DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2011 Páx. 877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2011.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e mais o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Correspóndelle agora a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outro, incrementar a empregabilidade dos desempregados, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, o Programa Nacional de Reformas e no eido da colaboración institucional e o Dialogo Social mantido polo goberno galego cos axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas, tanto á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción, como favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecuen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo a nivel local desde a perspectiva de que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Así, os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen nestes e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade impleméntase esta convocatoria de subvencións como instrumento a través do cal se ofrece aos demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara á ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Nesta convocatoria de 2011, cómpre mencionar, como novidade máis salientable, a introdución, para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre as distintas entidades locais que poidan participar nesta convocatoria, duns topes máximo e mínimo no importe total a obter nesta convocatoria, asignándose a cada entidade local solicitante, una axuda mínima equivalente ao resultado de sumar a contía máxima subvencionable por unha contratación á contía equivalente ás contratacións que lle correspondan en función do seu número de habitantes e de conformidade cuns tramos predeterminados.

Consolídase a novidade introducida en 2010 en relación a exercicios anteriores, consistente na posibilidade de que os concellos que presentasen as correspondentes solicitudes realicen contratacións a conta das futuras resolucións de concesión e antes de que se estas se produzan, co obxecto de garantirlles un mínimo que lles permita a atención urxente daquelas obras ou servizos que os propios concellos deban atender con carácter inmediato.

Por outra banda, cómpre subliñar tamén que se mantén o especial e singular tratamento que se lle dá aos grupos municipais de intervención rápida (Grumir), entendidos como infraestruturas que permiten a prestación por parte dos concellos galegos, cun ámbito de actuación supramunicipal, dos servizos de protección civil, protección do ambiente, prevención e extinción de incendios e, en xeral, a aquelas dirixidas a salvagarda das persoas, dos seus bens e do patrimonio público.

Noutra orde de cosas, esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25º.1 a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 8 de xaneiro, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 1º.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2010.

Así, para o financiamento destes programas existe crédito consignado na aplicación 12.04.322A.460.0 por un importe global de 50. 152.082 euros no citado proxecto de lei.

Finalmente, cómpre subliñar que estas subvencións poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, debéndose someter as entidades ao cumprimento das obrigas relacionadas coas medidas de publicidade impostas polo Regulamento da comisión (CE) 1828/2006, do 8 de decembro.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, a través dos créditos consignados na aplicación 12.04.322A.460.0 (CP 2011 00 596) polo importe global de 50. 152.082 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30º e 31º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2006-2010 e inversamente coa evolución da poboación no citado período e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

4. Para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos que poidan participar nesta convocatoria, establécese uns límites mínimo e máximo no importe total a obter nesta convocatoria por cada un. Para tal fin procederase da seguinte forma:

-Asignarase a cada concello solicitante, una axuda mínima equivalente ao resultado de sumar a contía máxima subvencionable por unha contratación á contía equivalente ás contratacións que lle correspondan en función do seu número de habitantes e de conformidade co tramo no que se atope segundo o seguinte:

Tramos en función do número de habitantes do municipio/contía equivalente:

*Ata 1.000 habitantes: 1 contratación.

*De 1.001 a 2.000 habitantes: 2 contratacións.

*De 2.001 a 5.000 habitantes: 3 contratacións.

*De 5.001 a 20.000 habitantes: 4 contratacións.

*Máis de 20.000 habitantes: 5 contratacións.

-A contía máxima subvencionable para cada concello beneficiario será a equivalente, en número de contratacións, a 500.000 euros.

5. As axudas concedidas ao abeiro desta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013, debéndose someter as entidades ao cumprimento das obrigas relacionadas coas medidas de publicidade impostas polo Regulamento da comisión (CE) 1828/2006, do 8 de decembro.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde, as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes cubriranse nos modelos oficiais que figuran como anexos desta orde, que para todos os efectos se entenderán como parte integrante desta, e se dirixirán ás xefaturas dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, podendo presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria, atópanse tamén á disposición dos interesados, na páxina web institucional a Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/axudas).

2. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14º e 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercitarse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e

oposición, mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

3. As solicitudes para a obtención das axudas e subvencións reguladas por esta orde, poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro.

No caso en que se optase por presentar a solicitude ou calquera outra documentación que achegará nas distintas fases do procedemento ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que por instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada, segundo o establecido no artigo 31º do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación dos servizos postais.

Artigo 5º.-Documentación.

1. As solicitudes que, en todo caso, deberán ser subscritas pola persoa titular ou representante legal da entidade local beneficiaria, coa debida acreditación, deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Autorización, da persoa que actúa en nome e representación da entidade solicitante, á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR) do Ministerio de Administracións Públicas, segundo o establecido na Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se suprime a achega de fotocopias dos documentos acreditativos da identidade nos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos na Administración da comunidade autónoma. No caso de non prestar a súa autorización, presentarase unha fotocopia compulsada do documento acreditativo da identidade do solicitante.

c) Unha memoria de cada obra ou servizo, no modelo que se publica como anexo II, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o exixa.

d) Ficha de transferencia bancaria debidamente asinada polo representante da entidade local solicitante e da entidade bancaria, no modelo que se publica como anexo IV.

e) Declaración na que se recolla o conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo V.

f) Declaración responsable de cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no modelo que se publica como anexo VI.

g) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local na que consten os seguintes extremos:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A aprobación da solicitude de subvención.

-A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

-As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, segundo o modelo que se publica como anexo III, acompañando as táboas salariais vixentes ao momento da solicitude.

h) Memoria explicativa, redactada polo/a axente de emprego e desenvolvemento local da entidade local, se o hai, na que necesariamente debe figurar:

-Un estudo actualizado da estrutura do paro por colectivos do seu ámbito territorial.

-A vinculación dos programas de cooperación solicitados coa estrutura do paro do ámbito territorial, cos colectivos a que van dirixidos e cos recursos e potencialidades da zona, apuntando os aspectos positivos que, previsiblemente, terá a posta en práctica dos programas no desenvolvemento económico e social do territorio.

2. Se do exame do expediente compróbase que non reúne os requisitos necesarios ou non achega a totalidade da documentación exixida, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42º desta lei.

Artigo 6º.-Procedemento, competencia e resolución.

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o servizo de promoción do emprego do respectivo departamento territorial.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión de conformidade co informe da Comisión de Valoración.

Para estes efectos a Comisión de Valoración estará composta polo/a xefe/a do servizo de Promoción de Emprego que a presidirá e, como vogais, dous funcionarios do citado servizo, actuando un deles como secretario ou secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

4. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución ao xefe/a do departamento territorial que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

5. O prazo de resolución e notificación será de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, se é o caso, a referencia á porcentaxe de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, a data de inicio, o tempo de realización da obra ou servizo, a contía da subvención que se vai outorgar, e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

7. A determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia que reúnan os requisitos para percibilo, realizarase mediante resolución complementaria do xefe/a do respectivo departamento territorial.

8. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

9. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, para a contratación de mulleres vítimas de violencia solicitadas con posterioridade ao remate do primeiro prazo sinalado no artigo 4º.3, sempre que se cumpran as condicións previstas na disposición adicional cuarta, e daquelas obras e servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

10. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e no rexistros de subvencións de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo, unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación, nos prazos que se indican, da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de duración determinada de interese social, formalizados e debidamente comunicados por escrito á oficina de emprego.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social, nun código de conta de cotización específico, único e exclusivo para todos os/as traballadores contratados con cargo a esta orde.

c) Un certificado do secretario ou órgano competente da entidade local beneficiaria, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia (www.xunta.es), na páxina de Emprego, axudas e subvencións - enlaces relacionados, no que conste:

-A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal dos traballadores e traballadoras desempregados/as facilitados/as por aquel, así como as persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

-As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, segundo o modelo que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia (www.xunta.es), na páxina de Emprego epígrafe axudas e subvencións-enlaces relacionados.

e) Unha fotografía do cartel informativo no que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 9º.3 facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

f) Orixinais dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados, no modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion.

O prazo para remitir a documentación exixida será a establecida na resolución concedente da subvención.

2. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das traballadoras contratadas beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia, farase efectivo unha vez comprobado que reúnen os requisitos para acceder a el e ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola respectiva intervención.

Artigo 8º.-Incompatibilidades.

1. O importe das subvencións reguladas nesta orde, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

2. As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 9º.-Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación.

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

e) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

f) Á identificación en conta contable separada de todos os ingresos e gastos referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

Para estes efectos deberá dispor de conta bancaria específica e que se destinará exclusivamente para a xestión destas axudas, á que a consellería transferirá, logo de comunicación polo beneficiario do número de devandita conta, o montante total da subvención.

O anterior enténdese sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e nesta norma.

g) Dispoñer dun código de conta de cotización específico, único e exclusivo para todos os traballadores contratados con cargo a esta orde.

2. No prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo, e para os efectos do cumprimento do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, están obrigadas a remitirlle ao servizo de promoción do emprego do respectivo departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar, a seguinte documentación:

a) Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados/as.

b) Un certificado de fin de obra ou servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia:

http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion

c) Copias compulsadas ou cotexadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes (extractos ou cargos bancarios) e máis o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF), unha vez se dispoña deste.

3. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servizos, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego na web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/carteis_informativos), no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar e polo Fondo Social Europeo, se é o caso. Para os mesmos efectos, identificaranse os traballadores e traballadoras beneficiarios cos distintivos que se publican no mesmo lugar.

4. As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado, tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que se estableza pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego e que se publica na web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/programas_cooperacion), nas que constará a colaboración da consellería e mais a cofinanciación polo FSE. O persoal contratado deberá levalas consigo cando está a realizar a actividade obxecto da subvención.

5. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a revogación ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 10º.-Visitas de seguimento.

1. En desenvolvemento do artigo 13º.2 do Regulamento (CE) 1828/2006, dentro das actuacións de seguemento e control descritas na letra 1 c) do artigo anterior, incluiranse necesariamente visitas sobre o terreo para comprobar in situ a realidade da prestación dos proxectos subvencionados.

2. As ditas visitas realizaranse sobre unha mostraxe, ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, é dicir, abarcando as operacións de gran importe, ás operacións nas que previamente se detectaron problemas ou irregularidades ou nas que, con ocasión doutros controis, puxéronse de manifesto operacións concretas que sexan en aparencia anómalas e requiran un exame máis detallado.

Artigo 11º.-Contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será:

a) Para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada traballador ou traballadora desempregado/a contratado/a.

b) Para efectos de incentivo á mobilidade xeográfica, será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia contratada que reúna os requisitos para percibilo.

2. A contía da subvención prevista na letra a) do punto anterior, reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Non se subvencionarán, en ningún caso, o importe da indemnización por finalización de contrato prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Artigo 12º.-Requisitos e criterios para a selección das obras ou servizos.

1. As obras ou servizos que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a porcentaxe mínima de traballadores e traballadoras desempregados/as que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 por 100.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

2. De entre as obras e servizos que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección ao obxecto de outorgarlle as correspondentes subvencións, dándolles preferencia aos proxectos que:

a) Se axusten ás características das persoas demandantes de emprego do territorio e teñan en conta, se é o caso, os seus itinerarios de inserción. Ata 10 puntos.

b) A elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio, ou cando estivesen vinculados ou xurdisen en aplicación dun pacto territorial de emprego. Ata 10 puntos.

c) Sendo de maior interese xeral e social, se realicen preferentemente nalgunha das seguintes actividades relacionadas cos novos xacementos de emprego. Ata 10 puntos:

-Servizos de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espazos públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten a xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais, así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

-Servizos de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

-Servizos personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos e nenas, prestación de axuda a domicilio a persoas con discapacidade ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigamento social.

d) Establezan servizos dirixidos as persoas mozas e ás mulleres, tendentes a favorecer a súa participación social e laboral. Ata 10 puntos.

e) Consistan no establecemento de oficinas municipais de información xuvenil, mediante a contratación de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos para realizar as funcións de información, animación ou dinamización xuvenil. Ata 10 puntos.

f) Teñan por obxecto o establecemento ou desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo da cidade ou outras medidas municipais de conciliación de promoción autonómica, que cumpran as previsións establecidas na Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia e no Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento. Ata 5 puntos.

g) Teñan por obxecto a constitución dun Grupo Municipal de Intervención Rápida por aqueles concellos ou entidades locais que o tiveran asignado de conformidade coas previsións establecidas no Protocolo de Colaboración asinado o 15 de xullo de 2002 entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias e foran beneficiarios dunha subvención para a constitución dun destes grupos con cargo a Orde do 19 de febreiro de 2010 pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación. Ata 20 puntos.

h) Vaian dirixidos á contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as pertencentes a algún dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral. Ata 10 puntos. Cando vaian dirixidos á contratación de mulleres, a dita puntuación incrementarase en 5 puntos, e en 10 puntos cando estas sexan vítimas de violencia.

i) Aos proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables. Ata 10 puntos.

j) Aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores e traballadoras á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente. Ata 10 puntos.

k) Aos proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo investidor para cada suposto. Ata 10 puntos.

l) Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos: ata 5 puntos.

3. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 150 puntos, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases reguladoras e na convocatoria, e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.

4. O órgano instrutor poderá modificar á baixa o número máximo de traballadores que se vaian subvencionar, segundo entenda xustificado adecuadamente o obxecto e necesidade do proxecto, así como as funcións que se van levar a cabo polos traballadores e o número de persoas e colectivos beneficiarios, en cada caso concreto.

Artigo 13º.-Selección dos traballadores e das traballadoras.

1. Os traballadores e traballadoras que se contraten para a realización das obras e servizos e polos/as que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de garantir que no momento do inicio da relación laboral, o demandante estea inscrito na oficina de emprego como desempregado.

Con carácter xeral, os traballadores e traballadoras que, no marco dos programas previstos nesta orde, fosen contratados por un período superior a nove meses nos últimos tres anos, non poderán repetir a súa participación ata transcorridos tres anos contados desde o remate do último contrato subvencionado no dito marco.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo Nacional de Ocupacións -CNO-, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte ou se trate de favorecer aos colectivos enumerados neste.

b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos a titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión.

d) As entidades locais deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles a data prevista para realizar as correspondentes contratacións.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dúas nin superior a dez. A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

4. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia.

b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aquelas sen cualificación profesional.

c) Persoas con discapacidade.

d) Persoas paradas de longa duración.

e) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego a que tiveran dereito.

f) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

g) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

5. Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa do/a respectivo/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar a mulleres vítimas de violencia e integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 14º.-Contratación dos traballadores e traballadoras.

1. Efectuada a selección dos traballadores e traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de duración determinada de interese social, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, o/a respectivo/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas nun código de conta de cotización específico, único e exclusivo para todos os/as traballadores/as contratados con cargo a esta orde.

4. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, ben a través do aplicativo CONTRAT@ ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego a través da aplicación informática CONTRAT@, deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpren, no momento da contratación, os requisitos para seren beneficiarios destes programas, isto é, a condición de desempregada inscrita no servizo público de emprego de Galicia.

b) Que se utilizou o modelo de contrato de duración determinada de interese social (modelo PE 206-A).

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas.

7. O incumprimento dos prazos de selección e contratación por parte das entidades beneficiarias poderá dar lugar á revogación total ou parcial das axudas de conformidade co disposto no artigo 9º.

Artigo 15º.-Contratación anticipada.

1. Unha vez presentada a correspondente solicitude cada entidade local e para poder iniciar aqueles proxectos de urxente posta en marcha poderá contratar ata un máximo de dous traballadores desempregados, agás no caso dos grupos municipais de intervención rápida nos que se contratarán os seus doce integrantes.

2. Para poder acollerse a esta modalidade de contratación anticipada os concellos, logo de indicalo expresamente no expediente de solicitude, deberán esperar a recibir a autorización expresa para a contratación por parte do respectivo departamento territorial indicando, cando proceda, a obra ou servizo na que desenvolveran o seu traballo as persoas contratadas baixo esta modalidade.

3. O proceso de selección e contratación dos desempregados e desempregadas baixo esta modalidade deberá respectar, en todo caso, o establecido nos artigos 12º e 13º, e as oficinas de emprego deberán tramitar as correspondentes ofertas á vista da autorización sinalada no parágrafo anterior.

4. A xustificación das contratacións realizadas con anterioridade a que se diten as correspondentes resolucións admitirase sempre e cando se cumpran as normas contidas neste artigo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario nas aplicacións 12.04.322A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Segunda.-As axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo Adaptabilidade e Emprego PO 2007 ES 05U PO 001, para o período 2007-2013.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Promoción do Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-As solicitudes de subvención para a contratación de mulleres vítimas de violencia terán sempre unha duración de doce meses, debendo iniciarse dentro do exercicio 2011.

En todo caso, as solicitudes presentadas unha vez rematado o primeiro prazo sinalado no artigo 4º.3 estarán supeditadas á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente e á existencia de mulleres vítimas de violencia cuxa contratación deba realizarse no ámbito territorial da solicitante.

Quinta.-Por resolución do director xeral de Promoción do Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Sexta.-Ademais dos supostos previstos no parágrafo sexto do artigo 13º, debido á especial transcendencia social e perigosidade das súas funcións, poderá utilizarse a vinculación nominal para a selección dos integrantes dos grupos municipais de intervención rápida, sempre que exista autorización expresa da xefatura do respectivo departamento territorial.

Sétima.-Para os efectos do disposto no artigo 3º.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "01000D005P021.PDF"