DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2011 Páx. 893

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través dos decretos 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e máis o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Traballo e Benestar para o exercicio orzamentario 2011 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade, e por outra, incrementar a empregabilidade dos desempregados mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, o Programa nacional de reformas e no eido da colaboración institucional e o diálogo social aberto polo goberno galego cos axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas tanto á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción como a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro, universidades e das distintas administracións públicas para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa comunidade autónoma, á vez que favorece a creación de emprego.

Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións como instrumento a través do cal se ofrece aos demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego e prevé aquelas liñas de axuda que, integradas nos programas de cooperación se dirixen ás citadas entidades.

Así, a orde estrutúrase en tres capítulos: o capítulo I recolle as disposicións comúns ás distintas liñas de axuda; o capítulo II, as normas específicas que rexen o outorgamento das subvencións dirixidas á contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as; mentres que o capítulo III recolle aquelas liñas de axuda que se dirixen especificamente á contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, como programa propio e orixinal desta comunidade autónoma.

Nesta convocatoria de 2011, cómpre mencionar, como novidades salientables, a introdución dunha serie de requisitos e condicionantes que tratan de obxectivar máis, se cabe, a tramitación e concesión das axudas. Así, introdúcense uns requisitos obxectivos, a partir de cuxo cumprimento, se presume que as entidades solicitantes dispoñen da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Igualmente se establecen un topes máximos de prazas a conceder ás entidades en función do seu ámbito territorial de actuación.

Tamén destacada, en relación aos axentes de emprego e unidades de apoio, é a introducción dun criterio de valoración que prioriza as solicitudes daquelas entidades que estean dispostas a financiar unha porcentaxe do custos de contratación, compartindo así coa Consellería de Traballo e Benestar o custo da súa contratación. Finalmente, cómpre mencionar que para o exercicio de 2011 se prevé a posibilidade de solicitar axudas para a prórroga da contratación dos axentes contratados en 2010.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25º.1 a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 1º.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2010.

Para o financiamento destes programas existe crédito consignado nas aplicacións 12.04.322A.439.0, 12.04.322A.440.0, 12.04.322A.441.0, 12.04.322A.442.0, 12.04.322A.443.0, 12.04.322A.444.0, e 12.04.322A.481.1 (CP 2011 00 596 e 2011 00 598) e polos importes globais de 200.000, 100.000, 50.000, 120.000, 610.000, 1.600.000 e 22.132.855 euros, respectivamente no citado proxecto de lei.

Finalmente, cómpre subliñar que as axudas reguladas no capítulo segundo desta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80%, a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, debéndose someter as entidades ao cumprimento das obrigas relacionadas coas medidas de publicidade impostas polo Regulamento da comisión (CE) número 1828/2006, do 8 de decembro.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

2. Para estes efectos establécense as seguintes liñas de axuda:

a) Subvencións para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

b) Subvencións para a contratación de axentes de emprego e unidades administrativas de apoio.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, a través dos créditos consignados nas aplicacións 12.04.322A.439.0, 12.04.322A.440.0, 12.04.322A.441.0, 12.04.322A.442.0, 12.04.322A.443.0, 12.04.322A.444.0, e 12.04.322A.481.1 (CP 2011 00 596 e 2011 00 598) e polos importes globais de 200.000, 100.000, 50.000, 120.000, 610.000, 1.600.000 e 22.132.855 euros, respectivamente.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30º e 31º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas reguladas polo capítulo segundo desta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80% a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, debéndose someter as entidades ao cumprimento das obrigas relacionadas coas medidas de publicidade impostas polo Regulamento da comisión (CE) número 1828/2006, do 8 de decembro.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias. Requisitos.

1. Poderán ser beneficiarios/as das axudas e subvencións previstas nesta orde os organismos autónomos, empresas públicas e outros entes públicos do Estado, organismos autónomos, entes de dereito público, sociedades mercantís, fundacións públicas, universidades e outros entes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades sen ánimo de lucro.

2. Para ser beneficiarias, as entidades sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e, se é o caso, estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos. A dita capacidade presumirase cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

I. Dispoñer dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgasen a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

II. Que dispoñan dun contrato titularidade da entidade solicitante de alta telefónica e de fax no citado local.

III. Que contrataran por conta allea por máis de seis meses algún traballador/a nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas de cooperación institucionais previstos nesta orde.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes cubriranse no modelo oficial que figuran como anexos I desta orde, que para todos os efectos se entenderán como parte integrante desta, e se dirixirán á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, podendo presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria, atópanse tamén á disposición dos interesados, na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/axudas).

2. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14º e 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e

oposición, mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

3. As solicitudes para a obtención das axudas e subvencións reguladas por esta orde poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro.

No caso en que se opte por presentar a solicitude ou calquera outra documentación que se deba achegar nas distintas fases do procedemento ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada, segundo o establecido no artigo 31º do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación dos servizos postais.

Artigo 5º.-Documentación.

1. As solicitudes (anexo I), que en todo caso deberán ser subscritas pola persoa titular ou representante legal da entidade beneficiaria, coa debida acreditación, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

I) Documentación común:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario, ou acta, onde se determine a dita representación.

b) Autorización, da persoa que actúa en nome e representación da entidade solicitante, á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, segundo o establecido na Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se suprime a achega de fotocopias dos documentos acreditativos da identidade nos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos na Administración da comunidade autónoma, no modelo que se publica como anexo IX. No caso de non prestar a súa autorización, presentarase unha fotocopia compulsada do documento acreditativo da identidade do solicitante.

c) Copia compulsada ou cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

d) Copia compulsada ou cotexada da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante nos cales resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro, para os supostos en que tivese esa natureza.

e) Ficha de transferencia bancaria, debidamente asinada polo representante da entidade solicitante e da entidade bancaria no modelo que se publica como anexo VI, ou certificado bancario debidamente emitido pola entidade financeira.

f) Unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, por duplicado exemplar, no modelo que se publica como anexoVII.

g) Declaración responsable de cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no modelo que se publica como anexo VIII.

h) Certificación do secretario da entidade na que se acredite o cumprimento dos requisitos previstos no número 2 do artigo 3º desta orde relativos á súa capacidade técnica e de xestión, no modelo que se publica como anexo X.

II) Documentación específica:

a) Capítulo segundo. Contratación de persoas traballadores desempregadas:

-Memoria global das obras ou servizos que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II , acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o exixa.

-Certificación do secretario da entidade na cal consten os custos salariais dos traballadores que se pretenden contratar, ordenados por prioridade de ocupación, para a realización do proxecto para o que se solicita a subvención, axustándose ao modelo que se publica como anexo III. Farase referencia expresa ao convenio colectivo que sexa de aplicación, e xuntaranse as táboas salariais vixentes ao momento da solicitude

-Certificación do secretario da entidade na cal se constate o nivel de inserción laboral dos participantes en exercicios anteriores a que se refire o artigo 13º.1 b), no modelo que se publica como anexo XI.

b) Capítulo terceiro. Contratación de axentes de emprego e unidades de apoio:

-Memoria, no modelo que se publica como anexo IV e/ou V, segundo proceda, fundamentando a solicitude, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as tarefas que teña que desempeñar o/a axente de emprego e a/as unidades de apoio administrativas, se é o caso.

-Certificación do secretario da entidade en que conste, se é o caso, a disposición de financiamento para custear unha parte dos custos de contratación indicando a porcentaxe e, se é o caso, o mantemento do contrato do axente de emprego/unidade de apoio, malia non obter subvención no exercicio 2010, no modelo que se publica como anexo XII.

2. Cando os documentos exixidos nos puntos 1.I a), c) e d) deste artigo, xa estivesen en poder da Dirección Xeral de Promoción do Emprego e non se producisen modificacións no seu contido, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na epígrafe f) do artigo 35º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que remitise a dita documentación o número de expediente correspondente, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

3. Se do exame do expediente se comprobase que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42º desta lei.

Artigo 6º.-Procedemento, competencia e resolución.

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o servizo de programas de cooperación da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta polo subdirector/a xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá e, como vogais, o/a xefe/a de servizo de Programas de Cooperación e un funcionario ou unha funcionaria do dito servizo, que actuará como secretario ou secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

4. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución ao director xeral de Promoción do Emprego que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

5. O prazo de resolución e notificación será de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, se é o caso, a referencia á porcentaxe de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, a data de inicio, o tempo de realización da obra ou servizo, a contía da subvención que se vai outorgar, e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

7. A determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia que reúnan os requisitos para percibilo realizarase mediante resolución complementaria da persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

8. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

9. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, para a contratación de mulleres vítimas de violencia solicitadas con posterioridade ao remate do prazo sinalado no artigo 4º.3, sempre que se cumpran as condicións previstas na disposición adicional cuarta, e daquelas obras e servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

10. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e no rexistros de subvencións de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención para a contratación de traballadores e traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación no prazo establecido na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de duración determinada de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social.

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace (http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion), en que conste a formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal dos traballadores e traballadoras desempregados/as facilitados/as por aquel, así como das persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

d) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion), no que consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e máis as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace:

http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion

f) Unha fotografía do cartel informativo no que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 9º.3 facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

g) Orixinais dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados, no modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace:

http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion

2. O aboamento da subvención para a contratación de axentes de emprego e/ou unidades de apoio farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación no prazo establecido na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade contractual máis axeitada, formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social, se é o caso.

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria relativo ao procedemento de selección do axente de emprego/unidade de apoio, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace (http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion), se é o caso.

d) Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion), en que consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, indicando, se é o caso, as cantidades achegadas pola entidade.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace:

http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion

f) Unha fotografía do cartel informativo no cal se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 8º.3 facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

3. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das traballadoras contratadas beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia farase efectivo unha vez comprobado que reúnen os requisitos para acceder a el e ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola respectiva intervención.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades benefiaciarias. Revogación.

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salarias e de Seguridade Social totais.

c) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, de ser o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global no cal se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

g) Á identificación en conta contable separada de todos os ingresos e gastos referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

Para estes efectos, deberá dispor de conta bancaria específica e que se destinará exclusivamente para a xestión desta axuda, á que a consellería transferirá, logo de comunicación polo beneficiario do número da dita conta, o montante total da subvención.

O anterior enténdese sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e nesta norma.

h) Dispoñer dun código de conta de cotización da Seguridade Social específico e único para todos os traballadores contratados con cargo a esta orde.

2. No prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo subvencionada, e para os efectos do cumprimento do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, están obrigadas a remitirlle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, a seguinte documentación:

-No caso da contratación de traballadoras e traballadores desempregados, unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados/as.

-No caso da contratación de axentes de emprego non será necesario remitir a memoria pero terán a obriga de utilizar os aplicativos postos á súa disposición que permitirán a obtención e xestión da memoria de actividades mediante un sistema telemático, en prol de avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

-Un certificado de fin de obra ou servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia:

http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion

-Copias compulsadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes (extractos ou cargos bancarios) e máis o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF), unha vez que se dispoña del.

3. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego na web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/carteis_informativos), no cal constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar e polo Fondo Social Europeo, de ser o caso.

4. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a revogación ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 9º.-Visitas de seguimento.

1. En desenvolvemento do artigo 13º.2 do Regulamento (CE) 1828/2006, dentro das actuacións de seguemento e control descritas no número 1.d) do artigo anterior, incluiranse necesariamente visitas sobre o terreo para comprobar in situ a realidade da prestación dos proxectos subvencionados.

2. As ditas visitas realizaranse sobre unha mostraxe ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, é dicir, abarcando as operacións de grande importe, ás operacións en que previamente se detectaron ou trascenderon problemas ou presuntas irregularidades ou en que, con ocasión doutros controis, se puxeron de manifesto operacións concretas que sexan en aparencia anómalas e requiran un exame máis detallado.

Capítulo segundo

Das subvencións para a contratación de traballadores

e traballadoras desempregados/as para a realización

de obras ou servizos de interese xeral e social

Artigo 10º.-Obxecto e finalidade.

Estas subvencións teñen por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, a través da subvención da contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as e de mulleres vítimas de violencia, para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, coa finalidade de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa posterior inserción laboral.

Artigo 11º.-Contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será:

a) Para efectos salariais, a equivalente aos custos salariais e de Seguridade Social dos traballadores e das traballadoras que se van contratar nos termos previstos nos seguintes puntos.

b) Para efectos de incentivo á mobilidade xeográfica, será de 180 € mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia contratada que reúna os requisitos para percibilo.

2. A contía máxima da subvención que percibirán para efectos salariais as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de traballadores e traballadoras desempregados/as contratados/as polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador ou traballadora que se contrate, conforme o establecido no parágrafo seguinte, ou a cantidade prevista no convenio colectivo que resulte de aplicación, de ser esta inferior.

A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a unha vez e media o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente cada ano, mais a parte proporcional das pagas extraordinarias-por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM-e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, mais a parte proporcional das pagas extraordinarias-por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM-e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 9 ao 5, ambos inclusive.

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias-por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM-e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 4 ao 1, ambos inclusive.

4. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais o importe da indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

5. O importe destas subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade.

6. As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 12º.-Requisitos para a selección das obras ou servizos.

1. As obras ou servizos que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados ou prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade de Galicia.

d) Que a duración dos proxectos non supere os nove meses desde a súa data de inicio.

2. En ningún caso serán obxecto de subvención aquelas solicitudes presentadas polas entidades sen ánimo de lucro coa finalidade de executar obras.

Artigo 13º.-Criterios de valoración das solicitudes.

1. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo anterior farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) As obras e servizos de maior interese xeral e social. Ata 20 puntos.

b) Maior nivel de inserción laboral. Ata 20 puntos. Entenderase como inserción laboral aquela que supoña a contratación dos traballadores que participaron en obras ou servizos aprobados en exercicios anteriores ou a súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social durante polo menos seis meses, nun período dun ano desde a finalización da obra ou servizo subvencionado.

c) Teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, así como os actores sociais presentes no territorio, ou xurdan en aplicación dun pacto territorial de emprego. Ata 10 puntos.

d) Correspondan a entidades cunha mellor valoración en relación ás actuacións levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego, en anos anteriores. Ata 10 puntos. Valorarase a antigüidade de constitución da entidade de máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria, así como a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade restando ata 5 puntos.

e) Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 65 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo segundo do artigo 1º, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios e tendo en conta os seguintes máximos en función do seu ámbito territorial de actuación:

a) Municipal: ata un máximo de 2 traballadores.

b) Comarcal: ata un máximo de 3 traballadores.

c) Provincial: ata un máximo de 5 traballadores.

d) Pluriprovincial: ata un máximo de 8 traballadores.

e) Autonómico: ata un máximo de 15 traballadores.

3. A aplicación destes límites máximos poderá excluír naqueles supostos de centros de atención a persoas con discapacidade que aínda que non teñan un ámbito de actuación superior ao provincial acollan a persoas procedentes de toda a Comunidade Autónoma, ou daquelas entidades cuxo nivel de inserción laboral constatado sexa superior a 10 traballadores nos últimos 3 anos.

4. O órgano instrutor poderá modificar á baixa na proposta de resolución o número máximo de traballadores que se van subvencionar, segundo entenda xustificado adecuadamente o obxecto e necesidade do proxecto, así como as funcións que van levar a cabo os traballadores e o número de persoas e colectivos beneficiarios.

Artigo 14º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.

1. Os traballadores e as traballadoras que sexan contratados/as para a realización das obras e servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de garantir que no momento do inicio da relación laboral o demandante estea inscrito na oficina de emprego como desempregado.

2. Os traballadores e traballadoras que fosen contratados por un período igual ou superior a 6 meses con cargo ás axudas concedidas ao abeiro das ordes da Consellería de Traballo e Benestar, do 19 de febreiro e do 10 de marzo de 2010, de convocatoria dos programas de cooperación para ese exercicio, non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas nesta orde.

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado e da resolución e anexos de concesión de subvención nas oficinas de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo Nacional de Ocupacións -CNO-, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no parágrafo carto ou se trate de favorecer os colectivos enumerados nel.

b) En ningún caso se poderá incluir nin admitir como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos a titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión.

d) As ofertas deberán presentarse necesariamente na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, excepcionalmente e coa autorización expresa da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, logo de solicitude debidamente argumentada, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina á que lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

e) As entidades deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións, agás no caso das axudas concedidas no último trimestre do ano como consecuencia de remanentes ou renuncias sobrevidas, suposto este en que se presentarán coa suficiente antelación para que as oficinas de emprego poidan tramitalas.

4. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, de ser o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia.

b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aqueles e aquelas sen cualificación profesional.

c) Persoas con discapacidade.

d) Persoas en paro de longa duración.

e) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

f) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia e integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadores sociais, de ser o caso.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 15º.-Contratación dos traballadores e traballadoras.

1. Efectuada a selección dos traballadores e traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de duración determinada de interese social, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá autorizar o inicio das obras ou servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas nun código de conta de cotización específico e único e exclusivo para todos os/as traballadores/as contratados con cargo a esta orde.

4. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, ben a través do aplicativo CONTRAT@ ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego a través da aplicación informática CONTRAT@, deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpren, no momento da contratación, os requisitos para ser beneficiarios destes programas, isto é, a condición de desempregada inscrita no servizo público de emprego de Galicia.

b) Que se utilizou o modelo de contrato de duración determinada de interese social (modelo PE 206-A).

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, de ser o caso, darán lugar á revogación das axudas de conformidade co disposto no artigo 9º.4.

Capítulo terceiro

Da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio

Artigo 16º.-Obxecto e finalidade.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego a través da concesión de axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio que colaborarán na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de actividade empresarial.

2. Os e as axentes de emprego na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego realizarán, entre outras, as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara a promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.

3. Para o adecuado exercicio das súas funcións e actividades os e as axentes de emprego poderán contar coa axuda e asistencia de unidades de apoio de carácter administrativo, que serán coordinadas por aqueles/as.

4. A concesión e desfrute destas axudas para a contratación de axentes de emprego ou unidades de apoio non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 17º.-Contía.

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias será a equivalente aos custos salariais e de Seguridade Social dos e das axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar, nos termos expresados no parágrafo seguinte.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas que se contraten polo número de meses e polo importe do módulo C no caso dos axentes de emprego, e do módulo B para as unidades de apoio, conforme o establecido no artigo 11º.3.

Este importe máximo poderá verse reducido ata nun 20% cando as entidades beneficiarias opten por financiar unha porcentaxe dos custos totais de acordo co previsto nos artigos 5º.1.II.b) e 18º.1.c) desta orde.

A contía máxima da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. O salario que percibirán as persoas contratadas como axentes de emprego ou unidades de apoio será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación.

4. A subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio previstas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 18º.-Criterios de valoración.

1. Para efectuar a selección das entidades beneficiarias e das axudas que se van conceder, a comisión de valoración terá en conta os seguintes criterios de preferencia:

a) As prórrogas de subvencións concedidas en exercicios anteriores. Ata 10 puntos.

b) Os proxectos que, non sendo subvencionados ao abeiro da convocatoria de 2010, acrediten ter mantido contratado como tal e en alta na Seguridade Social durante todo o período non subvencionado ao respectivo axente de emprego ou unidade administrativa de apoio. Ata 20 puntos.

c) Os proxectos nos cales as entidades solicitantes se comprometan e acrediten o financiamento de ata un 20% dos custos totais de cada contratación: ata 10 puntos cando a porcentaxe sexa do 10% e ata 20 puntos cando sexa do 20%.

d) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, mediante a contratación indefinida dos/as técnicos/as. Ata 10 puntos.

e) Os proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen no seu deseño e execución outros organismos ou entidades do contorno, así como os axentes sociais presentes no territorio. Ata 10 puntos.

f) A valoración das actuacións levadas a cabo por ditas entidades, ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego, en anos anteriores. Ata 20 puntos.

g) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas, sempre que dean resposta ao establecido nos apartados a) e b) deste artigo. Ata 10 puntos.

h) Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos: ata 5 puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 105 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira dentro do crédito dispoñible sinalado no parágrafo segundo do artigo 1º, aquelas que obtiveran maior valoración en aplicación dos citados criterios.

Artigo 19º.-Selección dos/as axentes de emprego e dos/as integrantes das unidades de apoio.

1. A selección dos/as axentes de emprego e dos/as traballadores e traballadoras que formen parte da unidade administrativa de apoio corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención, logo da presentación da correspondente oferta de emprego na oficina pública de emprego do Servizo Público de Emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo, agás que se mantivesen contratados e prestando os seus servizos de xeito ininterrompido na entidade como axentes de emprego ou unidades de apoio a pesar de non ter obtido subvención con cargo á orde de convocatoria do exercicio de 2010.

2. Para seren contratadas como axentes de emprego ou persoal integrante das unidades de apoio, cando proceda, as persoas candidatas deberán figurar como demandantes de emprego, desempregadas ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritas como tales no Servizo Público de Emprego de Galicia. No caso dos e das axentes de emprego deberán, necesariamente, ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo universitario, tamén se valorá a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos ou proxectos de emprego.

3. Se ao tramitar a dita oferta non se atopan candidatos idóneos, a entidade beneficiaria, logo de autorización expresa da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo anterior, sen que sexa necesario, neste caso, a inscrición das persoas a contratar como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 20º.-Contratación.

1. Os axentes de emprego ou unidades de apoio, seleccionados de conformidade co procedemento establecido no artigo anterior, serán contratados pola entidade beneficiaria, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente, nos prazos expresados na resolución de concesión. En calquera caso non poderá admitirse ningún contrato celebrado con posterioridade ao 30 de setembro de 2011.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, ben a través do aplicativo CONTRAT@ ou ben por escrito.

3. As entidades deberán dar de alta na Seguridade Social os axentes de emprego e unidades de apoio contratadas nun código de conta de cotización específico, único e exclusivo para todos os/as traballadores contratados con cargo a esta orde, incluído os supostos de prórroga previstos no artigo seguinte.

4. O incumprimento dos prazos de selección e contratación polas entidades beneficiarias poderá dar lugar á revogación das axudas de conformidade co disposto no artigo 8º.4.

Artigo 21º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta sección ao abeiro da Orde do 10 de marzo de 2010, poderán solicitar á Consellería de Traballo e Benestar a prórroga da subvención concedida por cada axente contratado/a e/ou unidade de apoio, que competirán en réxime de concorrencia competitiva coas solicitudes novas, sempre que se dean simultaneamente as seguintes circunstancias:

a) Que o remate do período subvencionado se produza dentro do ano 2011.

b) Que non se interrompa a contratación dos/as axentes contratados, así como a prestación de servizos.

2. A resolución que, de ser o caso, aprobe a concesión da prórroga poderá ter efectos retroactivos, sempre que se dean as circunstancias establecidas no parágrafo anterior.

Artigo 22º.-Dotación de medios informáticos.

As entidades beneficiarias, co obxecto de garantir o adecuado desenvolvemento das funcións a desempeñar polos axentes de emprego, deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Poñer á disposición dos técnicos todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

2. Utilizar as ferramentas informáticas postas á disposición dos técnicos, especialmente, o sistema telemático de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

3. Darlle publicidade á actuación, así como a utilización do logotipo da rede de técnicos de emprego de Galicia, nos distintos elementos de comunicación, segundo establece o artigo 24º.

Artigo 23º.-Avaliación das actividades levadas a cabo polos axentes de emprego.

1. Co obxecto de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polos técnicos subvencionados, estableceuse un sistema telemático de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo por aqueles.

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións nos cales os axentes tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Traballo e Benestar poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar cabo as/os axentes.

Artigo 24º.-Publicidade.

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo no modelo normalizado establecido no manual de identidade corporativa da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia http://traballo.xunta.es/carteis_informativos, no cal constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, cara aos usuarios e ás usuarias dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificiación destes, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no manual de identidade corporativa da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da rede, nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polos e polas axentes.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario nas aplicacións 12.04.322A.439.0, 12.04.322A.440.0, 12.04.322A.441.0, 12.04.322A.442.0, 12.04.322A.443.0, 12.04.322A.444.0 e 12.04.322A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

As entidades sinaladas no artigo 3.1º desta orde poderán obter a concesión das referidas axudas e subvencións, logo da existencia de crédito nas aplicacións orzamentarias que, polo carácter das ditas entidades, corresponda. Para tales fins, de ser o caso, realizaranse as oportunas modificacións orzamentarias.

Segunda.-As axudas reguladas polo capítulo segundo desta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80%, a través do Programa operativo adaptabilidade e emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar no director xeral de Promoción do Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-As solicitudes de subvención para a contratación de mulleres vítimas de violencia unha vez rematado o prazo xeral de presentación previsto no artigo 4º.3, estarán supeditadas á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente e á existencia de mulleres vítimas de violencia cuxa contratación deba realizarse no ámbito territorial da solicitante.

Quinta.-Por resolución do director xeral de Promoción do Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, de ser o caso, resulten de aplicación

Sexta.-Para os efectos de que poidan ser tidas en conta na valoración de solicitudes de exercicios posteriores, as oficinas de emprego comunicarán á Dirección Xeral de Promoción do Emprego as incidencias que se poidan producir nos procesos de selección, así como a relación de entidades que non lles comuniquen os resultados da selección, de conformidade co establecido no artigo 14º.

Sétima.-Para a súa utilización no exercicio do ano 2011 mantense en funcionamento unha ferramenta informática que será utilizada por todos os axentes de emprego no desenvolvemento diario das súas funcións. A utilización deste aplicativo informático, elaborado e xestionado pola UPD Coordina Local en colaboración co IGAPE e BIC Galicia, permitirá á Consellería de Traballo e Benestar a obtención de información, de maneira inmediata, sobre as actividades desenvolvidas polos axentes e, consecuentemente, a confección automática da memoria de actividades, non sendo necesaria a súa presentación en papel.

Oitava.-Para os efectos do disposto no artigo 3º.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "01000D006P037.PDF"