexo I desta orde.

b) CIF da entidade e, de ser o caso, un poder que habilite para representar a entidade para este efecto, outorgado polo órgano de goberno da entidade.

c) Declaración do solicitante das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados para o mesmo fin, conforme o anexo II desta orde.

d) Memoria explicativa e detallada do proxecto ou proxectos que se vaian desenvolver, en que se xustifique a necesidade.

e) Certificado do responsable da institución, comprometéndose a achegar a porcentaxe do orzamento do proxecto que lle corresponda, conforme o anexo III.

f) Orzamento relativo o proxecto ou proxectos que se van desenvolver.

g) Memoria en que se describan as actividades ou programas levadas a cabo pola entidade, nos dous últimos anos.

h) Memoria da entidade, onde se faga constar a súa traxectoria cultural.

i) Documentación que acredite a propiedade do edificio ou local da entidade ou, de ser o caso, da cesión desta onde quede especificado a duración desta.

j) Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude. As memorias e o orzamento deberán estar debidamente asinados.

3. Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia no que se publique a convocatoria de axudas ou na páxina da internet http://culturaeturismo.xunta.es/

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano instrutor, neste caso á Consellería de Cultura e Turismo, para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de atoparse ao día nas obrigas fiscais e tributarias que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Esta consulta farase de oficio e de forma telemática. No caso de que para o órgano instrutor non fose posible a obtención desta información, poderalle ser requirida directamente ao solicitante.

Artigo 5º.-Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42º da Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Instrución do procedemento e selección de solicitudes.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Cultura e Turismo a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión de avaliación a que fai referencia o punto 3 do artigo 1º estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo.

-Catro vogais, que serán designados pola Consellería de Cultura e Turismo, dos que un deles actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a Consellería de Cultura e Turismo.

3. A comisión valorará os expedientes, consonte os seguintes criterios:

Criterios xerais para as dúas axudas:

a) Número de programas ou actividades culturais realizadas pola entidade solicitante nos dous anos anteriores: ata 10 puntos.

b) Repercusión territorial dos programas ou actividades da entidade: repercusión en toda a comunidade: 10 puntos; repercusión de ámbito comarcal ou superior: 5 puntos e repercusión local: 3 puntos.

c) Nivel de autofinanciamento do programa ou actividade: superior ao 25% ata o 40%, 2 puntos; por importe superior ao 40% ata o 60%, 3 puntos; por importe superior ao 60%, 5 puntos.

Criterios específicos para obras de acondicionamento e mellora de locais:

a) Necesidade das obras proxectadas segundo o estado no que se atopen os inmobles. A valoración farase de acordo co anteproxecto, proxecto ou de ser o caso, memoria xustificativa. Ata 10 puntos.

b) Realización de obras de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Para a súa acreditación deberá constar especificada no anteproxecto, proxecto ou memoria. 5 puntos.

Viabilidade da realización das obras de acordo co seguinte: 5 puntos se a obra xa se atopa en execución, neste caso acreditarase mediante a presentación do contrato ou da primeira certificación de obra e 3 puntos se conta con proxecto aprobado.

Criterios específicos para investimento en equipamento e mobiliario:

a) Realización de investimentos destinados a fomentar novos usos do local. 5 puntos.

b) En función da finalidade do investimento. Se máis do 50% do orzamento se destina da forma seguinte:

a) Realización de investimentos relacionados coas artes escénicas: 5 puntos.

b) Realización de investimentos relacionados coas actividades de fomento da lingua e da lectura: 5 puntos.

c) Realización de investimentos relacionados coa promoción audiovisual: 3 puntos.

d) Realización de investimentos de equipamento xeral do local: 2 puntos.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada concedendo subvencións, ata o límite do crédito dispoñible, a aqueles solicitantes que obteñan una puntuación mínima que será fixada pola comisión de valoración, tras o exame das solicitudes.

Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

No caso de empate, para desempatar terase en conta en primeiro lugar o criterio de autofinanzamento e en segundo lugar a data de presentación de solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 7º.-Resolución.

O conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución ditará a resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 34º do decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Notificación e desestimación.

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9º.-Aceptación, xustificación e pagamentos.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

2. Os beneficiarios da subvención quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento do proxecto, antes do 1 de outubro de 2011; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da seguinte documentación:

-Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención.

-Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas que conterá orixinal, ou fotocopia compulsada, e dúas copias da seguinte documentación:

a) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente incorporados na relación que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

-Certificación da titularidade da conta expedida pola entidade bancaria onde se debe realizar o pagamento da subvención.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas, os seguintes:

-Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

-Con carácter excepcional admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión Recibín en metálico.

4. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28º.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

6. No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

7. Unicamente serán gastos subvencionables os recollidos na orde EHA/524/08 e os gastos cofinanciados non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos comunitarios. Así mesmo, a axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos da súa concesión unha modificación que afecta á natureza do investimento, ao cesamento da súa actividade e aos postos de traballo.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios desta axuda quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A delegación territorial correspondente poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

3. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Turismo, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia e así mesmo farase constar o cofinanciamento con fondos europeos.

4. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas e, de ser o caso, os servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Dado que estas subvencións están cofinanciadas con fondos Feder os beneficiarios deberán ter en conta os seguintes puntos, con motivo da adecuación á normativa comunitaria.

*O beneficiario estará obrigado a cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8º e 9º do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 e no artigo 1º, puntos 1 e 2 do Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009.

*De acordo co artigo 9º do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión do 8 de decembro de 2006 e o artigo 1º.2 a) do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión do 1 de setembro, todas as medidas de información e publicidade establecidas, incluirán os elementos seguintes:

-O emblema da Unión Europea.

-Referencia ao Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (Feder).

-Declaración do Fondo: Unha maneira de facer Europa.

-Proporcionalidade entre emblemas.

Este plan pode consultarse na páxina web seguinte:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/

portal/area-de-planificacion-e-fondos

* Debe terse en conta a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

* Débese manter o investimento durante cinco anos, segundo o previsto no artigo 57º do Regulamento (CE) 1083/2006.

* Débese conservar a documentación, por un período de 3 anos a partir do peche do programa operativo, tal e como se define no artigo 89º.3 do antedito regulamento e facer unha separación contable dos gastos que facilite a pista da auditoría.

* Garantirase que o conxunto de axudas non supere o custo elixible e se evite o dobre financiamento, a través dunha declaración do conxunto de axudas recollida no artigo 9º.5 desta orde.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda e procedemento sancionador.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Recursos.

Contra esta orde e contra os actos resolutivos referentes a esta, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 13º.-Publicidade.

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura e Turismo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no rexistro público de axudas, subvencións e convenios.

4. Por tratarse de Fondos Feder a aceptación da subvención supón a súa publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, do 8 de decembro, da comisión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2011.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "01500D006P029.PDF"