DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2011 Páx. 819

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 31 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego.

A evolución do mercado de traballo e o incremento do desemprego fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral. O permanente cambio, froito das evolucións sociais, tecnolóxicas e organizativas, comporta unha dificultade engadida para as persoas que buscan un emprego e fanse necesarios, a miúdo, procesos de orientación e asesoramento especializados que lles presten colaboración ás persoas demandantes de emprego e lles faciliten o camiño cara ao mercado laboral. As directrices de emprego da Unión Europea e os plans nacionais de acción para o emprego recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade da inserción laboral dos desempregados a través da información e a orientación profesional personalizada.

O novo escenario económico xustifica a necesidade de fortalecer as ditas accións de orientación, para mellorar a empregabilidade dos desempregados e facilitar a recolocación dos que procedan dos sectores máis afectados pola nova conxuntura económica.

Con este obxectivo, no ano 1998, o Instituto Nacional de Emprego estableceu un sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación e busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade dos demandantes de emprego. Este sistema prevé a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos. No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, estableceuse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumíndose as funcións e os servizos transferidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

Pola súa banda, o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias, entre outras, en materia de formación para o emprego e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto e co fin de promover a inserción laboral en Galicia, resulta conveniente manter a colaboración en materia de información e orientación laboral dos usuarios do Servizo Público de Emprego de Galicia con aquelas entidades que conten cos recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento deste tipo de accións, segundo o previsto no artigo 8º.3 da Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego.

O Acordo do Diálogo Social en Galicia, asinado o 30 de xullo de 2010, recolle como obxectivo facilitar a inserción das persoas desempregadas a través das políticas activas de emprego para contribuír acadar emprego, estable e de calidade. A inscrición, a clasificación e a orientación son, entre outras, funcións que se desenvolverán para acadar este obxectivo.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1º.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e emitidos os informes preceptivos na tramitación desta orde, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.º-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoría farase con cargo aos créditos dos programas: 12.05.322B.481.0, 12.05.322B.460.0 e 12.05.322B.444.0, código de proxecto 2002 14460, polos importes de 2.472.715, 853.164 e 241.005, respectivamente na anualidade 2011 e 1.018.758, 351.504 e 99.294 respectivamente na anualidade 2012, correspondentes a fondos finalistas transferidos, e dos programas 12.05.322B.481.2 e 12.05.322B.461.0, código de proxecto 2010 00 762, polos importes de 947.942 e 612.560, respectivamente na anualidade 2011 e 390.552 e 252.375 respectivamente na anualidade 2012, correspondentes a fondos procedentes do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013 CCI2007ES051PO004 cunha cofinanciación do 80% correspondente ao Fondo Social Europeo e do 20% correspondente á Xunta de Galicia. Todos eles figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30º e 31º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias. Requisitos.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos, en concreto, as universidades públicas, as corporacións locais, as confederacións e asociaciacións empresariais e sindicais de Galicia, as fundacións dependentes das organizacións empresariais e sindicais de Galicia especializadas na realización de accións de información e orientación laboral e as entidades especializadas en atención a determinados colectivos, preferentemente con diminucións físicas, psíquicas ou sensoriais, que realicen accións de información e orientación profesional de acordo co previsto nestas bases reguladoras.

No caso das asociacións empresariais e sindicais de carácter sectorial e das confederacións, só se considerarán as solicitudes de maior ámbito territorial, é dicir, denegaranse aquelas solicitudes das entidades mencionadas cando existan solicitudes susceptibles de resolución favorable presentadas por asociacións ou confederacións dun ámbito territorial máis amplo ás que pertenzan ou estean asociadas.

2. As entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para a atención individual aos demandantes de emprego.

b) Dispoñer dunha conta de correo electrónico que actúe como buzón do servizo, para os efectos de realizar as comunicacións coa entidade solicitante.

c) Conexión coa Rede Corporativa da Xunta de Galicia. A conexión poderase facer de tres formas diferentes:

-Acceso básico dedicado RDSI.

-Acceso á rede corporativa por liña dedicada ADSL.

-Acceso á rede corporativa vía internet.

En calquera das tres opcións, o hardware de comunicación que posibilite a conexión á Rede Corporativa da Xunta de Galicia terá que cumprir os estándares definidos polo organismo xestor da dita rede.

d) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo TCP/IP. A conexión do ordenador á Rede Corporativa da Xunta de Galicia deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a el a través doutras canles de comunicación por elementos situados en redes alleas á propia entidade. Queda expresamente prohibido o uso de técnicas NAT, proxy ou similares na canle de comunicación que oculten a identidade única da estación de traballo. A dirección IP da estación de traballo debe ser fixa en calquera das tres modalidades de conexión. En calquera das modalidades de acceso, os diferentes elementos da rede de comunicación permitirán a apertura de sockets TCP desde os servizos centrais do Servizo Público de Emprego de Galicia ata a estación de traballo do usuario. Tanto o software de base instalado como as características do hardware da estación de traballo deberán posibilitar o correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servizo Público de Emprego de Galicia.

e) Dispoñer de acceso a internet e correo electrónico e aplicar medidas de seguridade de nivel medio no tratamento da información de carácter persoal. Ademais, deberase contar con software antivirus debidamente actualizado e con mantemento periódico en todas as estacións de traballo que teñan acceso á Rede Corporativa da Xunta de Galicia.

3. Ademais dos requisitos especificados na epígrafe anterior, as entidades que dexexen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación na realización de accións de información profesional e de accións de orientación laboral e busca de emprego, deberán acreditar experiencia en materia de orientación profesional e laboral, motivación cara ao emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción, selección de persoal e/ou valoración de postos de traballo, en cada caso.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que incorran nalgunha das prohibicións que establece o artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Accións subvencionables. Destinatarios.

1. As accións ás que se refire o artigo 1º desta orde realizaranse de xeito personalizado por persoal seleccionado de conformidade co previsto no artigo 9º, coa finalidade de avaliar o perfil curricular de cada demandante de emprego, actuando ao mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades e establecendo actuacións tendentes a adecuar os seus intereses e motivacións á situación actual do mercado de traballo.

Tamén se poderán desenvolver accións colectivas dirixidas á adquisición das capacidades básicas que lles permitan aos demandantes articular itinerarios activos e eficaces na busca de emprego. Estas accións deberán autorizarse previamente pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, que determinará a duración destas, o número de usuarios de cada acción e a metodoloxía que se vai empregar.

Igualmente, poderán ser obxecto de subvención aquelas accións que, mediante a información, a motivación, o asesoramento ou outros procedementos, faciliten a detección e dinamización de iniciativas de autoemprego entre os demandantes de emprego.

2. As entidades que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación na realización destas acción realizaranas cos seus medios propios e nas instalacións habilitadas por cada entidade para o seu desenvolvemento.

3. Serán destinatarios destas accións todos os demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, ben cando o soliciten expresamente, ou ben cando lles sexa ofertado polo dito servizo a través de calquera dos seus departamentos.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes. Prazo.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, dexexen colaborar co Servizo Público de Emprego de Galicia na área da información, orientación e busca de emprego deberán formalizar a correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I a esta orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado, e dirixida á Dirección Xeral de Formación e Colocación, podendo presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria atópanse tamén á disposición dos interesados na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/

ayudas_subvenciones/portada_ayudas).

2. A presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as entidades incluídas no artigo 49º do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, quedarán exentas de achegar os xustificantes aos que se refire o dito precepto.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14º e 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercitarse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e

oposición, mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia cotexada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Documentación acreditativa de representación legal para asinar a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario, ou acta, onde se determine a dita representación.

d) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

e) Licenza municipal de apertura.

f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3º desta orde:

-Planos a escala do local, selados e asinados polo representante legal da entidade, nos que debe figurar o enderezo do centro ou centros aos que corresponden, e con indicación expresa do despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de información, orientación e busca de emprego, tendo en conta que a entidade solicitante deberá dispor de tantos despachos como persoas se dediquen a estas accións.

-Facturas conformadas ou documentos que acrediten a existencia de conexión ADSL, RDSI ou equivalente, protocolo de comunicación TCP/IP e acceso a internet.

g) Memoria explicativa das accións que se vai desenvolver, que deberá presentarse necesariamente segundo o modelo que se publica como anexo II e que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos.

1. Recursos humanos, técnicos e materiais da entidade, con indicación expresa do persoal de información, orientación e busca de emprego proposto para a realización das accións. Neste sentido, terase en conta que a contratación de persoal administrativo de apoio deberá xustificarse de xeito razoado e a súa concesión respectará, en todo caso, a ratio dunha persoa administrativa por cada catro persoas técnicas orientadoras concedidas, ata un máximo de seis por entidade.

2. Orzamento de gastos relativo ao custo do persoal solicitado referido a un período de 12 meses.

3. Descrición das accións que se van realizar e a súa xustificación, incluíndo a porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego que a entidade prevexa acadar.

4. Estudo organizativo do servizo, metodoloxía dos traballos ou outros documentos, como manuais de procedemento, relativos ás accións incluídas na colaboración, funcións do persoal propio da entidade, maneira de desenvolvelas, criterios de desenvolvemento e ordenación do traballo e cadea de mando existente na entidade. Deberá, igualmente especificar a metodoloxía aplicable á prospección de empresas.

5. Experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas, detallando o tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de usuarios atendidos.

6. Desenvolvemento, por parte da entidade solicitante, doutras medidas de carácter ocupacional complementarias ás definidas nesta orde.

7. Sistemas de avaliación das medidas de apoio que se lles van prestar aos demandantes de emprego.

8. Para o caso de que se trate dunha entidade cuxas accións teñan destinatario a colectivos específicos deberá facelo constar expresamente.

h) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, segundo o modelo recollido no anexo III desta orde.

i) Ficha de transferencia bancaria, debidamente asinada polo representante da entidade solicitante e da entidade bancaria no modelo que se publica como anexo IV, ou certificado bancario debidamente emitido pola entidade financeira.

j) Declaración responsable de cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no modelo que se publica como anexo V.

2. As entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia na área da información e/ou orientación e busca de emprego estarán exentas de presentar a documentación indicada nas letras a) b), c), d) e e) da epígrafe 1 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que consta en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente modificada.

Así mesmo, as entidades dependentes dunha Administración pública estarán exentas da presentación do documento indicado na letra a) da epígrafe 1 deste artigo.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos establecidos nesta orde, faráselle un único requirimento á entidade para que, no prazo de 10 días hábiles, emende o erro ou xunte os documentos preceptivos. De non facelo así, teráselle por desistida da súa petición, logo de resolución ditada de acordo co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Criterios de valoración para a concesión das subvencións.

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde realizarase conforme os seguintes criterios:

a) Cobertura existente dentro do Servizo Público de Emprego de Galicia segundo a comarca e/ou concello no que se sitúe a entidade, en relación co número de habitantes e demandantes de emprego de cada zona: 10 puntos.

b) Experiencia acreditada da entidade no desenvolvemento das accións que solicite realizar: 4 puntos.

c) Desenvolvemento, por parte da entidade solicitante, doutras medidas de carácter ocupacional complementarias ás definidas nesta orde, de xeito que unha mesma entidade lles poida ofrecer aos demandantes de emprego a maior oferta de actuacións ocupacionais necesarias co fin de lograr a inserción e/ou mellorar as posibilidades de emprego dos usuarios atendidos, con realización de IPIs: 10 puntos; sen IPIs: 6 puntos.

d) Ter abordado a prospección e o estudo do mercado de traballo na comarca na que se sitúa a entidade: 8 puntos.

e) Recursos humanos, técnicos e materiais, así como procedementos de xestión e seguimento das accións que aseguren un fluxo adecuado de participantes, garantan a puntualidade e exactitude da información e que non impliquen un aumento de cargas de traballo para o Servizo Público de Emprego de Galicia: 10 puntos.

f) Sistemas de avaliación dos servizos aos demandantes de emprego, que poñan de manifesto a súa calidade: 10 puntos.

g) O emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e busca de emprego: 5 puntos.

2. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 20 puntos.

Artigo 8º.-Procedemento, competencia e resolución.

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Aqueles expedientes dos que na primeira fase non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación serán tidos en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da Comisión de Valoración.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta polo subdirector xeral de Colocación, a xefa do Servizo de Orientación Laboral e un/unha funcionario/a adscrito/a ao dito servizo, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto se designe polo órgano competente para resolver.

4. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á directora xeral de Formación e Colocación que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

5. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro, debendo terse en conta o disposto nos artigos 59º.6 b) e 58º.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

6. A resolución que finaliza os procedementos regulados nesta orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do dito acto se fose expreso, ou seis meses se non o fose, contados neste caso a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co disposto no artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, e de acordo co establecido nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes se o dito

acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

7. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación segundo o establecido no artigo 13º.4. da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Selección e contratación do persoal para a realización das accións de información, orientación e busca de emprego.

1. As entidades beneficiarias, unha vez ditada resolución estimatoria, realizarán a preselección do persoal técnico, que en todo caso deberá contar con titulación universitaria de primeiro o segundo ciclo, necesario para o desenvolvemento das accións referidas no artigo 4º desta orde. Esta preselección non será necesaria para o caso da contratación do persoal de apoio ao ter este carácter administrativo.

Unha vez realizada a dita preselección, a entidade remitiralle á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á xefatura territorial correspondente, segundo se trate dunha entidade de carácter pluriprovincial ou provincial, respectivamente, os currículos das persoas preseleccionadas, suficientemente acreditados, cun máximo de tres currículos por posto ofertado.

Os técnicos da Consellería de Traballo e Benestar avaliarán os currículos presentados de acordo co seguinte baremo:

Ver referencia pdf "00900D002P011.PDF"

A acta de selección asinarase conxuntamente co representante da entidade, que poderá proceder á contratación do persoal.

Para o caso de que a selección se realice na correspondente xefatura territorial o persoal técnico dela remitirá a acta debidamente asinada ao Servizo de Orientación para o seu arquivo no expediente.

O establecido nos puntos anteriores non será de aplicación ás entidades que xa colaboraran co Servizo Público de Emprego de Galicia no programa de información, orientación e busca de emprego no exercicio 2010-2011 sempre que propoñan os mesmos técnicos que desenvolveron as accións descritas nesta orde no pasado exercicio e así o fagan constar no momento da solicitude de subvención.

2. Os técnicos seleccionados aos que alude a epígrafe 1 deste artigo poderán ter relación contractual previa coa entidade colaboradora ou ser obxecto de nova contratación pola modalidade contractual máis axeitada e, en todo caso, deberán posuír o título de diplomado ou licenciado universitario, preferentemente en Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía, Socioloxía, Educación Social, Traballo Social, Relacións Laborais ou Graduado Social.

A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ao seu propio persoal técnico de emprego contratado e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Así mesmo, deberalles facilitar aos técnicos os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración, conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, conforme as liñas definidas na memoria, sendo responsable da calidade técnica das tarefas que desenvolvan.

A concesión e gozo destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Contía das subvencións.

1. As contías previstas nesta orde terán por obxecto subvencionar as retribucións totais, incluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social, por todos os conceptos do persoal contratado, de acordo coas retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 30.688,29 euros por ano para o persoal técnico e de 21.480,29 euros por ano para o persoal de apoio.

As retribucións refírense á prestación de servizos a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

2. Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas nesta orde.

3. En ningún caso, o importe da subvención que se outorgue ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que se vai desenvolver pola entidade solicitante.

Artigo 11º.-Gastos imputables.

1. En relación co artigo anterior, a acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvecionables realizarase achegando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal:

-Copia autenticada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

-Copia autenticada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

-Copia autenticada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

-Todos os documentos anteriores deberán ir acompañados pola transferencia ou cargo bancario correspondente que acredite a realización do seu pagamento.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.

Considéranse gastos imputables neste capítulo:

-Gastos de elaboración de material técnico.

-Gastos en material de oficina, impresos e material funxible.

-Gastos xerais para a realización das accións: alugueres (leasing excluído), seguros de responsabilidade civil, mantemento (se non está incluído no aluguer), subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no aluguer), comunicacións (teléfonos, correos...), limpeza, seguridade e vixilancia.

-Gastos que se orixinen por axudas de custo e desprazamentos necesarios para o desenvolvemento das accións, ata o máximo establecido para ambos os conceptos pola Xunta de Galicia, ou polas normas legais ou regulamentarias, nos correspondentes convenios colectivos de aplicación, ou contrato de traballo. Se as ditas contías fosen superiores, as máximas subvencionables con cargo a esta orde, serán as estipuladas nas normas regulamentarias da Xunta de Galicia. Incluirase, así mesmo, a indemnización por fin de obra ou servizo que, se é o caso, sexa necesario aboar á persoa traballadora contratada.

A acreditación deste bloque de gastos farase mediante as facturas correspondentes, orixinais ou copias compulsadas e xustificación do pagamento destas a través de transferencia ou cargo bancario, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención.

2. Non terán a consideración de gastos imputables as subvencións que se concedan con cargo a esta orde, os seguintes:

a) Gastos financeiros.

b) Gastos de asesoría.

c) Gastos relacionados co cumprimento dos requisitos para obter a subvención.

d) Gastos de formación e/ou obtención de títulos ou cotas de colexios profesionais.

e) Os gastos imputados que fosen documentados con facturas que non cumpran os requisitos legais aplicables.

f) Calquera outro tipo de gasto que pola súa natureza ou relación co programa subvencionado non se corresponda co establecido nas epígrafes a) e b) do punto 1 deste artigo.

3. En todo caso respectaranse as condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo e a Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo que a modifica.

Artigo 12º.-Posta en marcha e inicio das accións.

As entidades beneficiarias das subvención reguladas nesta orde deberán iniciar as accións subvencionadas tendo en conta as instrucións e modelos que se lles remitirán xunta coa resolución de concesión e que estarán igualmente ao seu dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/ contenidos/gl/menu_transversal/ayudas_subvenciones/ portada_ayudas).

Para estes efectos, cada vez que se produza a contratación dun técnico de acordo co establecido no artigo 9º desta orde, deberán remitir ao Servizo de Orientación Laboral e ao departamento territorial correspondente, debidamente cuberto e no prazo máximo de 5 días hábiles, o anexo que estará ao seu dispor na web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ ayudas_subvenciones/portada_ayudas) para os efectos da activación da súa axenda persoal. As baixas e novas altas do persoal contratado comunicaranse do mesmo xeito.

As accións poderanse executar desde o 1 de febreiro de 2011 ata o 31 de xaneiro do ano 2012, tendo en conta que o proxecto conxunto de accións terá como data límite de inicio ata o 30 de setembro do ano 2011 (incluído).

Artigo 13º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento da subvención realizarase en tres fases do seguinte xeito, tendo en conta que as instrucións para a correcta liquidación da subvención, así como os modelos nos que deberán presentarse necesariamente as solicitudes estarán ao seu dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/contenidos/gl/menu_transversal/ ayudas_subvenciones/portada_ayudas).

A) Anticipo da subvención:

A entidade beneficiaria poderá solicitar un pagamento do 35% da suma das subvencións do ano 2011 e 2012, en concepto de anticipo a conta da xustificación, no prazo de 10 días hábiles contados desde a contratación da última das persoas traballadoras concedidas. Para o caso de que se trate de contratos indefinidos o prazo contará a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución de concesión.

A solicitude presentarase coa seguinte documentación:

1º Modelo-certificado de inicio das accións.

2º Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo do persoal contratado.

3º Copia dos partes de alta na Seguridade Social do persoal contratado.

Neste anticipo descontarase, se é o caso, o período que a entidade non poida xustificar por ter contratado con posterioridade á data establecida como inicio na resolución de concesión.

B) Liquidación parcial:

As entidades beneficiarias disporán ata o 20 de decembro de 2011 para presentar a liquidación parcial da subvención polo que deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados con cargo á subvención durante o exercicio 2011 conforme o previsto no artigo 11º desta orde. Por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación procederase a liquidar o importe que corresponda, de acordo coa xustificación presentada e ao anticipo percibido pola entidade, correspondentes á subvención concedida para o ano 2011.

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

1º Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria no que consten as retribucións salariais das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións empresariais á Seguridade Social, correspondentes aos meses do ano 2011.

2º Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria no que consten os gastos imputables ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios, correspondentes aos meses do ano 2011.

3º Documentación xustificativa dos gastos imputados ao ano 2011 conforme o establecido no artigo 11º.1 b).

C) Liquidación final:

Unha vez finalizadas as accións a entidade beneficiaria terá como data límite o 30 de abril de 2012 para a presentación da liquidación final conforme o establecido neste artigo.

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

1º Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria no que consten as retribucións salariais das persoas traballadoras contratadas, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, correspondentes ao ano 2012.

2º Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria no que consten os gastos imputables ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios, correspondentes ao ano 2012.

3º Documentación xustificativa dos gastos imputados ao ano 2012 conforme o establecido no artigo 11º.1 b).

4º Documentación xustificativa das retribucións do persoal ao longo de todo o período de contratación conforme o establecido no artigo 11º.1 a).

5º Memoria-resumo das accións realizadas durante a totalidade do período subvencionado, con especificación dos demandantes de emprego atendidos en cada unha delas.

6º Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

2. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberanse axustar ao disposto no artigo 28º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º-Seguimento e control das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

Así mesmo, as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar poderán realizar comprobacións e verificacións presenciais e aleatorias en calquera das entidades beneficiarias da subvención, co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas nesta orde.

No caso de se levar a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Traballo e Benestar, as entidades beneficiarias na área de información e/ou orientación e busca de emprego, facilitarán o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 15º.-Publicidade.

1. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as accións, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación na páxina web institucional da Xunta de Galicia, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar e polo Fondo Social Europeo, se é o caso.

2. As entidades beneficiarias deberán utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instrucións da Dirección Xeral de Formación e Colocación e, en todo caso, incluír en toda a documentación relativa ás accións de información, orientación e busca de emprego os logotipos da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar).

3. As entidades beneficiarias deberán, ademais, obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 4º desta orde.

Artigo 16º.-Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención.

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Traballo e Benestar, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste sentido deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

d) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

e) Manter as condicións relativas ás instalacións e medios dedicados á realización das accións de información e/ou orientación e busca de emprego e poñer á disposición dos técnicos todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos, o acceso á internet e o correo electrónico. Neste sentido deberán informar e, se é o caso, solicitar autorización, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puider producir nos datos expresados pola entidade no inicio da súa colaboración, especialmente no que atinxe aos cambios de local que deberán comunicarse a través do anexo correspondente que estará ao seu dispor na web institucional da Xunta de Galicia ao que se xuntará a documentación exixida no artigo 6º.1 f).

f) Manter a disposición do Servizo Público de Emprego de Galicia e custodiar durante o período en que se executen as accións de información e/ou orientación e busca de emprego o expediente completo de cada usuario. En caso de cesamento das súas actividades ou de perda da súa condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia na área da información, orientación e busca de emprego, a entidade remitirá os expedientes dos usuarios á oficina de emprego que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

g) Obter o consentimento dos usuarios para o tratamento automatizado dos seus datos persoais e facilitarlle información aos usuarios do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados en calquera das formas expresadas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptando as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguridade dos datos.

h) Gardar o segredo profesional respecto dos datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Traballo e Benestar ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando a entidade finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación.

i) Non percibir retribución económica ningunha dos usuarios pola realización das accións de información e/ou orientación e busca de emprego desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a revogación ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nesta orde, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58º.1 b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

Segunda.-As axudas reguladas nesta orde poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80%, a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013 CCI2007ES051PO004, (tema prioritario 66 do Eixe 2) debéndose someter as entidades ao cumprimento das obrigas impostas polo Regulamento (CE) número 1083/2006 do Consello o 11 de xullo de 2006 e o Regulamento da Comisión (CE) número 1828/2006, do 8 de decembro. Isto implica que a aceptación da axuda suporá a inclusión na lista de beneficiarios regulada nos artigos 6º e 7º.2 deste último regulamento.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na directora xeral de Formación e Colocación para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para exixir do beneficiario o reintegro da subvencións cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-En todo o non disposto nesta disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa ao programa de información, orientación e busca de emprego, en concreto a Orde do 20 de xaneiro de 1998, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego e a Orde TAS 816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecúan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras de subvencións que se concedan polo Servicio Público de Empleo Estatal nos ámbitos do emprego e de formación profesional ocupacional, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "00900D002P011.PDF"