DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 21 de xaneiro de 2011 Páx. 1.248

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 31 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28º.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

A mesma lei prevé, así mesmo, a participación doutros ámbitos da Administración pública, establecendo que a Administración local procurará considerar dentro dos seus plans ou programas de actuación a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas.

Segundo o disposto polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.

Esta consellería, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, a necesidade de que o labor de divulgación e fomento se realice tamén desde os ámbitos máis próximos aos cidadáns, así como as sinerxías derivadas da cooperación entre as distintas administracións, quere estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte das entidades locais.

A través desta orde regúlase o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuír ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades propostas por parte dos concellos seleccionados. Entre os criterios de selección, outórgaselle especial importancia á sintonía do proxecto co Plan estratéxico para o desenvolvemento do cooperativismo.

A regulación axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Cooperativas, o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección primeira

Bases das Axudas de Promoción e Fomento do Cooperativismo

Artigo 1º.-Finalidade e réxime das subvencións.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladores e facer a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a sufragar parcialmente a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos e doutras entidades locais de Galicia.

2. Co obxecto de facilitar a programación e correcta execución das accións subvencionadas, así como para propiciar unha mellor xestión orzamentaria, incentivaranse programas de actividades con carácter plurianual, de acordo co artigo 26º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios os concellos de Galicia, individualmente ou a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local que, logo da solicitude, resulten seleccionados segundo o establecido nesta orde e realicen as devanditas actividades no período comprendido entre o 1 de xaneiro do mesmo ano para o que se efectúe a convocatoria das axudas e o 15 de maio do ano seguinte.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as subvencións que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedan obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e deberán designar de entre eles ao que teña a representación conxunta e a consideración de beneficiario para efectos da tramitación da subvención.

3. Ningún concello poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

4. O incumprimento destas normas dará lugar á inadmisión da solicitude individual de subvención subscrita polo concello de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as entidades que incorran nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 13º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Obxecto e contía das subvencións.

1. As actividades obxecto de subvención poderán consistir en calquera tipo de acción promocional e de fomento do cooperativismo dirixida ao ámbito territorial do concello ou concellos solicitantes e a súa área de influencia. A título de exemplo poderán consistir na elaboración e publicación de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos; celebración de feiras, mostras, congresos; organización de cursos, xornadas, conferencias, seminarios e simposios; así como actividades de fomento de viveiros cooperativos ou a creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo recollidas neste artigo.

2. Coidarase especialmente o enfoque de carácter práctico e eficaz das actividades, así como a súa imbricación coa realidade do contorno socioeconómico local onde se desenvolven. Na medida que resulte posible procurarase a participación das asociacións de cooperativas representadas no Consello Galego de Cooperativas como xeito de contribuír á difusión dos valores e potencialidades do cooperativismo.

3. Oficinas de fomento cooperativo.

Co obxectivo de incentivar o emprendemento cooperativo e/ou a xeración de novos proxectos cooperativos subvencionarase o alugueiro de locais e os custos salariais do persoal asesor en materia de fomento cooperativo que sexa contratado polo concello e sempre que dedique un mínimo de 10 horas semanais para tal fin.

Unicamente será subvencionable unha oficina de fomento cooperativo por cada solicitude presentada, así como un único local e un único técnico, independentemente do número de concellos que agrupe.

Os labores que asumirá o persoal técnico asesor da oficina de fomento cooperativo serán:

-Asesoría e acompañamento de proxectos.

-Accións formativas e informativas de promotores.

-Elaboración de plans empresariais.

-Seguimento e titorización dos proxectos cooperativos en xestación.

-Formación e divulgación de fórmulas cooperativas así como coordinación das actividades de fomento e promoción.

-Os técnicos asesores adscritos a este programa deberán comprometerse a realizar un curso de formación en materia de cooperativismo que sexa organizado e/ou impartido pola Consellería de Traballo e Benestar, cunha duración mínima de 60 horas.

-Deberán posuír a titulación académica universitaria.

-Acreditar a súa dedicación ao programa cos seguintes documentos:

*Partes horarios e plan de traballo.

*Actas de reunións para xestións de proxectos cooperativos.

*Informe de actividades.

*Relación asinada polos distintos destinatarios dos servizos.

*Certificación da entidade local ou persoa a quen legalmente lle corresponda.

-Deberase habilitar unha oficina, estar debidamente sinalizada e publicitar o servizo por distintos medios, tendo en conta o previsto no artigo 15º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no artigo 10º b) desta orde.

-As oficinas de fomento cooperativo serán avaliadas no seu rendemento pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e terase en conta o número de proxectos empresariais cooperativos consolidados e outros indicadores para a concesión das axudas en anos sucesivos.

4. A contía das subvencións non poderá superar o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades de promoción e fomento do punto 1 do artigo 3º desta orde, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos, sen que en ningún caso excedan da contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

5. No caso da actividade de fomento de viveiros cooperativos (punto 1 do artigo 3º desta orde) será subvencionable parte do importe do alugueiro do local do viveiro durante un ano, cun límite máximo de 3.000 € por local.

6. No caso das oficinas de fomento cooperativo recollidas no punto 3 do artigo 3º, será subvencionable parte do importe do alugueiro do local ata un máximo 3.000 €.

Igualmente será subvencionable parte do custo salarial dun técnico ata un investimento máximo de 7.500 € por ano de actividade cando se trate de dedicación parcial e de 25.000 € por ano cando a dedicación sexa exclusiva para este fin. A porcentaxe de axuda será do 80% no primeiro ano desde a creación da oficina. No segundo e terceiro ano de funcionamento das oficinas poderase conceder unha axuda para o seu mantemento do 70% e 60% respectivamente sobre o investimento.

7. Exceptúanse do recollido nos puntos 4º e 6º os programas de oficinas de fomento cooperativo cando se trate de solicitudes de mancomunidades ou solicitudes conxuntas de tres ou máis concellos, podendo chegar a axuda neste caso ao 100 por 100 dos gastos elixibles para os tres primeiros anos de actividade.

8. A contía máxima da subvención non poderá exceder de 24.000 € por concello. No caso de mancomunidades ou solicitudes conxuntas de varios concellos este importe máximo verase incrementado en 6.000 € por cada un dos concellos afectados e ata un máximo de 42.000 €.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvencións deberán dirixirse á Dirección Xeral de Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes e os anexos están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballoebenestar.xunta.es.

1.1. Segundo o disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, as solicitudes dos interesados acompañarán os documentos e as informacións determinados na convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35º da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e órgano ou dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos e, cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda.

2. As solicitudes presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

2.1. Memoria do proxecto que conteña:

-Identificación do concello ou entidade local solicitante e do seu ámbito de influencia.

-Indicación das actividades de fomento do cooperativismo que realizou en anos anteriores ou se é a primeira ocasión que accede esta liña de axudas.

-Director ou coordinador do proxecto.

-Descrición das actividades que se pretenden realizar, especificando a súa finalidade e as persoas destinatarias.

-Cronograma ou planificación das actividades detallando a preferencia de axustamento temporal ás dúas anualidades posibles.

-Medios previstos para a súa realización.

-Informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes, de ser o caso. Especialmente no caso das oficinas de fomento cooperativo.

-Orzamento detallado, cuantificado en todos os seus puntos, indicando a procedencia dos recursos non achegados pola consellería. Especificarase a previsión da dedicación dos fondos á execución por anualidades.

2.2. Certificación expedida polo/a secretario/a da entidade local, ou persoa á que legalmente lle corresponda, do acordo polo que se solicita a subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incurso o concello ou mancomunidade de municipios nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2.3. Os concellos que se asocien para os efectos desta orde, deberán achegar documento en que se acorde a colaboración dos concellos e a designación do que os representa, así como certificación dos/as secretarios/as, ou persoa á que legalmente lle corresponda, dos acordos do Pleno ou da Comisión de Goberno en que delegan a petición de subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

2.4. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas e subvencións efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade ou proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo do anexo II).

Artigo 5º.-Instrución.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, por ser o órgano instrutor, para que o servizo competente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, requiriralle ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días e, se non o fixese, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

1. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que realizará a selección e informará o órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, quen resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral Cooperativas e Economía Social, que a presidirá, o xefe/a do Servizo de Cooperativas e Economía Social, dous/dúas funcionarios/as designados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais e o xefe/a da Sección de Fomento da Economía Social, que actuará como secretario/a.

Os resultados poranse en coñecemento da Federación Galega de Municipios e Provincias e das asociacións de cooperativas con representación no Consello Galego de Cooperativas.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela o/a presidente/a, ou persoa en que delegue, o/a secretario/a e polo menos a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos/as funcionarios/as que a compoñen non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

3. A comisión de avaliación rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22º e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.

4. A comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir dos/as solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

5. A comisión de avaliación poderá aplicar módulos máximos de investimentos nas distintas accións de promoción e fomento. Estes módulos serán contrastados, fundamentados e serán obxecto de exposición pública na páxina web da consellería.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

1. A comisión realizará a estimación do número de beneficiarios e da contía da subvención, sempre tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias previstas para este fin e os límites fixados nesta orde; a comisión non terá en conta os proxectos que non se adapten a estas bases.

2. Como criterios de avaliación teranse en conta as seguintes características dos proxectos, ordenadas como se indica a seguir:

2.1. Pola adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para cooperativismo, ata 30 puntos.

2.2 Por tratarse de concellos ou mancomunidades que presenten proxectos que impulsen a incorporación de mulleres como socias de cooperativas, ata 28 puntos.

2.3. Por accións encamiñadas a facilitar a posta en marcha de proxectos empresariais que dean saída profesional aos desempregados do ámbito territorial de influencia, mediante a creación de cooperativas ou a incorporación ás xa existentes, ata 26 puntos.

2.4. Por actuacións dirixidas á posta en valor e aproveitamento sustentable dos recursos locais, a través de proxectos empresariais cooperativos que agrupen a titulares de explotacións agrarias (agrícolas, gandeiras, forestais e outras), pesqueiras (pesca, marisqueo, acuicultura e relacionadas), ou doutro tipo de actividades empresariais e profesionais, ata 24 puntos.

2.5. Pola coordinación das actuacións entre distintos concellos coa formalización dunha solicitude conxunta, ata 22 puntos.

2.6. Por proxectos innovadores ou que pola súa singularidade acheguen novos enfoques e perspectivas ao cooperativismo ou á súa promoción, ata 20 puntos.

2.7. Pola colaboración na realización das actividades subvencionadas de sociedades cooperativas galegas e as súas asociacións, ata 18 puntos.

2.8. Polo emprego da lingua galega na realización das actividades para as que solicita a axuda, ata un máximo de 18 puntos.

2.9. Polo menor número de cooperativas activas con domicilio no ámbito dos concellos solicitantes en relación coa súa poboación, ata 50 puntos.

2.10. Por incluír na súa solicitude a proposta de creación ou mantemento dunha oficina de fomento cooperativo, ata 80 puntos co seguinte desagregamento:

* Polo simple feito de solicitar a creación ou o mantemento dunha oficina de fomento cooperativo: 20 puntos.

* Polo número de accións de formación, información e asesoramento do ano anterior, ata 20 puntos.

* Polo número de proxectos empresariais cooperativos consolidados no ano anterior, ata 20 puntos.

* Pola titulación que debe posuír o técnico asesor, 20 puntos aos que exixan calquera das seguintes:

-Licenciatura ou grao en Economía, Administración e Dirección de Empresas, Dereito ou titulacións ou graos mixtos que as inclúan.

-Diplomatura en Ciencias Empresariais ou Relacións Laborais.

-Másters en Xestión e Dirección Empresarial Cooperativa.

3. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración fixados no parágrafo anterior e adxudicarase a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación.

En caso de empate de puntos de baremación asignarase a subvención por orde de rexistro de entrada das solicitudes.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se notificará aos interesados. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva do concello ou mancomunidade solicitante, ben a consellería debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas. En todos os soportes, materiais ou publicacións e calquera medio de divulgación das actividades deberá constar de xeito destacado a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. De todo este material e documentación obxecto do financiamento da consellería, esta poderá facer uso coa finalidade de multiplicar o efecto promotor en toda a comunidade autónoma.

3. A resolución de concesión da subvención plurianual sinalará a distribución das contías por anualidades, atendendo ao ritmo de execución da acción subvencionada e aos condicionantes orzamentarios.

4. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito prazo non comezará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes.

Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. As resolucións de concesión da subvención plurianual sinalarán a distribución das contías por anualidades atendendo ao ritmo de execución da acción subvencionada e aos condicionantes orzamentarios. Esta distribución non terá que coincidir coas distintas previsións de execución bianualizadas propostas por todos os solicitantes que resulten beneficiarios das axudas.

7. De acordo co establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo e, no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro deste orde, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

8. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC, como órgano responsable dos ficheiros, rúa Domingo Fontán 9, 15702 Santiago de Compostela).

9. A presentación da solicitude polas entidades interesadas autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, se é o caso, nos rexistros regulados no referido Decreto 132/2006.

Segundo o disposto no artigo 15º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios deberán dar axeitada publicidade de carácter público do financiamento das actividades obxecto de subvención.

Artigo 9º.-Xustificación e forma de pagamento.

1. Na xustificación e forma de pagamento haberá que aterse ao disposto no artigo 62º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non sendo necesario a aplicación do réxime de garantías por tratarse de entidades locais.

2. Unha vez notificada a resolución definitiva, os interesados dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21º.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Ao remate da actividade deberase presentar un informe exhaustivo da súa realización, acompañado de copia de todos os materiais e documentos xerados, así como constancia da súa repercusión pública.

Para as oficinas de fomento cooperativo deberá achegarse o contrato de traballo, nóminas, TC1 e TC2 do/a técnico/a e a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos do programa recollidos no punto 3 do artigo 3º.

4. O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme a anualización establecida na resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos da axuda, que poderán ser parciais ou totais.

5. Os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamento á conta.

6. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto nos artigos 28º e 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

7. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo III acompañada de toda a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión. A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 31 de outubro para a primeira anualidade e o 31 de maio para a segunda.

8. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra do contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro.

9. No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

10. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

11. A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das subvencións as citadas no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

b) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma coma na súa duración e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 11º.-Subcontratación.

Poderán ser obxecto de subcontratación, total ou parcial, as actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 43º do Decretro 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007. En todo caso quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Artigo 12º.-Modificación da resolución, revogación e reintegro.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14º.1 n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, eventualmente, á súa revogación.

2. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32º e 33º da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 13º.-Seguimento e control.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Sección segunda

Convocatoria de axudas para o ano 2011

Artigo 14º.-Convocatoria.

Convócanse para o ano 2011, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo reguladas polas bases da sección primeira desta orde.

Artigo 15º.-Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 16º.-Período de execución das accións.

O periodo de execución das accións elixibles para ser subvencionadas será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 15 de maio de 2012.

Artigo 17º.-Xustificación das accións subvencionadas.

Os beneficiarios das axudas deberán xustificar o investimento conforme a anualización establecida na resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos que poderán ser parciais ou total, mediante solicitude conforme o modelo do anexo III.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 31 de outubro de 2011 para a primeira anualidade e o 31 de maio de 2012 para a segunda.

Artigo 18º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 12.03.324A 460.0 (proxecto 2011 00604), da Dirección Xeral de Relacións Laborais por un crédito por importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €) para a primeira anualidade e de cento cincuenta mil euros (150.000 €) para a segunda.

Estes importes poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co artigo 30º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para atender as solicitudes de creación de oficinas de fomento cooperativo recollidas no artigo 3º resérvase un importe máximo de 100.000 euros para a anualidade 2011 e 60.000 euros para a anualidade 2012. No caso de existir remanentes aplicaranse ao resto de actividades previstas nesta orde.

Artigo 19º.-Tramitación anticipada.

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2011.

Disposicións adicionais

Única.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "01400D002P024.PDF"