DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2011 Páx. 1.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 1/2011, do 13 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade duns treitos de vías provinciais, LU P-3906 (p.k. 0+000-1+450) e LU P-3908 (p.k. 0+000-1+080) a favor do Concello de Outeiro de Rei.

A teor do previsto no artigo 5º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54º que as estradas provinciais ou os treitos determinados delas nos cales a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

Ao abeiro das mencionadas previsións legais, a Deputación Provincial de Lugo acordou a cesión a favor do Concello de Outeiro de Rei dos seguintes treitos de estradas:

-LU P-3906 (de Bonxe a Rozas) treito p.k.: 0+000 ao p.k.: 1+450.

-LU P-3908 (de Ramil por Martul) á LU P-2905 (As Carballeiras-Vilalvite) p.k.: 0+000 ao p.k.: 1+080.

O Pleno da Corporación Provincial de Lugo acordou con data do 27 de xullo de 2010, a aceptación do cambio de titularidade da vía LU P-3906 (de Bonxe a Rozas) e da vía LU P-3908 (de Ramil por Martul) á LU P-2905 (As Carballeiras-Vilalvite) a favor do Concello de Outeiro de Rei.

O Concello de Outerio de Rei, na sesión plenaria do día 10 de setembro de 2010, acordou a aceptación do cambio de titularidade dos mencionados treitos de estradas provinciais.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estima axeitado o cambio de titularidade tendo en conta que a devandita vía adquiriu características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil once,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do Concello de Outerio de Rei dos viais:

-LU P-3906 (de Bonxe a Rozas) treito p.k.: 0+000 ao p.k.: 1+450.

-LU P-3908 (de Ramil por Martul) á LU P-2905 (As Carballeiras-Vilalvite). p.k.: 0+000 ao p.k.: 1+080.

Artigo 2º

En aplicación do artigo 4º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Outeiro de Rei deberá incorporar ao seu plan de estradas as vías as que se refire este decreto.

Artigo 3º

A entrega dos viais formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4º

Correspóndelle ao Concello de Outeiro de Rei, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas