DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2011 Páx. 920

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2011 pola que se convocan as xornadas sobre a protección da legalidade urbanística.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2011 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, as xornadas sobre a protección da legalidade urbanística, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) é un ente público de natureza consorcial creado para o desenvolvemento en común, pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nesta, das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas competencias lle asignen os seus estatutos (Decreto 213/2007, do 31 de outubro).

O obxectivo destas xornadas é mellorar o coñecemento da APLU (obxectivos, prioridades e actividades realizadas), así como dar a coñecer as novidades e modificacións introducidas pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, a súa incidencia no eido competencial dos concellos e da axencia, con especial referencia aos cambios producidos no solo rústico, no solo de núcleo rural e a súa incidencia na reposición da legalidade urbanística.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Natureza xurídica. Funcións. Integración dos concellos. Concellos adheridos. Colaboración institucional e competencias delegadas. Plan de Inspección 2011.

-Mecanismos de control previo: inspección e vixilancia. Usos e actividades permitidas, autorizables e prohibidas. Principais novidades introducidas pola Lei 2/2010, do 25 de marzo.

-Protección da legalidade urbanística: reposición da legalidade urbanística en obras sen licenza ou autorización autonómica consonte o disposto pola Lei 2/2010, do 25 de marzo.

-Procedemento sancionador: infraccións e sancións, persoas responsables. Principais novidades introducidas pola Lei 2/2010, do 25 de marzo.

-Ilícitos penais: delitos sobre a ordenación do territorio. Deber de colaboración institucional.

3. Destinatarios.

Alcaldes e concelleiros, secretarios municipais, persoal funcionario ou laboral dos concellos que desenvolvan funcións relacionadas co urbanismo, inspectores e subinspectores da Xunta de Galicia e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Estas xornadas desenvolverase nas seguintes datas e lugares:

-8 de febreiro, en Santiago de Compostela, no Ssalón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4.

-15 de febreiro, na Coruña, no edificio administrativo de Monelos, praza Luís Seoane, s/n.

-22 de febreiro, en Lugo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, rolda da Muralla, 70, planta baixa.

-1 de marzo, en Ourense, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, avenida da Habana, 79.

-15 de marzo, en Pontevedra, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, rúa Fernández Ladreda, 43.

-22 de marzo, en Vigo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, rúa Concepción Arenal, 8-2º andar.

-29 de marzo, en Ferrol, no edificio administrativo da Xunta de Galicia, praza Camilo José Cela, s/n.

Duración: 6 horas lectivas cada xornada, en horario de mañá e tarde.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade dos locais.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

-As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41 e 881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará:

-O día 4 de febreiro, para a xornada de Santiago de Compostela.

-O día 11 de febreiro, para a xornada da Coruña.

-O día 18 de febreiro, para a xornada de Lugo.

-O día 25 de febreiro, para a xornada de Ourense.

-O día 11 de marzo, para a xornada de Pontevedra.

-O día 18 de marzo, para a xornada de Vigo.

-O día 25 de marzo, para a xornada de Ferrol.

8. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Seralles entregado un certificado de asistencia, ao final de cada xornada, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización de cada xornada.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "01000D008P064.PDF"