DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2011 Páx. 957

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xaneiro de 2011 que modifica a Orde do 7 de febreiro de 2008, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola Orde do 7 de febreiro de 2008 (DOG do 25 de febreiro) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

O artigo 7º.2 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, establece que serán membros do Consello Social, entre outros, un profesor, un representante do persoal de administración e servizos e un estudante, elixidos polo Consello de Goberno da universidade entre os seus membros, na forma en que determinen os seus estatutos. En todo caso o nomeamento será publicado no Diario Oficial de Galicia.

O 10 de decembro de 2010 tivo entrada no rexistro xeral da Xunta de Galicia un escrito do presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, comunicando que o Consello de Goberno da Universidade, na sesión celebrada o día 16 de outubro de 2010 designou como representantes do Consello de Goberno no seu Consello Social a Julio Seijas Vázquez polo sector do profesorado, a Antonio Pérez Casas polo de persoal de administración e servizos e Adrián Dios Vicente polo de estudantes, achegando tamén as correspondentes declaracións de incompatibilidade establecidas no artigo 12º e) da Lei 1/2003, do 9 de maio.

O artigo 7º.4 da citada Lei 1/2003, do 9 de maio, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único.

Facer público o nomeamento de Julio Seijas Vázquez, Antonio Pérez Casas e Adrián Dios Vicente, como membros do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela en representación do Consello de Goberno da Universidade.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria