DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2011 Páx. 862

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 31 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas correspondentes ao Programa Isidro Parga Pondal, no marco das accións de formación de investigadores do Programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, e se procede á súa convocatoria.

A Constitución española, no seu artigo 44º.2, obriga os poderes públicos a promoveren a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149º.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27º.19 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149º.2 da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

De acordo coa referida Lei 12/1993, do 6 de agosto, o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico está integrado por tres tipos de programas: os programas horizontais, os programas xerais e os programas sectoriais. Os programas horizontais recollen os aspectos comúns dos diversos programas e terán en conta, entre outros puntos, os recursos humanos e materiais existentes e as súas posibilidades de promoción e expansión, así como as necesidades de futuro.

No artigo 15º do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, indícase que á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación lle corresponde a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27º.19 do Estatuto de Autonomía de Galicia, na Lei estatal 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, e na Lei galega 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; así como a elaboración, xestión, coordinación e control do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

O obxectivo desta convocatoria é a inserción nas universidades do SUG de doutores novos cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos nacionais ou estranxeiros. O fin último dos programas de recursos humanos e contribuír a superar o déficit de recursos humanos que afecta o sistema de I+D en Galicia.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1º.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Consecuentemente con todo o anterior, o conselleiro de Economía e Industria, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 12/1989, do 4 de outubro e 2/2007, do 28 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria correspondentes ao Programa Isidro Parga Pondal, no marco das accións de formación de investigadores do programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, dirixidas ás universidades do SUG.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse en réxime de concorrencia competitiva, conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non-discriminación, as axudas do Programa Isidro Parga Pondal, que forman parte do réxime de subvencións dirixidas ás universidades do SUG nas accións formativas de investigadores, encadradas no Programa de recursos humanos (RHS), que se rexerán polas seguintes bases xerais, así como por aquelas específicas que se inclúen como anexo I a esta orde:

-Programa Isidro Parga Pondal de axudas a incorporación de doutores cunha formación posdoutoral contrastada, nos centros de investigación das universidades do SUG.

3. A devandita modalidade de axuda ten o código de procedemento IN840A.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes e beneficiarios e presentación de solicitudes.

1. Os interesados que cumpran os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria deberán presentar unha solicitude axustada ao/s modelo/s normalizado/s que figuran nos anexos correspondentes segundo o indicado no punto 2 deste artigo.

Os solicitantes e beneficiarios das axudas convocadas nesta orde non poderán estar incursos nas causas de prohibicións para obter a condición de beneficiarios previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán cumprir as obrigas para seren beneficiarios do artigo 11º desta lei, así como os requisitos que se establecen no anexo I.

2. No enderezo http://economiaeindustria.xunta.es estarán á disposición dos interesados de forma íntegra o correspondente formulario de solicitude RHS.IPP-10/00, e modelos oficiais que será necesario cubrir e que se publican como anexo IV desta orde.

3. Os formularios, debidamente cubertos e asinados polos interesados, deberán enviarse acompañados, ademais da documentación adicional que para o programa que se convoca se indica no anexo I, das seguintes declaracións:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as solicitudes efectuadas e concedidas para o mesmo fin, polas distintas administracións públicas competentes ou polos seus organismos ou sociedades.

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas ao director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, presentaranse no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, rúa dos Feáns, 7, baixo C, Santiago de Compostela, ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 4º.-Información aos/ás interesados/as.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no punto 2 do artigo 2º destas bases xerais, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na epígrafe de axudas e na oficina virtual da páxina web oficial da consellería:

http://economiaeindustria.xunta.es

b) Nos seguintes teléfonos da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación: 981 54 10 75, 981 54 10 76 e 981 54 39 91.

c) No enderezo electrónico: info.rhs@xunta.es.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 5º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das axudas convocadas nesta orde, destinaranse os créditos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que a seguir se indican e de acordo coas seguintes anualidades:

Ver referencia pdf "01000D001P006.PDF"

2. O concepto, contía e forma de pagamento da axuda que se convoca establécese no anexo I desta orde de convocatoria.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Segundo o artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión das axudas e subvencións polo/a interesado/a comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; nese caso, o órgano xestor requirirá, con anterioridade á proposta de resolución da concesión, a presentación, nun prazo non superior a quince días, da documentación que acredite que se encontra ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda tributaria da comunidade autónoma.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para estes efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como administrativas.

A finalidade da recolla dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da/s axuda/s establecida/s nesta convocatoria, e corresponde ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 8º.-Instrución do/s procedemento/s e tramitación.

1. Os servizos da dita dirección xeral comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou no correspondente anexo da convocatoria, requirirase mediante anuncio na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi) para que:

a) Os interesados e interesadas poidan emendar os erros e falta de documentos indicados, ante a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, achegando, de ser o caso, a documentación necesaria no prazo de 10 días.

b) Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase consonte o establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de selección, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria, ou cando esta non cumpra os requisitos establecidos, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non-admisión, na que se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50º e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9º.-Selección das solicitudes.

1. A selección das solicitudes admitidas correspóndelle a unha comisión de selección nomeada para tal efecto, que será o órgano encargado de seleccionar as solicitudes de acordo cos criterios fixados no número 3 deste artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das axudas. A comisión de selección poderá contar co asesoramento de órganos avaliadores ou expertos externos.

2. A comisión de selección estará composta polos seguintes membros (todos eles con voz e voto):

a) Presidente: o/a subdirector/a xeral de xestión do PGIDIT ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de I+D+i.

c) Vogais: seis vogais designados polo director xeral de I+D+i, dos cales, dous serán propostos polo secretario xeral de universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e un por cada universidade do SUG.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren a axuda, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no anexo I. Así mesmo, indicarase, de ser o caso, o importe da axuda para cada un deles. A comisión de selección poderá elaborar unha lista de espera, de ser o caso, entre os solicitantes que non resultaren beneficiarios, co fin de determinar posibles substitucións.

4. A comisión levantará acta das súas deliberacións e elevará a súa proposta de resolución ao conselleiro de Economía e Industria a través do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

5. A proposta de concesión publicarase na internet, na epígrafe de axudas do enderezo:

http://economiaeindustria. xunta.es

Esta publicación só terá efectos informativos.

Artigo 10º.-Resolución e notificación.

1. A comisión de selección formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria, que ten a competencia para resolver estas axudas, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Economía e Industria.

2. Á vista da proposta formulada pola comisión de selección a través do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e segundo o que dispón o artigo 21º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se non son tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados nas súas solicitudes, poderase prescindir do trámite de audiencia, e o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución definitiva de concesión. Esta resolución publicarase no DOG.

3. A resolución expresará, cando menos:

a) As entidades beneficiarias da axuda e os candidatos seleccionados.

b) O importe global da axuda para cada entidade.

c) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

d) Os restantes extremos establecidos no artigo 34º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 6 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no DOG, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da devandita lei, a notificación individual de concesión da axuda substituirase pola publicación no DOG, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao de publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, de concorreren as circunstancias previstas para tales efectos nestas bases reguladoras, de conformidade co previsto no artigo 14º.1 m) da Lei de subvencións de Galicia.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente que deberá recoller os requisitos previstos no artigo 35º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o novo Regulamento autonómico que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, para que poida operar a modificación.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios, gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións.

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento de desenvolvemento, así como daqueloutras específicas que se indiquen nos correspondentes anexos desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a:

a) Cumprir cos obxectivos das axudas que se concedan, así como cos compromisos asumidos. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, se é o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32º e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no título V do Decreto 11/2009.

O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou reintegro total da axuda. O incumprimento parcial, determinado polos ditos mecanismos, dará lugar á perda do dereito ao cobramento da axuda ou ao reintegro parcial na porcentaxe correspondente á acción non efectuada ou xustificada.

Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50º e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

b) Facilitar toda información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación calquera axuda, o seu importe e duración, concedida para o mesmo fin.

d) Incluír no momento da xustificación da execución total da actividade e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 14º.-Comprobación das axudas concedidas.

O órgano concedente poderá comprobar a axeitada xustificación da axuda, así como a realización da actividade e cumprimento da finalidade que determinen a concesión e aproveitamento da axuda.

Artigo 15º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 12/1993, do 6 de agosto, do fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; no Marco Comunitario sobre Axudas Estatais de Investigación e Desenvolvemento e Innovación (2006/C 323/01, DOUE do 30 de decembro de 2006), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos deriven da súa aplicación poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-A concesión das subvencións previstas nesta orde estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no programa 08.02.561B.444.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para levar a cabo as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Anexo I

Programa Isidro Parga Pondal de axudas á contratación

de doutores para a súa incorporación nas universidade

do SUG (nova adxudicación)

Artigo 1º.-Obxectivo e finalidade.

O obxectivo do Programa Isidro Parga Pondal é contribuír a superar o déficit de recursos humanos que ten o sistema de I+D en Galicia a través do apoio á inserción, nos centros de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, de doutores cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos nacionais ou estranxeiros.

Esta convocatoria establece as bases que regulan, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, a concesión de axudas para a realización de contratos laborais de duración determinada destinados á incorporación nas universidades do SUG de investigadores doutores cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos nacionais ou estranxeiros.

Artigo 2º.-Beneficiarios das axudas.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas correspondentes ao Programa Isidro Parga Pondal as universidades do SUG que:

a) Oferten, nesta convocatoria, algún dos proxectos ou liñas de investigación que se relacionan no anexo III desta orde, destinadas a contratos de persoal investigador doutor do Programa Isidro Parga Pondal seleccionados segundo o proceso establecido neste anexo.

b) Fomenten a contratación de persoal investigador seleccionado a través desta convocatoria do Programa Isidro Parga Pondal mediante un contrato laboral de acordo co que establece o texto refundido do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, en virtude do cal o investigador ou investigadora seleccionado/a quedará vinculado/a ao centro de formación onde desenvolva o seu labor de investigación, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

2. Establécese o seguinte número de axudas:

Ver referencia pdf "01000D001P006.PDF"

Artigo 3º.-Requisitos dos solicitantes.

Os candidatos á obtención dalgún dos contratos correspondentes ao Programa Isidro Parga Pondal deberán acreditar, con data límite que coincida coa finalización do prazo de presentación de solicitudes, o cumprimento dos seguintes requisitos:

1. Non se exixe requisito de nacionalidade.

2. Estar en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2000 e anterior ao 1 de xaneiro de 2008.

a) Entenderase como data de obtención do título de doutor, a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.

b) No caso de que fose obtido no estranxeiro deberá estar homologado segundo o establecido no Real decreto 309/2005, do 18 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior.

3. Ter realizado estadías de investigación posdoutorais en universidades ou en centros de investigación de fóra de Galicia, distintos a aquela universidade en que se expediu o seu título de doutor ou ao centro de investigación en que se realizou a tese, durante un período mínimo de 24 meses despois de ter alcanzado o grao de doutor.

O devandito requisito de mobilidade non será obrigatorio para aqueles candidatos e candidatas que:

-Cursasen integramente o doutoramento e obtivesen o grao de doutor nunha universidade estranxeira.

-Acrediten fidedignamente un grao de minusvalidez igual ou superior ao 65%.

4. No caso de solicitantes que estean en posesión de máis de un doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

5. Non ter sido beneficiario, por un período igual ou superior a 9 meses, dun contrato do Programa Isidro Parga Pondal, Ramón y Cajal ou asimilable como consecuencia de anteriores convocatorias.

6. Non ter en vigor un contrato do Programa Isidro Parga Pondal, Ramón y Cajal ou asimilable.

Artigo 4º.-Duración das axudas.

1. A duración das axudas do Programa Isidro Parga Pondal será de 3 anos. Os contratos establecidos ao abeiro das ditas axudas terán a mesma duración máxima, e desenvolveranse nas datas que se indiquen na correspondente resolución de adxudicación, que terán que ser entre o 1 de febreiro de 2011 e o 31 de decembro do 2014.

2. As axudas poderán ser obxecto dunha prórroga de ata dous anos de duración, tendo en conta:

a) A dispoñibilidade orzamentaria no programa 561B (financiamento da investigación universitaria) e na correspondente universidade contratante.

b) Que a normativa laboral pola que se rexen os contratos permita a dita ampliación temporal.

c) As previsións do Plan Galego de Innovación 2011-2015.

d) A actividade desenvolvida polo investigador nos 3 anos de contrato.

Artigo 5º.-Dotación e número das axudas.

1. As axudas só poderán ir destinadas ao financiamento dos contratos dos candidatos seleccionados.

2. A axuda concedida para cada un dos contratos será, na súa primeira anualidade, de 34.200 €, incluíndo neste importe a retribución bruta anual do contrato e o pagamento de custos sociais. Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía anual bruta superior a 34.200 €, deberá achegar a diferenza. A cantidade que achegue a institución poderá proceder dos seus orzamentos ou doutras axudas públicas ou privadas que reciba.

A partir da segunda anualidade do contrato, o importe da axuda minorarase anual e acumulativamente en 3.420 euros. En consecuencia, a entidade de acollida incrementará do mesmo xeito en que se produce a minoración o seu cofinanciamento do contrato, asumindo tamén os incrementos retributivos correspondentes aos anos posteriores dos investigadores contratados, así como as repercusións dos incrementos da cota empresarial da Seguridade Social ou calquera outra incidencia.

En ningún caso serán exixibles á Consellería de Economía e Industria máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

3. O número máximo de contratos que poderán financiarse é de 15 que serán financiados con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para os anos, 2011, 2012, 2013 e 2014 que a seguir se indican, e de acordo coa seguinte distribución:

Ver referencia pdf "01000D001P006.PDF"

4. As entidades beneficiarias serán as encargadas do pagamento dos correspondentes contratos.

5. A primeira anualidade dos contratos comezará a computarse na/s data/s que se indique/n na resolución desta convocatoria, que non será anterior ao 1 de febreiro de 2011.

Artigo 6º.-Formalización de solicitudes e prazo de presentación.

Os investigadores presentarán a súa solicitude no modelo normalizado RHS.IPP-10/00 que se publica como anexo IV a esta orde, no prazo e forma establecidos nos artigos 2º e 3º das bases xerais desta convocatoria.

Na instancia de solicitude o candidato indicará, por orde de prioridade descendente, o código das prazas a que opta, entre aquelas que figuran no anexo III a esta orde.

Cada solicitante poderá solicitar un máximo de 3 prazas, sempre que correspondan a unha mesma área temática ANEP.

As solicitudes deberán acompañarse da seguinte documentación:

1. Fotocopia do documento nacional de identidade ou do documento equivalente no caso de nacionais doutros países (só no caso de que o interesado non outorgue consentimento expreso para que a Administración verifique os seus datos a partir do número do DNI ou documento de identificación).

2. Fotocopia compulsada do título de doutor ou doutro acreditativo de ter alcanzado o dito grao e a data da súa obtención. No caso de título de doutor obtido no estranxeiro, fotocopia compulsada da homologación ou da solicitude de homologación presentada ante o órgano competente.

3. Fotocopia compulsada dos documentos que acrediten fidedignamente, segundo os casos, o cumprimento do requisito de mobilidade establecido no número 3 do artigo 3º deste anexo:

a) Ter cursado integramente e obtido o doutoramento nunha universidade estranxeira.

b) Grado de minusvalidez igual ou superior ao 65%.

c) A realización do mínimo de 24 meses de estadías de investigación en universidades ou centros de investigación de fóra de Galicia, distintos a aquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor.

A acreditación da/s estadía/s de investigación farase mediante certificado/s (orixinal ou copia cotexada) do/s centro/s ou institución/s en que se levaron a cabo cada un dos períodos de estadía de investigación. O dito certificado deberá estar debidamente asinado polo responsable do/s dito/s centro/s ou institución/s e nel deberán constar os seguintes datos:

-Centro e institución en que se levou a cabo cada un dos períodos de estadía.

-Data de inicio e finalización do/s período/s de estadía/s, indicando día, mes e ano (dd/mm/aa).

-Breve descrición da/s actividade/s de investigación levadas a cabo no período.

4. Currículo do candidato feito nalgún dos modelos normalizados que figuran na páxina web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e da Consellería de Economía e Industria no enderezo http://economiaeindustria.xunta.es. Unha vez debidamente cuberto o modelo, deberá enviarse á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria:

a) Unha copia impresa do currículo, debidamente asinada polo interesado.

b) Unha copia do currículo en CD, que deberá coincidir exactamente coa copia impresa.

c) Fotocopia simple das publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc., alegadas no currículo.

d) Documentos xustificativos (orixinal ou copia cotexada) dos méritos alegados no currículo: participación en proxectos de I+D, contratos de I+D, patentes ou modelos de utilidade, etc.

Non serán obxecto de valoración aqueles méritos alegados que non sexan convenientemente acreditados.

5. Ademais das declaracións indicadas de xeito xeral no punto 3 do artigo 2º da bases xerais, as seguintes declaracións:

-Declaración responsable do solicitante de non ter sido beneficiario dun contrato establecido ao abeiro das axudas do Programa Isidro Parga Pondal, Ramón y Cajal, ou doutras homologadas, por un período igual ou superior a 9 meses.

-Declaración responsable do solicitante de non ter en vigor un contrato do Programa Isidro Parga Pondal, Ramón y Cajal ou asimilable.

Artigo 7º.-Instrución do procedemento e tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, procedendo por parte dos servizos da dita dirección xeral segundo o establecido no artigo 8º (instrución do/s procedemento/s e tramitación) das bases xerais desta convocatoria.

Artigo 8º.-Avaliación e selección das solicitudes.

Un. Avaliación: a avaliación científico-técnica dos méritos dos candidatos será realizada por comités externos a través da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

No proceso de avaliación das solicitudes os comités de expertos externos deberán ter en conta as seguintes consideracións:

1ª Puntuar os méritos alegados e debidamente xustificados polos candidatos en cada unha das epígrafes do currículo obxecto da avaliación, dando especial relevancia ás contribucións feitas nos últimos tres anos.

2ª Os comités valorarán, ata un máximo de 90 puntos, os seguintes aspectos:

1. Publicacións de carácter científico: máximo 50 puntos.

1.1. Libros (con ISBN): máximo 50 puntos. A avaliación dos libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.2. Capítulos de libro (con ISBN): máximo 10 puntos. A avaliación de capítulos de libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.3. Publicacións en revistas científicas: máximo 50 puntos.

-Tipo A (revistas que aparecen no Science Citation Index, no Social Sciences Citation Index (SSCI), no Arts & Humanities Citation Index (AHCI) ou index equivalente no ámbito científico correspondente: máximo 50 puntos.

-Tipo B (revistas de prestixio non catalogadas como tipo A, que empregan un proceso de revisión de artigos, a través de censores externos): máximo 5 puntos.

-Tipo C (revistas de investigación non incluídas nas epígrafes anteriores): máximo 1 punto.

2. Participación en proxectos, contratos de investigación e patentes: máximo 20 puntos.

2.1. Participación en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos: máximo 20 puntos.

-Proxectos europeos ou internacionais: máximo 20 puntos.

-Proxectos nacionais: máximo 10 puntos.

-Proxectos autonómicos: máximo 5 puntos.

2.2. Participación en contratos de investigación: máximo 20 puntos.

-Contratos con empresas: máximo 20 puntos.

-Contratos coa Administración: máximo 5 puntos.

-Informes técnicos e outros: máximo 2,5 puntos.

2.3. Patentes rexistradas ou en explotación: máximo 10 puntos.

-En explotación: máximo 10 puntos.

-Rexistradas: máximo 5 puntos.

3. Outros méritos académico-científicos dos candidatos: máximo 20 puntos.

3.1. Estadías posdoutorais en universidades ou centros de investigación distintos daquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor/a: máximo 5 puntos.

-Os comités de expertos só deberán ter en consideración a relevancia científica do centro e da/s actividade/s investigadora/s, relacionadas coa área temática e coa área de coñecemento, levada/s a cabo durante os períodos de estadía.

3.2. Relatorios e comunicacións en congresos ou reunións científicas: máximo 2,5 puntos.

-Relatorios en congresos internacionais: máximo 2,5 puntos.

-Relatorios en congresos nacionais: máximo 1,5 puntos.

-Comunicacións en congresos internacionais: máximo 1 puntos.

-Comunicacións en congresos nacionais: máximo 0,5 puntos.

3.3. Teses de doutoramento dirixidas: máximo 10 puntos.

-Teses dirixidas: máximo 10 puntos.

-Teses codirixidas: máximo 5 puntos.

3.4. Outros méritos académico-científicos dos candidatos: máximo 2,5 puntos. Valoraranse aqueloutros méritos académico-científicos relacionados coa súa área temática e área de coñecemento, do máximo de 5 méritos desta epígrafe do currículo sinalados polo solicitante.

Dous. Selección dos candidatos: realizada a avaliación polos comités de expertos externos, a selección dos candidatos efectuaraa a comisión de selección establecida no artigo 9º da bases xerais desta convocatoria, consonte o baremo seguinte:

1. Avaliación científico-técnica do candidato realizada polos expertos externos: ata 90 puntos.

2. A avaliación por parte da comisión de selección (máximo 10 puntos):

-Polo compromiso do solicitante, mediante declaración persoal, de utilización da lingua galega en todas as relacións que, como consecuencia deste procedemento, o interesado manteña coa Administración autonómica: 1 punto.

-Pola adecuación do currículo do candidato ao perfil de cada unha da/s praza/s solicitada/s segundo o indicado na táboa seguinte: ata un máximo de 9 puntos.

Ver referencia pdf "01000D001P006.PDF"

A obtención dunha puntuación inferior a 3 puntos na adecuación do currículo do candidato a cada unha da/s praza/s solicitada/s suporá a súa exclusión.

Para a valoración da adecuación do currículo do candidato ao perfil de cada unha da/s praza/s solicitada/s, a comisión de selección poderá contar, se o considera necesario, co asesoramento de expertos externos.

Tres. Os solicitantes de axudas de nova adxudicación correspondentes ao Programa Isidro Parga Pondal ordenaranse por orde decrecente de puntos e adxudicaranse as axudas, comezando polo candidato e praza de maior puntuación.

Catro. A comisión elaborará unha lista de espera por orde decrecente de puntuación na cal figurarán os solicitantes que, cumprindo os requisitos, non alcanzaron puntuación suficiente para seren adxudicatarios de axuda pero teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola comisión de selección.

Cinco. A proposta de concesión formulada pola comisión, así como a lista de espera para posibles substitucións, publicarase na internet, na epígrafe de axudas do enderezo http://economiaeindustria.xunta.es. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación elevará a proposta de resolución formulada pola comisión de selección ao conselleiro de Economía e Industria para que resolva. Esta resolución publicarase no DOG, segundo o indicado no artigo 10º das bases xerais desta orde.

Artigo 10º.-Formalización dos contratos e pagamento das axudas.

1. Publicada a resolución no DOG, as universidades beneficiarias procederán á contratación dos candidatos seleccionados para os seus organismos mediante a formalización de contratos laborais de acordo co que establece o texto refundido do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

2. Os contratos terán unha duración máxima de 3 anos e desenvolveranse nas datas que se indiquen na correspondente resolución de adxudicación.

3. Nos contratos deberá facerse referencia expresa a:

a) O seu financiamento con cargo ao Programa Isidro Parga Pondal da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

b) Data de incorporación efectiva do beneficiario ao seu posto de traballo.

c) A retribución bruta anual, lugar de prestación de servizos do beneficiario e a duración do contrato.

4. O pagamento das axudas pola Consellería de Economía e Industria ás universidades beneficiarias levarase a cabo do modo seguinte:

Poderán realizarse pagamentos anticipados destas axudas de acordo co establecido no artigo 31º.6 da Lei 9/2007 e no artigo 63º do Decreto 11/2009 e neste anexo:

a) Primeiro pagamento: corresponde ao período que abrangue desde o inicio do contrato ata o 30 de xuño de 2011, e efectuarase unha vez que as universidades certifiquen a sinatura dos contratos, acompañada dunha copia cotexada destes.

b) Seguintes pagamentos: corresponden ao segundo semestre do ano 2011 e primeiros e segundos semestres dos anos 2012 e 2013 e efectuarase polo importe dun semestre e sempre despois da completa xustificación do pagamento anterior.

c) Último pagamento: corresponde ao período final do contrato, no ano 2014, e efectuarase despois de rematado o contrato e da completa xustificación tanto do pagamento anterior como do pagamento que se pretende realizar.

A xustificación de cada un dos pagamentos consistirá na certificación prevista no artigo 28º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Condicións de aproveitamento.

Estas axudas son incompatibles coa realización doutro traballo remunerado ou o aproveitamento doutro tipo de bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, agás co aproveitamento daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das seguintes accións formativas: asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación; así como cos contratos derivados do artigo 11º.2 da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Artigo 12º.-Renuncias, substitucións e cambios de destino/praza dos candidatos seleccionados e contratados.

1. A renuncia deberá comunicarse, mediante escrito motivado do candidato seleccionado, dirixido ao director xeral de I+D+i, nun prazo mínimo de 15 días naturais, antes de que se produza. O candidato seleccionado deberá trasladar copia da antedita comunicación ao vicerreitor ou vicerreitora de investigación da súa universidade.

2. En canto ás substitucións, no caso de que se produza algunha renuncia, o órgano de resolución da convocatoria poderá adxudicar a axuda aos solicitantes da lista de espera, sempre e cando a renuncia se produza dentro do prazo dos once meses a partir da data de resolución destas axudas. O substituto quedará suxeito ás mesmas condicións e polo tempo restante do aproveitamento da axuda. En ningún caso o período correspondente á substitución poderá rematar alén da data xeral de finalización indicada para os contratos na correspondente resolución.

3. Os cambios de destino/praza con respecto aos adxudicados a cada investigador seleccionado na resolución de concesión deberán ser autorizados previamente pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. Para estes efectos, o adxudicatario deberá solicitar o cambio en escrito motivado dirixido ao director xeral de I+D+i. Para a autorización de cambios terase en conta a relación de prazas ofertadas na convocatoria para cada universidade beneficiaria.

Artigo 13º.-Interrupcións.

O persoal investigador contratado ao abeiro das axudas do Programa Isidro Parga Pondal estará suxeito ao establecido na lexislación vixente. Calquera interrupción dos seus contratos debe ser previamente comunicada e autorizada pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

Artigo 14º.-Dereitos dos candidatos contratados.

Os beneficiarios das axudas correspondentes ao Programa Isidro Parga Pondal teñen dereito a percibir a axuda económica correspondente, a beneficiarse dos dereitos de carácter laboral e os relativos aos da Seguridade Social que deriven do contrato que formalicen coa universidade de adscrición, así como a gozar dos dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

Artigo 15º.-Obrigas dos candidatos contratados.

Os candidatos seleccionados e contratados mediante as axudas correspondentes ao Programa Isidro Parga Pondal teñen as seguintes obrigas:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento do organismo ou institución en que desenvolva as súas actividades, especialmente no relativo a condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais

c) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia, agás durante os períodos de formación a que expresamente se autoricen.

d) Os investigadores que sexan contratados ao abeiro do disposto nesta orde poderán, por petición propia, prestar colaboracións complementarias tales como tarefas docentes, neste último caso ata un máximo de cento vinte horas anuais. O departamento implicado documentará debidamente a dita colaboración para os efectos de concurso e respectando a normativa vixente de incompatibilidades.

Artigo 16º.-Obrigas das universidades de acollida.

Son obrigas xerais do organismo, centro ou institución de adscrición do persoal investigador contratado ao abeiro das axudas desta anexo, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Proporcionarlles o apoio necesario e facilitarlles a utilización dos medios, instrumentos ou equipos que resultan precisos, para o normal desenvolvemento da súa actividade.

c) Permitir a súa integración nos departamentos, institutos e organismos en que leven a cabo a súa investigación. Os centros onde se integren os contratos Isidro Parga Pondal estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

d) No caso do persoal investigador contratado ao abeiro do disposto nesta orde, permitirlle prestar, por petición propia, colaboracións complementarias, tales como tarefas docentes, neste último caso ata un máximo de 120 horas anuais. O departamento implicado documentará debidamente a devandita colaboración para os efectos de concurso e respectando a normativa vixente de incompatibilidades.

Ver referencia pdf "01000D001P006.PDF"