DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2011 Páx. 922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2010 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras dos premios do Igape ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada e se procede á convocatoria da III edición en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 15 de novembro de 2010, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras dos premios do Igape ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar as bases reguladoras dos premios do Igape ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada e convocar a súa III edición en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo.-Esta convocatoria trámitase ao abeiro do artigo 25º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2011. Na súa virtude, a concesión das axudas condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación das iniciativas para a fase I será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela o inicio ou o final do prazo, terase en conta o día hábil seguinte.

Cuarto.-Dotación orzamentaria.

Os premios aboaranse con cargo á partida orzamentaria do Igape para o ano 2011, 07.00-E4/10/01-651800, cun crédito total de 40.000 euros, e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar axudas por contía superior á que se determine na convocatoria agás que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto.-Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

Bases reguladoras dos premios ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada

Co obxecto de contribuír nun esforzo coordinado e conxunto a elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, o Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), as tres universidades galegas e a asociación impulsora do Plan Ferrol asinaron, o 7 de abril de 2008, o Convenio de colaboración para o fomento da creatividade aplicada.

Atendendo estes fins, o Igape decidiu, como fórmula para estimular a colaboración da sociedade civil en xeral e da comunidade universitaria en particular co Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, convocar os I e II premios ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada 2008 e 2009 e, dada a positiva resposta da sociedade en xeral, continuar neste ano cunha nova convocatoria.

As convocatorias destes premios serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Con carácter xeral, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1º.-Obxecto.

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras para o establecemento dos termos e condicións da convocatoria da III edición dos premios ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada para o ano 2011, baixo o réxime de concorrencia competitiva.

As iniciativas que se presenten a concurso consistirán en propostas creativas que poidan conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio.

Identifícanse como actividades prioritarias as enerxías alternativas, loxística, industria naval, ambiente e natureza e turismo; calquera outra actividade exitosa xa existente na actualidade e propia de sociedades avanzadas ligadas ao coñecemento que non existan na zona e cuxa implantación no medio prazo sexa realista; aqueloutras actividades en que, aínda non acadado o grao de madurez de mercado, exista determinado grao de consenso científico e técnico a nivel internacional que as catalogue como actividades de futuro e en que sexa posible a súa implantación na zona, removendo os factores necesarios, nun horizonte de 5 a 10 anos.

Artigo 2º.-Compatibilidade e límite de axuda.

2.1. A concesión dos premios destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea.

2.2. Os premios que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, 28-12-2006), no Regulamento (CE) 875/2007, da Comisión, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193, 25-7-2007) e no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337, 21-12-2010), e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán optar aos premios as persoas físicas ou xurídicas, departamentos universitarios e centros tecnolóxicos de calquera ámbito territorial que presenten iniciativas non premiadas noutros concursos. As persoas xurídicas non poderán ter ánimo de lucro.

Durante o proceso de resolución desta convocatoria, os participantes teñen a obriga de comunicarlle ao Igape a concesión de calquera premio que obteña a iniciativa presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Non poderán acceder a estes premios os participantes que estean afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10º.2 e 10º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Categorías e dotacións.

1. Iniciativas que acaden na fase I unha valoración positiva. Esta categoría estará dotada cun premio de 1.000 euros.

2. Iniciativas que acaden na fase II (pre-proxecto) unha valoración positiva. Esta categoría estará dotada cun premio de 2.000 euros.

3. Iniciativas que na fase III (proxecto) sexan obxecto dun acordo específico. Esta categoría estará dotada cun premio de 4.000 euros.

Cada iniciativa non poderá recibir o importe correspondente a máis dun premio de acordo coa fase que finalmente acade.

O número de iniciativas premiadas estará limitado pola dotación orzamentaria sinalada na resolución de convocatoria.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

5.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

5.2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A dita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sita no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

5.3. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións, en todo caso, antes da tramitación dos pagamentos. Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 48º da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Estes requisitos deberán acreditarse, en todo caso, antes da tramitación dos pagamentos. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo Igape, poderán serlle requiridos ao premiado.

5.4. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferentemente na sede central do Igape, sita no complexo administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, na sede do Igape en Ferrol, sita no edificio administrativo da Xunta de Galicia, praza de Camilo José Cela, s/n, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das iniciativas para a fase I será o indicado na resolución de convocatoria. Os promotores das iniciativas que acaden unha valoración positiva na fase I disporán dun prazo de 30 días naturais contados desde o día seguinte á notificación da valoración positiva da fase I para poder presentar, de ser o caso, a documentación complementaria para poder ser avaliada na fase II (pre-proxecto).

Artigo 7º.-Documentación que se deberá presentar.

Os candidatos, ademais dos escritos e documentación que xustifiquen a súa iniciativa, deberán presentar:

-Impreso de solicitude (segundo o modelo do anexo I).

-Fotocopia compulsada do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente (no caso de persoas físicas).

-Fotocopia compulsada dos poderes de representación e dos estatutos ou ben escritura de constitución e modificación, se for o caso, da persoa xurídica que representa, debidamente inscrita nos rexistros correspondentes (no caso de persoas xurídicas).

-Declaración xurada, segundo o modelo que se xunta como anexo II, de que cumpre os requisitos da convocatoria e da veracidade dos datos achegados; de que a iniciativa presentada non foi premiada noutros concursos; de que está ao día nas obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica, así como de estar ao día nos pagamentos das cotas da Seguridade Social, salvo que o solicitante estea legalmente exento; e de que cumpre os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos nos puntos 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Declaración expresa doutras axudas, segundo o modelo que se xunta como anexo III.

Artigo 8º.-Fases das iniciativas.

As iniciativas recibidas seguirán as seguintes fases de desenvolvemento:

Fase I: iniciativa. Nesta primeira fase as propostas creativas que se presenten deben conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio, conforme os criterios sinalados no artigo seguinte.

Fase II: pre-proxecto. Na segunda fase, as propostas creativas, que xa superaron a fase anterior, deberán desenvolver e concretar contidos relativos á aceptación polo mercado, á adecuación ao desenvolvemento das comarcas, á planificación e orzamento e ás necesidades técnicas e tecnolóxicas para levar a cabo a idea, segundo se indica no artigo seguinte.

Fase III: proxecto. Acadarán a última fase, superadas xa as dúas anteriores, aquelas propostas creativas que cumpran cos criterios sinalados no artigo seguinte para esta fase.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Fase I: iniciativa.

Nesta fase as iniciativas deberán avaliarse nos seguintes aspectos (cunha puntuación de ata 55 puntos):

-O grao de adecuación razoada aos fins e ao obxecto do convenio (ata 15 puntos).

-A viabilidade da súa consecución e implantación no territorio (ata 25 puntos).

-Os factores e necesidades complementarias (ata 10 puntos).

-O emprego da lingua galega, de acordo co establecido no artigo 20º.1 l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (ata 5 puntos).

Para pasar a ser avaliado na seguinte fase, é necesario conseguir unha puntuación mínima de 35 puntos.

A título orientativo, a documentación descritiva da iniciativa sería unha breve memoria que conteña os seguintes aspectos:

1. Descrición clara e concisa da iniciativa innovadora incluíndo, se fose necesario, planos, esbozos ou calquera outro elemento que facilitase a súa comprensión.

2. Actividade das indicadas nas bases en que se encadra a iniciativa.

3. Aspecto innovador da iniciativa, problema que pretende solucionar, tipo de mellora que se espera alcanzar coa súa implantación, novo proxecto ou servizo que orixinaría a iniciativa, etc.

4. Estudo inicial de viabilidade da iniciativa e da súa implantación no territorio obxecto das bases.

5. Factores e necesidades complementarias que serían necesarias para convertir a iniciativa en proxecto.

6. Calquera outra documentación que o solicitante considere adecuada para o mellor entendemento da iniciativa na fase I.

Fase II: pre-proxecto (cunha puntuación de ata 55 puntos):

As iniciativas con valoración positiva na fase I pasarán á seguinte fase (pre-proxecto), na cal deberán avaliarse os seguintes aspectos:

-O grao de aceptación polo mercado e/ou a adecuación á satisfacción das necesidades de desenvolvemento das comarcas (ata 20 puntos).

-O prazo e os fitos de desenvolvemento e os seus índices de medición (ata 5 puntos).

-Os equipamentos técnicos e/ou centros tecnolóxicos, empresas e institucións adecuadas para o desenvolvemento e implantación (ata 12 puntos).

-O orzamento detallado e anual (ata 13 puntos).

-O emprego da lingua galega, de acordo co establecido no artigo 20º.1 l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (ata 5 puntos).

Para obter o premio correspondente á fase II, é necesario acadar unha puntuación mínima de 40 puntos. Aquelas iniciativas que superen os 45 puntos pasarán a ser avaliadas na fase III.

Fase III: proxecto:

Acadarán a fase III aquelas iniciativas que teñan superado as dúas fases anteriores e que, logo de proposta asinada pola comisión de seguimento e o coordinador e aceptación, de ser o caso, polo Igape, sexan obxecto dun acordo específico con este organismo a través do cal se realizará a colaboración entre o Igape e o premiado. A través deste acordo específico, o Igape realizará os labores de información e asesoramento ao dito premiado para que este poida ter acceso ás liñas de colaboración máis adecuadas para o desenvolvemento do seu proxecto, sen que a suscrición deste implique obrigas económicas para as partes.

Ademais, o Igape ou calquera outro organismo público ou privado que colabore no seu financiamento poderá asinar un acordo de colaboración específico para o desenvolvemento e execución de cada un dos programas concretos de colaboración entre as partes, denominado «proxecto: ...», co seguinte contido mínimo:

1. Denominación e numeración do proxecto e responsable técnico deste, enderezo para comunicacións e lugar de reunións.

2. Definición do obxectivo que persegue, adaptación aos fins do convenio marco, avaliación exante dos beneficios que xerará e, de ser o caso, grao de aceptación polo mercado.

3. Descrición do plan de traballo, prazo para a súa execución e tarefas que se realizarán, estas con responsable a medida que xa estean identificados.

4. Identificación de centros tecnolóxicos, departamentos, empresas, institucións e persoas físicas que colaborarán ou sería conveniente a súa colaboración na execución do proxecto.

5. Formulación e aprobación do orzamento total con especificacións de créditos, anualidades, formas de desembolso e compromiso das fontes de financiamento.

6. No caso de proxectos conxuntos, poderán establecerse as bases de entendemento para a publicación de resultados, recoñecemento de créditos a investigadores, así como a forma de rexistro e participación no relativo a dereitos de propiedade industrial e intelectual.

7. Calquera outro aspecto que se considere relevante.

Artigo 10º.-Xurado.

A selección será realizada por un xurado formado polos membros da comisión de seguimento para o fomento da creatividade aplicada, constituída por:

-Presidente: o coordinador técnico independente designado polo Igape, con voz e sen voto.

-Vogais: un representante do Igape, un representante de cada unha das tres universidades galegas asinantes do convenio e un representante da asociación impulsora do Plan Ferrol.

O presidente e os vogais absteranse de participar nos debates e, de ser o caso, de emitir voto nos proxectos presentados pola súa universidade, empresa ou asociación.

Artigo 11º.-Resolución.

Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, o xurado deliberará sobre as presentadas e a súa decisión adoptarase por maioría simple. O xurado reserva para si o dereito a declarar deserto o premio no caso de que as iniciativas presentadas non reúnan as condicións necesarias para seren premiadas.

O xurado trasladaralle a súa proposta á Dirección Xeral do Igape, que ditará resolución que porá fin á vía administrativa e será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Entrega dos premios.

Os premios, unha vez resoltos, prevese que sexan entregados en acto público, que terá lugar en Ferrol e que será obxecto de anuncio oportunamente.

Artigo 13º.-Difusión das propostas.

A presentación da solicitude comporta a autorización do solicitante ao Igape de difundir os datos xenéricos facilitados en relación coas iniciativas presentadas a estes premios que poidan ser obxecto de difusión polo Igape.

Artigo 14º.-Retirada da documentación.

A documentación relativa ás iniciativas non premiadas poderá ser retirada da oficina do Igape en Ferrol, logo de presentar a solicitude de retirada asinada polo/s solicitante/s e a identificación no momento da súa recollida, nun prazo de 30 días contados a partir do seguinte ao da decisión do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Artigo 15º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16º.-Prazo de resolución.

Para os efectos establecidos nos artigos 42º.2 e 43º.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes á fase I será de tres meses desde a data de publicación desta convocatoria. Para as fases II e III o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes será dun mes desde a presentación da documentación complementaria.

Pasado o dito prazo sen resolución expresa, as solicitudes presentadas poderán entenderse desestimadas.

Artigo 17º.-Publicación.

De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán os premios concedidos ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia deles poidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

De acordo co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006); no Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo), e no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase ao disposto no artigo 48º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ver referencia pdf "01000D009P066.PDF"