DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2011 Páx. 837

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2011 pola que se convoca un curso básico de capacitación para a categoría de policía dos corpos de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2011, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento do curso básico de capacitación para a categoría de policía dos corpos de policía local, segundo o previsto no artigo 35º.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16º do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos: dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, facilitándolles a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron as correspondentes probas de acceso á categoría de policía dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición: a inscrición é gratuíta.

A academia procederá a reservar definitivamente a correspondente praza segundo a comunicación da inscrición por parte do concello de procedencia.

Prazas: sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía, e cubriren o anexo con todos os datos nel reflectidos referidos aos solicitantes de praza.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 15 de febreiro de 2011.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax (886 20 61 22) para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración do curso: o curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

-Xurídico.

-Policía de tráfico.

-Operativo.

-Asistencial

-Técnico.

-Policía administrativa.

-Social-humanístico.

-Policía xudicial e de investigación.

-Formación física.

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica na academia e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Desenvolvemento do curso: o alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nela rexerase polo Regulamento de réxime interior desta, publicado por Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG do 12 de febreiro 2009, nº 30.

Datas e horario:

-O curso, de carácter teórico-práctico, desenvolverase nas datas do 21 de febreiro ao 25 de novembro de 2011; o horario será das 9.00 ás 20.00 horas. Desde o 23 de xuño ao 31 de agosto de 2011, ambos inclusive, desenvolverase o primeiro período de prácticas nos concellos.

-O período de prácticas final comezará o 5 de novembro e rematará o 25 de novembro de 2011.

Certificado: de acordo co previsto no artigo 19º de Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a Agasp emitirá un informe en que certifique a dita superación, de xeito que o concello de pertenza se poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

Modificacións: a Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de xaneiro de 2011.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "00900D005P029.PDF"