DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 20 de xaneiro de 2011 Páx. 1.157

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 225/2010, do 30 de decembro, polo que se modifica o Decreto 46/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade, sen prexuízo do que dispón o artigo 149º.1.28 da Constitución, o que implica a potestade lexislativa, regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27º.18 e 37º do Estatuto de autonomía.

En exercicio desa competencia, aprobáronse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, co fin de regular os aspectos básicos en canto á delimitación, uso, conservación e réxime de protección dos tramos dos camiños de Santiago que discorren por Galicia.

O artigo 30º da dita Lei de protección dos camiños de Santiago crea o Comité Asesor do Camiño de Santiago como órgano colexiado consultivo adscrito á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, para os asuntos referentes á protección do Camiño de Santiago, no seu discorrer polo territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e, concretamente, para que emita os informes que se sinalan nos seus artigos 3º, 5º, 12º, 13º, 16º e 17º e cantos outros se lle soliciten.

Con data do 8 de marzo de 2007, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, aproba o Decreto 46/2007, polo que se regula a composición e funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

A experiencia acadada nestes anos aconsella modificar a regulación vixente co fin de axustar a composición deste órgano de acordo coas modificacións na organización administrativa da Xunta de Galicia, asegurar unha maior representatividade da Administración local e facer máis áxil e operativo o seu funcionamento.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 46/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

Modifícase o Decreto 46/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago, nos seguintes termos:

Un.-Modifícase o artigo 2º do Decreto 46/2007, que queda redactado como segue:

«Artigo 2º.-Funcionamento.

O Comité Asesor do Camiño de Santiago funcionará en pleno e comisión.

Corresponderá á comisión a emisión dos informes relativos aos procedementos de autorización de obras e instalacións menores, entendendo por tales as de técnica simple e escasa entidade construtiva e económica que non supoñan alteración do volume, do uso, das instalacións e servizos de uso común ou do número de vivendas e locais, nin afecten o deseño exterior, a cimentación, a estrutura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de toda clase».

Dous.-Modifícase o artigo 4º, que queda redactado co seguinte teor literal:

«Artigo 4º.-Composición.

1. O Pleno do Comité Asesor do Camiño de Santiago ten a seguinte composición:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia.

c) Vogalías.

2. Formarán parte da comisión a persoa titular da vicepresidencia e as persoas que ocupen as vogalías expresadas nas letras a), b) e c) do punto primeiro do artigo 7º deste decreto. Con carácter ordinario presidiraa o vicepresidente ou vicepresidenta do comité, e exercerá a secretaría o/a titular da xefatura do Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que actuará con voz e sen voto».

Tres.-Modifícase o artigo 6º, que queda redactado como segue:

«Artigo 6º.-Vicepresidencia.

1. A vicepresidencia do Comité Asesor do Camiño de Santiago será exercida pola persoa titular da subdirección xeral competente en materia de protección dos Camiños de Santiago.

2. Corresponde á vicepresidencia do Comité Asesor do Camiño de Santiago auxiliar a presidencia no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquela.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o vicepresidente ou vicepresidenta do Comité Asesor do Camiño de Santiago será substituído polo/a titular da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais».

Catro.-Modifícase o artigo 7º, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 7º.-Vogais.

1. O Comité Asesor do Camiño de Santiago contará cos/as seguintes vogais:

a) O/a titular da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

b) O/a titular da xefatura do Servizo de Planeamento e Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

c) Unha persoa en representación do centro directivo da Xunta de Galicia con competencias en materia de urbanismo.

d) Unha persoa en representación do Consello da Cultura Galega.

e) Dúas persoas de recoñecido prestixio e coñecemento en materia dos Camiños de Santiago, designadas polo/a titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

f) Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias.

g) Unha persoa en representación do centro directivo da Xunta de Galicia con competencias en materia de turismo.

2. O nomeamento e cesamento das persoas que ocupen as vogalías do Comité Asesor do Camiño de Santiago que non o sexan por razón dos seus cargos, e dos seus respectivos suplentes, corresponde ao/á titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural por proposta das entidades e órganos citados.

3. Con excepción das vogalías a que fai referencia o punto 1 deste artigo nas letras a) e b), os nomeamentos de vogal do Comité Asesor do Camiño de Santiago terán unha duración de dous anos e renovaranse automaticamente, ata un máximo de catro anos, salvo proposta en contrario por parte do órgano ou entidade correspondente.

4. O/a titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural poderá dispoñer que cesen os membros do comité polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Renovación por transcurso do prazo de nomeamento, se for o caso.

c) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

d) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

e) Por petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

f) Incumprimento grave dos seus deberes.

5. As vacantes que se produzan nas vogalías do comité por causa de defunción, incapacidade ou cesamento, serán postas en coñecemento da entidade ou organismo a quen representen, para que, se for o caso, propoña a designación doutra persoa polo período que restase á inicialmente designada como vogal, dentro do prazo dun mes desde que se producise o feito causante.

6. As persoas que ocupen as vogalías do Comité Asesor do Camiño de Santiago non se poderán atribuír as funcións de representación del, salvo que lles fosen outorgadas expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, polo propio comité.

7. Serán motivos de abstención e recusación dos membros do Comité Asesor do Camiño de Santiago os previstos con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Os membros do comité, o secretario ou secretaria e, se é o caso, a persoa que asista a secretaría, terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia».

Cinco.-Modifícase o artigo 8º, que queda redactado como segue:

«Artigo 8º.-Secretaría.

1. Exercerá a secretaría do Comité Asesor do Camiño de Santiago a persoa titular da xefatura do Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que actuará con voz e sen voto e será asistida habitualmente por un funcionario ou funcionaria da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural designado/a pola presidencia para o efecto.

2. Corresponden á secretaría do Comité Asesor do Camiño de Santiago as funcións establecidas no punto 3 do artigo 25º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o/a titular da secretaría será suplido/a temporalmente polo funcionario ou funcionaria mencionado no punto primeiro deste artigo».

Seis.-Modifícase o artigo 9º, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 9º.-Réxime de funcionamento.

1. A válida constitución do pleno do comité requirirá, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros, e en segunda convocatoria, a presenza de, polo menos, a metade deles. Necesariamente deberán asistir o presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria ou queles/as que os/as substitúan. A segunda convocatoria entenderase producida con carácter automático transcorrida media hora da primeira.

Para a válida constitución da comisión deberán estar presentes, polo menos, tres dos seus membros, un dos cales exercerá a presidencia, e a persoa titular da secretaría.

2. Será convocada ás sesións do pleno, con voz e sen voto, ademais dos membros do comité, unha persoa en representación de cada concello directamente afectado nos asuntos que se van tratar en cada sesión. Poderán asistir así mesmo, con voz pero sen voto, as persoas, representantes de organismos, institucións e entidades públicas ou privadas que, polas súas actividades, coñecementos ou experiencia, a presidencia considere conveniente para a resolución dos asuntos que se van tratar.

3. Cada un dos asuntos que se sometan ao ditame do Comité Asesor do Camiño de Santiago contará cos informes técnicos suficientes para poder decidir. Con carácter ordinario elaborarán eses informes funcionarios facultativos adscritos ao servizo competente na materia, un dos cales asistirá ás sesións, con voz e sen voto, para exercer de relator.

4. No seo do comité poderán constituírse ponencias específicas para o estudo de asuntos concretos cando, ao xuízo da maioría dos membros, así o requira a singularidade e importancia destes».

Sete.-Modifícase o artigo 10º, que queda redactado como segue:

«Artigo 10º.-Desenvolvemento das sesións.

1. O Comité Asesor do Camiño de Santiago reunirase en sesións ordinarias e extraordinarias, en primeira ou segunda convocatoria. As sesións ordinarias terán lugar unha vez ao mes, agás en agosto.

As sesións extraordinarias serán convocadas pola presidencia do comité, por propia iniciativa ou por solicitude da metade dos seus membros, caso en que os asuntos que motivaron a dita petición serán incluídos preceptivamente na orde do día da reunión.

2. Con carácter ordinario convocarase para o mesmo día unha reunión do pleno e outra da comisión. O/a secretario/a dará conta na seguinte reunión do pleno da relación de asuntos tratados.

3. As convocatorias das sesións cursaranse por escrito, cunha anticipación mínima de corenta e oito horas, e irán acompañadas da orde do día correspondente e da acta da sesión anterior para os efectos da súa aprobación, de ser esta procedente.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes os dous terzos dos membros do comité e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

4. Para a válida adopción de acordos requirirase a maioría simple dos votos das persoas asistentes á sesión con dereito a voto».

Oito.-Modifícase o artigo 12º, que quedará redactado do seguinte modo:

«Artigo 12º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de autorización pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que deban someterse previamente a informe do Comité Asesor do Camiño de Santiago, excepto nos supostos recollidos no parágrafo seguinte, tramitaranse a través dos correspondentes concellos, que achegarán, xunto ao expediente de solicitude, un informe urbanístico do órgano competente sobre a viabilidade da obra ou intervención, no que se recolla a normativa aplicable e os datos suficientes que permitan situar a posición e distancia do ben afectado respecto ao Camiño de Santiago.

2. Dirixiranse directamente á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aquelas solicitudes relativas a plans ou proxectos de obras de incidencia supramunicipal e as promovidas por órganos e entidades dependentes da Xunta de Galicia, ás cales se xuntarán os correspondentes informes municipais sobre a viabilidade urbanística da actuación que se pretende autorizar e un estudo da súa incidencia sobre o Camiño de Santiago e demais patrimonio cultural afectado».

Disposicións adicionais

Primeira.-O Comité Asesor do Camiño de Santiago constituirase coa configuración establecida por este decreto no prazo de dous meses contados desde a entrada en vigor deste.

Segunda.-A consellería competente en materia de patrimonio cultural solicitaralles ás entidades e organismos aos cales lles corresponda propoñer a designación de representantes no comité, que comuniquen a súa proposta de membros titulares e suplentes dentro dos quince días seguintes ao da entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria

Única.-O comité, coa actual composición, continuará coas funcións que tiña encomendadas ata a súa nova constitución.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo