DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 24 de xaneiro de 2011 Páx. 1.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións para o apoio á execución de programas sobre igualdade no ámbito universitario e dos organismos públicos de investigación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é un principio básico e fundamental recoñecido na Constitución española. O seu artigo 1º.1 establece a igualdade como un valor superior do ordenamento xurídico, e o artigo 9º.2 formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que a fagan efectiva, prohibindo o artigo 14º expresamente calquera discriminación por razón de sexo.

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4º, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo. En concreto, o seu artigo 11º -As cuestións de xénero no eido da educación superior-, establece que a Xunta de Galicia fomentará, sen vulnerar o réxime de autonomía universitaria, a docencia, o estudo e a investigación das cuestións de xénero no ámbito da educación superior, e para estes efectos:

a) Promoverase a creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias.

b) Potenciarase a realización de proxectos de estudo e investigación sobre cuestións de xénero e/ou de proxectos de estudo e investigación en que se integre unha perspectiva de xénero.

No Decreto 79/2009, do 19 de abril, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2010, do 16 de decembro, polo que se modifica o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Igualdade configúrase como órgano superior da Administración da comunidade autónoma, a que lle corresponden, entre outras, as competencias de promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, segundo o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, así como propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

Mediante esta resolución convócanse axudas dirixidas ás universidades públicas do sistema universitario galego (en diante SUG) e entes de dereito público da Comunidade Autónoma Galega que se dediquen á investigación sobre cuestións de xénero e/ou a proxectos de estudo e investigación nos cales se integre unha perspectiva de xénero. Estas axudas, que recoñecen e premian o esforzo na obtención de resultados de calidade, concédense sobre a base do compromiso de desenvolver un programa que teña en conta, e como obxectivo principal, temas relacionados coa igualdade de oportunidades e as problemáticas actuais das mulleres, prevendo a súa renovación en función do cumprimento dos obxectivos fixados.

Estas axudas enmárcanse no tema prioritario 69 do eixe 2 e tamén na liña de acción incluída na medida 72 do eixe 3 do Programa operativo do Fondo Social Europeo 2007/2013, a través da cal se pretende promover reformas que fomenten a empregabilidade nos procesos de educación e formación universitaria e a investigación a través da implementación de políticas de igualdade nestes eidos. Para isto, preténdese crear redes de colaboración, para os efectos de implicar na aplicación destas políticas o maior número posible de departamentos, áreas universitarias e organismos de investigación. Así, conseguiremos fomentar a empregabilidade cuantitativa e cualitativamente a través da aplicación na investigación e na ensinanza superior da igualdade de oportunidades por medio de centros específicos de igualdade, actuacións concretas e estudos sobre o eido de referencia.

As axudas que se concedan, dado que as actividades de I+D non se realizan por conta ou en colaboración con empresas, non teñen a consideración de axudas do Estado para os efectos do número 1 do artigo 87º do Tratado constitutivo da Comunidade Europea e do «encadramento comunitario sobre axudas de Estado de investigación e desenvolvemento» (96/C45/06).

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 214, do 5 de novembro), na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónomo de Galicia para o ano 2011, e no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE nº 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e réxime de axudas.

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral da Igualdade, para o apoio á execución de programas sobre igualdade no ámbito universitario e dos organismos públicos de investigación delimitados na convocatoria. Estas actuacións son encadrables nos eixes/temas prioritarios 2.69 e 3.72, do P.O. do FSE Galicia 2007-2013.

As axudas teñen por obxecto a implementación de actuacións específicas de igualdade de oportunidades no SUG, promovendo a creación e o mantemento de centros, oficinas, cátedras e unidades de xénero ou a realización de cursos e actividades específicas neste eido e nos entes de dereito público da Comunidade Autónoma Galega que se dediquen á investigación, sempre que os ditos programas ou actuacións se leven a cabo coa colaboración de diferentes departamentos ou áreas universitarias ou organismos de investigación.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas subvencións para programas que se desenvolvan entre o 1 de outubro do ano 2010 e o 30 de setembro do ano 2011 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, cos tipos que a seguir se indican:

a) Axudas dirixidas ás universidades públicas:

-Para a creación e mantemento de unidades, oficinas, cátedras e centros de xénero.

-Para a realización de cursos de posgrao, conferencias, xornadas e actividades sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

-Para a realización e difusión de estudos e investigacións sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

b) Axudas a organismos públicos de investigación, constituídos por entes de dereito público da comunidade autónoma:

-Para a realización de cursos, conferencias, xornadas e actividades sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

-Para a realización e difusión de estudos e investigacións sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro. Estas aplicacións están cofinanciadas ao 80% con fondos FSE no Programa operativo de Galicia 2007-2013.

Ver referencia pdf "01500D002P007.PDF"

A cantidade citada poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derive dos supostos establecidos no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Á vista do volume das solicitudes presentadas, mediante resolución da secretaria xeral da Igualdade poderá redistribuírse entre elas o crédito aprobado, limitándose sempre ás dispoñibilidades orzamentarias. En función desas dispoñibilidades poderán incrementarse as contías destinadas ás subvencións que se convocan, sen que isto supoña ampliación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de

novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que se regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 4º.-Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as universidades públicas do SUG e os organismos públicos de investigación, constituídos por entes de dereito público da comunidade autónoma.

Artigo 5º.-Requisitos das entidades interesadas e presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de subvención, dirixidas á secretaria xeral da Igualdade, formalizaranse nos modelos oficiais que figuran como anexos na presente convocatoria.

A solicitude será presentada polo representante legal da entidade á cal estea adscrita a persoa responsable do programa e deberá estar asinada tanto polo seu representante legal, como pola persoa física responsable do programa, que expresará, explicitamente, a petición da concesión dunha subvención á Secretaría Xeral da Igualdade. A antedita solicitude implica:

a) Que a entidade comprobou que os datos que comprende a solicitude presentada cumpren os requisitos formais que establece a presente convocatoria e se axustan á normativa da entidade.

b) Que a persoa física responsable técnica do programa acepta a presentación da solicitude de subvención feita pola persoa xurídica.

No caso de que unha entidade presente varias solicitudes de subvención con diferentes responsables técnicos de distintos programas, o/a representante legal da entidade será a mesma persoa para todas as solicitudes.

2. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se publica como anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Certificación que acredite poder suficiente para actuar en nome da entidade.

b) Copia do CIF da entidade solicitante.

c) Certificación do/a secretario/a, ou órgano competente da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención segundo a documentación achegada coa solicitude.

d) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade de todas as axudas, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou organismos delas dependentes, entes ou sociedades, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (anexo II).

e) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade na cal se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

f) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade na cal se exprese estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, de acordo co establecido no artigo 11º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

g) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade en que se exprese o acordo coas actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e da Secretaría Xeral da Igualdade (anexo III).

h) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta en que conste: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente, de ser o caso (anexo IV).

i) Memoria explicativa do funcionamento ou execución do programa para o cal se solicita a axuda, onde figuren os obxectivos, departamentos, áreas ou organismos implicados, medios materiais e humanos destinados para tal fin e réxime de funcionamento, no seu caso (anexo V).

j) Orzamento total e desagregado do programa que se vai executar (especificando o importe dos gastos previstos por anualidades) que reflicta cada tipo de gasto: gastos correntes de mantemento (luz, teléfono, material de oficina e similares; gastos de persoal (nóminas, contratos de servizos profesionais, axudas de custo, etc); gastos de organización de actuacións; outros gastos (gastos reais do programa, excluídos os investimentos, que resulten indispensables para o desenvolvemento do programa e susceptibles de seren cualificados como gastos elixibles conforme a normativa reguladora desta subvención) (anexo V).

k) Relación dos departamentos, áreas ou organismos implicados na execución do programa ou actuación (anexo V).

l) Certificación dos créditos que implica a realización da actividade para a que se solicita a subvención (anexo VI).

m) Outra documentación de interese para a valoración da solicitude.

3. Así mesmo, no caso das solicitudes de subvención relativas á realización de estudos e investigación (artigo 10º.1 c) e 10º.2 b) da presente resolución), deberá achegarse tamén unha relación das persoas que integran o grupo de investigación, coa sinatura orixinal destas persoas (anexo VII), así como os currículos do/a investigador/a principal e de cada unha das persoas do equipo investigador (anexo VIII).

4. Os/as investigadores/as principais non poderán figurar como tales en máis dunha subvención da presente convocatoria. Os membros do grupo de investigación que non sexan investigadores/as principais poderán participar con dedicación única nun só proxecto, ou con dedicación compartida nun máximo de dous proxectos.

5. Os formularios de solicitude das subvencións deberanse obter necesariamente na web da Secretaría Xeral da Igualdade (http://www.mulleresengalicia.es).

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro da Secretaría Xeral da Igualdade, sito no edificio administrativo de San Lázaro s/n en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso teñan subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7º.-Información ás entidades interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial (http://www.mulleresengalicia.es) na súa epígrafe de subvencións.

b) O correo: igualdade@xunta.es

c) No teléfono 981 54 53 12 do Servizo de Planificación e Programación da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade da Secretaría Xeral da Igualdade.

d) Presencialmente.

Artigo 8º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e do tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito achegando identificación suficiente ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 9º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se terá por desistida a petición, logo da resolución, de conformidade co previsto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59º.6 b), 60º e 61º da indicada Lei 30/1992, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web oficial (http://www.mulleresengalicia.es). Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 10º.-Programas, gastos subvencionables e contías.

1. As axudas destinadas ás universidades públicas, por un importe total de 375.000 euros obxecto de subvención, serán de tres tipos:

a) Para a creación e mantemento de unidades, oficinas, centros ou cátedras de xénero.

b) Para a realización de cursos de posgrao, conferencias, xornadas e actividades sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

c) Para a realización e difusión de estudos e investigacións sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

2. As axudas destinadas a organismos públicos de investigación, constituídos por entes de dereito público da comunidade autónoma, por un importe total de 85.000 euros, serán de dous tipos:

a) Para a realización de cursos, conferencias, xornadas e actividades sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

b) Para a realización e difusión de estudos e investigacións sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

3. Os proxectos de investigación e os cursos, conferencias, xornadas e actividades subvencionadas deberán enmarcarse dentro dalgunha das seguintes áreas e temas prioritarios:

-Políticas públicas.

-Igualdade entre homes e mulleres na vida económica.

-Participación na toma de decisións.

-Promoción da calidade de vida das mulleres.

-Fomento da igualdade civil.

-Transmisión de valores e actitudes igualitarias.

-Conciliación da vida social, persoal e laboral das mulleres.

-Cooperación.

-Violencia de xénero, prostitución e tráfico de persoas.

-Colectivos de mulleres en risco de exclusión social.

-A igualdade na aplicación da lei.

-Situación (pasado, presente e futuro) das mulleres en Galicia.

-Innovación e coñecemento.

4. Os gastos subvencionables serán unicamente os gastos correntes correspondentes á posta en marcha e execución destas actuacións. Así, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados entre o 1 de outubro do ano 2010 e o 30 de setembro do ano 2011. Entre outros: gastos de persoal (agás os correspondentes ao persoal fixo vinculado estatutaria ou contractualmente á entidade beneficiaria ou entidades integrantes da rede), material funxible, viaxes, axudas de custo,.... En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores/as, con carácter previo á contratación salvo que polas especiais características

dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades subministradoras ou prestadoras, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos en que aparece definida no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O importe da subvención non poderá superar o custo elixible determinado a partir do orzamento presentado pola entidade, tendo en conta que non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación. En calquera caso, o importe da subvención concedida a cada programa ou actividade non será superior a 60.000 euros, salvo que exista crédito suficiente para atender todas as solicitudes correctas respectando en todo caso o establecido neste parágrafo.

5. Os gastos que se van subvencionar respectarán o disposto na Orde TIN 2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período 2007/2013. E así será informado á beneficiaria na resolución de concesión.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.

A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os proxectos debidamente xustificados conforme a seguinte baremo:

a) Criterios aplicables aos proxectos presentados á actuación 1 a) do artigo 10º desta resolución:

a.1) Que o programa de actuación do proxecto implique varios departamentos ou áreas. Ata 3 puntos, a razón de 0,50 puntos por departamento ou área implicada (sen contar a solicitante).

a.2) Adecuación do tamaño, composición e dedicación do equipo do proxecto aos seus obxectivos. Avaliarase a intensidade da dedicación ao proxecto por cada un dos membros do equipo (só se avaliará un membro de cada departamento, área, oficina ou organismo implicado). Ata 2 puntos, a razón dun máximo de 0,50 puntos por membro.

a.3) Adecuación do orzamento ás actividades propostas e xustificación a este de acordo ás necesidades do proxecto. Ata 2 puntos, a razón de 0,50 puntos por actividade.

a.4) Achegas propias á execución do proxecto: ata 2 puntos a razón de 0,50 puntos por cada porcentaxe de achega propia, correspondente ao 10% do orzamento total do programa.

a.5) Utilización da lingua galega nas actuacións que se van executar polos proxectos que se subvencionarán: 1 punto.

b) Criterios aplicables aos proxectos presentados á actuación 1. b) e 2.a) do artigo 10º desta resolución:

b.1) Número de departamentos, áreas ou organismos implicados no proxecto: ata 2 puntos, a razón de 0,50 puntos por departamento ou organismo (sen contar o solicitante).

b.2) Grao de adecuación do proxecto ás áreas e temas prioritarios, sinalados no punto 3 do artigo 10º desta convocatoria. Se esta adecuación non existe, o proxecto non se avaliará, quedando excluído da convocatoria. Ata 3 puntos.

b.3) Adecuación do orzamento ás actividades propostas e xustificación deste de acordo ás necesidades do proxecto. Ata 2 puntos, a razón de 0,50 puntos por actividade.

b.4) Achegas propias á execución do proxecto: ata 1 punto a razón de 0,50 puntos por cada porcentaxe de achega propia, correspondente ao 10% do programa.

b.5) Número de créditos que obteñen as persoas asistentes ás actividades propostas: ata 1 punto a razón de 0,25 por crédito.

b.6) Utilización da lingua galega nas actuacións que se subvencionarán: 1 punto.

c) Criterios aplicables aos proxectos presentados á actuación 1.c) e 2.b) do artigo 10º desta resolución:

c.1) Actividade investigadora previa que os equipos de investigación desenvolveron nas áreas sinaladas no punto 3 do artigo 10 desta convocatoria. Ata 2 puntos, a razón de 0,50 por proxecto investigador desenvolvido.

c.2) Grao de adecuación do proxecto ás áreas e temas prioritarios, sinalados no punto 3 do artigo 10º desta convocatoria. Se esta adecuación non existe, o proxecto non se avaliará, quedando excluído da convocatoria. Ata 2 puntos.

c.3) Adecuación do tamaño, composición e dedicación do equipo do proxecto aos seus obxectivos. Avaliarase a intensidade da dedicación ao proxecto por cada un dos membros do equipo (só se avaliará un membro de cada departamento, área, oficina ou organismo implicado). Ata 2 puntos, a razón dun máximo de 0,50 puntos por membro.

c.4) Calidade técnica do proxecto e viabilidade, en relación cos obxectivos propostos. Ata 1 punto, en función da súa calidade e viabilidade.

c.5) Aplicabilidade do proxecto de investigación. Ata 1 punto en función da súa aplicabilidade práctica.

c.6) Achegas propias á execución do proxecto: ata 1 punto, a razón de 0,50 puntos por cada porcentaxe de achega propia, correspondente ao 10% do programa.

c.7) Utilización da lingua galega nas actuacións que se subvencionarán: 1 punto.

Artigo 12º.-Instrución.

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Conforme o establecido no artigo 21º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración para estes efectos á cal se lle remitirán, unha vez revisadas, as solicitudes. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A subdirectora xeral de Promoción da Igualdade que a presidirá.

b) O xefe do servizo de Promoción e Cooperación Institucional, a xefa do servizo de Fomento e a xefa do servizo de Planificación e Programación da Secretaría Xeral da Igualdade.

Secretaria/o: unha/un funcionaria/o da Secretaría Xeral da Igualdade.

Se, por calquera causa, algunha/algún das/os compoñentes da comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída/o pola/polo funcionaria/o designada/o para o efecto pola súa presidenta.

A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos/as solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 11º, o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Na dita proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e indicarase o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas co crédito que quede libre, se se producise algunha renuncia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, por proposta do órgano instrutor e despois da fiscalización pola intervención delegada, a resolución destas axudas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, que en todo caso deberá producirse antes de rematar o exercicio orzamentario, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación individual poderá ser substituída pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, con indicación, neste caso, da data da convocatoria, da entidade beneficiaria, e da cantidade outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

4. Na resolución de concesión informarase ás entidades beneficiarias de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias, na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación, que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme ao previsto no artigo 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cando se trate de proxectos formativos e por circunstancias sobrevidas se varíe o contido específico das actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no resultado da acción e/ou na contía da axuda, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a entidade solicite a modificación para a súa avaliación antes do desenvolvemento do proxecto.

b) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta resolución.

c) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiras persoas.

d) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola secretaria xeral da Igualdade, logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 16º.-Incompatibilidade e concorrencia.

1. A percepción desta axuda é compatible con calquera outra, pero, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do programa obxecto de axuda.

2. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para un mesmo programa, segundo o establecido no número 2 do artigo 5º. Na fase de xustificación do pagamento deberán achegar unha declaración complementaria e actualizada co mesmo contido que a exixida coa solicitude.

Artigo 17º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

1. Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral na normativa aplicable pola percepción de axudas públicas e tendo en conta o disposto no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, son obrigas das entidades beneficiarias de subvencións reguladas nesta resolución as seguintes:

a) Realizar a actividade ou conduta que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda ningún cambio no obxecto para o que se concedeu a axuda, agás modificacións autorizadas.

b) Non alterar o destino da subvención e destinar os fondos percibidos ao fin para o que foron concedidos.

c) Efectuar a xustificación do gasto conforme o establecido nesta resolución.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades participantes e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

f) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e da Secretaría Xeral da Igualdade para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Na resolución de concesión deberá ser informada a beneficiaria do tempo que terá que ter a documentación á disposición, unha vez rematado o Programa operativo 2007/2013.

g) Manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas ao proxecto subvencionado que facilite a pista de auditoría, en cumprimento da normativa relativa ao Fondo Social Europeo. Ademais, tamén deberá conservar os documentos xustificativos por un período de tres anos (ata o ano 2018) a partir do peche do Programa operativo.

h) Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10º e 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución e na normativa aplicable será causa determinante de revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 18º.-Publicidade e información.

1. As entidades beneficiarias deberán dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do establecido no artigo 15º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, no lugar onde funcione o centro, oficina, unidade ou cátedra subvencionada, ou onde se realice o programa subvencionado por esta resolución deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo que indique o cofinanciamento da actuación con fondos europeos FSE, así como pola Xunta de Galicia de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda «Proxecto cofinanciado», acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia, e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Social Europeo». Precedendo aos emblemas empregarase a lenda «O FSE inviste no teu futuro». O modelo de cartel coas características técnicas estará na páxina web da Secretaría

Xeral da Igualdade na epígrafe de subvencións.

Esta mesma publicidade constará en toda a documentación, publicacións, actuación de difusión ou convocatoria relativas ou resultantes dos programas subvencionados nesta convocatoria (incluída a web da entidade beneficiaria).

2. Os resultados dos traballos correspondentes a proxectos subvencionados por esta convocatoria poderán estar á disposición desta Administración para o seu uso e posible publicación, nos termos previstos no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da lei de propiedade intelectual.

3. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de entidades beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e dos artigos 6º e 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión. Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 19º.-Xustificación e pagamento.

1. A data límite de presentación da xustificación dos gastos efectuados será o 31 de outubro de 2011.

2. O réxime de xustificación é o de conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto, de conformidade co establecido no título III, artigo 48º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Á xustificación de gastos acompañarase da seguinte documentación:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas por cada departamento, área ou entidade participante na rede e dos resultados acadados. Xunto con esta memoria, se é o caso, achegarase un exemplar daqueles materiais (carteis, folletos, fotos, etc.) que complementen a xustificación da actividade subvencionada.

b) Declaración responsable xustificativa do custo das actuacións realizadas na cal conste a relación clasificada dos gastos da actuación (subvencionados ou non), con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Así mesmo, indicaranse as desviacións producidas, de ser o caso, respecto ao orzamento presentado, segundo o artigo 5º.2 j).

c) Orixinais e copia das facturas ou documentos equivalentes dos gastos para os cales se concedeu a axuda polos conceptos subvencionables. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e irán acompañados dos correspondentes xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As entidades presentarán os orixinais para seren selados pola unidade tramitadora correspondente, unha vez realizada esta dilixencia e sempre que o soliciten expresamente, seranlles devoltos coa maior brevidade.

d) Os tres orzamentos a que fai referencia o artigo 10º.4 desta convocatoria, se é o caso.

e) Certificación orixinal do órgano competente da entidade, que acredite que os gastos realizados foron aplicados para o fin para o cal se concedeu a subvención.

f) Declaración orixinal asinada pola/o representante legal da entidade das axudas (entidade, concepto, importe, ...) da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

4. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que de non facelo procederase, logo da resolución, á revogación da subvención.

5. Recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes da Secretaría Xeral da Igualdade, antes de proceder ao pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación que consideren oportunas para verificar o cumprimento das accións subvencionadas.

6. Procederá a minoración da subvención concedida cando o orzamento executado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

7. Para os efectos do establecido nestas bases, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto directo da acción, que sexa axeitado aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable e que se realice dentro do período establecido, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede o prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria. En todo caso,

observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

Artigo 20º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, de ser o caso, á súa revogación de acordo co artigo 17º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A resolución de modificación será ditada pola secretaria xeral da Igualdade, logo da instrución do correspondente expediente.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras e demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da devolución das subvencións percibidas, así como aos xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Cando o cumprimento pola beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que se vai reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposicións adicionais

Primeira.-Nos casos en que se resolva conceder subvencións sobre solicitudes da lista de reserva, de conformidade co previsto no número 4 do artigo 12º desta resolución, o prazo de presentación das correspondentes xustificacións será o indicado na resolución de concesión sempre que non exceda do exercicio orzamentario vixente.

Segunda.-De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial as concesións de subvencións segundo se indica nesta resolución, e incluirá as referidas axudas e sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que coa presentación da solicitude se presta expresamente o consentimento para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas físicas e xurídicas beneficiarias e a referida publicidade.

Terceira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e a Secretaría Xeral da Igualdade poderán realizar as comprobacións e verificacións que consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Cuarta.-A Secretaría Xeral da Igualdade poderá requirir, en todo momento, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2011.

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "01500D002P007.PDF"